Amosando publicacións coa etiqueta Ránking das Rondas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ránking das Rondas. Amosar todas as publicacións

08/02/12

A festa das vacas fracas

Son malos tempos para as festas patronais tal e como as coñeciamos ata agora. Non temos que ir moi lonxe para atopármonos a desaparición das comisións de festas en Mugardos, A Pedreira, Pontedeume, Ombre; ou o anuncio do Concello de Narón da cancelación das festas do verán por causa da crise económica. Ás festas estacionais, como o Magosto ou o Entroido, non lles vai moito mellor. Asumida a súa organización dende hai moitos anos polos propios concellos, hoxe son das primeiras víctimas en padecer a nova anemia económica. "Se non hai cartos, non hai festa" semella ser o lema da administración local.

¿Que foi das festas populares?

Outrora froito do traballo do propio pobo a festa foise avellentando, esquecendo á poboación entre os 16 e os 40 anos –xustamente a máis festeira– para centrarse na fórmula cochitos+orquestra. Á mocidade quedábanlle os bares. A festa non se facía para ela nin ela facía a festa. E así, aos poucos, foi morrendo ao mesmo ritmo co que as comisións de festas tradicionanis esgotaban, sen relevo, os seus folgos.

A festa do pobo, para o pobo e polo pobo.

A Festa (en maiúscula) é diversión. É unha válvula de escape das tensións do ano, pero tamén unha bomba de osíxeno para o comercio e hostalería locais. Coa festa gañan tódalas partes. Mais, ¿como facer sen cartos? Podería haber varias respostas posibles, e aquí en Mugardos ofrecemos unha delas: converter á xente espectadora en protagonista; facer que o espectáculo sexa a súa propia diversión e o inxenio dos participantes un foco de atracción ao visitante. A idea, nestes lares, ven funcionando dende hai xa tres anos cunha fórmula eminentemente participativa e economicamente sostible. Moi barata.

O papel da administración pública é pretendidamente inexistente. O feito de non constituírse en Asociación Cultural inmuniza á Comisión de Caralladas fronte ao oscilante mundo das subvencións municipais e provinciais. Non quere axudas porque non as precisa. Ao máis que se ten chegado foi á coordinación de horarios co persoal técnico que xestiona as actividades organizadas polo Concello nas dúas primeiras edicións das Olimpíadas de Peñas (2009 e 2010). Agora xa nin iso. Porén, tanto o novo goberno municipal tende a invisibilizar un movemento puramente social que xa sobrepasa a súa capacidade de convocatoria como este movemento invisibiliza ao goberno municipal. Cada un ao seu.

O modelo mugardés podería ser exportable. Funciona e rescata o ambiente trouleiro que puido ter morto coa desaparición da Comisión de Festas de Mugardos logo do verán do 2008. Antes de chegar o 2009 nacera xa a Comisión de Caralladas. O que é e o que pode aportar como idea base para outras festas agonizantes tédelo aquí:


¿E agora que toca?

Entramos en tempo de Entroido e aquí, na vila de Mugardos, gozamos da particularidade de celebralo durante dúas fins de semana consecutivas, xa que logo do enterro da sardiña, cando en todas partes se gardaron os disfraces, aquí temos un sábado máis, ronsel do baile organizado durante anos polo Casino Mugardés. E así é como aproveitamos para que o primeiro deles –o que este ano cadra en 18– trate cada ano un tema. No 2010 foi a "oitenteirada" que trasladou a motísima xente da vila e –moi importante– un bo feixe de fóra dela ata os anos oitenta. No 2011 centrámonos en series e debuxos da televisión. E neste 2012 a máquina do tempo volverá a trasladarnos cara atrás coa "noventeirada" que engulirá aos locais da vila (a Comisión recibiu o apoio de absolutamente todos). Entroido e música, a fórmula infalible.

