Amosando publicacións coa etiqueta Eventos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eventos. Amosar todas as publicacións

20/01/15

Pancho na Memoria



Hai mes e medio recibía unha chamada de Bernardo Máiz Vázquez. Poñíame ao tanto dunha comisión que se formara en Pontedeume para recuperar a figura de Francisco Martínez Leira, o derradeiro dos combatentes en activo da resistencia contra a dictadura de Franco en Galicia. Lembrárase de min porque ao longo do 2014 tiveramos xa varias conversas arredor de Pancho co gallo do 60 cabodano que se cumpriría o 31 de decembro do 2014. Púxenme en contacto e ofrecinme a colaborar co Ateneo Eumés e Colectivo Terra, as dúas entidades que están tras dos actos organizados baixo o título "Pancho na Memoria". O programa finalmente desenvolverase en conxunto entre Pontedeume e Mugardos, celebrando dous actos en cada concello. O primeiro deles desbordou calquera previsión, ateigando o local que o Colectivo Terra ten nas vivendas de Boavista (Pontedeume) con arredor dun cento de persoas. Este venres, ás 19:30, Mugardos estrearase como vila anfitriona cunha palestra do profesor Máiz e o relato de testemuños directos no Salón de Plenos, que o Concello cedeu para a ocasión.

Este traballo de memoria está a xerar contidos que fican recollidos na web dedicada a Pancho e están servindo, ao mesmo tempo, para facer rexurdir unha páxina creada no Facebook hai case 5 anos (abril do 2010) que tentaba botar andar unha iniciativa popular para honrar a figura de Pancho Martínez Leira co nome dunha rúa mugardesa. A iniciativa recupérase agora para Mugardos e tamén para Pontedeume.

O día 31 de decembro, na ofrenda floral que lle fixemos no cemiterio de Meá, José Santiago Iglesias (fillo de José Manuel Iglesias) apuntaba con tino que estando media Europa chea de merecidos monumentos á resistencia contra a barbarie, era unha vergoña que no noso país ainda hoxe honrar a quen escolleu dar a vida por unha sociedade xusta sexa cuestión da cor con que se mire.

A traxectoria de Pancho é tan extraordinaria que fixo del un heroe segredo nos seus tempos, diferenciándoo doutros que tiveron que botarse ao monte o apoio popular que atopou na veciñanza mugardesa. Este venres tedes a oportunidade de coñecer os por-qués dese apoio e saber algo máis da súa historia, que tamén é a nosa.

O retrato que anuncia os actos pertenceu a unha muller que quixo manter sempre viva a memoria de seu irmán. Viva está.

02/07/14

A axenda imprescindible para o verán mugardés



A estas alturas poucos debedes quedar sen smartphone, ese mancontro de última xeración que para o último que empregades é para facer chamadas telefónicas. Pois se buscades por aí habedes de atopar unha app que vos sincroniza o Google Calendar, un calendario que vos vai notificando os eventos que tedes anotados na vosa axenda, ou os das axendas públicas aos que estades subscritos. E isto último é o que vos estou presentando: unha axenda pública cos eventos sociais, organizados por calquera tipo de entidade, que van xurdindo en todo o municipio de Mugardos neste verán do 2014, desde San Xoán de Piñeiro ata Mugardos, desde a Comisión de Festas de Meá e a Comisión de Caralladas ata o Club do Mar de Mugardos ou o Concello. Podedesvos subscribir a ela desde ese botonciño da esquina inferior dereita. O resto do verán poderédela consultar tamén na columna dereita deste mesmo blogue.

Recomendable para estar á última, que sei que sodes xente de estar á última.

17/02/14

Mugardos: 10 potencias



Un Dream Team. Iso mesmo podería ser o elenco de ilustres que este sábado 22 se darán cita na SAPG de O Seixo desde as 20:00 horas. Unha colección de xente deste municipio con cousas moi interesantes para contar e ser escoitadas.

En "Mugardos: 10 potencias" resúmense as capacidades non sempre (re)coñecidas de quen temos ao noso carón. Convídovos a facer a seguinte proba: convidade a un café a algunha das persoas relatoras, ou calquera outra a quen recoñezades un mérito especial (estamos rodeados delas). Preguntádelle con interese, escoitade e, sen vos decatar, abrollarán as ideas. Algo así será o que aconteza o sábado.

Cada un dos 10 relatorios disporá de 6 minutos e 40 segundos para presentar un tema no que destaca especialmente. Sen tempo a divagacións, indo ao concreto, ás ideas forza, cun denominador común en todos eles: a paixón polo que fan. Pode que polo nome coñezades alguén. Pode que de vista alguén máis. E moi probablemente moitas destas mugardesas e mugardeses ilustres sorprenderanvos co que non sabiades deles.

