Amosando publicacións coa etiqueta 22M. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 22M. Amosar todas as publicacións

22/02/12

A vontade popular


"El bien siempre triunfa sobre el mal.
El crimen nunca compensa al criminal.
¡Cuidado! A veces engañan las apariencias:
el guapo suele ser casi siempre un bellaco al final."

(de "La cultura popular", Siniestro Total, 1996)

¿Que votamos cando votamos? ¿Por que o votamos: pola identificación cunhas siglas, polas propostas programáticas ou pola confianza nas persoas da candidatura? ¿Por todo á vez? ¿Polo peso de dúas das tres variantes, malia a desconformidade coa terceira? ¿Só polo peso dunha delas?

Pois mire, haberalle de todo. E o resultado da suma de todas estas motivacións será o número de votos de cada candidatura. Ata aquí todo o mundo democraticamente feliz. A partires de aquí, o lío.

Transfuguismo

Entendamos por tránsfugas aquelas persoas que, elixidas en base a un programa e en representación dunhas siglas, deciden unilateralmente rachar ambolos dous vencellos, conservar a acta que a lei lles blinda e facer política "por libre", as máis das veces culminada nunha moción de censura. Cousa mala (non por ilegal, que non o é) que deixa indefensas ás organizacións fronte aos seus cargos electos. Así, estas acudiron ao seu propio rescate cunha reforma da lei que as defenda fronte esta violación da vontade popular.

Pero o lío non remata aquí.

A vontade popular

Se temos claro que a vontade popular é o resultado da suma de apoios a unhas siglas, un programa e unhas persoas, calquera perturbación deste equilibrio (e digo calquera) estaría violándoa.

Mesmas persoas, mesmo programa, distinto partido

Exemplo claro desta perturbación é a situación actual no Concello de Teo, onde ata seis dos nove edís elixidos o 22 de maio do 2011 na candidatura do BNG causan baixa na organización a raíz do desvencellamento do Encontro Irmandiño da fronte nacionalista. A LOREG protéxeos fronte ás presións do BNG para que entreguen a acta e deixen correr a lista. Ningún problema para quen votase confiando na competencia do equipo de Martiño Noriega e o seu programa pero, ¿e aquelas persoas que o fixeron por fidelidade ao BNG, mesmo se fose Pol Pot o cabeza de lista? ¿U-la defensa da súa vontade? ¿Quen cuantifica cada grupo? O dito: lío.

Mesmo partido, mesmas persoas, distinto programa

Dámonos un paseo por esta fermosa vila mariñeira que é Mugardos e facemos un breve repaso da praxe política do seu alcalde: opacidade informativa, reparto discrecional de fondos públicos (falando claro: reparto de subvencións sen atender a criterios obxectivos nin sometido a votación), votacións fóra da disciplina da organización (matrimonios homosexuais), desmantelamento do Servizo de Normalización Lingüística... cousas todas elas lonxe dos principios programáticos teoricamente defendidos polo BNG, marca baixo a cal se presenta e representa. Ningún problema para quen votase polo carisma e bo facer de Fernández Barcia, pero ¿e aquelas persoas que votaron por un ideario político? ¿U-la defensa da súa vontade? ¿Quen cuantifica cada grupo? Máis lío.

Mesmo partido, mesmo programa, distintas persoas

E velaquí a única saída ética que o BNG atopa á perturbación teense: que marchen as persoas para substituílas por outras que manteñan a representación da mesma organización. A cuestión tamén deriva nun asunto económico (que non é menor). De non producirse a renuncia dos edís irmandiños o panorama resultante podería ser estrambótico: ¿preferirían os tres edís fieis ao BNG un alcalde do PP? A cousa agora está en 9 BNG (6 EI + 3 BNG) - 6 PP - 1 PSOE - 1 Ind. Ningún problema para quen votase BNG por fidelidade, pero ¿e aquelas persoas que, sen especial empatía co Bloque, confiaban no equipo encabezado por Martiño Noriega? ¿U-la defensa da súa vontade? ¿Quen cuantifica cada grupo? Moooito lío. E atención aos movementos de Máis Galiza, que o 11 de marzo podería decidir afastarse tamén da fronte nacionalista e multiplicar casos coma este.

En conclusión

A solución máis acaída, afastados de intereses partidarios, é procurar o máximo respecto aos intereses populares, a que o resultado sexa o máis próximo a unha interpretación obxectiva da vontade popular, a un acordo, pacto, avinza, convenio entre as partes en conflicto entre elas que, a diferencia do transfuguismo, non viola a maioría dos tres piares da decisión democrática. Eis a proposta do Encontro Irmandiño.

E Mugardos, ¿que?

Pois en Mugardos o lío non é tal tendo en conta a pax barciana provocada pola saída en bloque do groso da militancia defensora dos principios ideolóxicos. Fican persoas, partido e unha fermosa falla de escrúpulos... agás que unha hipotética saída de Máis Galiza do BNG dentro dunhas semanas fracture de novo un grupo de goberno e unha Asemblea Local que gozan dunha Alcaldía que xa custou outra fenda hai un ano. Aposten: ¿haberá apego ao posto ou aos principios políticos?

25/01/12

¿E se Mugardos e Ares se fusionasen?


Co debate sobre a fusión de municipios in crescendo resulta acaído botar contas unha vez máis de cal sería a composición dun hipotético Pleno da Corporación do Concello de Bezoucos, formado polos dous concellos que ocupan a súa península. E pouco tería variado extrapolando os datos saídos das mesas do 22-M-2011: a folgada victoria socialista en Ares mantería ao PSOE como primeira forza política malia o derrubamento mugardés; o PP tamén repetiría representación (agora cun peso máis equitativo entre as dúas formacións locais); o BNG sofriría a perda dun concelleiro a causa da perda de apoios en Mugardos; e EU-IU, malia non presentar candidatura nas mesas de Ares, viría reflectido o seu crecemendo do 70% en Mugardos coa obtención dun segundo representante no Pleno. Con isto, as matemáticas permitirían un bipartito "de esquerdas" entre PSOE e BNG (10 de 17 concelleiros) comandado polo actual Alcalde de Ares, ou unha fronte de esquerdas PSOE-BNG-EU (12 de 17) mantendo ao PP lonxe das opcións de obter alcaldía.

Ora ben, ¿e se fosen os tres concellos do sur da ría quenes realizasen a fusión para optimizar recursos? A poboación, que xa superaría os 20.000 habitantes, establecería en 21 os escanos do Pleno da Corporación. Fene (17), Ares (13) e Mugardos (13) suman agora 43 concelleiros. O resultado de extrapolar os datos das últimas municipais sería o seguinte:


O Partido Popular sería, agora si, a forza máis votada. Tería gañado 2 dos 4 edís máis con diferencia á fusión Ares-Mugardos. Os outros dous repartiríanse entre PSOE, que igualaría en asentos co PP, e o BNG. EU conseguría manter a representación plenaria, ainda que agora porcentualmente menos significativa, grazas á suma de votos de Mugardos e Fene.

22/09/11

Partidos e redes sociais: constantes vitais 100 días despois

O 6 de maio comezou unha campaña electoral para as eleccións municipais que rematou o 22 do mesmo mes e provocou unha renovación na corporación local a partires do 11 de xuño. O 19 deste mes cumpríanse os seus 100 primeiros días. A actividade na rede dunhas e outras formacións políticas pode achegarnos unha idea das súas constantes vitais.

Bloque Nacionalista Galego



A súa intensa actividade durante a campaña, tanto na súa bitácora (actualizada case diariamente), como nos seus perfís de Twitter e Facebook, deu paso a un estado de absoluto desleixo: 13 semanas sen actualizar o blogue, desaparición total no Twitter e erráticos signos de vida no Facebook, con actualizacións ligadas á actividade do BNG nacional, non local.

Partido Popular



Os populares amosan unha actividade diverxente entre a bitácora e os perfís de Twitter e Facebook. Destes últimos botaron man con certa intensidade durante a campaña para paseniñamente ilos descoidando. Por contra, o seu voceiro oficial permaneceu case en silencio ata o comezo da lexislatura, dende entón actualízano case tódalas semanas, cun importante parón durante o mes de agosto para retomar con folgos setembro.

Esquerda Unida



Coma no caso do PP, a rede ocupou un segundo plano na campaña electoral (só catro actualizacións no seu blogue oficial). Dende entón, e tra-la investidura da nova corporación, comezaron a retomar o ritmo con certa parsimonia ata finais de agosto, para imprimir maior velocidade no último mes. O seu perfil de Facebook cumpre basicamente a función de "espello" das actualizacións da súa bitácora. Non posúen conta en Twitter.

