Amosando publicacións coa etiqueta Cultura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cultura. Amosar todas as publicacións

26/01/24

"Son os da comisión, mamá!"



Soa o timbre de casa, abres a porta e atópaste dúas persoas. Veciñas da parroquia. Propóñenche que colabores poñendo cartos para recuperar as festas patronais. A túa é das últimas que quedan por visitar, pero antes do teu soaron máis de trescentos timbres, achegáronse a máis de setenta empresas de toda a volta, metéronlle varios milleiros de quilómetros ao coche e as horas dedicadas darían para cubrir varias nóminas. Só dúas persoas.

As festas do patrón sempre axudaron a alegrar a casa. Sacas o mantel grande, a vaixela de doce, encargas un lacón, reciclas o pouco que queda do turrón do nadal, unha sobremesa longa e xa hai que ir preparándose para ir ao campo da festa, que comeza a soar a música. Hai moitos anos estas datas facían as veces de pausa, de respiro para a xente que traballaba duro na terra. Hoxe a terra traballámola menos, pero a necesidade de pausar, de respirar e de reunirnos con xente coa que rir e brindar seguímola tendo. Nin un chisco menos.

A vila de Mugardos tivo comisión de festas ata o ano 2008. Desde o 2009 é o Concello quen se encarga de contratar orquestras e poñer os cartos, porque xa non hai quen timbre nas casas, nin visite empresas, nin gaste as rodas do coche por amor á parroquia.

Fóra da capital as cousas son distintas. O Seixo e Franza quedaron sen comisión de festas e sen festas no 2018, ata que xente volveu tirar do carro no 2023. Meá quedou varias veces sen ela, a última no 2020, pero na parroquia que acolle Forestal del Atlántico, Reganosa, o Galicia de Mugardos e ata o propio Casino Mugardés, nesta parroquia se as súas veciñas e veciños non fan a festa, ninguén vai vir facerlla. As pequenas resistirán mentres poidan, as grandes, en canto son asumidas pola administración pública, xa non teñen volta atrás. É o concello quen lle fai o choio á comisión, ou é a comisión quen lle fai o choio ao concello? Cara onde camiñamos?

No descanso da orquestra —ou a banda, incluso local, que tamén existen aínda que non lle gusten ás concelleiras de Cultura— alguén sube ao palco, agarra o micro e comeza a recitar un lote de agradecementos a quen colaborou en pagar a música, e os carteis, e os fogos, e os chourizos, a quen ofreceu premios para as rifas. Pero a festa en si mesma existe grazas ao esforzo de dúas persoas. A festa que ninguén máis bota ao lombo, nin sequera o Concello. Así que aproveito agora que teño o micro na man para dicirlles

Grazas.

31/05/16

Breve cursiño para conducir por Mugardos (XXIX)



Perigo, maniqueísmo.

maniqueísmo
1. Doutrina relixiosa xurdida no século III d.C. segundo a cal o Universo foi creado por dous principios antagónicos, o do ben e o do mal, que coexisten e están en permanente conflito.
2. (por extensión) Toda doutrina ou actitude que opón de forma ríxida, e mesmo reducionista, os principios do ben e do mal.

Da fala nace o diálogo, do diálogo nace o entendemento, e do entendemento nace a convivencia.

Nunha vila pequena como Mugardos, “onde todo o mundo se coñece”, a mellora da vida das persoas que cohabitan pasa non só por mellorar e ampliar os servizos que reciben, senón tamén por facilitar a convivencia entre elas. Construír un clima social que axude sumar visións e puntos de vista, e non a confrontalos debuxando unha escena perversa entre o ben e o mal, entre cabaleiros con capa branca e espada e dragóns saídos dos avernos.

Non é preciso abusar da metáfora. Hoxe por hoxe temos dous claros exemplos destes dous métodos antagónicos de resolución de problemas: o referente ao feirón semanal e o que atinxe aos usos do edificio da antiga escola do Apelón. En ámbolos dous hai opinións contrapostas sustentadas en argumentos razoables. Dunha banda, o feirón necesita servir de impulso ao comercio local e, de ser posible, a un Mercado Municipal en crise; mais o Centro de Saúde necesita garantir o acceso da xente usuaria e os vehículos de emerxencias en calquera momento. Hai debate. Doutra banda, o edificio do Apelón, amplio, céntrico e con espazos abertos, sería un emprazamento ideal para espertar por fin da longa noite de pedra da Biblioteca Municipal, mais hai quen prefire poñer por diante non deixar marchar a Guardia Civil de Mugardos. Razoable e, sen embargo, hai quen pon empeño en pintar dragóns e cabaleiros.