O proxecto é fermoso e ten percorrido. A lista de mugardesas e mugardeses ilustres non fica en 10. Hai moita xente máis ao noso arredor que pagaría a pena escoitar: Belén Toimil, Teresa Cameselle, Damián Alonso, Elisa Vázquez, Bernardo Máiz, Xoán Rubia... Facede a vosa propia lista e veredes como podería dar para moitas máis edicións.

A iniciativa recollérona xa Radio Fene e Praza Pública, e nos vindeiros días faranse eco dela algúns medios máis. Eu desde esta bitácora anímovos a asistir, escoitar e finalmente entablar conversas e intercambiar opinións e ideas entre todas e todos no post-relatorios.

Actualización: Tamén deron conta do evento en Ferrol 360 e Diario de Ferrol.

05/11/13

Samaín e Magosto en Ferrolterra



A festa por e para o pobo, sen institucións que a promovan (si, acaso, que a apoien). Queda aínda moito por facer.

Nota: O mapa, a bo seguro, estará incompleto. Mais é aberto ás vosas achegas e irá actualizándose con elas.

19/09/11

Mugardesas ilustres: A Comunidade O Zulo


A Asociación Comunidade O Zulo pechou onte a oitava edición do seu ciberencontro, o Kernel 2011. Un chamamento ao emprego e desenvolvemento de aplicacións informáticas non-privativas. Con esta oitava e edición recibiron a visita de La Sexta, canle estatal que se achega por terceira vez no que vai de ano por estes lares, para espallar aínda máis a voz que dende Mugardos chega xa a toda a península e fai da nosa vila un referente no apoio ao software libre. ¿E que ven sendo o Software Libre? Pois para a xente máis profana, velaquí unha boa explicación:

16/05/11

17 de maio: Mobilización expansiva pola lingua


Mañá o galego celebra o día das súas letras e a Plataforma Queremos Galego convoca concentracións sincronizadas polo país adiante e parte do estranxeiro. Na nosa bisbarra celebraranse boa parte delas. Velaquí tedes a relación de lugares activos e lugares indiferentes. Vémonos alí.

"A amizade protexe e o amor cura, o odio contaxia e fire, a indiferencia mata."
Lois Pereiro.

18/11/09

20N, ou a enxeñería caralletas no máximo esplendor



Sábeme mal ter tanto tempo parada esta bitácora pulpeira, de verdade que si. Ocórreseme que, para deixar mellor sabor de boca ao tempo que tentamos que a rutina do inverno restableza os ritmos perdidos, nada mellor que unha boa cita gastronómica.
Veredes, o que a Comisión de Caralladas Mugardesas argallou desta volta supera as máis altas cotas acadadas pola inxeñería festeira: un concurso popular de pinchos, aberto á participación de calquera e cun xurado popular que seredes todos vós, si, vós.
¿Que como vai furrular? Tentarei explicárvolo coa infografía que tedes eiquí enriba e algúns apuntamentos máis. Para vós é simple. Se queredes participar non precisades máis que aparecer entre as 21:00 e as 22:00 h. na Cervexería El Malecón cun prato cunha ducia de pinchos iguais. Se o que queredes é probalos só tedes que estar alí a partires das 22:00. ¿E o resto? O resto é tan sinxelo como emparellar os 12 pinchos de cada prato con outros 12 pinchos de pratos distintos, vendervos cada parella por 1,20 €* e darvos a responsabilidade de decidir cal dos dous que probastes prestouvos máis. Que participan 10 pratos, pois 60 pratiños. Que hai 20, pois 120 pratiños. Podedes papar tódolos pratiños de dous pinchos que queirades e poidades e en cada ocasión votar polo mellor. Cando rematedes as existencias recontaremos os votos de cada un e o declarado como pincho máis saboroso gañará o que déramos xuntado coa venta das vosas consumicións.
Poñede a auga a ferver, o aceite a punto e preparádevos para a máis exquisita das caralladas que teñades visto por estes lares. Hai pique, adiántovolo ;)

* Dos 1,20 € do pratiño de dous pinchos 1 € vai para o premio final e 0,20 € para os gastos da Comisión de Caralladas.

09/07/09

Inauguración Caralletas



Xa non queda nadiña para que o pebeteiro prenda lume e de comezo aos Xogos. E como mandan os cánones olímpicos, non hai pebeteiro que non prenda sen o paseo de rigor do facho olímpico. Así que este venres 10 ás 21:00 partirá da pulpería A Jarabeta o capitán da peña "Lonas" para darlle o relevo a "12 Meses 12 Causas", e logo a "Ronda Ya", e logo a "Endisque...", e logo a "Las Joyitas", e logo a "Ti, ti, ti e máis ti", e logo ás "Lerchas", e logo a "As Tradicións", e logo a "Franza Champions League", e logo "Los Infiltrados", e logo "Ancho Europeo", e logo "Los Pilindrines", e logo "Los Berenjenas", e logo "Zampa Rondas", e logo "Tokiskipataska", e logo "Tropezón" e finalmente a "Peñaca Ñaca", que prenderá lume á queimada para dar comezo a unha troula de 8 días sen parar que comezará co Ránking das Rondas como primeira proba puntuable. ¿E ti valo perder?

