Amosando publicacións coa etiqueta Política. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Política. Amosar todas as publicacións

25/10/24

O botón de gobernar

 

Di Juan Domingo Deus, insistentemente, que nada pode facer por moito que leve cinco anos continuados como Alcalde de Mugardos, porque todo, todo, todo é bloqueado sistematicamente pola oposición. Que nada disto sucedería se tivese maioría absoluta, ese poder que nunca lle concede o pobo.

Alguén despistado podería pensar que esta situación extraordinaria que vive Mugardos, cunha poboación ao límite da paciencia, é culpa dunha situación extraordinaria tamén no político, xa que nunca un goberno municipal afrontou a xestión municipal cunha desvantaxe de 5 contra 8. Mágoa de realidade para Juan Domingo.

Porque a realidade é que Mugardos leva vinte anos sen un goberno con maioría que lle dure. Desde que o PSdeG de Ramón Toimil deixou en solitario ao BNG de Barcia no segundo ano do mandato 2003-2007, ninguén volveu saber o que era ter unha maioría estable. Tívoa durante 14 meses a EU de Pilar Díaz coaligada con ICM e BNG, entre 2016 e 2017, e volveuna ter 5 meses en 2019 co PSdeG. Pero nin soubo nin quixo retela.

Dato mata relato. Juan Domingo Deus, tras 5 anos na alcaldía con practicamente o mesmo equipo de persoas, mantén o goberno máis lonxevo da democracia actual. Debería ser tempo suficiente para aprender a buscar maiorías como fixeron antes del os seus predecesores. O BNG do 2007 soubo facelo tamén con 5 edís. O PSdeG do 1995 con 4. O PCG do 1983 con 6… e Mugardos non entrou en colapso institucional como vai camiño de facelo co pior alcalde da democracia (dato obxectivo se temos en conta que nunca antes houbo unha concentración de protesta tan numerosa).

Juan Domingo leva 3 anos sen poñer enriba da mesa un borrador de orzamentos, unha ferramenta básica para gobernar con axilidade. Dixo recentemente, nunha entrevista na radio, que vai facelo en breve pero que, total, a oposición vaillo bloquear. 3 anos sen poñer un borrador enriba da mesa… Non é o único que está derivando en problemas no día a día da veciñanza, tampouco afronta a reforma de ordenanzas que necesitan actualizarse (como as da Escola de Música) e, en xeral, non somete nunca nada a negociación cos demais grupos municipais. Non é que non chegue a acordos, é que non os busca. Non é casualidade. Fía todo a repetir o da "oposición destructiva" mil veces sen saír do búnquer, ata que llo crean. E isto si que é unha situación extraordinaria, nunca antes vivida en Mugardos.

Xestionar un concello é algo máis que pasar un par de tardes polo despacho da alcaldía e pulsar o botón de gobernar. En democracia o título de "partido máis votado" non che dá dereito a roubarlle ao resto dos representantes o seu dereito a representar. En democracia a palabra clave é "maioría" e, se non a tes, estás na obriga de buscala. E se non estás disposto nin a intentalo, mellor marcha para casa.

23/05/24

Malos tempos para ser guía oficial en Mugardos

Este é Antonio Montenegro*, ten 37 anos e é de Barracido (San Xoán, Mugardos). É Técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística. Ademais de falar galego e castelán ten un C1 de portugués, que aprendeu por parte de pai, e un B2 de francés. Desde 2015 ten o carné que o acredita como Guía Oficial de Turismo de Galicia e tamén está afiliado á Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia.

A guías como Antonio a lei protéxeos desde 2015 do intrusismo laboral, de xeito que só quen acredita ser guía oficial pode impartir visitas guiadas a través dos Bens de Interese Cultural, e debe facelo exhibindo o seu carné publicamente. Para ser guía oficial en Galicia é preciso ter a titulación académica e, ademais, dominar alomenos unha língua estranxeira cun nivel mínimo de B2. Antonio ten todo iso.

O Castelo da Palma é un Ben de Interese Cultural moi importante para Mugardos. Sen dúbida, supón un reclamo para moita xente. Por iso o goberno do PP decidiu, no 2015, programar visitas guiadas polas súas descoidadas instalacións, aínda que a lei a quen obriga é aos propietarios. Antonio podería optar a ese posto de traballo, pero quedou cun palmo de fuciños porque o goberno de Juan Domingo Deus trampeou empregando persoal da Oficina de Información Turística, en contra da lei que protexe a guías como Antonio.

Agás no 2017, o Concello volveu programar visitas guiadas en 2018 e 2019 (con EU) e 2020, 2021 e 2022 (de volta co PP). O caso está denunciado na Xunta desde 2018, mais o expediente quedou no caixón dalguén sen volver moverse.

O Centro de Interpretación de Caldoval é outro reclamo importantne para Mugardos. Abriu as súas portas no 2017 (con EU, ICM e BNG) e no 2021 o goberno municipal do PP decidiu cambiar as condicións que se piden para traballar no Centro de Interpretación. Podería ser unha boa oportunidade para Antonio, que cumpre todos os requerimentos da lei como guía oficial nun BIC. Pero tampouco pode ser. O goberno do PP decidiu esixir para o posto un B2 especificamente de inglés. Nin o C1 de portugués nin o B2 de francés valen de nada a Antonio para Caldoval. Ao mesmo PP a quen non lle importan nin a lei nin os idiomas que se falen para o Castelo da Palma, agora interésalle moitísimo que se saiba inglés no Centro de Interpretación. Interésalle tanto, que incluso estivo disposto a despedir en menos de 3 semanas ás dúas traballadoras que tiña alí se non sacaban o B2 de inglés. Ao final, a pesar de que o secretario municipal recomendaba darlles 12 meses, dedixárono en 9, e grazas. De súpeto correulles presa. Tan xusto foi o prazo, que deixou a unha das traballadoras no camiño.

E aí estamos. En maio de 2024 Antonio segue sen ter a oportunidade de traballar como guía oficial de turismo en Mugardos. Se Juan Domingo se limitase a cumprir coa lei, Antonio tería dúas oportunidades laborais. Pero ao final, nin no Castelo da Palma, porque pide menos, nin no Caldoval, porque pide máis. Tampouco sabemos canto lle interesa o público estranxeiro ao goberno do PP, porque non usa a mesma vara de medir para os dous sitios. Pola vila circulan audios de Whatsapp que enredan máis este asunto, que xa é triste e feo de por si. Que llo pregunten a Antonio, ou á traballadora de Caldoval que botaron fóra.

* A Antonio pariuno a IA, non vaia ser que preguntedes por el. A foto do carné é pública.

16/06/23

Mugardos e a paz social

Tuviste una oportunidad y la dejaste escapar.
No hay nada que ahora ya puedas hacer,
porque a tu lado yo no volveré.

"Déjame", Los Secretos. 


Na miña opinión, Evaristo Deus e o BNG foron quen mellor lectura fixeron do momento político en Mugardos. Un candidato tranquilo, diplomático, con experiencia de goberno, representante dos mellores momentos do Bloque no pasado.