Son só dous, pero poderían ser tantos outros que xorden no día a día tanto neste concello como en calquera outro. Velaquí a importancia do método participativo como ferramenta fundamental para resolver estes conflictos de intereses. Sentarse a falar entre as partes e chegar a entenderse ou comprenderse, ainda mantendo as posicións diferentes (pero xa non enfrontadas), axuda a corresponsabilizarse da solución final. A sentirse parte dela.

O maniqueísmo político, o discurso reducionista entre o ben e o mal, non só non é o mellor método de resolución de problemas, senón que produce de por si un problema novo: o deterioro da convivencia.

Sábeo ben quen traballa na creatividade: as mellores ideas non adoitan nacer da inspiración divina, senón da contraposición de ideas anteriores.

17/05/16

A fala



A fala racha o silencio. Silencio longo, dun ano. Máis incluso.

O Día das Letras do 2015 felicitaba a conquista histórica do Galicia, que desde entón paseou o nome de Mugardos por todo o país. E volverá facelo máis cedo que tarde, devolvendo á súa afección ao selecto grupo das mellores de Galicia.

A fala racha o silencio. A fala tende pontes e constrúe pobos transmitindo a súa alma entre xeracións.

A fala precisa da escoita, e a escoita dálle sentido á fala, nunha danza de respecto mutuo.

A fala tende pontes e constrúe pobos. Non hai sociedade que se poida construír falando sen escoitar. Nin sociedade que permita escoitar sen que lle deixen falar. Nin pode nin debe.

A fala somos nós rachando o silencio.

No Día das Letras do dous mil dezaseis.

19/10/14

Mugardeses ilustres: Damián Alonso


A gastronomía pode que sexa a principal fonte de satisfaccións para a xente de Mugardos: motor económico, suxeito de prestixio crecente (comprobade como o polbo á mugardesa chegou á cociña malagueña), e berce de profesionais da hostalería. Damián Alonso é hoxe por hoxe un dos principais embaixadores da cociña galega alén do Atlántico. Unha reviravolta da historia que fai que agora sexamos nós os que exportemos productos desta terra.

02/07/14

A axenda imprescindible para o verán mugardés



A estas alturas poucos debedes quedar sen smartphone, ese mancontro de última xeración que para o último que empregades é para facer chamadas telefónicas. Pois se buscades por aí habedes de atopar unha app que vos sincroniza o Google Calendar, un calendario que vos vai notificando os eventos que tedes anotados na vosa axenda, ou os das axendas públicas aos que estades subscritos. E isto último é o que vos estou presentando: unha axenda pública cos eventos sociais, organizados por calquera tipo de entidade, que van xurdindo en todo o municipio de Mugardos neste verán do 2014, desde San Xoán de Piñeiro ata Mugardos, desde a Comisión de Festas de Meá e a Comisión de Caralladas ata o Club do Mar de Mugardos ou o Concello. Podedesvos subscribir a ela desde ese botonciño da esquina inferior dereita. O resto do verán poderédela consultar tamén na columna dereita deste mesmo blogue.

Recomendable para estar á última, que sei que sodes xente de estar á última.

17/02/14

Mugardos: 10 potencias



Un Dream Team. Iso mesmo podería ser o elenco de ilustres que este sábado 22 se darán cita na SAPG de O Seixo desde as 20:00 horas. Unha colección de xente deste municipio con cousas moi interesantes para contar e ser escoitadas.

En "Mugardos: 10 potencias" resúmense as capacidades non sempre (re)coñecidas de quen temos ao noso carón. Convídovos a facer a seguinte proba: convidade a un café a algunha das persoas relatoras, ou calquera outra a quen recoñezades un mérito especial (estamos rodeados delas). Preguntádelle con interese, escoitade e, sen vos decatar, abrollarán as ideas. Algo así será o que aconteza o sábado.

Cada un dos 10 relatorios disporá de 6 minutos e 40 segundos para presentar un tema no que destaca especialmente. Sen tempo a divagacións, indo ao concreto, ás ideas forza, cun denominador común en todos eles: a paixón polo que fan. Pode que polo nome coñezades alguén. Pode que de vista alguén máis. E moi probablemente moitas destas mugardesas e mugardeses ilustres sorprenderanvos co que non sabiades deles.

