Amosando publicacións coa etiqueta Galicia de Mugardos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galicia de Mugardos. Amosar todas as publicacións

25/03/11

O duodécimo xogador na Pedreira


Custou moito tempo recuperar unha categoría que ao Galicia lle pertence pola súa historia, pola súa masa social, polo seu prestixio como un dos mellores clubs aficionados de Ferrolterra. A do ano pasado foi a mellor clasificación do Galicia de Mugardos en 25 anos, desque a mediados dos 80 rematara 6º, naqueles tempos nos que chegara a rozar cos dedos da man a Terceira División.

Os tempos seguen sendo bos, o Galicia segue loitando na división de prata do fútbol galego, pero a realidade demóstranos o excepcional da campaña pasada e lémbranos o que custa a categeoría. Hai seis anos non fomos quen de manternos. Tardamos catro tempadas en volver, pero non queremos marchar.

O domingo ás 17:00 a afición galicista será o duodécimo xogador no campo da Pedreira. Contra o Foz romperemos esa xeira de sete partidos sen coñecer a victoria que nos condena ao sufrimento. Son cinco as citas que restan na Pedreira, só cinco, e o equipo precisa dos seus seareiros. Pagará a pena, como nas grandes xornadas que nos ten ofrecido.

04/06/09

...e os alevíns foron subcampións de Copa



A tempada futbolística vai rematando e, vendo o balance final, podemos asomar un bo sorriso:
  1. Ascenso do primeiro equipo á Rexional Preferente.
  2. 3º posto do Galicia B na Segunda Autonómica o ano da súa estrea.
  3. Semifinais da Copa da Ría en categoría xuvenil.
  4. 3º posto do Galicia na Segunda Autonómica Infantil.
  5. 3º posto do Galicia na Primeira Autonómica Alevín (fútbol-7)
  6. Subcampionato da Copa da Ría Alevín.
Vendo semellante demostración de talento pulpeiro un xa sospeita que, se máis clubs deportivos tivesemos (especialmente femininos), máis amasabamos pola ría adiante ¿acaso non?

19/05/09

O derbi (case) perfecto



Poucas veces coincidirán tantas circunstancias darredor dun derbi entre mugardeses e aresanos.
  1. O Galicia participa na Copa da Ría co seu segundo equipo, ateigado de mugardeses, para que non protesten os de Ares.
  2. Galicia B e Numancia coinciden dende este ano na Segunda Autonómica. Os dous partidos (o de aquí e o de acolá) gañámolos nós.
  3. O sistema de competición é, ata que cheguen as semifinais, a un único partido, polo que o do domingo é decisivo.
  4. A final este ano xógase en Prados Vellos (Ares). Eliminar ao Numancia suporía a) deixalos sen a "súa" final e b) achegarse un chanzo máis á meta de gañar a Copa en Ares.
  5. O sábado pasado o Numancia de Ares gañaba a Copa da Ría xuvenil e como non deberon de atopar xente en Ares que lles seguise a festa viñeron a Mugardos, por ver se nos chinchaban un pouco.
Disque quen rí último rí mellor ;)

Actualización: Vaia, pois ao final riron os do Numancia de últimos... ¡pero que ben se está en Preferente!

27/04/09

E á cuarta foi a vencida



Que digo eu que xa nos ía tocando, ¿ou?
O Val non puido gañarlle ao Bertamiráns e consumouse o ascenso matemático do Galicia a falta de dúas xornadas para o remate da liga. Fíxose raro non celebralo no campo, que é como prestan estas cousas, pero disque, se cadra, en quice días despedimos a tempada na Pedreira fronte ao Orillamar cunha churrascadiña e esa troula da que tanto gostamos por estes lares.

24/04/09

Copa 2009



Xa temos os emparellamentos de dezaseisavos e oitavos de final dunha Copa de Ferrol 2009 que este ano trae unha importante novidade: as eliminatorias seran a un único partido ata as semifinais. O sorteo quixo que o Galicia comece recibindo a un clásico, o Cedeira, no campo da Pedreira, onde tamén se xogaría o seguinte cruce fronte ao Numancia ou o Aspirantes. No ano en que a final se celebra en Prados Vellos queda xa desbotado o gran derbi de Bezoucos. Cachissss.

20/04/09

Primeiro match ball



Tres ascensos frustrados despois semella que este ano, cando menos, a psicose colectiva que agarrotaba aos xogadores galicistas nas derradeiras xornadas da tempada non vai ser tal. Desta volta son os que veñen detrás os que perden folgos e son os nosos os que fan os deberes.
E así, por fin, esta semana as frías matemáticas din que xa temos a primeira posibilidade de celebrar o regreso á Rexional Preferente. Fará falla gañar o sábado na Pedreira ao Meirás e que o Val non gañe o domingo na súa visita ao Bertamiráns. ¿Irá desta?

18/03/09

Mugardos en Internet (IV): Galicia, S.D.C.