O pobo mugardés chegou á xornada electoral do 28M esgotado tras 12 anos de inestabilidade. Desde aquel 2011 no que PP e EU apuraron ata a madrugada do último día para chegar a un acordo e quitarlle a alcaldía ao BNG de Barcia. Desde entón, unha reconciliación en 2012 entre BNG-EU, unha concelleira tránsfuga, unha marea que irrompe con forza en 2015 cunha consulta popular que salta polos aires e dá a alcaldía ao PP de Juan Domingo, un brote de fake-news falando de 18 millóns desaparecidos do Concello, unha moción de censura en 2016 entre EU-ICM-BNG que lle dá a alcaldía á EU de Pilar Díaz, unha ruptura desa coalición aos 14 meses cando BNG e ICM marchan incapaces de controlar a unha alcaldesa desbocada, unha nova coalición en 2019 entre EU-PSOE que só resiste 4 meses ata que os socialistas rachan con argumentos similares a BNG e ICM, unha nova moción de censura que devolve a alcaldía a Juan Domingo, unha sentenza que obriga ao Concello a devolver case 6 millóns de euros a Reganosa...

Cada candidatura botou as súas contas. Nos plans do PP estaba subir en votos. Se cadra para chegar aos 6 escanos. A maioría absoluta case imposible. Nos plans de EU estaba subir en votos, apañando o voto de castigo ao PSOE por terlles feito a moción de censura. Nos plans do PSOE estaba resistir a marexada, tal vez gañando o recoñecemento por unha oposición dura contra o PP pero sen bloqueos. Nos plans do BNG había un borrón e conta nova, a candidatura máis renovada de todas para recuperar o sentidiño e os tempos nos que se sacaban proxectos adiante.

Cos resultados na man, as miñas conclusións son claras: o PP non só non gañou votos, senón que perdeu case 150 e baixou desa cifra simbólica que son os 1.000. Juan Domingo, que non entende como a súa excelente xestión puido ter tal castigo, tardou pouco en botarlle a culpa á xente, que vota mal porque "está moi ideoloxizada". EU levou o pau máis grande, case 350 persoas que en 2019 lle deran o voto a Pilar Díaz decidiron que xa non, que unha oportunidade si, incluso dúas, pero quedaba claro que os seus gobernos eran máis un problema que unha solución. O PSOE resistiu. Poucos contarían con que José Ángel mativese os 3 edís logo da moción, pero mantívoos. Tomen nota. E o BNG, con Evaristo á fronte, apañou ese voto que pide osíxeno a berros, que necesita un pouquiño de paz social e calmar as augas.

Pero conclusións hai moitas, cada quen ten a súa. A máis pintoresca, ao meu ver, a da propia Pilar Díaz e, por asimilación, de Esquerda Unida: "o PSOE é culpable de que goberne o PP, que fixo moito mal, polo tanto non imos permitir que goberne o PSOE e deixaremos que siga gobernando o PP". Unha interpretación surrealista que dificilmente representa o sentir das 435 persoas que aínda lles votaron.

O BNG quedou a 105 votos do 4 escano, que lle tería quitado ao PP. De repetirse hoxe as eleccións teño clarísimo que eses 105 votos, e bastantes máis, sairían da conta de EU, que quedaría con 1. A coalición BNG-PSOE tería maioría absoluta e Pilar Díaz pecharía a súa biografía política sen necesidade de pasar por esta aldraxe. Pero ao pobo só lle deixan falar cada 4 anos, que poden ser moitos ou poucos, dependendo. Iso si, cando fala, fala.

15/05/19

A gran aposta


La ciudad parece mi amiga,
hoy es mi día y nadie me lo va a arruinar.
Las chicas de la esquina ríen con picardía,
yo se que es lo que quieren y se lo voy a dar.


"Salta!!" (Tequila, 1981)

No 1991, hai 28 anos, Pilar Díaz tomaba posesión da acta de concelleira por primeira vez. Incorporábase a unha candidatura que volvía xuntar a Esquerda Unida de José Manuel Iglesias e o Partido de los Trabajadores de Galicia - Unidad Comunista de Manuel Fariña logo da ruptura no 1987. Obterían 5 escanos que serían insuficientes para manter o goberno, polo que os primeiros catro anos da hoxe alcaldesa foron na oposición.

Marchaba do Pleno no 1995 para volver no 1999 como única representante electa de Esquerda Unida, que sufría unha nova escisión con Manuel Fariña á cabeza. Desde entón 20 anos ininterrompidos nos corredores consistoriais. Os primeiros 12 bogando en solitario, os 8 últimos cun grupo municipal de 3, aínda que ninguén de xeito permanente (polo grupo municipal pasaron xa Ramiro Pérez, Genaro Prieto, Manuel Arias, Dora Saavedra, de novo Genaro Prieto, Lola González e Tano López).

Podería dicir que son moitos anos de coñecemento que serven para construír un proxecto político sólido (incluso calcificado). Pero sería contraditorio co que sucedería realmente no último mandato. Pilar Díaz pasou da marxinalidade política a ser a primeira forza da esquerda abandeirando durante anos a loita contra a pranta de gas, a denuncia dos entramados urbanísticos ("Caso Virgin"), o reparto xusto de subvencións, os dereitos sindicais ou a igualdade de xénero. Incluso foi, nos anos previos á irrupción da Iniciativa Cidadá de Mugardos, quen puxo a "Participación Cidadá" na axenda da política municipal.

En agosto do 2016, por fin, collía as chaves do despacho da Alcaldía. Facíao grazas a acordar con ICM e BNG a formación de goberno onde nós (ICM) poderiamos activar orzamentos participativos e reactivar políticas de rehabilitación urbana e o BNG xestionar o eido sociocultural. Abondoulle apenas un ano para deixarnos claro que o acordo, para ela, fora só unha escusa para acadar o bastón de mando que perseguía desde había décadas. Nunca houbo espazo para traballar de igual a igual nin de sacar adiante nada que se desviase do seu criterio, por moito que o recollese o acordo de goberno.

O problema é que tampouco hai tal criterio. Cada unha das bandeiras erguidas anos atrás foron quedando no camiño: a loita contra a pranta de gas deu paso a "protocolos" de colaboración con Reganosa que poñen en alerta á plataforma veciñal; o mesmo "entramado urbanístico" denunciado no 2007 goza agora de contratos directos en proxectos clave; o reparto xusto de subvencións quedou nunha rede de convenios de aspiración clientelar; a loita sindical convertiuse nunha loita contra os sindicatos, aldraxados durante meses nunha esperpéntica negociación do convenio que trouxo a Mugardos a primeira manifestación sindical contra un goberno da era democrática; o camiño da igualdade de xénero levouna aos tribunais por presunta violación do dereito fundamental á folga de dúas traballadoras municipais nada menos que durante o 8M. A participación cidadá, en fin... non foi máis que unha cenoura atada a un pau para salvar o último chanzo (ICM) que a separaba da súa meta. No último ano e medio reduciu á mínima expresión o papel do Pleno como máxima representación política do pobo. O pobo é ela.

Como quen gabea por unha escaleira e vai rompendo ao seu paso os chanzos que lle serviron de impulso, Pilar Díaz atópase no cumio da súa carreira política, pero sen camiño de volta. A súa é unha aposta a dobre ou nada. Considérase sabedora do éxito electoral: festas e asfalto. Racaneou o orzamento en cultura co BNG ata que o sacudiu de enriba e daquela disparou o gasto ata superar Ferrol nas festas de verán (250.000 € na cidade fronte case 400.000 € só na vila). O alquitrán taponou calquera outra alternativa de investimento da oposición. Nin falar de gasto en planificación estratéxica. Ninguén mellor que ela sabe o que necesita Mugardos.