O proxecto é fermoso e ten percorrido. A lista de mugardesas e mugardeses ilustres non fica en 10. Hai moita xente máis ao noso arredor que pagaría a pena escoitar: Belén Toimil, Teresa Cameselle, Damián Alonso, Elisa Vázquez, Bernardo Máiz, Xoán Rubia... Facede a vosa propia lista e veredes como podería dar para moitas máis edicións.

A iniciativa recollérona xa Radio Fene e Praza Pública, e nos vindeiros días faranse eco dela algúns medios máis. Eu desde esta bitácora anímovos a asistir, escoitar e finalmente entablar conversas e intercambiar opinións e ideas entre todas e todos no post-relatorios.

Actualización: Tamén deron conta do evento en Ferrol 360 e Diario de Ferrol.

10/01/14

"Festa do Polbo"... e non pasou nada!



O Concello do Carballiño quere promocionar a súa "Festa do Pulpo". Se cadra sóavos esa máxima da publicidade que di "Que falen de ti, aínda que sexa para ben". Así que desde o concello do interior aplícanse o conto e lanzan aos catro ventos unha polémica artificial sobre a oficialidade do termo "pulpo" en lingua galega.

En Mugardos tamén tivemos "Festa do Pulpo". Unha castrapada que finalizou coa chegada de Evaristo Deus á concellaría de Política Lingüística co cambio de goberno do 2003. Non se lembra polémica ningunha, aínda habendo moita presenza social do castelán e o emprego do termo "pulpo" ser maioritario. Adoptouse o uso correcto en lingua galega sen máis. Engado, incluso, que as peñas atoparon no xogo de palabras un filón para as súas camisolas de ton humorístico. Sen o máis mínimo atisbo dese complexo ridículo que agora esgrimen desde O Carballiño (e fomentado por algúns medios de comunicación).

Así que, xente de todas partes do mundo: se queredes ir á "Festa do Polbo", tédela aquí en Mugardos cada ano, o segundo sábado do mes de xullo.

24/11/13

Patrimonio material do Concello de Mugardos


Se non podes ver o mapa interactivo fai clic aquí.

As redes sociais son unha potentísima ferramenta de posta en común do coñecemento. E tamén do descoñecemento.

O 19 de novembro, hai 5 días, Xosé Miguel Mahía Prados, presidente das Novas Xeracións da Costa Ártabra (que malia o seu nome non abrangue máis que os concellos de Ares e Mugardos) publicaba unha foto chamando a atención sobre un erro de sinalización que facía que a distancia ao Castelo da Palma fose de 1 km e 3,5 km nos indicadores da marxe dereita e esquerda estrada, respectivamente, á altura da ponte do Esteiro. O asunto lembroume aquel célebre "SOTP", cando uns operarios de idade nova, ainda non recuperados da festa de aninovo, colocaban o día 2 de xaneiro do 2006 a versión disléxica do sinal horizontal. Uns días de retranca na vila, unha corrección e pouco máis deu de si a historia. Os sinais do Esteiro deberan correr parello destino e recolocar o de 3,5 km por exemplo no cruce de Cervás (CP-0403 con CP-0402).

O asunto, sen embargo, adquiría unha dimensión política ao desmontarse a presunta autoría do persoal do Concello. O seu cénit chegaba coa primeira intervención de Mónica Fernández, ex-concelleira do BNG:
"Resulta inxustificable que calquera Administración, sexa Xunta, Deputación ou Concello, pague con cartos públicos carteis de propiedades privadas, como é o Castelo da Palma. Quen o fixo, porque o fixo ou cando o fixo é importante sabelo. Canto nos costou, é indispensable. E se de paso alguén nos di porqué se fixo así mal, ainda mellor."

Non moi lonxe de esixir comisión de investigación, o comentario recibía o aplauso do propio Xosé Miguel Mahía Prados, mais semellaba ignorar a cualificación do Castelo da Palma como Ben de Interese Cultural (BIC). Apuntándolle este feito, porfiaba:
" Informo a Don César Pena que o Castelo da Palma é unha propiedade privada, que debería sinalizar o propietario, polo seu interese particular. Hai moitos máis bens protexidos en Mugardos (capillas, cruces, edificios...) sen sinalar nin polas Administracións, algúns nin respetados por membros da Administración. E repito, o escándalo é quen o fixo, canto custou e porque o fixo tan mal. Que dende a Areosa a distancia, según o novo cartel, creo que son 2,5km."

