16/06/23

Mugardos e a paz social

Tuviste una oportunidad y la dejaste escapar.
No hay nada que ahora ya puedas hacer,
porque a tu lado yo no volveré.

"Déjame", Los Secretos. 


Na miña opinión, Evaristo Deus e o BNG foron quen mellor lectura fixeron do momento político en Mugardos. Un candidato tranquilo, diplomático, con experiencia de goberno, representante dos mellores momentos do Bloque no pasado.

O pobo mugardés chegou á xornada electoral do 28M esgotado tras 12 anos de inestabilidade. Desde aquel 2011 no que PP e EU apuraron ata a madrugada do último día para chegar a un acordo e quitarlle a alcaldía ao BNG de Barcia. Desde entón, unha reconciliación en 2012 entre BNG-EU, unha concelleira tránsfuga, unha marea que irrompe con forza en 2015 cunha consulta popular que salta polos aires e dá a alcaldía ao PP de Juan Domingo, un brote de fake-news falando de 18 millóns desaparecidos do Concello, unha moción de censura en 2016 entre EU-ICM-BNG que lle dá a alcaldía á EU de Pilar Díaz, unha ruptura desa coalición aos 14 meses cando BNG e ICM marchan incapaces de controlar a unha alcaldesa desbocada, unha nova coalición en 2019 entre EU-PSOE que só resiste 4 meses ata que os socialistas rachan con argumentos similares a BNG e ICM, unha nova moción de censura que devolve a alcaldía a Juan Domingo, unha sentenza que obriga ao Concello a devolver case 6 millóns de euros a Reganosa...

Cada candidatura botou as súas contas. Nos plans do PP estaba subir en votos. Se cadra para chegar aos 6 escanos. A maioría absoluta case imposible. Nos plans de EU estaba subir en votos, apañando o voto de castigo ao PSOE por terlles feito a moción de censura. Nos plans do PSOE estaba resistir a marexada, tal vez gañando o recoñecemento por unha oposición dura contra o PP pero sen bloqueos. Nos plans do BNG había un borrón e conta nova, a candidatura máis renovada de todas para recuperar o sentidiño e os tempos nos que se sacaban proxectos adiante.

Cos resultados na man, as miñas conclusións son claras: o PP non só non gañou votos, senón que perdeu case 150 e baixou desa cifra simbólica que son os 1.000. Juan Domingo, que non entende como a súa excelente xestión puido ter tal castigo, tardou pouco en botarlle a culpa á xente, que vota mal porque "está moi ideoloxizada". EU levou o pau máis grande, case 350 persoas que en 2019 lle deran o voto a Pilar Díaz decidiron que xa non, que unha oportunidade si, incluso dúas, pero quedaba claro que os seus gobernos eran máis un problema que unha solución. O PSOE resistiu. Poucos contarían con que José Ángel mativese os 3 edís logo da moción, pero mantívoos. Tomen nota. E o BNG, con Evaristo á fronte, apañou ese voto que pide osíxeno a berros, que necesita un pouquiño de paz social e calmar as augas.

Pero conclusións hai moitas, cada quen ten a súa. A máis pintoresca, ao meu ver, a da propia Pilar Díaz e, por asimilación, de Esquerda Unida: "o PSOE é culpable de que goberne o PP, que fixo moito mal, polo tanto non imos permitir que goberne o PSOE e deixaremos que siga gobernando o PP". Unha interpretación surrealista que dificilmente representa o sentir das 435 persoas que aínda lles votaron.

O BNG quedou a 105 votos do 4 escano, que lle tería quitado ao PP. De repetirse hoxe as eleccións teño clarísimo que eses 105 votos, e bastantes máis, sairían da conta de EU, que quedaría con 1. A coalición BNG-PSOE tería maioría absoluta e Pilar Díaz pecharía a súa biografía política sen necesidade de pasar por esta aldraxe. Pero ao pobo só lle deixan falar cada 4 anos, que poden ser moitos ou poucos, dependendo. Iso si, cando fala, fala.