08/07/09

Olimpíadas de Peñas 2009



O prometido é débeda, e para saciar a sede de información de moitos/as caralletas velaí vos vai un FAQ das preguntas que máis facedes:
  • ¿Que é iso da Comisión de Caralladas? A Comisión de Caralladas somos todos/as os que queiramos ser, todos/as os que teñamos gañas de troula nesta Vila de Mugardos. Non hai que darse de alta en ningures, só participar opinando ou botando unha man cando argallamos algunha carallada.
  • ¿Como funciona? Empregamos o Facebook como ferramenta para comunicarnos. A día de hoxe somos 114 os caralletas apuntados ao grupo da Comisión de Caralladas. De cando en vez xuntámonos tamén nalgún local da vila, tomamos unhas cañas e debatemos cal vai ser a vindeira festa e como imos facer. Só tes que estar alí.
  • ¿Qué é iso das Olimpíadas de Peñas? Pois é a carallada máis grande que nos teña pasado polos miolos. Trátase dunha semana enteira de campionatos de todo tipo para facer competir ás peñas que tradicionalmente se forman na Festa do Polbo. Ao final de cada proba tódolos participantes obterán unha puntuación que se irá sumando nunha clasificación xeral que dará opción a tres grandes premios (medallas de ouro, prata e bronce).
  • ¿Como se participa? Quen queira só ten que aparecer alí durante a media hora previa ao comezo de cada proba. Nese prazo cada peña terá que elixir os seus dous membros que sumarán puntos para ela (no caso de probas por parellas terán que elixir dúas parellas). Así parten en igualdade as peñas pequenas e as grandes (hainas de 10 e hainas de 60).
  • ¿Hai que pagar algo? Nadiña, tódalas probas son de balde.
  • ¿Se non teño peña podo participar? Si, en calquera proba. Pero tes que ter en conta que dúas delas son colectivas (Canción de Tasca e Campionato de Brilé), polo que terías que procurar algúns amigos máis.
  • ¿Cando comezan e cando rematan as olimpíadas? Comezan o venres 10 ás 21:00 coa Cerimonia de Inauguración (como tódalas olimpíadas, cun desfile de facho olímpico e encendido de pebeteiro) e o VI Ránking das Rondas e rematan o venres 17 coa Subida de Carretillas e o Campionato de Dardos. Durante esa semana tódolos días hai como mínimo un campionato.
  • ¿Que premios hai? Xuntamos algo máis de 2000 € en premios. Os premios danse en billetes da Comisión de Caralladas, os caralleuros, que son vales para consumir nos establecementos da vila que teñan selado o seu reverso. Parte dos premios repártense aos gañadores de cada proba, pero os premios máis grandes son para os gañadores da clasificación final ao remate de tódalas probas (aproximadamente 500 caralleuros á mellor peña, 250 á segunda e 120 á terceira).
  • ¿De onde saen os premios? Dos establecementos da vila. A Comisión de Caralladas pediulles colaboración aos locais de hostalería e dende eiquí temos que dicir que se portaron todos de 10 dende o primeiro día. A argallada tamén chegou a oídos de algúns comercios que se sumaron e seguramente serían máis os que participasen, pero non dimos abasto. Pedímoslles desculpas a tódolos que quedasen sen a visita da Comisión.
  • ¿E o calendario das probas olímpicas? Iso mañá, que hoxe é tarde xa... ;)

06/07/09

Ránking das Rondas - Edición Olímpica



Si, si, si, xa o sei, dende a Comisión de Caralladas temos unha demanda de información sobre as Olimpíadas de Peñas grandísima, pero é que amasamos tanta troula que non damos feito. Primeiriño de nada, anunciarvos unha nova edición do máis célebre campionato de dados que se celebre nesta parte da Vía Láctea. Botaremos por fóra, máis que seguramente. Pero desta volta virá adobado por moooitos máis motivos para que as Festas de Mugardos fagan pequenas ás Festas das Peras de Pontedeume. Ireivos informando.
¡Saúde e festa!

