27/03/09

Fortu e Birras



É en momentos como este cando un se reencontra consigo mesmo, cando retoma a consciencia de que un blogue non deixa de ser un proxecto persoal, unha visión íntima do mundo. Se gusta, ben; se non gusta, non pasa nada, aí está a barra de direccións para teclear outra cousa. Digo isto porque ás veces sínteste atrapado por unha personaxe creada por ti mesmo. E entón, calquera día, por calquera motivo, fortuitamente, tropezas con vellos papeis que che lembran o camiño percorrido. E o camiño percorrido gústame, e moito, na meirande parte dos seus case 32 quilómetros.
Pois si, eu fíxenvos as miñas pequenas incursións na banda deseñada. O profe Agustín procurara cultivar nos seus alumnos prepúberes o gusto polo cómic. Polo menos nun tivo éxito, ainda que ningún bosquexo viu a luz ate que atopei nas páxinas da AEG, primeiro, e de Cousas, despois, a oportunidade de publicar as miñas trasnadas gráficas claramente influídas por un Carlos Azagra a quen tiña por debuxante de cabeceira.
Outra das miñas grandes paixóns foron, e siguen sendo, as festas do país. As romerías. Nada de festivais, nin concertos, eu quero monte, río, alameda, gaitas, sol, ver aos vellos preto miña. Eles si que saben latín. Veñen de volta na cousa da festa. E claro, xúntalle a querencia polo debuxo coa inevitable atracción pola troula e voilà: Fortu e Birras en Desembarco Vikingo. Que vos preste ;)

25/03/09

Dixitalizando o pasado



Ás veces, remexendo nas cousas do presente, atopamos cousas do pasado. Acontece así, en ciclos. E distráeste uns intres, fas un flashback, unha volta aos vellos tempos. Logo suspiras, pensas no axiña que pasa o tempo e continúas co que estabas.
Estes días atopeime cunha caixa chea das revistas da AEG (Asociación de Estudantes por Galiza), tamén de "Cousas", o voceiro da Asociación Cultural Bezoucos e moitas outras dos compañeiros da Asociación Cultural Treme a Terra de Pontedeume. Ningunha ten menos de dez anos. Fun directo a polo primeiro número da nosa AEG, feita por estudantes do entón Instituto de Bacharelato Mixto de Mugardos (hoxe Instituto de Ensino Secundario) e mentres repasaba aquelas páxinas cheas de artesanía, voluntarismo, e máis ideoloxía da que lembraba para uns rapaces e rapazas darredor dos 16-17 anos pensei que sería boa idea ir dixitalizando todo aquilo e ofrecelo dende eiquí en pdf a quen teña a ben pasar un ratiño desempolvando aqueles anos 90.

18/03/09

Mugardos en Internet (IV): Galicia, S.D.C.



A do Galicia de Mugardos é a primeira web non politica neste particular ránking da rede mugardesa.
Deseño e estrutura: Con dominio de seu e malia unha estrutura moi básica e artesanal consegue asomar, en ocasións, na primeira páxina de resultados de Google. A súa simplicidade axuda tamén a que a navegación sexa doada e non se precisen plug-ins. Porén, esta eiva pode ser tamén culpable na grande oscilación que sofre nos posicionamentos do buscador.
Contidos: Conta con ampla información sobre o club, galería de fotos, táboas clasificatorias de tódalas categorías ao día, etc. A mágoa é que a actualidade fica agochada na sección "Noticias" no canto de aparecer en portada. Este cambio axudaría a aliviar un pouco o feito de non ter sindicación de contidos, outra das consecuencias da súa simplicidade.
Participación: A web non contempla a posibilidade de interactuar con comentarios sobre as novas ou a participación en enquisas e/ou un foro.
Comentario: A do Galicia é a web máis modesta do lote e, nembargantes, obtén unha meritoria terceira posición grazas ao esforzo por suplir as súas eivas cun mantemento semanal. Un pequeno cambio como sería pasar a sección "Noticias" á portada axudaría a reforzar ese punto forte, xa que o/a visitante comprobaría dende a primeira páxina de carga as actualizacións dende a última visita. O seguinte sería pasar a un sistema dinámico de contidos (Blogger, WordPress, etc.) xa que, a bo seguro, habería de ter un bo número de bitácoras de toda a volta facendo seguemento deles.