A aposta é arriscada, porque fía todo a mellorar os resultados do 2015 e ser a candidatura máis votada a esquerda e dereita. Quedar por detrás do PP obrigaría a petar na porta de BNG e PSOE. Un papelón logo de telos humillado. Se nacionalistas e socialistas suman o suficiente o razoable sería que formasen bipartito deixándoa como dique de contención da dereita. O razoable e o digno. E aí está a clave desta cita electoral para Mugardos. Un all-in a gañar (tamén por incomparecencia dos rivais). A gran aposta de Pilar Díaz 28 anos despois.

23/09/18

E se Mugardos e Ares se fusionasen?


Ímoslle dar outro pouco á política-ficción a conta dun clásico. O debate sobre a fusión de concellos foi caendo no esquecemento, pero iso non quita de que poidamos volver botar contas do que sería o noso Concello de Bezoucos e en que quedaría a suma de dúas realidades ben distintas, como son as de Mugardos e Ares.

Velaí está. Tomando os datos das eleccións municipais do 2015 nas dúas circunscricións, mesturándoas e pasándoas pola calculadora d'Hont, temos como resultado unha corporación con dous partidos dominantes (PP e PSOE), dous grupos sólidos (BNG e SON) e un convidado sorpresa (ICM) que acada representación malia presentarse só nun concello, algo que non consiguen nin NAL nin Gañemos.

O PP é o partido que suma máis votos cun resultado semellante nos dous municipios, pero seguido moi de preto polo PSOE, que perde a posición respecto do 2011 e resiste grazas aos votos de Ares. Algo semellante pasa co BNG, quen agora suma no sur da península máis votos que no norte, e iso era algo que non acontecía desde os anos 90. Con todo, as tres forzas con máis tradición terían perdido base electoral abrindo paso ás candidaturas emerxentes no 2015: SON de Ares e Iniciativa Cidadá de Mugardos (EU-Os Verdes-SON tamén baixa respecto a candidatura de EU no 2011).

O partido en mellor disposición para formar goberno sería claramente o PSOE. Con 5 escanos precisaría outros 4 para a maioría absoluta (9 dos 17 que lle correspondería a Bezoucos por superar os 10.000 habitantes) e iso produciría unha situación curiosa: entre BNG, SON e ICM alomenos dous serian necesarios, pero calquera dos tres podería ser prescindible. Ao PP quedaríalle a pataleta do “pacto de perdedores”, ainda que os seus resultados non lle desen para gobernar nin no máis favorable dos supostos da proposta de reforma electoral ad hoc que eles mesmos propuxeron recentemente.

E por último quedaríanos determinar de se SON de Ares sería homologable a EU-Os Verdes-SON ou realmente á Iniciativa Cidadá de Mugardos. O mapa das “candidaturas de confluencia” ou “unidade popular” é complexo, e así como a marca SON foi nexo de unión no 2015, o día a día e o traballo colaborativo ligaron a de Ares coa Iniciativa mugardesa, con quen xa realizou actos públicos xunto con xente de Neda, Cabanas ou As Pontes. Pero ese debate xa sería máis propio do 2019.

O dito: pura política-ficción nunha tarde de domingo ;)

29/08/18

Lume provocado



Na noite do 27 ao 28 de agosto caeron en Galicia máis de 300 raios. Boa parte deles concentráronse no Golfo Ártabro, provocando ás 3:09 un incendio en Montefaro (Ares) e ás 4:06 outro en Doniños (Ferrol). Como un e outro entran dentro do mesmo distrito forestal, houbo que repartir recursos, complicando a loita contra o lume. A Montefaro acudiron dous axentes forestais, nove brigadas, catro motobombas e unha pa mecánica, ademais do GES Mugardos. Ás 8:27 estes últimos denunciaban que co cambio de quenda quedaría só un operario, cousa que non acontecería porque membros do corpo continuarían traballando voluntariamente. Pasadas as 10:00 da mañá incorporábanse dous helicópteros e logo seis axentes, cinco brigadas e tres bombas de rego máis.

Case en paralelo declarábase outro incendio sobre o terreo xa queimado das redes sociais mugardesas. Ás 9:36 o Partido Popular xa estaba pedindo a dimisión da alcaldesa en relación directa co incendio de Montefaro, por ter baixo mínimos o plantel do GES en plena época de risco. Ás 11:07 engadía unha foto dela e a tenente de alcalde tomando un café nunha terraza para alimentar a súa turba de fanáticos. Primeiro foco de lume virtual. Ás 17:02 Esquerda Unida espertaba, tras máis dun mes inactiva nas redes, para responderlle ao Partido Popular que atribuír á alcaldesa un incendio por causas naturais e en territorio de Ares era levar moi lonxe a precampaña. A nota esquivaba a cuestión do GES (no mes de xuño o Pleno xa rexeitara a paralización temporal do servizo cos votos de toda a oposición) e tamén deixaba un arrecendo a soberbia e victimismo calculado. Segundo foco de lume virtual.

O incendio de verdade, o de Montefaro, dábase por controlado ás 16:59 levando por diante 10 hectáreas (182 ferrados e medio). O outro, o de mentira, non ten visos de extinguirse, como mínimo, ata o vindeiro mes de maio.

Nesta longa precampaña electoral Juan Domingo Deus necesita que prenda lume o despotismo de Pilar Díaz, e Pilar Díaz necesita que prenda lume a demagoxia de Juan Domingo Deus. Cada quen para que a súa xente volva á trincheira nun campo de batalla abrasado durante anos. Nun debate que loita por ser binario: ou el ou ela. Máis lume e menos árbores (porque, iso si, falando de árbores saben entenderse). Isto xa o vimos antes e cheira a napalm reseso, como unha versión telefilm de "Apocalypse Now" que repuxeran cada pouco tempo. E xa cansa.

O 80% das mortes nos incendios prodúcense por asfixia.

12/05/17

Xogar á quiniela (BCPCPM XXX)



Hai dúas cousas que se lle están dando especialmente mal a este Partido Popular de Mugardos que dirixe o seu "novo presidente" Juan Domingo Deus: xogar á quiniela e falar co movemento asociativo.

Digo o de xogar á quiniela porque resume moi ben a súa estratexia política dos últimos anos, consistente en insinuar corruptelas, procurando manexar con cautela as palabras, dando a entender sen chegar a dicir, para que sexa a xente do seu contorno máis fanatizada a que dea ese último pasiño da acusación falsa e progresivamente desmedida. E a ver se cola.

Xogaron á quiniela coa célebre auditoría, insinuando unha trama corrupta que roubara 18 millóns de euros do patrimonio municipal. Palabras maiores! E tan maiores, se temos en conta que o Concello de Mugardos manexa un orzamento anual entorno aos 6 M€. Pero é que oficialmente abondoulles con medir as palabras, cortar por aquí, pegar por alá e deixar caer cifras e feitos sen especial interese en darlles conexión. A súa xente, concentrada diante do concello ao berro de “¿¡Dónde están los millones robados!?” fixo o resto, ata que o Tribunal de Cuentas veu dicir iso de “Dispérsense, aquí no hay nada que ver”.

