20/01/15
Pancho na Memoria
Hai mes e medio recibía unha chamada de Bernardo Máiz Vázquez. Poñíame ao tanto dunha comisión que se formara en Pontedeume para recuperar a figura de Francisco Martínez Leira, o derradeiro dos combatentes en activo da resistencia contra a dictadura de Franco en Galicia. Lembrárase de min porque ao longo do 2014 tiveramos xa varias conversas arredor de Pancho co gallo do 60 cabodano que se cumpriría o 31 de decembro do 2014. Púxenme en contacto e ofrecinme a colaborar co Ateneo Eumés e Colectivo Terra, as dúas entidades que están tras dos actos organizados baixo o título "Pancho na Memoria". O programa finalmente desenvolverase en conxunto entre Pontedeume e Mugardos, celebrando dous actos en cada concello. O primeiro deles desbordou calquera previsión, ateigando o local que o Colectivo Terra ten nas vivendas de Boavista (Pontedeume) con arredor dun cento de persoas. Este venres, ás 19:30, Mugardos estrearase como vila anfitriona cunha palestra do profesor Máiz e o relato de testemuños directos no Salón de Plenos, que o Concello cedeu para a ocasión.
Este traballo de memoria está a xerar contidos que fican recollidos na web dedicada a Pancho e están servindo, ao mesmo tempo, para facer rexurdir unha páxina creada no Facebook hai case 5 anos (abril do 2010) que tentaba botar andar unha iniciativa popular para honrar a figura de Pancho Martínez Leira co nome dunha rúa mugardesa. A iniciativa recupérase agora para Mugardos e tamén para Pontedeume.
O día 31 de decembro, na ofrenda floral que lle fixemos no cemiterio de Meá, José Santiago Iglesias (fillo de José Manuel Iglesias) apuntaba con tino que estando media Europa chea de merecidos monumentos á resistencia contra a barbarie, era unha vergoña que no noso país ainda hoxe honrar a quen escolleu dar a vida por unha sociedade xusta sexa cuestión da cor con que se mire.
A traxectoria de Pancho é tan extraordinaria que fixo del un heroe segredo nos seus tempos, diferenciándoo doutros que tiveron que botarse ao monte o apoio popular que atopou na veciñanza mugardesa. Este venres tedes a oportunidade de coñecer os por-qués dese apoio e saber algo máis da súa historia, que tamén é a nosa.
O retrato que anuncia os actos pertenceu a unha muller que quixo manter sempre viva a memoria de seu irmán. Viva está.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)