Partido Socialista Obrero Español


Malia empregar "Mugar2.0" como un dos slogans de campaña, non se lles coñece actividade como organización local na web 2.0. Seu candidato, Carlos Fernández Coba, restrinxiu tra-la campaña o acceso ao seu perfil Facebook.

Mugardos na Esquerda



A actividade na rede de Mugardos na Esquerda é case paralela á do BNG: unha intensa actividade pre-electoral (maior no Facebook que no blogue oficial) para dar paso a unha liña plana, apenas rachada con contidos supramunicipais co gallo do 25 de xullo. As últimas constantes vitais quedaron atrás hai 9 semanas.

Actualización: merece destaque, falando da actividade das formacións políticas mugardesas nas redes sociais, o grao de interacción cos seus visitantes. Tódalas bitácoras (tanto BNG como PP, EU ou MnE) aplican un filtro de moderación de comentarios, polo que só son publicados cando reciben a aprobación de quen os xestiona (caso que non sempre se produce). Isto fai que o número de intervencións de terceiros/as sexa unicamente orientativa, xa que descoñecemos cantas mensaxes son censuradas. Aquí EU demostra actividade desde o nacemento do seu voceiro dixital en setembro do 2007; o PP espertou a elas dous anos e medio despois de inaugurar o blogue (xaneiro do 2009) pero xa goza dun bo promedio de comentarios por entrada (algo que redunda sempre en beneficio do número de visitas e a súa fidelidade). No do BNG, ben sexa por espertar nulo interese, ben por un estricto sentido da pluralidade de quen o administre, non atopamos comentario ningún nas súas entradas. E no de MnE, outro tanto.

16/06/11

22M: Vila vs Parroquias


O feito diferencial periférico existe. Cando menos, atendendo á orientación de voto segundo nos afastamos do núcleo urbán de Mugardos. Nese camiño EU e PP (as dúas forzas que poderían provocar un cambio de goberno) presentan traxectorias diverxentes: mentres que a candidatura de Pilar Díaz gañaba en Mugardos e A Pedreira (nesta empatada con BNG), pasaba a ser cuarta forza en Franza, O Seixo e San Xoán de Piñeiro; e a de Juan Domingo de Deus gañaba peso coa distancia e pasaba de terceira forza na vila a facerse coa segunda victoria máis clara nunha mesa electoral (39% en Piñeiro, por debaixo do 40,7% do BNG en Franza).

Por partes: Mugardos-vila, co 54,4% dos votos recadados, asume o peso fundamental do devir político municipal. É o centro socio-económico e onde a xestión diaria do goberno cobra maior importancia, tamén pola maior interacción/información entre a veciñanza. É aquí onde EU obtén a victoria e o seu mellor resultado (28,1%) mentres que o BNG pasa do 35,6% do 2007 a un 25,5% no 2011. Por detrás o PP medra, pero menos e o PSOE apenas decrece 6 décimas porcentuais.

O núcleo máis próximo ao casco urbán, A Pedreira, reproduce tamén os mesmos comportamentos, se ben aquí EU e BNG polarizan as preferencias, chegando a un empate a 115 votos (33,6%). O PSOE, pola súa parte, comeza a evidenciar as claves da súa caída, producida fundamentalmente na periferia. Mugardos na Esquerda (MnE) fica nun testemuñal 2,9%.

Franza concédelle ao BNG a súa única victoria parcial (¿efecto Piscina?), que tamén é a máis ampla de tódalas mesas (un 40,7%). É nesta mesa e na de Piñeiro onde Fernández Barcia mellora os resultados dos anteriores comicios, caendo en tódalas demais. Por detrás o PP é o referente opositor, mentres que EU mantén un apoio marxinal semellante ao 2007 e o PSOE perde 8,3 puntos pero aguanta na terceira posición. MnE acadará aquí o seu segundo mellor resultado (5,4%).

O Seixo é o segundo núcleo de Mugardos, tamén no censo electoral. Nel recolléronse o 13,9% das papeletas a candidaturas. Nas series histórias obsérvase certa tendencia a apoiar a candidatura que ostenta a Alcaldía, porén, nesta ocasión o PP foi quen de arrebatarlle (ainda sendo por un único voto) a condición de lista máis votada. MnE obtén o seu resultado máis destacado, situándose á par de PSOE e EU, todos con algo máis de medio cento de votos.