Xogaron á quiniela coa Festa do Polbo, procurando golpear primeiro nos detalles sobre un cambio de plantexamento que se facía necesario. Como no triángulo de Kanizsa, quixeron ver o que non había e apostaron por afirmacións como a de que este ano teriamos unha festa con pulpeiras como a de Carballiño, que se os tiquets íanse vender previamente nos bares, ou o seu preferido, o de que “van a venir los de Melide a enseñarnos a hacer pulpo a la mugardesa”. O seu contorno encargaríase de subir o ton e incluso facer un chamamento ao boicot. Pero resulta que non, que os milleiros de visitas que recibe Mugardos no seu día grande non van notar máis que un salto adiante na organización de cada detalle, e que a dirección da cociña vai ser cousa dun chef de Rh mugardés a quen ninguén lle vai ter que ensinar a preparar a nosa receita xenuína. Porque este ano, ademais, faise máis fincapé que nunca en que a Mugardos non se ven comer o polbo á feira como no resto de festas do país, senón o noso, co noso rustrido de cebolas e pementos. Aspecto que xa se plantexara na comisión organizadora do 2016 pero que o PP, unilateralmente, tivera a ben non facer nin caso (para iso quería o PP as comisións e os acordos plenarios).

Outro dos argumentos estrela do PP para atacar o replantexamento da Festa foi o do papel das asociacións culturais e deportivas, que deixan de ser as responsables de elaborar e servir case 4.000 racións de polbo para pasar esa tarefa a mans de profesionais da hostalería. Erixiuse en portavoz de todas e cada unha delas sen as consultar. Impacientes e incómodos porque estas non puxesen unanimemente o berro no ceo polo cambio, atrevéronse incluso a acusalas de ter vendido o seu silencio. E aquí é onde atopamos a segunda das debilidades dos populares: a súa relación co movemento asociativo.

Juan Domingo Deus foi alcalde durante 14 meses, tempo que debería ter sido abondo cando menos para sentarse a falar coas sociedades e renovar os convenios que lles desen liquidez para afrontar o exercicio 2016. Nada de nada. 14 meses, que son máis dun ano enteiro, sen asinar un só convenio, sen tan sequera comezar a negocialo. O primeiro que fixo o goberno actual en canto tomou as rendas do Concello foi chamalas e rescatalas do abandono “popular”. Pero, por algún motivo, o PP prefire falar-en-vez-delas a falar-con-elas e atopámolo agora como abandeirado do financiamento das entidades... sen preguntarlles primeiro. Wow!

A última das evidencias deste déficit de diálogo coas asociacións chega coa convocatoria da V Feira Veciñal. Juan Domingo Deus non tiña máis que falar co seu propio compañeiro, José Antonio López, para saber que o goberno mantivo ao tanto verbalmente á oposición da solicitude de celebración da Feira, e que a documentación escrita e necesaria unha vez entrada en vigor a primeira ordenanza de venda ambulante de Mugardos (que o PP prometera para comezos de 2016, pero que sacou adiante ex novo o actual goberno) foi incorporada á comisión informativa en canto se recibiu. Ou mellor aínda, consultar coa propia Comisión de Festas de Mehá, a organizadora, para evitar o papelón que supón acusar ao goberno de ocultar información sobre o evento cando a realidade é diametralmente contraria.

Pero é que esa é a estratexia escollida hai xa tempo polo equipo de J.D. Deus, a do “calumnia, que algo queda”. A de xogar á quiniela, a ver se toca. A de falar en boca dos demais, pero sen falar cos demais. O malo é que non se lle está dando moi ben nin unha cousa nin a outra.

02/10/16

Onde está a maioría social en Mugardos?



Trá-los resultados das eleccións á Xunta de Galicia do pasado 25-S nas mesas de Mugardos comezáronse a oír algunhas voces do eido conservador preguntándose onde está a "maioría social" de Mugardos. Cuestionaban así un dos principais argumentos sostidos polos grupos do goberno municipal actual cando promoveron a moción de censura. Pero, onde está realmente esa "maioría social"?

Un pouco de política ficción


Calquera análise superficial das oscilacións entre convocatorias electorais amosa de inicio que ten moi pouco que ver o que vota unha boa parte do censo no ámbito municipal, galego ou estatal. O xeito máis preciso de botar conclusións é analizando resultados dentro dun mesmo tipo de convocatorias. Aínda así, non son pocos os medios que unha vez coñecidos uns resultados dan conta da súa extrapolación noutro eido. Neste caso animeime a levar as cifras do 25-S a unhas elecciós municipais en Mugardos.

O primeiro e principal destaque, neste caso, sería o da asimilación de dúas candidaturas (EU-Os Verdes-Son e Iniciativa Cidadá de Mugardos) nunha mesma papeleta, a de En Marea, que recibiu o apoio dos dous grupos. O segundo, que a maioría absoluta que o PP colleitou no conxunto de Galicia frustraríase neste municipio unha vez máis. Nunca o Partido Popular acadou a metade máis un dos votos nas mesas mugardesas. Sen embargo, outra das lecturas que se fan estes días é que a suma dos apoios que representa o actual goberno municipal (En Marea + BNG = 989 votos) sería menor que a do PP (1161 votos). En efecto, para poder cadrar definitivamente as contas sería preciso sumar os 497 acadados polo PSOE (en total sumarían 1486 votos, 325 máis que o PP nun dos seus mellores resultados).

A maioría social desde as últimas municipais


As eleccións xerais do 20-D foron, das catro últimas convocatorias, as que acadaron a maior participación. Nelas a candidatura máis votada foi En Marea (1034 votos), seguida a moi pouca distancia polo PP (1000 votos). O BNG sería o principal damnificado nesta ocasión (perdía 250 votos). No segundo intento de formar goberno no Estado, o 26-X, a abstención castigou especialmente a En Marea (-140 votos) e BNG (-101 votos), aínda sendo dificil cuantificar o volume do probable trasvase de votos dunha a outra candidatura. Isto convertiría o PP en primeira forza electoral. Con todo, o número de votantes progresistas seguiría superando os conservadores.

O domingo pasado o PP revalidaba unha cómoda maioría absoluta gañando en case tódolos concellos do país. Tamén en Mugardos, onde mobilizou un número levemente crecente de votantes respecto das xerais de xuño, pero tamén das galegas do 2012. A abstención volveu ser o gran hándicap para PSOE e En Marea, que tamén viu como o BNG recuperaba 199 apoios desde xuño. Mais se reparamos na evolución dos resultados no mesmo ámbito (Galegas 2012 e Galegas 2016) a tendencia é positiva para PP e AGE/En Marea fronte PSOE e BNG.

As municipais son outra historia


En Mugardos as convocatorias municipais producen un efecto mobilizador do voto afín aos partidos progresistas e, ao mesmo tempo, desmobilizador do voto ao PP. Os mellores resultados deste último acadaríaos Encarna Sánchez no 1999 na única ocasión, ata o 2015, no que o PP conseguira ser o máis votado (malia as recentes afirmacións da historiadora María Fidalgo Casares nunha delirante cróncia en Mundiario). Nese ano 1999 o PP acadaría o seu teito electoral local (1261 votos, 35,8%) que sería tamén aplicable en galegas, xerais e europeas. Moi lonxe aínda de representar unha "maioría social".

O mellor resultado da democracia acadouno o Partido Comunista de Galicia encabezado por Ángel Cortizas no 1979 con 1644 votos (46,5%). Foi tamén o ano no que máis distancia houbo entre primeira e segunda forza (20,8 puntos). Malia o seu endémico fraccionamento, o dominio da esquerda é total e mantén alonxado o voto conservador dunha hipotética maioría. Nos 10 comicios electorais desde o 1979 ata o 2015 o PCG-EU dominou en 4, o BNG en 3 e o PSOE en 1. O voto de centro-esquerda nunhas municipais nunca foi inferior ao 63% (1999), chegando ao 80% no 2007.