16/03/09

Campionato Mundial de Futbolín



Mugardeses, mugardesas, só quedan dous días. Na noite do mércores, na noite das pepitas, dende as 21:00 o Club do Mar ruxirá como Maracaná no primeiro Campionato Mundial de Futbolín. Adestrade no tempo que queda e furade a portería rival ata acadar o título final. ¿Ou é que sodes moi paquetes?

12/03/09

Mugardos en Internet (III): PP



A web do Partido Popular de Mugardos acadou o segundo posto nesta análise das principais webs da vila. É unha web aínda nova, aberta en xaneiro deste mesmo ano, cun alto ritmo de actualización, ainda que con importantes erros.
Deseño e estrutura: nin posúe dominio propio nin se integra na web do PPdeG e probablemente a súa recente creación ten parte de culpa de que aínda non apareza nas primeiras posicións de Google procurando "mugardos". Responde ao modelo de bitácora, como o de EU-IU e BNG e, como os primeiros, tamén emprega Blogger. Mais a diferencia destes, o PP de Mugardos desaproveita as etiquetas, non as emprega para clasificar os contidos das entradas, polo que a súa nota en navegabilidade baixa. O deseño debera ser menos caótico para conducir mellor ao visitante entre os seus contidos: demasiados cambios no formato dos textos, mal uso do aliñamento de imaxes... Todo isto poderá darlle aos seus administradores máis dun problema no momento en que decidan actualizar o plantel de deseño. A imaxe dunha ración de polbo á feira na cabeceira é... pintoresca.
Contidos: Como no caso de EU-IU, e debido á ferramenta empregada (Blogger), non dispón de información estática. Pola contra, e como comentaba ao inicio, a día de hoxe manteñen un ritmo de actualización case diario. Lamentablemente as entradas que dun ou doutro xeito tratan de Mugardos redúcense a 1/3 das totais, dedicando as restantes a reproducir contidos de ámbito galego ou estatal. Se incluimos isto como factor corrector en negativo a súa nota descendería a un 5,6 neste apartado e a un 5,4 na nota final (mantería a segunda posición).
Participación: O PP de Mugardos non permite facer comentarios ás entradas da súa bitácora, ainda que tiven en conta a existencia dun foro aberto ao que enlazan. Existe a posibilidade de participar en enquisas, mais actualmente as tres que teñen publicadas están xa pechadas (de novo só 1/3 céntrase neste Concello).
Comentario: Malia o segundo posto acadado nesta clasificación comete un grave erro de enfoque ao dedicar o groso dos seus contidos a información que os internautas xa poden atopar en moitas outras webs xeralistas e incluso de temática especializada (de non ser os propios redactores deses contidos incumprirían, nalgúns casos, a norma de mencionar as fontes). E en Internet o dito de "quen moito abrangue pouco apreta" cúmprese mellor que en calquera outro lugar. Quen entre na web do "PP de Mugardos" agardará atoparse coa visión do PP da actualidade política desta vila e non coa dimisión do Ministro de Xustiza, a xestión da Junta de Andalucía ou a opinión de Sarkozy sobre a crise en España (cando menos, sen un enfoque local).

11/03/09

Mugardos en Internet (II): EU-IU



A web que obtivo o mellor resultado nesta análise foi a bitácora de Esquerda Unida - Izquierda Unida de Mugardos. Tamén contan cunha sección dentro da web de EU-IU a nivel galego, pero a actualización nesta última é máis errática e non permite a sindicación de novas, ainda que estas son moito máis completas.
Deseño e estrutura: Aquí é onde pior parada sae. Sen dominio propio e sen un bo posicionamento en Google (se non estás na primeira páxina de resultados és practicamente invisible) gaña puntos en navegabilidade ao botar man de Blogger para o seu mantemento. Así e todo, a personalización do seu deseño é mellorable.
Contidos: Unha das eivas do sistema de xestión de bitácoras de Blogger é a imposibilidade de crear seccións estáticas (non dinámicas), algo que si resolveu WordPress. É o único obxectable. Porén, a actualización nos últimos tempos é semanal (aproximadamente) e pódese rastrexar mediante lectores RSS e Atom.
Participación: O apartado no que mellor parada sae esta web. Permite comentar cada unha das entradas sen moderación previa (o único caso entre as organizacións políticas). Tamén ofrece a participación en enquisas, ainda que a puntuación eiquí non é plena xa que a día de hoxe a que amosa a bitácora está pechada dende fai xa un ano.
Comentario: Puxéronse as pilas de novo recentemente logo de moito tempo coa web parada e é moi de agradecer o xeito aberto de comentar as súas entradas. Estas, en embargo, son demasiado breves (pouquísima información, case un apuntamento, a diferencia do que ás veces publican na web matriz de EU-IU). Corrixindo isto, cun deseño menos anárquico no emprego de cores e tipografías e un mantemento regular poderían "existir" para Google e acadar o notable.