San Xoán de Piñeiro, a parroquia máis afastada, en moitas ocasións considerada a eterna esquecida, convírtese agora en feudo popular. Non hai "efecto beirarrúas" para o BNG, que perde 6,5 puntos, case os mesmos (6,8) que sube o PP, de onde é orixinal seu candidato nº2. Os 10,3 puntos de suba de EU non lle permiten superar ao PSOE, que resiste mellor neste núcleo que lle foi tradicionalmente favorable. O respaldo a MnE aquí é máis testemuñal que en calquera outra mesa.

Se a mal-chamada "pinza" entre EU e PP (habería que definir se o BNG ocupa un espazo de praxe política ideoloxicamente intermedio, asunto cuestionable) protagoniza unha actualidade aínda non pechada, os datos das mesas ofrecen unha nova perspectiva xeográfica. En Mugardos e A Pedreira EU dominou as aspiracións de cambio. No Seixo e San Xoán de Piñeiro foi o PP. No medio, o BNG e Franza como única praza onde os de X.F. Barcia reciben maior apoio que os partidos da oposición.

30/05/11

22M: Ferrolterra na escaleira


"Nin subimos nin baixamos,
nin baixamos nin subimos.
¿Pra que habiamos de subir?
¿Pra que habiamos de baixar?"

(de Galicia Express, Os Resentidos 1988)

¿Subiron ou baixaron as principais forzas políticas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal? Nin unha cousa, nin a outra... ou si.

É chamativo que malia ser o PP o partido que máis éxitos colleitou por estas terras, o seu balanzo de subidas e baixadas porcentuais respecto do 2007 sexa parello (11-11). No seu haber conta con tres das maiores subidas (Neda, Pontedeume e Cabanas), máis tamén con 3 das baixadas máis bruscas (Moeche, San Sadurniño e A Capela). Foron a lista máis votada en 13 dos 22 concellos, destacando por enriba de todos Ferrol, e gañando unha praza histórica da esquerda como é Fene.

O PSOE pode sorrir en As Pontes, onde acadou a maioría absoluta a costa do batacazo do BNG. Tamén en Ares, onde xa é o primeiro partido. E en Ortigueira, Miño ou Cerdido faise alternativa de goberno con subas de máis de 14 puntos. Pero a derrota de Fene, Cariño, Monfero e sobre todo Ferrol forzan a unha fonda reflexión na cúpula socialista.

Máis fonda aínda terá que ser a reflexión dos órganos comarcais do BNG, que malia a victoria absoluta de San Sadurniño e as relativas de Cariño, Moeche e Mugardos (na nosa vila cunha baixada que lle pode custar a Alcaldía por causa das nefastas relacións cos outros partidos da esquerda) a fronte nacionalista necesita un paso polo diván que consiga descifrar as claves da perda de apoio en 16 concellos, sendo especialmente significativo en As Pontes e especialmente dramático en Neda (onde quedou a 1 voto de obter representación no Pleno e deixar sen maioría absoluta ao PP). O discurso de "moderada satisfacción" do seu voceiro nacional xa foi criticado dende o propio seo da organización.

EU só presentou 6 candidaturas en Ferrolterra (27% dos concellos). Unha situación de invisibilidade política acentuada polo feito de perder a chave do goberno en Ferrol, malia gañala en Mugardos. O suposto de captación do voto descontento con PSOE e/ou BNG só se pode aplicar ao noso concello e ao de Neda, e semella argumento insuficiente para evitar tamén un replantexamento político profundo.

25/05/11

22M: ¿Todos contentos?


O BNG é por terceira vez consecutiva o partido máis votado en Mugardos. O PP recupera posicións cunha candidatura renovada e apunta ao futuro. EU é quen máis medra (case un 70% máis de votos que no 2007). O PSOE, malia baixar do 17% o seu chan electoral, ten a chave do goberno. E Mugardos na Esquerda queda fóra do Pleno, mais os resultados no Seixo (onde se colocou á par de EU e PSOE) danlle azos para continuar un proxecto que asegura "vir para ficar".

Xa pero, ¿agora que?


