Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións

26/02/09

Os pecados da festa



Festa, esmorga, troula, xolda, calquera destas palabras debera valer para referírmonos aos magostos, aos entroidos, ás festas outrora populares e hoxendía institucionalizadas polos concellos do país. Xolda, troula, esmorga, festa, pero non saqueo.
Unha nova caste de pseudo-festeiros abrollan cada vez que a palabra "de balde" acompaña ao reparto de castañas, orellas e sardiñas. Pseudo-festeiros a só un paso (se non o deron xa) de presentarse tupperware en man para enchelo axiña e liscar. Pseudo-festeiros que secuestran a festa para non gozar dela, nin deixar gozar. Pseudo-festeiros avarentos, pseudo-festeiros do "canto máis para min, mellor".
E non, as cousas non deben ser así. A festa é nosa, dos festeiros. A festa é de quen a goza. A festa non debe rematar cando a cobiza dos pseudo-festeiros volatiliza a ben chamada "vergoña do galego", a última orella, a última castaña. A festa non é media hora de catering gratuíto. Non debe selo. A festa para quen a traballa.
Temos que reinventar a festa para os festeiros. A esmorga, a troula, a xolda. E que os pseudo-festeiros fiquen cos seus cafeliños e o cú ao quente ou se unan. Pero nunca máis deben roubarnos a festa.
Estramos traballando niso.

17/02/09

I Campionato de Chinchimoni



¿Pensabades acaso que iamos deixar o Entroido orfo de carallada? Malpocados...
Preparade as moedas, pechade os puños e calculade quen poderá gañar o I Campionato de Chinchimoni. Si, chinchimoni. Nin arrimao nin farrapos de gaita. Observa aos teus rivais, calcula ben e loita polo triunfo final ou queda no camiño.
O venres habémonos de ver as caras... e por esta vez, habemos de chegar aos puños.
¿Quedas ou ves?

30/01/09

Entroido 1991: A Casa do Reloxo



Ano 1991, faltaban catro meses para as municipais nas que Fariña, malia ser o candidato máis votado por IU-EU, cedería o bastón a Ramón Toimil mercede do pacto entre PSOE e PP. Iso si, no ambiente semella que xa había fartura do entón alcalde. Para daquela na vila non había nin pavillón polideportivo, nin Casa da Cultura a xeito, nin Biblioteca en condicións (en realidade no 2009 seguimos sen tela), pero vese que se estaba "traballando" no asunto cun proxecto de local cultural na Casa do Reloxo (emblemático edificio que 18 anos despois segue a velas vir).

Música: A saia da Carolina
Letra: Os Rumbeiros da Pedreira


Si ves a Mugardos
ven en avión
porque por estrada
chegarás ou non
chegarás ou non
chegarás ou non
si ves a Mugardos
ven en avión.

Fariña vai xa pensando
en baixarte da poltrona
que non pode ser alcalde
tanto tempo unha persona.

(retrouso)

Como imos facelo pan
si quedamos sin Fariña
esperamos que o relevo
sepa algo de cociña

(retrouso)

Esa casa do reloxio
moito vos dou que falar
e os da Xunta de Fraga
os seus viñéronlla dar.

(retrouso)

Había un proxecto feito
para a Casa da Cultura
por culpa da Cofradía
foi parar á barredura.

(retrouso)

As obras que hai empezadas
disque van rematar pronto
hai un concellal de obras
que non ten pelo de tonto.

27/01/09

Entroido 1990: Manolo "o dos tirantes"



Manuel Fraga Iribarne desembarcaba en Galicia coa campaña "Galego coma ti".

Música: Cielito lindo
Letra: Anónima (por si acaso)


Ai, ai, ai, ai, ahora de vello
de vello e fracasado
ven pra Galicia o condanado.

Ai Galicia querida
que pouco pensana algúns en ti.
Puxéronche un presidente
que non quixeron aló en Madrid.

Ai, ai, ai, ai, ahora de vello
de vello e fracasado
ven pra Galicia o condanado.

Non queremos queimadas
pois xa de lume imos ben aquí.
O que a nós nos fai falla
no vai traer ninguén de Madrid.

Ai, ai, ai, ai, ahora de vello
de vello e fracasado
ven pra Galicia o condanado.

Entrou no Parlamento
ó son da música dos gaiteiros
ai Manolo "dos tirantes"
este é un goberno de larpeiros.

24/01/09

Entroido 1989: O Galicia estreaba directiva e Fariña gobernaba




Era o ano da estrea dos Rumbeiros. Manuel Fariña cumpría o seu sexto ano como Alcalde, o segundo desde a separación de IU-EU. O Galicia, que ano e medio antes descendía da Rexional Preferente, viña de nomear a Alfredo Díaz Bravo como Presidente substituíndo a Agustín Martínez Silva. Esa tempada os infantís (na foto) gañaban a Liga e a Copa. No verán seica houbo sequía.

Música: ¡Ay, Mamá Inés!
Letra: Os Rumbeiros da Pedreira


Si te queres un
pouquiño divertir
pola zona da
Pedreira tes que ir.

Olé, olé, olé, olé
os da Pedreira cantamos moi ben.
Olé, olé, olé, olé
os da Pedreira cantamos moi ben.

Rexurden na nosa aldea
os festexos populares
emigrantes e máis Reis
e agora os carnavales.

Olé, olé, olé, olé
os da Pedreira cantamos moi ben.
Olé, olé, olé, olé
os da Pedreira cantamos moi ben.

Temos unha comisión
que non ten moita experiencia
pero hai un larguirucho
que é o que pon a sapiencia.

Que non se meta ningún lambón
para facer festas temos comisión.
Que non se meta ningún lambón
para facer festas temos comisión.

O Galicia de Mehá
ó cambiar o presidente
formou unha directiva
traballadora e valente.

Entrenador, entrenador
para campeón hai que xogar mellor.
Entrenador, entrenador
para campeón hai que xogar mellor.


Non nos poñen marquesiñas
para esperar o ideal
cada un co seu paraugas
todo o ano e carnaval.

Puxeron faroles novos
pola beiriña do mar
pero polas corredoiras
non se pode atravesar.

Señor Fariña, señor Fariña
para a Pedreira non hay pesetiña.
Señor Fariña, señor Fariña
para a Pedreira non hay pesetiña.

Xa temos auga abundante
que a mandan do Ferrol
e o viño dos nosos bares
xa sabe moito mellor.

E co da sequía, ai taberneiro
vas a gañar moi pouquiño diñeiro.
E co da sequía, ai taberneiro
vas a gañar moi pouquiño diñeiro.