Á vista dos datos, nin presentándose Feijóo conseguiría rachar a hexemonía progresista. A "maioría social" nestes lares resiste as lecturas triunfais que poidan chegar en quente desde as bancadas populares.

24/09/16

Alba dos mortos (Dawn of the Dead) II



Hai agora xusto tres anos publicaba neste bitácora unha entrada titulada Alba dos mortos (Dawn of the Dead). Trataba de evidenciar, con datos, os diferentes ciclos vitais polos que atravesara a web municipal posta en funcionamento en decembro do 2010.

Por aquela altura botaba andar o goberno bipartito entre BNG e EU, que amosaba un rexurdir da súa actividade. Co paso dos meses esa tendencia consolidaríase, pasando dunha media de 13,7 novas por mes a 19,5 antes de se iniciar a precampaña das últimas eleccións municipais, que aumentaron a frecuencia da información a 23,3 novas mensuais.

A chegada do PP á Alcaldía supuxo un cambio na política informativa do goberno municipal, que fixo retroceder a vitalidade das novas a datos próximos ao goberno de 3 do BNG entre o 2012 e o 2013. A web oficial do Concello de Mugardos abandoábase en favor das redes sociais particulares do Alcalde sen que este fose quen de definir perante as preguntas no Pleno da oposición cales eran os criterios a seguir.

O 29 de xuño facíanse públicas as conversas entre Esquerda Unida, Iniciativa Cidadá de Mugardos e Bloque Nacionalista Galego para a formación dun goberno maioritario, o máis amplo (8 dos 13 edís) na corporación mugardesa desde o cuatripartito do 1999-2003. A partir de entón produciuse un sprint e o PP acadou as 33 actualizacións no mes de xullo e outras 9 nos 12 días antes do cambio de goberno. Desde entón, a web municipal non fixo máis que aumentar a súa actividade, rachando neste mes de setembro aínda sen rematar o máximo de actualizacións (37; 1,5 diarias) que se tiñan producido nela en abril do 2015, en plena precampaña municipal (34; 1,1 diarias).

10/06/16

O día en que Mugardos dixo "Basta xa!"



Como a auga que baixa polo monte e sempre atopa o camiño cara o mar. Así acontece coa forza do pobo que pide paso. Finalmente, ráchanse os diques de contención erguidos en forma de muros de silencio.

A loita pola legalidade na Ría de Ferrol resolverase en dous tribunais: o da Xustiza, que xa enceta a recta final dun longo camiño; e o do Tempo, cuxa perspectiva retratará para as xeracións vindeiras o papel que cada quen xogou nesta barbarie.

Dezaseis anos despois as sentenzas do Tribunal Supremo van estreitando o certo ás falcatruadas e as organizacións políticas noutrora permisoras reconsideran a posición fronte a forza dos feitos.

Parabéns á veciñanza de Meá, que para min será xa sempre o maior exemplo de perseverancia deste recuncho do país.

31/05/16

Breve cursiño para conducir por Mugardos (XXIX)



Perigo, maniqueísmo.

maniqueísmo
1. Doutrina relixiosa xurdida no século III d.C. segundo a cal o Universo foi creado por dous principios antagónicos, o do ben e o do mal, que coexisten e están en permanente conflito.
2. (por extensión) Toda doutrina ou actitude que opón de forma ríxida, e mesmo reducionista, os principios do ben e do mal.

Da fala nace o diálogo, do diálogo nace o entendemento, e do entendemento nace a convivencia.

Nunha vila pequena como Mugardos, “onde todo o mundo se coñece”, a mellora da vida das persoas que cohabitan pasa non só por mellorar e ampliar os servizos que reciben, senón tamén por facilitar a convivencia entre elas. Construír un clima social que axude sumar visións e puntos de vista, e non a confrontalos debuxando unha escena perversa entre o ben e o mal, entre cabaleiros con capa branca e espada e dragóns saídos dos avernos.

Non é preciso abusar da metáfora. Hoxe por hoxe temos dous claros exemplos destes dous métodos antagónicos de resolución de problemas: o referente ao feirón semanal e o que atinxe aos usos do edificio da antiga escola do Apelón. En ámbolos dous hai opinións contrapostas sustentadas en argumentos razoables. Dunha banda, o feirón necesita servir de impulso ao comercio local e, de ser posible, a un Mercado Municipal en crise; mais o Centro de Saúde necesita garantir o acceso da xente usuaria e os vehículos de emerxencias en calquera momento. Hai debate. Doutra banda, o edificio do Apelón, amplio, céntrico e con espazos abertos, sería un emprazamento ideal para espertar por fin da longa noite de pedra da Biblioteca Municipal, mais hai quen prefire poñer por diante non deixar marchar a Guardia Civil de Mugardos. Razoable e, sen embargo, hai quen pon empeño en pintar dragóns e cabaleiros.

Son só dous, pero poderían ser tantos outros que xorden no día a día tanto neste concello como en calquera outro. Velaquí a importancia do método participativo como ferramenta fundamental para resolver estes conflictos de intereses. Sentarse a falar entre as partes e chegar a entenderse ou comprenderse, ainda mantendo as posicións diferentes (pero xa non enfrontadas), axuda a corresponsabilizarse da solución final. A sentirse parte dela.

O maniqueísmo político, o discurso reducionista entre o ben e o mal, non só non é o mellor método de resolución de problemas, senón que produce de por si un problema novo: o deterioro da convivencia.

Sábeo ben quen traballa na creatividade: as mellores ideas non adoitan nacer da inspiración divina, senón da contraposición de ideas anteriores.

14/11/14

A renovación política en Mugardos



As claves dos debates políticos mudan cos tempos e nesta época de esgotamento constitucional que nos toca vivir unha das cuestións que máis a cotío se pon enriba da mesa é o da rexeneración e renovación. A limitación de mandatos e os seus efectos na dinámica interna dos partidos, que os levaría á formación constante das súas bases. A crear canteira e desenvolver proxectos sustentados en principios sólidos máis que en persoas perennes.

No actual periodo democrático levamos vivido 9 eleccións municipais das que podemos extraer algúns datos interesantes:

Mandatos acumulados


Desde o 1979 o número de mandatos que o conxunto dos 13 concelleiros/as do Pleno acumulaban foi medrando constantemente. Obviamente, naqueles primeiros comicios tódolas persoas resultaban elixidas por primeira vez, polo que os seus mandatos acumulados eran 0. No 2003 o promedio subira ata 1,7, o que quere dicir que, de media, cada concelleiro/a do mandato 2003-2007 acumulaba case oito anos previos de experiencia. Desde entón a tendencia moderouse ata os 1,2 mandatos promedio das 13 persoas que tomaron posesión da súa acta no 2011.