09/07/09

Inauguración Caralletas



Xa non queda nadiña para que o pebeteiro prenda lume e de comezo aos Xogos. E como mandan os cánones olímpicos, non hai pebeteiro que non prenda sen o paseo de rigor do facho olímpico. Así que este venres 10 ás 21:00 partirá da pulpería A Jarabeta o capitán da peña "Lonas" para darlle o relevo a "12 Meses 12 Causas", e logo a "Ronda Ya", e logo a "Endisque...", e logo a "Las Joyitas", e logo a "Ti, ti, ti e máis ti", e logo ás "Lerchas", e logo a "As Tradicións", e logo a "Franza Champions League", e logo "Los Infiltrados", e logo "Ancho Europeo", e logo "Los Pilindrines", e logo "Los Berenjenas", e logo "Zampa Rondas", e logo "Tokiskipataska", e logo "Tropezón" e finalmente a "Peñaca Ñaca", que prenderá lume á queimada para dar comezo a unha troula de 8 días sen parar que comezará co Ránking das Rondas como primeira proba puntuable. ¿E ti valo perder?

06/07/09

Ránking das Rondas - Edición Olímpica



Si, si, si, xa o sei, dende a Comisión de Caralladas temos unha demanda de información sobre as Olimpíadas de Peñas grandísima, pero é que amasamos tanta troula que non damos feito. Primeiriño de nada, anunciarvos unha nova edición do máis célebre campionato de dados que se celebre nesta parte da Vía Láctea. Botaremos por fóra, máis que seguramente. Pero desta volta virá adobado por moooitos máis motivos para que as Festas de Mugardos fagan pequenas ás Festas das Peras de Pontedeume. Ireivos informando.
¡Saúde e festa!

13/04/09

Collendo carreira para o verán



Velaí tedes a progresión do (probablemente) campionato de dados máis popular de todo o país. Simplemente un éxito. E agora andade atentos porque para as festas do verán a troula que vai montar a Comisión de Caralladas non vai ser cousa dun día ;)

11/04/09

post-V Ránking das Rondas



Cen rondistas, cen, que se di pronto, déronse cita unha vez máis no templo das rondas mugardesas para dirimir quen fai rodar mellor os dados polo tapete. Por terceira edición consecutiva o Ránking ten nome feminino. Os dados parecen cousa de mulleres ;)

04/04/09

V Ránking das Rondas



Ano 30 d.C., os romanos crucifican a Xesús e mentres agardan que morra bótanlle unhas rondas. Eis a demostración da milenaria tradición que este venres habemos de honrar na V Edición do Ránking das Rondas.
Porque, miñas donas e meus señores, imos xa polo quinto Campionato Mundial de Rondas Mugardesas. Si, si, comezámolo o véspera de reis do 2008 con 16 parellas e un ano e tres edicións despois chegamos ás 41. A cuestión de xénero está igualada. O Ránking xa coroou a dúas parellas de reis (Ránking I e II) e outras dúas parellas de raíñas (Ránking III e IV). Xa vimos enfrontamentos fratricidas, xa vimos a fillos gañarlle a pais, alumnas derrotar a mestres, mozas humillando a seus mozos, xa vimos rondistas tuneados... e os premios foron aumentando campionato tras campionato.
Xa non hai que agardar máis. Non hai inscrición previa que faga falla, buscade parella e aparecede alí, no Trope, entre as 20:30 e as 21:00 do venres santo. Loitade como gladiadores romanos e coroádevos Reis do Ránking das Rondas ata que a edición pulpeira vos destrone... ou non!

30/12/08

O Ránking das Rondas



Xa está aquí unha nova edición do campionato de rondas máis popular a este lado do meridiano de Grenwich. Marcade o 3 de xaneiro no calendario e apuntade as 20:30 como comezo da fase de inscrición. Ás 9 os dados comezarán a rodar polos tapetes do Tropezón ata dirimir a parella que reinará na vila ate, cando menos, a Santísima Edición.
Non hai volta atrás, os rondistas multiplícanse en cada novo campionato e o Ránking das Rondas ten que estar á altura multiplicando tamén os premios. Cada victoria terá premio ata os cheques finais por valor dun par de camisolas pulpeiras exclusivas.
¿E ti que, xa tes parella?

09/07/08

¡¡¡Si, si, si, o ránking xa está aquí!!!



E velaquí está unha nova edición do Campionato Mundial de Rondas Mugardesas. Edición que, por cadrar en plenas festas, promete fulminar rexistros de participación. E é que en Mugardos as rondas sonche unha relixión.
Lembrade que os novos Reis do Ránking das Rondas decidiranse o venres 18 a partires das 21:00 no templo rondeiro da vila (O Trope). A inscrición é de balde e o prazo abrirase media hora antes (ás 20:30).
¿Xa tedes parella?

22/03/08

II Campionato Mundial de Rondas Mugardesas



Rematou (coa miña saúde) unha nova edición do Ránking das Rondas. Un novo éxito de participación e ambiente. Ata cincuenta rondistas se deron cita no Trope para loitar pola coroa que os acreditase como Reis das rondas mugardesas.
A edición pulpeira, en tempos do patrón, agarda xa por todos nós.

15/03/08

Ránking das Rondas - Santísima Edición



Xa está aquí unha nova edición do Ránking das Rondas, logo do éxito da súa estrea. De novo en datas de arrexuntamento pulpeiro e novamente no local de rondas mugardesas por excelencia (amén da consulta popular do seu día): O Trope!
A cita: o venres santo, dende as 20:30. Ide quentando as bonecas porque a participación nesta ocasión promete bater récords. Haberá premios, se non vos considerades xa premiados con chegar á finalísima. Andade antentos e abride boca lembrando as orixes.

E mira que son ateo, eh... :)

07/01/08

I Campionato Mundial de Rondas Mugardesas



Rematou o Nadal 2007-08 e con el a saúde das miñas cordas vocais, pero pagou a pena. O I Campionato Mundial de Rondas Mugardesas foi un éxito de participación e ambiente bo-rollo (malia que menda caeu en primeira rolda). Os Porteritos, reclutados no último suspiro do plazo de inscrición, foron finalmente os gañadores. Os siareiros reclaman unha pronta re-edición do Campionato e o ruxe-ruxe apunta ás vésperas de Semana Santa. No flickr colguei a reportaxe gráfica do evento, por se gostades :)

03/01/08

E o Rei do Ránking das Rondas é...



¡¡¡O' Trope!!!

Pablo, Gemi e Roberto xa son os gañadores dun xogo de camisolas personalizadas e acreditativas do galardón.

Ben, e agora explícovos: o sábado 5, ás 20:30 (uséxase, á hora das rondiñas previas a saír guapos pola noite) celebraremos o Campionato Mundial de Rondas Mugardesas no local campión, sito onde todo o mundo debería saber a estas alturas. Dende as 20:30 ata as 21:00 poderán inscribirse tódalas parellas que queiran participar. Extraerán un número dun receptáculo opaco que lles asignará o primeiro emparellamento. Dende as 21:00 comezarán As Rondas Mugardesas aos dados (póker ao mellor de tres palotes e o que perda paga, claro).
Para a parella que saia gañadora haberá unha camisola (para cada membro) que os acredite como campións do Ránking das Rondas. Recibirán tamén unhas camisolas de deseño exclusivo mugardés (a escoller entre varios modelos por cortesía dun menda lerenda). E sobre todo... terán consumido catro rondas pola cara!!!

E se non vos quedou totalmente claro, velaí o cadro de eliminatorias:



NOTA: o Campionato non establece que consumicións teñen que ser xogadas, polo que a decisión recaerá nas parellas contrincantes ao comezo de cada ronda. Calquera outra dúbida, facédea nos comentarios.

Alea jacta est.

17/12/07

O Ránking das Rondas



Mugardesas e mugardeses, sentide xa a proximidade das festas porque os locais todos, dende a Jarabeta ata o Millenium, dende o Malecón ao Trope, agardan xa ser invadidos por ordas de veciños de aquí e do exilio desexosos dos reencontros propios destas datas.

O Nadal 2007 chega este ano cunha novidade: o recoñecemento ás "Rondas" interxeracionais como feito cultural propio do mugardesismo. Fagámolo valer. Concedamos o galardón ao "Rei do Ránking das Rondas" do Nadal 2007. ¿Póñenvos pinchos? ¿É onde máis amizades atopades? ¿Teñen vetado o reaggeton? Vós mesmos decidides. ¿O premio? Ao local campión un xogo de camisolas personalizado co seu propio anagrama e o distintivo do "Rei do Ránking das Rondas". Alí mesmo, a noite de reis, o premio será para a parella de rondas gañadora do "Campionato Mugardés das Rondas": camisola de campións e algúns regaliños máis.

¿Xa tedes parella?