02/10/16

Onde está a maioría social en Mugardos?



Trá-los resultados das eleccións á Xunta de Galicia do pasado 25-S nas mesas de Mugardos comezáronse a oír algunhas voces do eido conservador preguntándose onde está a "maioría social" de Mugardos. Cuestionaban así un dos principais argumentos sostidos polos grupos do goberno municipal actual cando promoveron a moción de censura. Pero, onde está realmente esa "maioría social"?

Un pouco de política ficción


Calquera análise superficial das oscilacións entre convocatorias electorais amosa de inicio que ten moi pouco que ver o que vota unha boa parte do censo no ámbito municipal, galego ou estatal. O xeito máis preciso de botar conclusións é analizando resultados dentro dun mesmo tipo de convocatorias. Aínda así, non son pocos os medios que unha vez coñecidos uns resultados dan conta da súa extrapolación noutro eido. Neste caso animeime a levar as cifras do 25-S a unhas elecciós municipais en Mugardos.

O primeiro e principal destaque, neste caso, sería o da asimilación de dúas candidaturas (EU-Os Verdes-Son e Iniciativa Cidadá de Mugardos) nunha mesma papeleta, a de En Marea, que recibiu o apoio dos dous grupos. O segundo, que a maioría absoluta que o PP colleitou no conxunto de Galicia frustraríase neste municipio unha vez máis. Nunca o Partido Popular acadou a metade máis un dos votos nas mesas mugardesas. Sen embargo, outra das lecturas que se fan estes días é que a suma dos apoios que representa o actual goberno municipal (En Marea + BNG = 989 votos) sería menor que a do PP (1161 votos). En efecto, para poder cadrar definitivamente as contas sería preciso sumar os 497 acadados polo PSOE (en total sumarían 1486 votos, 325 máis que o PP nun dos seus mellores resultados).

A maioría social desde as últimas municipais


As eleccións xerais do 20-D foron, das catro últimas convocatorias, as que acadaron a maior participación. Nelas a candidatura máis votada foi En Marea (1034 votos), seguida a moi pouca distancia polo PP (1000 votos). O BNG sería o principal damnificado nesta ocasión (perdía 250 votos). No segundo intento de formar goberno no Estado, o 26-X, a abstención castigou especialmente a En Marea (-140 votos) e BNG (-101 votos), aínda sendo dificil cuantificar o volume do probable trasvase de votos dunha a outra candidatura. Isto convertiría o PP en primeira forza electoral. Con todo, o número de votantes progresistas seguiría superando os conservadores.

O domingo pasado o PP revalidaba unha cómoda maioría absoluta gañando en case tódolos concellos do país. Tamén en Mugardos, onde mobilizou un número levemente crecente de votantes respecto das xerais de xuño, pero tamén das galegas do 2012. A abstención volveu ser o gran hándicap para PSOE e En Marea, que tamén viu como o BNG recuperaba 199 apoios desde xuño. Mais se reparamos na evolución dos resultados no mesmo ámbito (Galegas 2012 e Galegas 2016) a tendencia é positiva para PP e AGE/En Marea fronte PSOE e BNG.

As municipais son outra historia


En Mugardos as convocatorias municipais producen un efecto mobilizador do voto afín aos partidos progresistas e, ao mesmo tempo, desmobilizador do voto ao PP. Os mellores resultados deste último acadaríaos Encarna Sánchez no 1999 na única ocasión, ata o 2015, no que o PP conseguira ser o máis votado (malia as recentes afirmacións da historiadora María Fidalgo Casares nunha delirante cróncia en Mundiario). Nese ano 1999 o PP acadaría o seu teito electoral local (1261 votos, 35,8%) que sería tamén aplicable en galegas, xerais e europeas. Moi lonxe aínda de representar unha "maioría social".

O mellor resultado da democracia acadouno o Partido Comunista de Galicia encabezado por Ángel Cortizas no 1979 con 1644 votos (46,5%). Foi tamén o ano no que máis distancia houbo entre primeira e segunda forza (20,8 puntos). Malia o seu endémico fraccionamento, o dominio da esquerda é total e mantén alonxado o voto conservador dunha hipotética maioría. Nos 10 comicios electorais desde o 1979 ata o 2015 o PCG-EU dominou en 4, o BNG en 3 e o PSOE en 1. O voto de centro-esquerda nunhas municipais nunca foi inferior ao 63% (1999), chegando ao 80% no 2007.



Á vista dos datos, nin presentándose Feijóo conseguiría rachar a hexemonía progresista. A "maioría social" nestes lares resiste as lecturas triunfais que poidan chegar en quente desde as bancadas populares.

24/09/16

Alba dos mortos (Dawn of the Dead) II



Hai agora xusto tres anos publicaba neste bitácora unha entrada titulada Alba dos mortos (Dawn of the Dead). Trataba de evidenciar, con datos, os diferentes ciclos vitais polos que atravesara a web municipal posta en funcionamento en decembro do 2010.

Por aquela altura botaba andar o goberno bipartito entre BNG e EU, que amosaba un rexurdir da súa actividade. Co paso dos meses esa tendencia consolidaríase, pasando dunha media de 13,7 novas por mes a 19,5 antes de se iniciar a precampaña das últimas eleccións municipais, que aumentaron a frecuencia da información a 23,3 novas mensuais.