Os pata negra da política mugardesa


Dos/as 85 representantes dos últimos 36 anos só 11 superaron os dous mandatos. Manuel Fariña Doval é o caso máis paradigmático (32 anos, 8 como Alcalde, 16 na oposición). Tras del Ramón Toimil Saavedra, outro ex-Alcalde que o sería durante 12 anos e que en total permaneceu 24 con asento no Salón de Plenos. Emilio Varela Deibe é, xunto con Fariña Doval, quen máis tempo pasou na oposición (16 anos dun total de 20). Pilar Díaz Otero fíxoo durante aproximadamente 14 anos e é actualmente a representante máis veterana do Concello, con 20 anos ás costas. Xosé Fernández Barcia e Moisés Rivadulla Fernández (ambolos dous do BNG) son os únicos nesta lista que sempre formaron parte do goberno. Rosa Gómez Limia e Juan Domingo de Deus, pola contra, viviron os seus 12 anos na oposición. Se ben Juan Domingo de Deus, unha vez nomeado candidato tamén para o 2015, será o primeiro en recuncar por cuarta vez sen experiencia de goberno.

Maioría masculina


Máis homes pasaron polo salón de plenos durante máis tempo. 60 das 85 persoas que representaron á veciñanza foron homes, por tan só 25 mulleres. De media, eles permaneceron 6,15 anos fronte aos 4,24 anos delas. O primeiro dos datos comeza a corrixirse desde o 2007 coa lei de paridade que obriga ás candidaturas a presentar entre 2 e 3 mulleres entre os 5 primeiros postos. Non sirve isto, sen embargo, para igualar a media de tempo de permanencia, xa que ata 7 das 10 mulleres que tomaron posesión do cargo desde entón non serán quen de completar os seus primeiros catro anos.

A corporación actual


6 dos 13 edís actuais acumulan, con este, un mínimo de dous mandatos. Outros 7 non tiñan experiencia anterior. As caras novas son principalmente do PP (3), seguidos por EU (2) e BNG e PSOE (1). Entre as 6 persoas que cumpren xa alomenos dous mandatos está o actual Alcalde, Xosé Fernández Barcia, que anunciaba hai uns meses a súa intención de retirarse da primeira liña. Fica por saber quen tentará poñer en valor a experiencia e quen a renovación na convocatoria ás urnas do vindeiro mes de maio.

"Estes son os datos, súas son as conclusións".

13/06/14

Criterio



criterio

substantivo masculino

  1. Norma ou elemento que serve de base para xulgar algo. Existe un criterio ríxido de selección para entrar nese corpo. Non ten un criterio claro de como actuar nese caso.
  2. Maneira de xulgar ou opinar sobre algo. Cada un segue o seu criterio á hora de votar. Unha persoa sen criterio propio. Sinónimos: opinión, parecer², xuízo.

E as reflexións subseguintes:



E a guinda do pastel:

26/05/14

Europeas 2014: mar de vento ou mar de fondo?



As primeiras reaccións que vin na rede desde que se coñecen os resultados oficiais das eleccións europeas de onte foron as de Juan Domingo de Deus e José Antonio López Sueiro, do Partido Popular, sinalando que foron o partido máis votado en tódalas mesas do municipio de Mugardos. É certo.

Na mesa única da sección 001 de Mugardos, a de censo máis amplo, o reconto mantivo un empate técnico entre PP e AGE ata que se chegou ás papeletas da mañá (as do fondo da urna), que dispararon ao PP e provocaron unha remontada do PSOE ata situalo como segunda forza, que o sería tamén na suma total de mesas mugardesas, algo que non conseguía desde xustamente as anteriores eleccións europeas (nas do Parlamento Galego e Municipais foi terceira e cuarta respectivamente). Tamén o PSOE podería sorrir.

A AGE (en Europa) duplicou o número de votos que a candidatura de Esquerda Unida obtivera no 2009. Incluso conseguiu situarse no segundo lugar na mesa da Pedreira. A coalición de Anova - Esquerda Unida - Espazo Ecosocialista podería ver aí a consolidación da súa alternativa. Pero é que ademais, entendendo Podemos como a outra parte do grupo Esquerda Unitaria Europea - Esquerda Verde Nórdica que apoia a Alexis Tsipras, estariamos falando da segunda opción con máis votos en Mugardos, por enriba dos socialdemócratas e a só 2,8 puntos de distancia do PPE (PP + VOX).

O BNG resistiu en Mugardos a irrupción de Podemos que o levou no conxunto do país a ser quinta forza. Nas parroquias foi o partido de Pablo Iglesias quen superou á "alternativa nacionalista", pero esta fíxose forte na vila e mantívose cuarta por uns escasos 4 votos.

Así que, visto deste xeito, todos quedarían contentos. Pero as linguaxes verbais e xestuais non cadran cando ninguén descorcha o champán. Entre outras cousas porque non se fixo especial énfase nestas eleccións. Os únicos actos políticos organizounos AGE (mitin o xoves 22) e BNG (mexilonada de peche de campaña o venres 23). PP e PSOE limitáronse a colar carteis e repartir volantinas. Nos colexios electorais a presenza de interventores/as e apoderados/as de PP e PSOE tamén foi escasa e ocasional e o BNG nin sequera apareceu ata o reconto no colexio da vila. Só AGE mantivo presenza continuada durante toda a xornada. Absolutamente nada que ver con eleccións municipais.

Daquela, que?


Estratexias públicas á marxe, o que hai (ou debería haber) é unha fonda reflexión sobre uns resultados que destrozan o bipartidismo. Ninguén semella atreverse a facer proxeccións en clave local, pero tanto a entrada triunfal de Podemos como a brutal perda de apoios aos dous grandes partidos estatais e o aumento moi considerable do voto a outras opcións, branco e nulo son cuestións que cómpre interpretar acertadamente. Se Podemos é un voto de esquerda, ¿que está dicindo a xente de esquerda que escolle esa opción fronte a AGE ou BNG? ¿Cara onde foron o 35% de votos perdidos polo PP e o 39,1% do PSOE? ¿Sopra mar de vento, ou mar de fondo? Opinen.

10/03/14

Breve cursiño para conducir por Mugardos (XXVIII)



Perigo: círculos viciosos.

No 2010 Xosé Fernández Barcia era nomeado candidato do BNG ás eleccións municipais do 2011. Facíao logo da entrada en tromba e sobre a campá de 19 persoas no Bloque, boa parte delas relacionadas con Protección Civil ou con traballos eventuais no propio Concello de Mugardos. Malia estar cheo de irregularidades, o BNG de Ferrol e Compostela desestimaron as reclamacións documentadas contra o proceso da metade da Asemblea Local de Mugardos.

No 2013 membros de Protección Civil e traballadores eventuais do propio Concello de Mugardos víronse beneficiados polas filtracións do exame de acceso ao GES (Grupo de Intervención Supramunicipal). Malia estar cheo de irregularidades, Xosé Fernández Barcia desestimou as reclamacións documentadas contra a proba, que posteriormente si serían admitidas polos xulgados.

O Alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, engadíame hoxe mesmo vía Twitter o seguinte:



Actualización 14/03/2014: Un novo apuntamento do Alcalde de Ares no Twitter sobre GES de Mugardos:



Actualización 29/01/2015: O Xulgado anula o proceso selectivo do presoal do GES de Mugardos.

"Con respecto a la circunstancia de que casi la mitad de los aprobados formaba parte de la Agrupación de Protección Civil del Concello de Mugardos, el juzgador considera que este hecho también constituye otro indicio de la posible filtración del primer examen del proceso selectivo."

06/02/14

Breve cursiño para conducir por Mugardos (XXVII)



"Hoy la XUNTA ha realizado la entrega oficial del nuevo camión para el GES que ha cedido al Concello de Mugardos.