De novo, aplauso de Xosé Miguel Mahía Prados, sumándoselle agora Ana Bastida Varela, membro do comité local do PP de Mugardos.

O marco legal e o patrimonio material do Concello de Mugardos

É unha cuestión de método: para falar dun tema podemos documentarnos para avanzar nos respectivos argumentos ata chegar (ou non) a un punto de consenso, ou podemos optar polos debates-barra-de-bar onde cada quen resolve o mundo ao seu xeito sen máis meta que o aplauso puntual do auditorio.

A Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español [PDF], xunto coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia [PDF], teñen por obxecto a "protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento" do patrimonio cultural (tanto público coma privado). Establécense tres categorías:
  1. Bens de Interese Cultural
  2. Bens catalogados
  3. Bens inventariados
Para consultar os primeiros temos a BD de bienes inmuebles e a BD de bienes muebles do Ministerio de Educación Cultura e Deporte. Os segundos e terceiros (bens catalogados e bens inventariados) terían que atoparse nun Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia (Lei 8/1995, art. 22.1) con "acceso público" (art. 22.3). Porén, nel non aparece máis que o Castelo da Palma e a súa contorna, xunto cun "Conxunto histórico e paraxe pintoresca" á que pertencería Mugardos dentro da Comarca Eumesa (?). Mais continuando as pesquisas achei tamén un Catálogo de patrimonio arqueológico protegido [PDF] do Concello de Mugardos, con oito referencias (castros do Eixo, As Escadas, San Victorio e Meá; e xacementos romanos de Santa Lucía, Noville e Caldoval).

Con este material, xunto cos elementos apuntados no Catálogo de Patrimonio Cultural de Mugardos elaborado por Juan A. Carneiro Rey e Emilio Ramil González, no que puiden participar como maquetador e fotógrafo e grazas ao que tiven oportunidade de coñecer boa parte dos noso ben material común, pareceume boa idea crear un Mapa interactivo no Google Maps e compartilo publicamente para poder completalo e afondar todas e todos nós no seu coñecemento. Velaquí o tedes: en granate os Bens de Interese Cultural, en laranxa o patrimonio arqueolóxico protexido, en azul fontes e lavadoiros, morado para arquitectura relixiosa e castaño para civil.

Compartir o descoñecemento déixovolo en mans de Xosé Miguel Mahía Prados ou Mónica Fernández.

Nota: Agradecemento especial a Antonio Pena, meu pai, traballador no Concello de Mugardos e, a día de hoxe, das persoas que máis polo miúdo poidan coñecer cada recuncho deste municipio. Del foi o traballo de localización no Google Maps da meirande parte dos ítems, varios dos cales non estaban documentados.

05/11/13

Samaín e Magosto en Ferrolterra



A festa por e para o pobo, sen institucións que a promovan (si, acaso, que a apoien). Queda aínda moito por facer.

Nota: O mapa, a bo seguro, estará incompleto. Mais é aberto ás vosas achegas e irá actualizándose con elas.

08/02/12

A festa das vacas fracas

Son malos tempos para as festas patronais tal e como as coñeciamos ata agora. Non temos que ir moi lonxe para atopármonos a desaparición das comisións de festas en Mugardos, A Pedreira, Pontedeume, Ombre; ou o anuncio do Concello de Narón da cancelación das festas do verán por causa da crise económica. Ás festas estacionais, como o Magosto ou o Entroido, non lles vai moito mellor. Asumida a súa organización dende hai moitos anos polos propios concellos, hoxe son das primeiras víctimas en padecer a nova anemia económica. "Se non hai cartos, non hai festa" semella ser o lema da administración local.

¿Que foi das festas populares?

Outrora froito do traballo do propio pobo a festa foise avellentando, esquecendo á poboación entre os 16 e os 40 anos –xustamente a máis festeira– para centrarse na fórmula cochitos+orquestra. Á mocidade quedábanlle os bares. A festa non se facía para ela nin ela facía a festa. E así, aos poucos, foi morrendo ao mesmo ritmo co que as comisións de festas tradicionanis esgotaban, sen relevo, os seus folgos.

A festa do pobo, para o pobo e polo pobo.