Onte dixen:

Agora agardar as longas sesións de debate interno e negociacións a dúas bandas. Por un lado, o BNG tentará gañar o favor do PSOE para poder manter fiel a súa nova base militante (traballadores/as ocasionais do Concello, membros de Protección Civil) e que Xosé Fernández Barcia non marche á oposición por vez primeira na súa carreira política.
Pero o nacional-catolicista ten moi poucas posibilidades de recuncar. EU garantiu que o seu voto non faría a Barcia Alcalde, e os resultados do 22M deixaron nas súas mans o futuro de BNG e PP, xa que un hipotético pacto BNG-PSOE podería facer que EU investise a Juan Domingo (PP) como alcalde.
A decisión do PSOE será determinante. Se sospeita que a promesa de EU era un farol pode tentar o achegamento ao BNG para formar un goberno de 6 fronte a 7 (dos dous que perden apoios fronte aos dous que os gañan). Se EU se mantén firme, daquela o PSOE terá que escoller entre entrar nun goberno de coalición EU-PSOE ou marchar á oposición, forzando a EU a un acordo dos chamados anti-natura co PP. Esa é a forza do PSOE e a que durante as vindeiras semanas lle permitirá negociar con forza un posible bipartito.
As opcións do PP pasan pola ruptura de negociacións entre Pilar Díaz e Carlos Fernández. De acontecer así, Juan Domingo de Deus podería ser o Alcalde de Mugardos grazas ao apoio que EU lle concedería para evitar a continuidade de Xosé Fernández Barcia.
Mais podería haber unha última posibilidade para un acordo BNG-PSOE: a renuncia de Xosé Fernández Barcia á súa acta de concelleiro debido ao veto de EU. O liderado nacionalista recaería en Xosé Antón Bouza, quen tentaría desbloquear a posición de EU, que evitaría así a repercusión mediática (a nivel estatal, incluso) que tería un acordo co PP dificilmente entendible no contexto actual lonxe de terras mugardesas e que danaría moito a imaxe da coalición liderada por Cayo Lara. Pero iso depende de se o veto de EU recae en Xosé Fernández Barcia ou afecta a todo o BNG.
A solución menos ruidosa é, con claridade, a do bipartito EU-PSOE. Todo depende deles.

Mais cometín un erro ao barallar as hipóteses, xa que non tiven en conta a necesidade de obter a maioría absoluta (7 votos) calquera candidatura que non fose a lista máis votada. Ou o que é o mesmo: se non hai acordo entre (alomenos) PP e EU o BNG continuaría gobernando como lista maioritaria. E ese acordo PP-EU pode pasar ben por un simple acordo para que EU facilite a investidura de Juan Domingo (máis presumiblemente sen entrar en co-goberno) ben por un acordo para que o PP facilite a investidura de Pilar Díaz e esta co-gobernar co PSOE. O que si semella dificil de evitar é que o goberno municipal nos vindeiros 4 anos continúe sendo feble, como o é dende a ruptura do pacto BNG-PSOE no 2005 que deixou ao BNG gobernando en solitario con 4 edís.

20/05/11

Nube electoral (¿De que falan as candidaturas?)

Preséntovos a nube de etiquetas dos programas de cada unha das cinco candidaturas mugardesas. O método consistiu en extraer o texto íntegro dos programas que cada unha delas publicou na rede e, mediante un servizo de xeración de nubes de etiquetas coñecer cales eran as 50 verbas máis empregadas e a súa intensidade (da que depende o seu tamaño). Empreguei wordle.net e obtiven os seguintes resultados:

Bloque Nacionalista Galego


As mensaxes sectoriais quedan, máis que en ningún outro caso, nun segundo plano para reforzar a marca electoral. É, con diferencia, a candidatura que máis fala de si mesma para acompañarse de dúas ideas forza "compromiso" e "avance".

Partido Socialista Obrero Español


A única candidatura que coloca entre as 50 verbas máis usadas o nome do seu cabeza de lista e a petición do voto. Destaca tamén a presencia das terceiras persoas do plural do futuro pefecto: "poremos", "queremos", "crearemos", "impulsaremos". "participación" e "veciños" sustentan o que foi un dos piares da súa campaña.

Partido Popular


O único programa que non se presenta en galego. Os distintos conceptos teñen xa unha presenza máis equilibrada que nos dous casos anteriores. "creación", "gestión", "colaboración" e "plan" son substantivos que a diferencian de outras candidaturas.

Esquerda Unida - Izquierda Unida


O de EU-IU é o programa que menos menciona explícitamente a Mugardos, para repartir máis o protagonismo entre "casas baratas", "centro" ou "mar". A cuestión "escolar" obtén un papel principal, igual que conceptos como "colaboración", "convenio" e un significativo "non".