[...] En la provincia de A Coruña solo han sido 2 concellos los afortunados: Brión y Mugardos."

afortunado, da.
(Del part. de afortunar).
1. adj. Que tiene fortuna o buena suerte.
2. adj. Que es resultado de la buena suerte.

fortuna.
(Del lat. Fortūna).
1. f. Encadenamiento de los sucesos, considerado como fortuito.
2. f. Circunstancia casual de personas y cosas.

suerte.
(Del lat. sors, sortis).
1. f. Encadenamiento de los sucesos, considerado como fortuito o casual.
2. f. Circunstancia de ser, por mera casualidad, favorable o adverso a alguien o algo lo que ocurre o sucede.
Vaia potra temos e que criterios máis raros emprega a Xunta!

07/01/14

De ética política, honestidade e bimensualidades

O 31 de xullo de 2012 marchei ao paro. Traballaba como deseñador gráfico autónomo e os meus clientes (empresas e administracións públicas) caeran como moscas. Xa non me daba nin para pagar a cotización de 254,21 € mensuais. Os autónomos, ademais, marchamos ao paro sen dereito a prestación por desemprego. En fin: vivindo só e sen os ingresos mínimos para subsistir a estabilidade psicolóxica reséntese moito. Disto, por desgracia, sabe moita xente de primeira man. A frecuencia de actualización deste mesmo blogue foi un síntoma. Non será necesario afondar neste tema.

No inverno do 2012, logo de moitas voltas, acudín aos Servizos Sociais do Concello de Mugardos para informarme das posibilidades de obter algún tipo de prestación. Souben entón das "Axudas de Emerxencia Social" e do seu regulamento, que no punto 2.1 dicía:

Alimentación e hixiene básicas: 60 € bimensual, incrementando 20 € por cada membro da unidade familiar maior de 3 anos a partires do 2º membro. Máximo 140 € por axuda. Con carácter excepcional e por ditame da Comisión de Benestar, poderase conceder mensualmente.No caso de existir nenos/as menores de tres anos, a axuda verase incrementada en 100€ por cada un deles.

Asesorado pola Traballadora Social cubrín a solicitude e agardei pola burocracia. Entrementres, atopeime con este chío da Real Academia Española:



En estrita interpretación do regulamento, non corresponderían 60 € cada dous meses, senón 60 € cada quince días. Mellor para min. Mais entendín que se trataba dun erro e non fixen máis que comentarllo á funcionaria. Recibín a axuda en febreiro. Non a volvín solicitar máis. É fodido, moito, ver como da noite á mañá pasas de ser un cidadán perfectamente solvente a recibir axudas de emerxencia social.

Pero un día de decembro do 2012, nunha conversa con Mónica Fernández Linares (ex-BNG) e Mónica Martínez Regueiro (PP), apunteilles tamén o erro de redacción nun regulamento que fora consensuado entre BNG e PP nos tempos en que a primeira aínda pertencía ao Bloque. A partires de aquí, o teatro.

A farsa


Para daquela, cando a conversa reveladora, a relación de BNG e PP mudara. Os acordos do goberno nacionalista xa non adoitaban darse co PP, para facelo agora con EU. E en consecuencia, Mónica Fernández Linares abandonaba o BNG ficando coa acta como concelleira non adscrita e acusando á súa exformación de estar "sometida a los intereses de IU".

Neste contexto a errata na redacción do Regulamento de Axudas de Emerxencia Social pasou a converterse nunha arma contra BNG-EU. O PP aseguraba agora que a súa intención xenuína fora a de conceder axudas dúas veces ao mes.



Estraña periodicidade, tendo en conta que a) de ser certo, para definila a fórmula "quincenal" tería sido menos confusa, e b) no propio artigo do regulamento indica que "con carácter excepcional [...] poderase conceder mensualmente", o que fai pensar que a excepcionalidade consiste nunha necesidade maior, non menor. A cousa ía quedando clara.

Pero o PP porfiaba. Juan Domingo de Deus, nunha entrevista en TV Ferrol no pasado mes decembro do 2013, declaraba o seguinte:



Sobreactuación, populismo, cinismo... xulguen vostedes. Seguín insistindo nos motivos desa pouco común periodicidade. Se era certo que o espírito inicial era conceder 120 € mensuais, ¿por que optar por unha fórmula tan pouco definida? ¿Por que non mensual? ¿Por que, se realmente se quixera dicir "cada quince días", se había de optar por unha verba tan dada a confusións que ata a propia RAE advirte dos distintos valores semánticos? A resposta foi do máis pintoresco:



O PP estaba mentindo. Facíao de xeito interesado e sobreactuando, botando man da xente desfavorecida; asegurando, agora que xa non apoiaban o goberno, que eles pretenderan conceder o cuádruplo do que realmente tiveran intención. Ao sinalarlles o deshonesto da actuación acusábanme de ser eu o mentireiro, de ocultar un escuro interese por participar da vindeira candidatura de EU, etc.:




O seu discurso era claro: segundo eles, o PP consensuara co BNG unhas axudas de emerxencia que se habían de conceder nunha peculiar periodicidade quincenal, e o goberno BNG-EU estivera a incumprir o regulamento concedéndoas bimestralmente. Unha mostra da mesquindade da esquerda mugardesa, claro. Así que acudiron ao Valedor do Pobo, que obviamente, non puido contradicir ao dicionario, confirmando que si, que "bimensual" refírese a dúas veces ao mes.

O chío delator


Pero o discurso, malia insistente, presentaba tódalas dúbidas que expuxen anteriormente. E finalmente, nun descoido, confirmouse a pantomima:



Mónica Martínez confirmaba que, efectivamente, o da "bimensualidade" fora unha errata que eu lles comentara no seu día. Non era certo, por tanto e se non ficara claro xa, que o seu emprego do termo "bimensual" fose deliberado. Ata entón a súa concesión cada dous meses non causara ningunha denuncia e só desde ese momento empregárono politicamente, escenificando unha obra teatral oportunista e deshonesta.

O chío (tuit, se preferides) desapareceu aos pouquiños minutos, pero para daquela eu xa fixera captura de pantalla (xa non é a primeira vez que acontece e un vólvese previsor). Tamén borrou a longa conversa do Facebook que extractei aquí e, finalmente, bloqueoume no seu perfil Facebook.

A cuestión


Ou en plural: cuestións, porque entendo que son dúas:

Primeira: Sobre a necesidade de protección social. E para iso quen isto escribe vai máis aló das contías que se barallan e chama a apoiar a campaña pola Renda Básica Universal. Pola súa parte, EU forzou ao BNG a substituír o regulamento de "Axudas de Emerxencia Social" por outro de "Prestacións Económicas dos Servizos Sociais Comunitarios".

Segunda: Sobre a mentira como arma política. Non todo vale con tal de apañar votos. Precisamos representantes políticos dignos e consecuentes coas súas accións, cos cales se poidan manter debates construtivos, sobre se é mellor A ou B, e por que; e non discusións infinitas tratando de desenredar enganos.

Na redacción houbo un erro semántico. Eu mesmo, como beneficiario, puiden ter sacado proveito directo, económico. Nin o intentei, por principios, por honestidade. O PP coñeceu o seu propio erro a través de min. Desde entón pretende sacar proveito político del. Cuestión de ética.