A Festa (en maiúscula) é diversión. É unha válvula de escape das tensións do ano, pero tamén unha bomba de osíxeno para o comercio e hostalería locais. Coa festa gañan tódalas partes. Mais, ¿como facer sen cartos? Podería haber varias respostas posibles, e aquí en Mugardos ofrecemos unha delas: converter á xente espectadora en protagonista; facer que o espectáculo sexa a súa propia diversión e o inxenio dos participantes un foco de atracción ao visitante. A idea, nestes lares, ven funcionando dende hai xa tres anos cunha fórmula eminentemente participativa e economicamente sostible. Moi barata.

O papel da administración pública é pretendidamente inexistente. O feito de non constituírse en Asociación Cultural inmuniza á Comisión de Caralladas fronte ao oscilante mundo das subvencións municipais e provinciais. Non quere axudas porque non as precisa. Ao máis que se ten chegado foi á coordinación de horarios co persoal técnico que xestiona as actividades organizadas polo Concello nas dúas primeiras edicións das Olimpíadas de Peñas (2009 e 2010). Agora xa nin iso. Porén, tanto o novo goberno municipal tende a invisibilizar un movemento puramente social que xa sobrepasa a súa capacidade de convocatoria como este movemento invisibiliza ao goberno municipal. Cada un ao seu.

O modelo mugardés podería ser exportable. Funciona e rescata o ambiente trouleiro que puido ter morto coa desaparición da Comisión de Festas de Mugardos logo do verán do 2008. Antes de chegar o 2009 nacera xa a Comisión de Caralladas. O que é e o que pode aportar como idea base para outras festas agonizantes tédelo aquí:


¿E agora que toca?

Entramos en tempo de Entroido e aquí, na vila de Mugardos, gozamos da particularidade de celebralo durante dúas fins de semana consecutivas, xa que logo do enterro da sardiña, cando en todas partes se gardaron os disfraces, aquí temos un sábado máis, ronsel do baile organizado durante anos polo Casino Mugardés. E así é como aproveitamos para que o primeiro deles –o que este ano cadra en 18– trate cada ano un tema. No 2010 foi a "oitenteirada" que trasladou a motísima xente da vila e –moi importante– un bo feixe de fóra dela ata os anos oitenta. No 2011 centrámonos en series e debuxos da televisión. E neste 2012 a máquina do tempo volverá a trasladarnos cara atrás coa "noventeirada" que engulirá aos locais da vila (a Comisión recibiu o apoio de absolutamente todos). Entroido e música, a fórmula infalible.

16/05/11

17 de maio: Mobilización expansiva pola lingua


Mañá o galego celebra o día das súas letras e a Plataforma Queremos Galego convoca concentracións sincronizadas polo país adiante e parte do estranxeiro. Na nosa bisbarra celebraranse boa parte delas. Velaquí tedes a relación de lugares activos e lugares indiferentes. Vémonos alí.

"A amizade protexe e o amor cura, o odio contaxia e fire, a indiferencia mata."
Lois Pereiro.

10/03/11

Dereitos, favores e o oitavo mandamento


"Non dirás falso testemuño nin mentirás." oitavo mandamento do Catecismo Católico.

Vivimos nun Estado aconfesional. A relixión non é cultura, é relixión. Por iso a Administración Pública distingue as agrupacións culturais das relixiosas e as clasifica en distintos rexistros. Diferéncianse así os recursos públicos destinados a financiar as actividades culturais, non restrinxidas por motivos de culto, do financiamento a actividades relixiosas, que dispoñen do seu propio Rexistro de Entidades Relixiosas.

As confrarías que participan na Semana Santa ferrolana, por exemplo, segundo recollen nos seus respectivos sitios web, son ordes, irmandades, asociacións de fieis... pero non asociacións culturais.

Mugardos is different.

En Mugardos, en troques, a Cofradía de Jesús de Nazareno, malia non ocultar unha estrutura interna idéntica á das ordes ferrolanas (fundanda e con sede canónica na propia Igrexa de San Xiao de Mugardos, con Irmán Maior, Conselleiros de Organización, Culto e Convivencia, etc.), esquivou a regulamentación do Rexistro Provincial de Asociacións, que exclúe expresamente "igrexias, confesión e comunidades relixiosas" e inscribiuse como asociación cultural, á par de entidades como o Galicia de Mugardos o Club do Mar, a Comunidade O Zulo ou a Asociación de Montaña e Escalada Bestarruza. Non fixo así Portomagno, malia desenvolver en ocasións actividades de indubidable interese socio-cultural, como a campaña anual "Recicla co comercio" (aberta a tódalas nenas e nenos dos colexios do municipio, sexan ateas/os ou da fe católica, protestante, budista, xudía ou musulmana), e si se rexistrou en concordancia coa súa natureza como asociación de empresarias/os.

