As primeiras reaccións que vin na rede desde que se coñecen os resultados oficiais das eleccións europeas de onte foron as de Juan Domingo de Deus e José Antonio López Sueiro, do Partido Popular, sinalando que foron o partido máis votado en tódalas mesas do municipio de Mugardos. É certo.
Na mesa única da sección 001 de Mugardos, a de censo máis amplo, o reconto mantivo un empate técnico entre PP e AGE ata que se chegou ás papeletas da mañá (as do fondo da urna), que dispararon ao PP e provocaron unha remontada do PSOE ata situalo como segunda forza, que o sería tamén na suma total de mesas mugardesas, algo que non conseguía desde xustamente as anteriores eleccións europeas (nas do Parlamento Galego e Municipais foi terceira e cuarta respectivamente). Tamén o PSOE podería sorrir.
A AGE (en Europa) duplicou o número de votos que a candidatura de Esquerda Unida obtivera no 2009. Incluso conseguiu situarse no segundo lugar na mesa da Pedreira. A coalición de Anova - Esquerda Unida - Espazo Ecosocialista podería ver aí a consolidación da súa alternativa. Pero é que ademais, entendendo Podemos como a outra parte do grupo Esquerda Unitaria Europea - Esquerda Verde Nórdica que apoia a Alexis Tsipras, estariamos falando da segunda opción con máis votos en Mugardos, por enriba dos socialdemócratas e a só 2,8 puntos de distancia do PPE (PP + VOX).
O BNG resistiu en Mugardos a irrupción de Podemos que o levou no conxunto do país a ser quinta forza. Nas parroquias foi o partido de Pablo Iglesias quen superou á "alternativa nacionalista", pero esta fíxose forte na vila e mantívose cuarta por uns escasos 4 votos.
Así que, visto deste xeito, todos quedarían contentos. Pero as linguaxes verbais e xestuais non cadran cando ninguén descorcha o champán. Entre outras cousas porque non se fixo especial énfase nestas eleccións. Os únicos actos políticos organizounos AGE (mitin o xoves 22) e BNG (mexilonada de peche de campaña o venres 23). PP e PSOE limitáronse a colar carteis e repartir volantinas. Nos colexios electorais a presenza de interventores/as e apoderados/as de PP e PSOE tamén foi escasa e ocasional e o BNG nin sequera apareceu ata o reconto no colexio da vila. Só AGE mantivo presenza continuada durante toda a xornada. Absolutamente nada que ver con eleccións municipais.
Daquela, que?
Estratexias públicas á marxe, o que hai (ou debería haber) é unha fonda reflexión sobre uns resultados que destrozan o bipartidismo. Ninguén semella atreverse a facer proxeccións en clave local, pero tanto a entrada triunfal de Podemos como a brutal perda de apoios aos dous grandes partidos estatais e o aumento moi considerable do voto a outras opcións, branco e nulo son cuestións que cómpre interpretar acertadamente. Se Podemos é un voto de esquerda, ¿que está dicindo a xente de esquerda que escolle esa opción fronte a AGE ou BNG? ¿Cara onde foron o 35% de votos perdidos polo PP e o 39,1% do PSOE? ¿Sopra mar de vento, ou mar de fondo? Opinen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario