12/03/09

Mugardos en Internet (III): PP



A web do Partido Popular de Mugardos acadou o segundo posto nesta análise das principais webs da vila. É unha web aínda nova, aberta en xaneiro deste mesmo ano, cun alto ritmo de actualización, ainda que con importantes erros.
Deseño e estrutura: nin posúe dominio propio nin se integra na web do PPdeG e probablemente a súa recente creación ten parte de culpa de que aínda non apareza nas primeiras posicións de Google procurando "mugardos". Responde ao modelo de bitácora, como o de EU-IU e BNG e, como os primeiros, tamén emprega Blogger. Mais a diferencia destes, o PP de Mugardos desaproveita as etiquetas, non as emprega para clasificar os contidos das entradas, polo que a súa nota en navegabilidade baixa. O deseño debera ser menos caótico para conducir mellor ao visitante entre os seus contidos: demasiados cambios no formato dos textos, mal uso do aliñamento de imaxes... Todo isto poderá darlle aos seus administradores máis dun problema no momento en que decidan actualizar o plantel de deseño. A imaxe dunha ración de polbo á feira na cabeceira é... pintoresca.
Contidos: Como no caso de EU-IU, e debido á ferramenta empregada (Blogger), non dispón de información estática. Pola contra, e como comentaba ao inicio, a día de hoxe manteñen un ritmo de actualización case diario. Lamentablemente as entradas que dun ou doutro xeito tratan de Mugardos redúcense a 1/3 das totais, dedicando as restantes a reproducir contidos de ámbito galego ou estatal. Se incluimos isto como factor corrector en negativo a súa nota descendería a un 5,6 neste apartado e a un 5,4 na nota final (mantería a segunda posición).
Participación: O PP de Mugardos non permite facer comentarios ás entradas da súa bitácora, ainda que tiven en conta a existencia dun foro aberto ao que enlazan. Existe a posibilidade de participar en enquisas, mais actualmente as tres que teñen publicadas están xa pechadas (de novo só 1/3 céntrase neste Concello).
Comentario: Malia o segundo posto acadado nesta clasificación comete un grave erro de enfoque ao dedicar o groso dos seus contidos a información que os internautas xa poden atopar en moitas outras webs xeralistas e incluso de temática especializada (de non ser os propios redactores deses contidos incumprirían, nalgúns casos, a norma de mencionar as fontes). E en Internet o dito de "quen moito abrangue pouco apreta" cúmprese mellor que en calquera outro lugar. Quen entre na web do "PP de Mugardos" agardará atoparse coa visión do PP da actualidade política desta vila e non coa dimisión do Ministro de Xustiza, a xestión da Junta de Andalucía ou a opinión de Sarkozy sobre a crise en España (cando menos, sen un enfoque local).

1 comentario:

  1. Estimado Artritis:
    Vexo que a túa influencia é decisiva. O PP retirou a ración de polbo da súa páxina web.
    É curioso que se identifiquen coa gastronomía local. En cambio, a lingua non lles tira nadiña...

    MAXIMILIEN

    ResponderEliminar