10/03/09

Mugardos en Internet (I)



Comezo hoxe unha serie de análises a webs de diversas entidades mugardesas. Van dende a Confraría de Pescadores ata a web do Concello de Mugardos, pasando polo Galicia de Mugardos e algúns (non todos) grupos políticos.
Establecin uns baremos ponderados para puntuar cada unha delas. Dividinos en tres: deseño e estrutura (20% da nota), contidos (50%) e participación (30%). Para o primeiro bloque atendín ao emprego de dominio propio, o posicionamento en Google, o aspecto visual, a opción de idiomas, a navegabilidade e o emprego de plug-ins. Sobre os contidos valorei a súa información non dinámica, a sindicación de novas e a súa actualización. No último dos bloques tiven en conta a posibilidade de facer comentarios aos artigos e a participación en enquisas.
De momento déixovos aí a clasificación resultante. Pouco a pouco irei debullando cada unha delas.

03/03/09

1M: Lecturas locais



Pois velaí os datos porcentuais. Dos fríos números cada quen poderá facer a súa lectura. Non parecen contradicir moito aos de votos absolutos: o PP sube, pero non tanto (2,3 puntos porcentuais); o PSOE baixa, pero non tanto (4 décimas); o BNG despéñase (-7,29 puntos); EU-IU recupera case un punto e TEGA entra en escea cun incerto 3,62% (112 votos).
¿A onde marchou ese 7,72 porcentual perdido polo bipartito en Mugardos? Cada quen terá a súa teoría. Os focos, iso si, apuntan inequivocamente ao BNG. Se cadra un pouco foi para EU-IU (¿a pesada lousa de Reganosa?), outro significativo é posible que fose parar ao partido de Xoán Gato e, a bo seguro, outra parte engordou o número de votos brancos ou nulos, ademais de contribuír ao aumento da abstención. Paréceme menos probable o trasvase cara o PP, que máis ben recuperaría o voto canso dos 16 anos de Fraga.
¿E agora? Agora o PP, cun candidato xoven como Juan Domingo de Deus, é de agardar que tente explotar a imaxe de doble cambio (cambio respecto do bipartito, cambio respecto da época Fraga) tamén a nivel municipal, e aproveite o factor "goberno amigo". Non será doado xogar a ser oposición e sustento da gobernabilidade a un tempo. O PSOE, tra-la dimisión de Touriño e o esvaecemento do efecto ZP, vive momentos de incerteza. Haberá que agardar, aínda que non se albiscan bos tempos se o PP logra facerse claro referente na oposición do Pleno mugardés. O BNG atópase nunha encrucillada: en Galicia cae, pero en Mugardos sube. Podería confiar cegamente na singularidade local, ou tomar boa conta dos custes de tentar ampliar o teito electoral a costa de debilitar os cimentos. En todo caso, parece que, como no PSOE, haberá que agardar polo que aconteza en vindeiras datas en Santiago. Tamén aos reposicionamentos locais, fundamentalmente populares. EU-IU pode debuxar, na vila, o sorriso agridoce do candil que aínda non se apaga, mentres agarda polas consecuencias que traerán estes resultados máis alá de Mugardos. E Xoán Gato, se cadra en vista dos datos, podería tentar de novo que dentro de dous anos, nas vindeiras municipais, as papeletas de Terra Galega luzan nas mesas electorais mugardesas.

02/03/09

1M: Mugardos is different



¿Que subiu a participación? Pois aquí baixámola. Quixera que os datos mostrasen porcentaxes de participación, pero isto é o que puiden conseguir. Con todo, parece que vendo as cifras de votos queda claro quen quedou na casa onte.
E agora, xornada de reflexión.