Pero é que así, os nazarenos podían entrar no reparto dos recursos públicos que o Concello de Mugardos destina ás actividades culturais. Se eles mesmos non caeran na conta, alguén debeu de asesoralos. Porque, simpatías persoais do rexedor coa fe católica aparte (lembremos a súa abstención na moción a favor do matrimonio homosexual, rompendo a disciplina de voto do BNG, e a defensa que fixo "do que é natural"), os nazarenos entraron con bo pé grazas a unha practicamente nula regulación das subvencións municipais (ver aquí tamén) que abre de par en par as portas ao amiguismo, ao clientelismo e á arbitrariedade que, de poder (e poden), entrarán ata a cociña. O PSOE preguntaba no Pleno do 30 de decembro do 2010 a que se debía que esta Cofradía de Jesús de Nazareno recibise maior subvención que a Asociación de Pensionistas e Xubilados/as Piñabeta, a Asociación Cultural Rondalla Mugardesa ou a Asociación de Empresarios/as de Comercio e Hostalería Portomagno. Non houbo resposta.


A Festa do Polbo tamén é unha boa ocasión para recibir axudas públicas por parte do Concello. As asocións que dispensan polbo á mugardesa na carpa da festa recadan o beneficio neto da súa venda, logo de que o Concello sufrague o custo do cefalópodo.

Jesús de Nazareno chamou ás portas da Festa do Polbo este ano e o BNG abriullas gustoso. Mais na Comisión de Cultura e Deportes atopouse coa oposición da Oposición (claro). PP, PSOE, EU-IU e IpMU opuxéronse a que a confraría relixiosa absorvese parte dos beneficios dun pastel pulpeiro que ten como finalidade axudar ás sociedades que desenvolven un traballo cultural ao longo do ano, de utilidade pública para o conxunto da cidadanía. O BNG quedou só e a proposta envainou. Jesús de Nazareno reclamou e, en xesto cómplice, o PP decidiu entón absterse para concederlle o mérito ao BNG de ser o único grupo político responsable da consumación da irregularidade. E o BNG consumouna, desoíndo as opinións contrarias do resto de grupos.

A explicación do Goberno

Pero, ¿con que argumentos se defende o BNG? Para o presidente da Comisión de Cultura non había outra opción que a de incluír á agrupación relixiosa na Festa do Polbo, xa que forma parte de pleno dereito do rexistro de asociacións e a súa solicitude cumpría "en tempo e forma". Á marxe da sospeitosa inscrición da Cofradía de Jesús de Nazareno como asociación cultural, ¿a que tempo e a que forma se refire o concelleiro de Cultura? Tras vinte edicións (dende o 2010 declarada de Interese Gastronómico pola Xunta de Galicia) e o paso de distintas organizacións políticas pola responsabilidade na área (agora o BNG, mais antes tamén o PSOE), a Festa do Polbo continúa sen un regulamento que estableza unhas normas, uns dereitos e unhas obrigas das partes implicadas (Concello e sociedades). Todo é discrecional, sen regras, dende o que atinxe ás sociedades participantes ata o protocolo a seguir canto á mesa presidencial, a onde se convidan ou exclúen ao resto de entidades a criterio do propio Alcalde, que, de feito, ten excluído a sociedades inscritas tamén no rexistro municipal (como a Portomagno, a A.C. Bezoucos ou a A.V. O Cruceiro de Meá) en base a non se sabe que criterios. Pero é que, sen regulamento, non hai demasiadas ferramentas para que entidades ou persoas defendan os seus dereitos, que quedan convertidos en favores ou grazas persoais de Xosé Fernández Barcia. Esa visión distorsionada que fai dos dereitos favores e que o propio Alcalde evidenciou no Pleno do 28 de xaneiro do 2011, no debate sobre unha moción da oposición que reclamaba, tamén, un regulamento de uso da web. Para el o seu funcionamento trátase "dun compromiso que teño eu" e "si os demais que estean no futuro non o queren facer pois é problema deles".