Mugardos na Esquerda


A candidatura na que máis núcleos de poboación aparecen entre as 50 verbas máis empregadas: "seixo", "pedreira", "rilo", "meá"; e tamén a única na que o fai a "biblioteca". Como no caso de EU-IU, o "non" ocupa un lugar destacado.

14/05/11

¿Que o paro que?


Houbo un tempo no que un home que foi Alcalde de Mugardos chamado Ramón Toimil (PSOE) atreveuse a prometer catro mil (¡4000!) postos de traballo vencellados á pranta de regasificación que se quería construír en Mugardos. A planta construiuse, mais en Mugardos a xente conta cos dedos dunha man ás veciñas e veciños a nómina de Reganosa, e aínda lle sobraban dedos. ¿Onde foron?

Hai moito menos, apenas uns días, o candidato á alcaldía de Mugardos polo BNG, nesa liña sectario-estratéxica que che inculcan dende o primeiro día, de fomenta-lo odio (por favor, Mónica Fernández, se lés isto fuxe, sei do que falo) cara calquera outro que non sexa dos teus (e que así acadou as insostibles cotas de tensión xa non só entre os políticos locais senón tamén entre traballadoras e traballadores do Concello), acusaba aos "partidos estatais" de seren os culpables das cifras do paro no municipio. ¿Tiña razón?

Pois resulta que, malia a fase de construcción desa panacea en forma de planta de gas que supuña Reganosa, ou desa prosperidade eólica sobre a que cabalgaba Metalúrgica del Atlántico, Mugardos non deixou de ser, fronte a concellos parellos como Ares ou Neda, o de maior índice de desemprego. ¿Como se come iso?

Dende maio do 2005 a abril do 2011 (exactamente 6 anos) o Concello de Mugardos foi, en comparanza con Ares e Neda, o que piores cifras de emprego amosou durante 57 dos 72 meses computados. É dicir: Mugardos tivo máis paro que Ares ou Neda (sen estes dous ter Reganosas nin Metalúrxicas del Atlantico) durante o 79% dos meses. Ares superouno durante 8 deses 72 meses. Neda durante 7.

Agora, unha vez demostrada a sobrevaloración da promesa eolico-gasística, uns e outros partidos, á carreira pola alcaldía, afánanse en louvar as potencialidades de Mugardos como destino turístico. Neste debate político do 2011 uns e outros súbense ao carro ("construiremos un hotel no Castelo da Palma" chegou a afirmar un autoconsiderado plenipotenciario X.F. Barcia en Canal 31) porque agora á xente do común desta vila xa non lle cola o conto da choiva de empregos parella aos buques transnacionais, nin aos muíños de vento. Agora hai que vender turismo.

"Lembrámonos de Santa Bárbara cando trona" díxome unha vez meu pai. E Santa Bárbara agora son as excelencias paisaxístico-gastronómicas da Dúas Veces Real Vila de Mugardos. Agora que a crise económica desmantela as mentiras laborais tecidas pola meirande parte de partidos mugardeses (que non todos). Agora hai que agarrarse ao turismo para safar a treboada. Mais agora esas potencialidades turísticas haberá que compatibilizalas cunha actividade industrial de risco instalada a 500 m. do casco urbán, meus magníficos xestores da cousa pública. Agora os potenciais residentes nese hotel do Castelo da Palma (que con tan pouca orixinalidade queredes patrimonializar), de capital privado, non gozarán da entrada da ría adornada co paseo de veleiros deportivos, senón de buques mercantes cargados de gas natural licuado que posteriormente descargarán nunha pranta que enfriará e esterilizará o mar. ¿De verdade tiñades un proxecto a medio-longo prazo do que queríades facer de Mugardos?

Non, non o había. Nin o tiña o PP, nin o PSOE nin o BNG. Organizacións escravas do capital, vístanse como se queiran vestir. De aí o enfrontamento cos movementos sociais, especialmente paradóxico na fronte nacionalista (Galiza Non Se Vende, ese inimigo). Por eso as súas cúpulas nunca deixarán que dende a base xordan movementos de resposta. Por iso algunhas desas organizacións consinten o asalto ás súas normas internas con tal de garantir o mantemento da alfombra vermella ao capital que se sirve de todos nós para beneficio propio e, intelixetemente, dos que lle siguen o xogo. E por iso a única posibilidade de rachar ese círculo vicioso recae directamente no pobo. No pobo que, polo de agora, aínda conserva o seu dereito ao voto libre.