13/04/09

Collendo carreira para o verán



Velaí tedes a progresión do (probablemente) campionato de dados máis popular de todo o país. Simplemente un éxito. E agora andade atentos porque para as festas do verán a troula que vai montar a Comisión de Caralladas non vai ser cousa dun día ;)

11/04/09

post-V Ránking das Rondas



Cen rondistas, cen, que se di pronto, déronse cita unha vez máis no templo das rondas mugardesas para dirimir quen fai rodar mellor os dados polo tapete. Por terceira edición consecutiva o Ránking ten nome feminino. Os dados parecen cousa de mulleres ;)

04/04/09

V Ránking das Rondas



Ano 30 d.C., os romanos crucifican a Xesús e mentres agardan que morra bótanlle unhas rondas. Eis a demostración da milenaria tradición que este venres habemos de honrar na V Edición do Ránking das Rondas.
Porque, miñas donas e meus señores, imos xa polo quinto Campionato Mundial de Rondas Mugardesas. Si, si, comezámolo o véspera de reis do 2008 con 16 parellas e un ano e tres edicións despois chegamos ás 41. A cuestión de xénero está igualada. O Ránking xa coroou a dúas parellas de reis (Ránking I e II) e outras dúas parellas de raíñas (Ránking III e IV). Xa vimos enfrontamentos fratricidas, xa vimos a fillos gañarlle a pais, alumnas derrotar a mestres, mozas humillando a seus mozos, xa vimos rondistas tuneados... e os premios foron aumentando campionato tras campionato.
Xa non hai que agardar máis. Non hai inscrición previa que faga falla, buscade parella e aparecede alí, no Trope, entre as 20:30 e as 21:00 do venres santo. Loitade como gladiadores romanos e coroádevos Reis do Ránking das Rondas ata que a edición pulpeira vos destrone... ou non!

17/02/09

I Campionato de Chinchimoni



¿Pensabades acaso que iamos deixar o Entroido orfo de carallada? Malpocados...
Preparade as moedas, pechade os puños e calculade quen poderá gañar o I Campionato de Chinchimoni. Si, chinchimoni. Nin arrimao nin farrapos de gaita. Observa aos teus rivais, calcula ben e loita polo triunfo final ou queda no camiño.
O venres habémonos de ver as caras... e por esta vez, habemos de chegar aos puños.
¿Quedas ou ves?

30/12/08

O Ránking das Rondas



Xa está aquí unha nova edición do campionato de rondas máis popular a este lado do meridiano de Grenwich. Marcade o 3 de xaneiro no calendario e apuntade as 20:30 como comezo da fase de inscrición. Ás 9 os dados comezarán a rodar polos tapetes do Tropezón ata dirimir a parella que reinará na vila ate, cando menos, a Santísima Edición.
Non hai volta atrás, os rondistas multiplícanse en cada novo campionato e o Ránking das Rondas ten que estar á altura multiplicando tamén os premios. Cada victoria terá premio ata os cheques finais por valor dun par de camisolas pulpeiras exclusivas.
¿E ti que, xa tes parella?

29/12/08

Solteiros 3-1 Casados



Si, retraseime un pouquiño, xa sei. Cousas do reparto do tempo. Ter teño cousiñas que contar, pero hoxe, por petición popular, vou deixarvos aquí o resumo do que foi o duelo e posterior reconciliación entre os casados e aínda non casados do pobo.
Pode que escoitárades versións distintas sobre o resultado final, pero decidín empregar o mínimo común múltiplo para evitar que os pobres casados durman no sofá unha semaniña enteira.
En breve máis cousiñas, prometido ;)

01/08/08

Solteiras vs Casadas: o desquite



Chegou o día do desquite. Chegou o día no que as mugardesas con alianza poderán resarcirse do duro correctivo inflixido polas mozas solteiras aló polo mes de febreiro. Mañá sábado, ás 18:30 no campo da Pedreira unhas e outras volveranse a ver as caras. O ruxe ruxe apunta a que houbo movementos no mercado de fichaxes e desta volta a contenda vai andar máis parella. As espadas están no alto.

Alea jacta est!

22/03/08

II Campionato Mundial de Rondas Mugardesas



Rematou (coa miña saúde) unha nova edición do Ránking das Rondas. Un novo éxito de participación e ambiente. Ata cincuenta rondistas se deron cita no Trope para loitar pola coroa que os acreditase como Reis das rondas mugardesas.
A edición pulpeira, en tempos do patrón, agarda xa por todos nós.

15/03/08

Ránking das Rondas - Santísima Edición



Xa está aquí unha nova edición do Ránking das Rondas, logo do éxito da súa estrea. De novo en datas de arrexuntamento pulpeiro e novamente no local de rondas mugardesas por excelencia (amén da consulta popular do seu día): O Trope!
A cita: o venres santo, dende as 20:30. Ide quentando as bonecas porque a participación nesta ocasión promete bater récords. Haberá premios, se non vos considerades xa premiados con chegar á finalísima. Andade antentos e abride boca lembrando as orixes.

E mira que son ateo, eh... :)