Eis a evidencia da "seriedade" da que presume o ainda Alcalde de Mugardos. O seu compromiso co futuro deste concello máis aló do seu réxime. O seu rigor e a súa equidade coa cidadanía a quen di servir sen distincións. Eis a mostra do que, acrecentándose ano tras ano, pretenderá impoñer outros catro anos máis, avergoñando (en lugar de achegarse) aos poucos críticos que aínda aturan a deriva do seu narcisismo dentro do BNG de Mugardos. Unha triste longa noite de pedra para a transparencia nesta vila.

Quixera dar grazas a Pilar Díaz Otero, quen dende o seu perfil no Facebook fixo pública a decisión do Presidente da Comisión de Cultura e prestouse a aclarar as dúbidas que xurdian ao respecto.

21/09/09

Canto a Mugardos



Voltamos das vacacións, que xa viña sendo hora. As Olimpíadas de Peñas deixaron na reserva as gañas de palique blogueiro, pero xa me vou recuperando.
Comezo cunha débeda pendente contraída con Antonio Cartelle, que dende fai uns meses engrosa a nómina de amizades pulpeiras. No seu día publiquei a letra do Canto a Mugardos que el compuxo, hoxe tócalle á música e á partitura. Agardo que vos preste.
Comezamos (de novo).

07/04/09

XIX Certame de Rondallas



Aí tedes parte do que foi o XIX Certame de Rondallas do Concello de Mugardos, que deixou, entre outras cousas, este "Canto a Mugardos" por parte da Rondalla Mugardesa:

Mugardos,
miña terra querida,
verxel dos meus amores,
anaquiño de Galicia
con realeza e honores.

Terra agarimosa e meiga
da fermosa ría ferrolán,
onde os que a ela chegan
e a pouco que nela acougan,
por desexos, non se van.

Enxendro de boa xente,
mariñeiros, heroes,
da cultura e bo talante,
moitos foron nesta Vila
os que tiveron lugar.

Terra viva de emigrantes
que, abandonando os seus lares,
sufriron vicisitudes
marcharon cruzando os mares
hacia terras de ultramar.

Traballando sin cesar,
con ilusión, enerxía
e ansias de prosperar,
soñando en poder un día
a seu pobo retornar.

Sobria terra nai onde nacín,
cantarche ata morrer quero
ainda que sexa sufrindo
pois, estando ao teu carón,
eu morrería, si, pero vivindo.


Letra e Música: Antonio Cartelle Vilasánchez.

26/02/09

Os pecados da festa



Festa, esmorga, troula, xolda, calquera destas palabras debera valer para referírmonos aos magostos, aos entroidos, ás festas outrora populares e hoxendía institucionalizadas polos concellos do país. Xolda, troula, esmorga, festa, pero non saqueo.
Unha nova caste de pseudo-festeiros abrollan cada vez que a palabra "de balde" acompaña ao reparto de castañas, orellas e sardiñas. Pseudo-festeiros a só un paso (se non o deron xa) de presentarse tupperware en man para enchelo axiña e liscar. Pseudo-festeiros que secuestran a festa para non gozar dela, nin deixar gozar. Pseudo-festeiros avarentos, pseudo-festeiros do "canto máis para min, mellor".
E non, as cousas non deben ser así. A festa é nosa, dos festeiros. A festa é de quen a goza. A festa non debe rematar cando a cobiza dos pseudo-festeiros volatiliza a ben chamada "vergoña do galego", a última orella, a última castaña. A festa non é media hora de catering gratuíto. Non debe selo. A festa para quen a traballa.
Temos que reinventar a festa para os festeiros. A esmorga, a troula, a xolda. E que os pseudo-festeiros fiquen cos seus cafeliños e o cú ao quente ou se unan. Pero nunca máis deben roubarnos a festa.
Estramos traballando niso.

27/01/09

Entroido 1990: Manolo "o dos tirantes"



Manuel Fraga Iribarne desembarcaba en Galicia coa campaña "Galego coma ti".

Música: Cielito lindo
Letra: Anónima (por si acaso)


Ai, ai, ai, ai, ahora de vello
de vello e fracasado
ven pra Galicia o condanado.

Ai Galicia querida
que pouco pensana algúns en ti.
Puxéronche un presidente
que non quixeron aló en Madrid.

Ai, ai, ai, ai, ahora de vello
de vello e fracasado
ven pra Galicia o condanado.

Non queremos queimadas
pois xa de lume imos ben aquí.
O que a nós nos fai falla
no vai traer ninguén de Madrid.