A do Galicia de Mugardos é a primeira web non politica neste particular ránking da rede mugardesa.
Deseño e estrutura: Con dominio de seu e malia unha estrutura moi básica e artesanal consegue asomar, en ocasións, na primeira páxina de resultados de Google. A súa simplicidade axuda tamén a que a navegación sexa doada e non se precisen plug-ins. Porén, esta eiva pode ser tamén culpable na grande oscilación que sofre nos posicionamentos do buscador.
Contidos: Conta con ampla información sobre o club, galería de fotos, táboas clasificatorias de tódalas categorías ao día, etc. A mágoa é que a actualidade fica agochada na sección "Noticias" no canto de aparecer en portada. Este cambio axudaría a aliviar un pouco o feito de non ter sindicación de contidos, outra das consecuencias da súa simplicidade.
Participación: A web non contempla a posibilidade de interactuar con comentarios sobre as novas ou a participación en enquisas e/ou un foro.
Comentario: A do Galicia é a web máis modesta do lote e, nembargantes, obtén unha meritoria terceira posición grazas ao esforzo por suplir as súas eivas cun mantemento semanal. Un pequeno cambio como sería pasar a sección "Noticias" á portada axudaría a reforzar ese punto forte, xa que o/a visitante comprobaría dende a primeira páxina de carga as actualizacións dende a última visita. O seguinte sería pasar a un sistema dinámico de contidos (Blogger, WordPress, etc.) xa que, a bo seguro, habería de ter un bo número de bitácoras de toda a volta facendo seguemento deles.

09/11/08

Vento en popa



1ª Autonómica Grupo I
Galicia de Mugardos 6-0 Unión
2ª Autonómica Grupo II
Narón B 2-5 Galicia de Mugardos B

Hai quen teima no do dobre ascenso ;)

19/06/08

A finalísima



Espabilade, porque andamos apuntando canta xente se ven de ronda-xantar-final o sábado 28 a San Sadurniño para animar ao Galicia de Mugardos e traernos de volta outra Copa da Ría máis para o pucheiro. Si, vale, aínda hai que xogar o partido de volta, pero despois do 0-4 da ida, se os rapaces de Cata perden de 5 contra o Miño os corremos a gorrazos e os facemos pagar as camisolas :)

O conto é que precisamos saber canto antes a xente que se vai animar á festa copeira previa á finalísima. No máis selecto dos locais pulpeiros tedes onde anotarvos. Non tedes máis que preguntar. Déixovos o debuxo da camisola deste ano. ¿Mola?

09/06/08

A pola Copa!



Con moi bo criterio, a meu entender, a Delegación de Ferrol da "Federación Gallega de Fútol" (sic) mantén o mesmo trofeo des que instaurou o novo formato de Copa. Esta é a súa novena edición e das oito anteriores o Galicia gañou 3 e perdeu outras dúas finais.
Hoxe celebrouse o sorteo de semifinais. O Miño agarda por nós. Pola rede xa circúla o "podemos" pulpeiro e eu, claro, non me puiden resistir a aportar a miña versión ;)

03/06/08

Os cromos do Galicia



Onde o mundo deixa de chamarse Mugardos disque os nenos xuntan cromos dos raúles e ronaldinhos que só poden ver pola tele. Nós, neste pequeno universo pulpeiro, temos o noso propio firmamento futbolístico brillando cada semana na Pedreira e a xente nova e menos nova pode coleccionar xogadores de carne e oso, amigos, veciños, fillos ou irmáns só con achegarse a Sport 88 e pedir "os cromos do Galicia". É, sen ningunha dúbida, o proxecto máis fermoso no que me teño embarcado a día de hoxe. Proxecto que non fai máis que comezar e promete ampliar a constelación mugardesa ata onde unha estrela verde (a máis nova ou a máis vella) brille con luz propia.

07/04/08

Mugardeses ilustres: Caco



Pois tiña pensado dedicarlle a entrada ao ascenso do Galicia B, pero unha vez escollida a foto case que o vou facer dun xeito implícito e poñer de releve a ese home de bigote que estades vendo aí tan pleno e merecidamente empapadiño, como manda a tradición. Un ilustre do pobo e un home-bo. ¡Noraboa, Caco! ¡Noraboa a todos vós, rapaces! ¡Noraboa Mugardos!

02/04/08

O día F do equipo B



Mugardos échevos unha vila festeira. Poucos poden presumir de ter un circuíto rondeiro tan ben definido coma o noso, que comeza no Jarabeta e remata... poñamos que no Trope. As gañas de festa son tal que cando non hai, inventámola. E así é como os rapaces do "Equipo B" do Galicia decidiron que xa ía tocando celebrar algo e propuxéronse ascender este mesmo sábado no campo do Cabanas, alí xunto á praia. E iso só para abrir boca, porque aínda pode caer o título de liga.
Se todo sae ben a noite do sábado promete ser longa. Achégase o día F (de "Festa") do Equipo B.
Agardámosvos en Cabanas... e logo na vila ;)

03/03/08

O Galicia 2007-08



Facía ben tempo que non pasaba unha tarde resacosa de domingo vendo ao Galicia xogar na Pedreira. Tiveron que ser motivos laborais os que me arrincaron dunha merecida sesta, pero finalmente pagou a pena. 3-0 ao Dumbría, afianzamento no liderato da Primeira Rexional e un chanzo máis na escaleira que nos podería subir ata un título ligueiro que os mugardeses non coñecemos dende o 1980. E iso que este ano pode chegar por partida dobre (o Galicia B ándalle soprando na caluga ao San Pablo).
Fixen moitas fotos de nuestro señor, pero non as podo colgar porque son para un proxecto en xestación que vai ser unha chulada. Tede paciencia. O que si deixo para todos é a foto do plantel. Descubriredes así a colección de fotos do Galicia que pouquiño a pouquiño veño pendurando do Flickr (quería ser unha sorpresa, pero vaia...).