Podería ficar no BNG, ao quentiño e sen dar chío mentres un tal líder fai e desfai á súa maneira, á súa propia, sen contar con ninguén máis. Agardar á calada mentres observo o
uso partidista da web do Concello que nunca lle consentiríamos ao PP. Aturar pacientemente a
deriva tabernaria do blog da organización, dedicada agora a discursos chouriceiros (así, literalmente). Gardar incómodos silencios mentres xente da vila che describe a penúltima actitude lamentable dalgún membro do goberno (como insinuarlle aos comerciantes que a súa campaña de "EU corazón MUGARDOS" era publicidade encuberta a prol de Esquerda Unida [!?]). Demencial.
Pero resulta que a miña miopía política impídeme ver máis intereses que os do propio país, e os da miña propia vila. Velos á miña maneira si, como cada quen ten a súa propia visión das cousas. Eu, á miña visión mugardoscéntrica do universo, adoito darlle un toque... chamémoslle "
galeguista", e digamos que "
participativo", ou todo o que se poida. Outros terán outro xeito de ver as cousas. Totalmente lícito mentres non se tente vender o que non se é.
Así que ficar inutilmente agardando tempos mellores, deixando pasar catro, oito, doce anos da vida observando como en Mugardos seguimos sen unha verdadeira Biblioteca, ou unhas
bases de concesión de subvencións ás sociedades transparente, ou un desenvolvemento urbanístico racional e sustentable, ou uns
orzamentos participativos prometidos xa fai oito anos e dos que nunca máis se soubo, ficar observando iso mentres desfollaba a margarida
partido-país deixou de ser unha opción. Gañou o país. Gañou a vila. Así
remata un capítulo
e comeza outro. E sinto alivio.
Por min, Xosé Fernández Barcia pode dedicarlle toda a bitácora do BNG de Mugardos a leas de nula elegancia política con Juan Domingo de Deus, quen tamén
entra gustoso no xogo do desprestixio da política. Poden gozar coma nenos do seu intercambio de ditos populares, citas célebres e montaxes fotográficas cutres e de pésimo gusto. Hai mundo máis aló da taberna mediática.
Boa entrada de ano. A ver se damos arrancado, que hai moito que dicir.