Actualización 16/05/2011: Corrección de estatísticas, baseadas agora en poboación de 16 a 65 anos e non en censo de poboación, o que empiora os datos para Mugardos en comparanza con Ares e Neda.

11/05/11

Descifrando as claves electorais


As do vindeiro 22 de maio serán unhas eleccións municipais con moitas incógnitas (como tantas outras). ¿Romperá o BNG o teito eleitoral do 2007 ou sufrirá as consecuencias da súa convulsa lexislatura? ¿Producirase o efecto "R-evolución" no PSOE ou se verá arrastrado pola recesión que padece a nivel galego e estatal? ¿Igualará Juan Domingo o apoio maioritario que o PP só acadou no 1999 ou continuará a ser un reducto do centro-dereita nun concello de esquerdas? ¿Que repercusión terá a reunificación da esquerda non-identitaria? ¿Acadará representación plenaria Mugardos na Esquerda?

O primeiro que fixen foi observar as tendencias electorais dos últimos 20 anos, que é ata onde se pode consultar dende o portal electoral do Ministerio do Interior. Ao facelo comezan a abrollar os datos:
  • O poder electoral dos partidos autodenominados "de esquerda" é abafante. Ainda cos mellores resultados acadados polo PP (1999) só atinxiu o 35,5% dos votos e 5 edís, lonxe dos 7 que lle permitirían gobernar. A ausencia de socios naturais do PP é unha das súas principais feblezas, nun concello co voto tran fragmentado como Mugardos. Con todo, neses mesmos 20 anos ningunha outra candidatura acadou, por ela mesma, ese teito electoral.
  • O record está nos 5. Acadáronos EU-IU (1991), PP (1999) e BNG (2007). Lonxe queda a maioría absoluta do Partido Comunista no 1979, con 7 edís; ou os 6 acadados polo mesmo partido no 1983.
  • O vía crucis do PP. O papel do PP en Mugardos é complicado. Logo de pasar a lexislatura 1999-2003 na oposición ainda sendo a forza máis votada (PP 5, PSOE 3, BNG 2, EdeG-OV 2, EU-IU 1), recibiu un forte revés nas municipais do 2003. Unha das claves podería ser que naquela campaña catro das cinco candidaturas presentábanse facendo balanzo da xestión no cuatripartito. O PP quedaba á marxe desa batalla. O feito de que ainda co seu mellor resultado ficase lonxe do poder facíalle perder tamén a imaxe de alternativa real de goberno. Retrocedía nun 30%.
  • De Reganosa a Esquerda re-Unida. As contínuas divisións da que chamarei esquerda non-identitaria (ENI) minguaron notablemente a súa forza ata o punto de percibirse como residual. Esta apariencia, porén, pode resultar enganosa. De computar en conxunto as súas diferentes candidaturas atoparíamonos cunha poderosa alternativa cun chan electoral do 20,4%, moi semellante ao do PSOE (20,6%). Máis aínda: tería sido a forza maioritaria no 2003, provocando un resultado ben distinto: ENI 4, BNG 3, PP 3, PSOE 3. Porén, tampouco hai que esquecer que a escisión encabezada por Manuel Fariña mantiña a respecto de Reganosa unha posición diametralmente oposta á de Pilar Díaz nos tempos onde o debate sobre a pranta de gas protagonizaba a actualidade política. Dezaseis anos despois da súa última ruptura, e co debate gasístico en letargo (que non finiquitado), EU-IU volve a ser a única candidatura en representación desa corrente.
  • A encrucillada do PSOE. O PSdeG-PSOE preséntase ao 22-M logo de obter o pior resultado da súa historia en Mugardos nas anteriores eleccións (20,6%). Carlos Fernández presentará unha candidatura renovada, con importante presenza de xente moza e un carácter afable como principais valores fronte ao goberno crispado do BNG de Xosé Fernández Barcia. Na súa contra xoga a coxuntura política negativa que atravesa o PSOE en Galicia e no Estado. No 2003, en pleno "efecto ZP", con Touriño na Xunta e cun candidato (Juan Fernández) tamén de estrea e ampla popularidade na vila, tocou fondo. Non será doado reaxir.
  • O aplausómetro de Barcia. Nos últimos oito anos o Concello de Mugardos contou cuns recusos económicos excepcionais (7 millóns de euros da posta en marcha de Reganosa, bonanza económica, Plan E) que atoparon a Xosé Fernández Barcia na Alcaldía. O BNG estaría en condicións de rachar rexistros, mais nos últimos catro anos viuse sacudido polo escándalo medidático do caso Virgin e a inestabilidade interna no goberno municipal e na propia Asemblea Local, coa baixa conxunta de case un terzo da súa militancia por mor das irregularidades que fixeron de Barcia o candidato do BNG. Hai unha máxima que afirma que o electorado sempre castiga aos partidos divididos. O crecemento dos nacionalistas, ademais, viría parello ao descenso dos apoios de un ou varios dos seus rivais e estes, nembargantes, semellan andar preto dos límites que marca o seu voto cautivo. O discurso da "maioría absoluta" que tentou trasladar no 2007 será complicado que calle nesta ocasión e ao cabeza de lista faríalle falla algo máis que rebaixar o seu personalismo se non quere ver truncados os seus anceios de igualar a Ramón Toimil con 12 anos á fronte do Concello.
  • A incógnita do debutante. Desaparecidos da escea Independientes por Mugardos (desafectos de EU-IU) e Acción por Mugardos (desafectos do PP), abrolla unha "Alternativa de Esquerdas do Povo Galego", con candidaturas irmáns noutros once concellos e cun plantexamento "soberanista" que tentará absorver un electorado descontento agora co BNG e o xiro á dereita comandado por Barcia. A súa proposta di pretender derrubar algunhas inercias electorais e esvaer a estratexia personalista do culto ao cabeza de lista, mais na súa contra xogará xustamente ese descoñecemento das persoas, a irrupción tardía na carreira electoral e a nula cobertura mediática dos medios de comunicación tradicionais, que xa veñen ignorando a EU-IU. Poderían ser a evidencia do espazo perdido polo BNG á esquerda e unha das súas claves será a capacidade de mobilización do electorado abstencionista que lles sería receptivo.
  • A loita polo 13º asento no pleno. Nas municipais do 2007 o PP mantivo o seu terceiro asento por 22 votos que de non obtelos concederíanlle o segundo a EU-IU. Máis aínda: catro anos atrás, nas municipais do 2003, o BNG facíase co cuarto concelleiro por unicamente 3 votos, privando tamén a EU-IU do segundo. Máis lonxe quedaba o BNG nas municipais do 1999 de quitarlle un a EdeG-OV (77 votos). Foi nas dúas últimas citas onde moi pouquiños votos cambiaron o panorama político. O 22-M poden volver a ser determinantes. Fagan as súas apostas.