A chegada do PP á Alcaldía supuxo un cambio na política informativa do goberno municipal, que fixo retroceder a vitalidade das novas a datos próximos ao goberno de 3 do BNG entre o 2012 e o 2013. A web oficial do Concello de Mugardos abandoábase en favor das redes sociais particulares do Alcalde sen que este fose quen de definir perante as preguntas no Pleno da oposición cales eran os criterios a seguir.

O 29 de xuño facíanse públicas as conversas entre Esquerda Unida, Iniciativa Cidadá de Mugardos e Bloque Nacionalista Galego para a formación dun goberno maioritario, o máis amplo (8 dos 13 edís) na corporación mugardesa desde o cuatripartito do 1999-2003. A partir de entón produciuse un sprint e o PP acadou as 33 actualizacións no mes de xullo e outras 9 nos 12 días antes do cambio de goberno. Desde entón, a web municipal non fixo máis que aumentar a súa actividade, rachando neste mes de setembro aínda sen rematar o máximo de actualizacións (37; 1,5 diarias) que se tiñan producido nela en abril do 2015, en plena precampaña municipal (34; 1,1 diarias).

10/06/16

O día en que Mugardos dixo "Basta xa!"



Como a auga que baixa polo monte e sempre atopa o camiño cara o mar. Así acontece coa forza do pobo que pide paso. Finalmente, ráchanse os diques de contención erguidos en forma de muros de silencio.

A loita pola legalidade na Ría de Ferrol resolverase en dous tribunais: o da Xustiza, que xa enceta a recta final dun longo camiño; e o do Tempo, cuxa perspectiva retratará para as xeracións vindeiras o papel que cada quen xogou nesta barbarie.

Dezaseis anos despois as sentenzas do Tribunal Supremo van estreitando o certo ás falcatruadas e as organizacións políticas noutrora permisoras reconsideran a posición fronte a forza dos feitos.

Parabéns á veciñanza de Meá, que para min será xa sempre o maior exemplo de perseverancia deste recuncho do país.

31/05/16

Breve cursiño para conducir por Mugardos (XXIX)



Perigo, maniqueísmo.

maniqueísmo
1. Doutrina relixiosa xurdida no século III d.C. segundo a cal o Universo foi creado por dous principios antagónicos, o do ben e o do mal, que coexisten e están en permanente conflito.
2. (por extensión) Toda doutrina ou actitude que opón de forma ríxida, e mesmo reducionista, os principios do ben e do mal.

Da fala nace o diálogo, do diálogo nace o entendemento, e do entendemento nace a convivencia.

Nunha vila pequena como Mugardos, “onde todo o mundo se coñece”, a mellora da vida das persoas que cohabitan pasa non só por mellorar e ampliar os servizos que reciben, senón tamén por facilitar a convivencia entre elas. Construír un clima social que axude sumar visións e puntos de vista, e non a confrontalos debuxando unha escena perversa entre o ben e o mal, entre cabaleiros con capa branca e espada e dragóns saídos dos avernos.

Non é preciso abusar da metáfora. Hoxe por hoxe temos dous claros exemplos destes dous métodos antagónicos de resolución de problemas: o referente ao feirón semanal e o que atinxe aos usos do edificio da antiga escola do Apelón. En ámbolos dous hai opinións contrapostas sustentadas en argumentos razoables. Dunha banda, o feirón necesita servir de impulso ao comercio local e, de ser posible, a un Mercado Municipal en crise; mais o Centro de Saúde necesita garantir o acceso da xente usuaria e os vehículos de emerxencias en calquera momento. Hai debate. Doutra banda, o edificio do Apelón, amplio, céntrico e con espazos abertos, sería un emprazamento ideal para espertar por fin da longa noite de pedra da Biblioteca Municipal, mais hai quen prefire poñer por diante non deixar marchar a Guardia Civil de Mugardos. Razoable e, sen embargo, hai quen pon empeño en pintar dragóns e cabaleiros.

Son só dous, pero poderían ser tantos outros que xorden no día a día tanto neste concello como en calquera outro. Velaquí a importancia do método participativo como ferramenta fundamental para resolver estes conflictos de intereses. Sentarse a falar entre as partes e chegar a entenderse ou comprenderse, ainda mantendo as posicións diferentes (pero xa non enfrontadas), axuda a corresponsabilizarse da solución final. A sentirse parte dela.

O maniqueísmo político, o discurso reducionista entre o ben e o mal, non só non é o mellor método de resolución de problemas, senón que produce de por si un problema novo: o deterioro da convivencia.

Sábeo ben quen traballa na creatividade: as mellores ideas non adoitan nacer da inspiración divina, senón da contraposición de ideas anteriores.

17/05/16

A fala



A fala racha o silencio. Silencio longo, dun ano. Máis incluso.

O Día das Letras do 2015 felicitaba a conquista histórica do Galicia, que desde entón paseou o nome de Mugardos por todo o país. E volverá facelo máis cedo que tarde, devolvendo á súa afección ao selecto grupo das mellores de Galicia.

A fala racha o silencio. A fala tende pontes e constrúe pobos transmitindo a súa alma entre xeracións.

A fala precisa da escoita, e a escoita dálle sentido á fala, nunha danza de respecto mutuo.

A fala tende pontes e constrúe pobos. Non hai sociedade que se poida construír falando sen escoitar. Nin sociedade que permita escoitar sen que lle deixen falar. Nin pode nin debe.

A fala somos nós rachando o silencio.

No Día das Letras do dous mil dezaseis.