Ai, ai, ai, ai, ahora de vello
de vello e fracasado
ven pra Galicia o condanado.

Entrou no Parlamento
ó son da música dos gaiteiros
ai Manolo "dos tirantes"
este é un goberno de larpeiros.

24/01/09

Entroido 1989: O Galicia estreaba directiva e Fariña gobernaba




Era o ano da estrea dos Rumbeiros. Manuel Fariña cumpría o seu sexto ano como Alcalde, o segundo desde a separación de IU-EU. O Galicia, que ano e medio antes descendía da Rexional Preferente, viña de nomear a Alfredo Díaz Bravo como Presidente substituíndo a Agustín Martínez Silva. Esa tempada os infantís (na foto) gañaban a Liga e a Copa. No verán seica houbo sequía.

Música: ¡Ay, Mamá Inés!
Letra: Os Rumbeiros da Pedreira


Si te queres un
pouquiño divertir
pola zona da
Pedreira tes que ir.

Olé, olé, olé, olé
os da Pedreira cantamos moi ben.
Olé, olé, olé, olé
os da Pedreira cantamos moi ben.

Rexurden na nosa aldea
os festexos populares
emigrantes e máis Reis
e agora os carnavales.

Olé, olé, olé, olé
os da Pedreira cantamos moi ben.
Olé, olé, olé, olé
os da Pedreira cantamos moi ben.

Temos unha comisión
que non ten moita experiencia
pero hai un larguirucho
que é o que pon a sapiencia.

Que non se meta ningún lambón
para facer festas temos comisión.
Que non se meta ningún lambón
para facer festas temos comisión.

O Galicia de Mehá
ó cambiar o presidente
formou unha directiva
traballadora e valente.

Entrenador, entrenador
para campeón hai que xogar mellor.
Entrenador, entrenador
para campeón hai que xogar mellor.


Non nos poñen marquesiñas
para esperar o ideal
cada un co seu paraugas
todo o ano e carnaval.

Puxeron faroles novos
pola beiriña do mar
pero polas corredoiras
non se pode atravesar.

Señor Fariña, señor Fariña
para a Pedreira non hay pesetiña.
Señor Fariña, señor Fariña
para a Pedreira non hay pesetiña.

Xa temos auga abundante
que a mandan do Ferrol
e o viño dos nosos bares
xa sabe moito mellor.

E co da sequía, ai taberneiro
vas a gañar moi pouquiño diñeiro.
E co da sequía, ai taberneiro
vas a gañar moi pouquiño diñeiro.

22/01/09

20 anos de Entroido



O que garda sempre ten. E así é como ás portas do Entroido 2009 din (grazas a unha nai que as gardou con mimo) coas volantinas nas que as comparsas que percorreron esta vila deixaban, con moita sorna, un pedaciño da actualidade do seu tempo. Aviso: teño material dende o 1989. Non se salva nin Fariña, nin o pacto PSOE-PP do 1991, nin os cheirumes da Forestal... sálvase, iso si, o actual Alcalde mugardés. E é que a única comparsa que tiñamos, Os Rumbeiros da Pedreira, desapareceu, se non me trabuco, algúns anos antes da chegada de Barcia. Tendo en conta que o groso dos Rumbeiros coincideu tamén cos veciños que protagonizaron o peche no Concello no verán do 2007 ou que ultimamente Mugardos ten saltado varias veces á primeira plana informativa podemos pensar que perdimos de escoitar unhas boas coplas.
Si, vale, irei publicando as que teño. Fareino aos poucos. ¡Hai que ir creando ambiente entroideiro!

20/01/09

Comisión de Caralladas Mugardesas



Pedíanolo o corpo e dímoslle o gusto. Mugardos ten unha secular tradición festeira, unha singular querencia pola troula que hei demostrar e documentar en vindeiras ocasións. Pero hoxe toca presentarvos o nacemento da Comisión de Caralladas Mugardesas, que botando man das redes sociais pasa do medio cento de almas pulpeiras e xa argallou algunhas cousiñas nestas festas que vimos de deixar atrás.
A Festa precisa saír do museo no que se vai metendo aos poucos e renovarse. I+D. Aí está a Fonográfica General, os do Sei o que nos figestes... nos últimos 525 anos. Festa con sangue e ideas novas.
¿Sabedes como naceu a Festa da Dorna de Ribeira? Un día cóntovolo. De momento temos por diante o Entroido e algo haberá que facer, ¿ou? ;)