30/12/13

3 anos da nova web municipal (I): resultados da enquisa



Este domingo, 29 de decembro, cumpríronse 3 anos da presentación da nova web do Concello de Mugardos. Naquel momento publiquei as miñas impresións (aquí e aquí), que sinalaban como problema principal a regularidade e cantidade de contidos aos que o Concello daba acceso, cuestión esta que tamén foi sinalada polos técnicos da empresa encargada da renovación. Na parte positiva a web, que mantiña certa estrutura da anterior, melloraba engadindo novos servizos, incluído un buzón de suxestións que entreabría as portas á participación veciñal.

Así que, tres anos despois, comezo aquí unha análise do "Estado da web municipal". Unha web da que xa apuntei en outubro un certo rexurdir na actualización da información, coincidente no tempo coa entrada de EU no goberno municipal, mais que segue a presentar importantes carencias que é preciso sinalar. A información analizada é basta, polo que decidín dividila en 3 apartados: deseño/estrutura, contidos e interactividade. A mesma división que xa me levara a debullar hai 4 anos as principais páxinas de temática mugardesa.

Lancei primeiramente unha enquisa onde observar a valoración social que existe de cada un destes apartados. O resultado, pola propia natureza do sistema empregado nela e polo grao de participación, non pode ofrecer demasiadas conclusións. Si atrévome con unha: a polarización da opinión pública reflectida nuns votos alonxados dunha distribución normal (ou gaussiana). Fenómeno que tamén se deu na enquisa anterior sobre o pintado dos tanques da planta de gas.

Con todo, a nota final resultante amosa un dato que si considero representativo da realidade: a web aproba en deseño e estrutura, necesita millorar a nivel de contidos e resulta deficiente respecto da súa interactividade coa cidadanía. En sucesivas entradas tentarei documentar a miña coincidencia con esta valoración social.

24/11/13

Patrimonio material do Concello de Mugardos


Se non podes ver o mapa interactivo fai clic aquí.

As redes sociais son unha potentísima ferramenta de posta en común do coñecemento. E tamén do descoñecemento.

O 19 de novembro, hai 5 días, Xosé Miguel Mahía Prados, presidente das Novas Xeracións da Costa Ártabra (que malia o seu nome non abrangue máis que os concellos de Ares e Mugardos) publicaba unha foto chamando a atención sobre un erro de sinalización que facía que a distancia ao Castelo da Palma fose de 1 km e 3,5 km nos indicadores da marxe dereita e esquerda estrada, respectivamente, á altura da ponte do Esteiro. O asunto lembroume aquel célebre "SOTP", cando uns operarios de idade nova, ainda non recuperados da festa de aninovo, colocaban o día 2 de xaneiro do 2006 a versión disléxica do sinal horizontal. Uns días de retranca na vila, unha corrección e pouco máis deu de si a historia. Os sinais do Esteiro deberan correr parello destino e recolocar o de 3,5 km por exemplo no cruce de Cervás (CP-0403 con CP-0402).

O asunto, sen embargo, adquiría unha dimensión política ao desmontarse a presunta autoría do persoal do Concello. O seu cénit chegaba coa primeira intervención de Mónica Fernández, ex-concelleira do BNG:
"Resulta inxustificable que calquera Administración, sexa Xunta, Deputación ou Concello, pague con cartos públicos carteis de propiedades privadas, como é o Castelo da Palma. Quen o fixo, porque o fixo ou cando o fixo é importante sabelo. Canto nos costou, é indispensable. E se de paso alguén nos di porqué se fixo así mal, ainda mellor."

Non moi lonxe de esixir comisión de investigación, o comentario recibía o aplauso do propio Xosé Miguel Mahía Prados, mais semellaba ignorar a cualificación do Castelo da Palma como Ben de Interese Cultural (BIC). Apuntándolle este feito, porfiaba:
" Informo a Don César Pena que o Castelo da Palma é unha propiedade privada, que debería sinalizar o propietario, polo seu interese particular. Hai moitos máis bens protexidos en Mugardos (capillas, cruces, edificios...) sen sinalar nin polas Administracións, algúns nin respetados por membros da Administración. E repito, o escándalo é quen o fixo, canto custou e porque o fixo tan mal. Que dende a Areosa a distancia, según o novo cartel, creo que son 2,5km."

De novo, aplauso de Xosé Miguel Mahía Prados, sumándoselle agora Ana Bastida Varela, membro do comité local do PP de Mugardos.

O marco legal e o patrimonio material do Concello de Mugardos

É unha cuestión de método: para falar dun tema podemos documentarnos para avanzar nos respectivos argumentos ata chegar (ou non) a un punto de consenso, ou podemos optar polos debates-barra-de-bar onde cada quen resolve o mundo ao seu xeito sen máis meta que o aplauso puntual do auditorio.

A Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español [PDF], xunto coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia [PDF], teñen por obxecto a "protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento" do patrimonio cultural (tanto público coma privado). Establécense tres categorías:
  1. Bens de Interese Cultural
  2. Bens catalogados
  3. Bens inventariados
Para consultar os primeiros temos a BD de bienes inmuebles e a BD de bienes muebles do Ministerio de Educación Cultura e Deporte. Os segundos e terceiros (bens catalogados e bens inventariados) terían que atoparse nun Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia (Lei 8/1995, art. 22.1) con "acceso público" (art. 22.3). Porén, nel non aparece máis que o Castelo da Palma e a súa contorna, xunto cun "Conxunto histórico e paraxe pintoresca" á que pertencería Mugardos dentro da Comarca Eumesa (?). Mais continuando as pesquisas achei tamén un Catálogo de patrimonio arqueológico protegido [PDF] do Concello de Mugardos, con oito referencias (castros do Eixo, As Escadas, San Victorio e Meá; e xacementos romanos de Santa Lucía, Noville e Caldoval).

Con este material, xunto cos elementos apuntados no Catálogo de Patrimonio Cultural de Mugardos elaborado por Juan A. Carneiro Rey e Emilio Ramil González, no que puiden participar como maquetador e fotógrafo e grazas ao que tiven oportunidade de coñecer boa parte dos noso ben material común, pareceume boa idea crear un Mapa interactivo no Google Maps e compartilo publicamente para poder completalo e afondar todas e todos nós no seu coñecemento. Velaquí o tedes: en granate os Bens de Interese Cultural, en laranxa o patrimonio arqueolóxico protexido, en azul fontes e lavadoiros, morado para arquitectura relixiosa e castaño para civil.

Compartir o descoñecemento déixovolo en mans de Xosé Miguel Mahía Prados ou Mónica Fernández.

Nota: Agradecemento especial a Antonio Pena, meu pai, traballador no Concello de Mugardos e, a día de hoxe, das persoas que máis polo miúdo poidan coñecer cada recuncho deste municipio. Del foi o traballo de localización no Google Maps da meirande parte dos ítems, varios dos cales non estaban documentados.

29/01/13

Mugardesas ilustres: Amada García


Este domingo celebrouse o 75 aniversario do pasamento de Amada García.

Amada García era mugardesa. Galega. Comunista. Condenada a morte tra-lo golpe de estado do 1936 e adiada a súa execución por estar grávida, preñada. Fusilárona en San Felilpe 88 días despois de nacerlle o seu fillo.

A súa historia, ata hoxe, recollíaa dun xeito máis completo a versión castelá da Wikipedia que a versión galega. Un reflexo do país das dúas esquerdas, onde cada unha cultiva os seus propios símbolos.

Amada García era mugardesa, era galega e era comunista.