28/04/11

22M: Candidaturas paritarias


Explicándoo brevemente, a lei de paridade obriga ás candidaturas a presentar, en cada tramo de 5 candidatos/as (1 a 5, 6 a 10...) un mínimo do 40% de mulleres ou homes, o que na práctica supón que de cada 5 persoas teña que haber 3 dun xénero e 2 de outro. Con isto, velaí os fríos números da paridade:
  • Só unha candidatura (EU-IU) vai encabezada por unha muller.
  • Só unha candidatura (PP) inclúe maioría de mulleres (7 fronte a 6).
  • Só unha candidatura (ME) non apura a lei de paridade para colocar unha muller no quinto posto.
  • Ningunha candidatura alterna homes e mulleres (a chamada "cremalleira") ata o final da lista.
  • Ningunha candidatura presenta maioría de mulleres no primeiro tramo de 5
  • O PP apura ao máximo a lei de paridade en favor dos homes, que ocupan os postos 1, 2 e 3, fronte ás mulleres (4 e 5).
  • BNG e PSOE calcan a súa relación de homes-mulleres agás nos a priori testemuñais postos 12-13.
  • Se atendemos ao tramo dos 3 primeiros atopamos 4 mulleres e 11 homes (27%).
Outro xeito de velo:


Desbotei o cómputo dos suplentes pola súa disparidade. Estes adoitaban ser 3 en tódalas candidaturas ata as eleccións municipais do 2007, cando o BNG presentou ata 5 que ao final case nin lle abondan. Nesta ocasión o BNG reduce ata os 3 suplentes, como Mugardos na Esquerda; PP e EU-IU suben a 4, e o PSOE dispárase ata os 7, conformando unha candidatura de 20 persoas, a máis ampla nunhas eleccións municipais onde só se xogan 13 postos.

Podedes lembrar os datos paritarios do 2003 aquí, e do 2007 aquí.

Un dato: as eleccións municipais do 2007 levaron ás mulleres a ocupar 5 dos 13 asentos do Pleno (38,5%). Agás sorpresa, esta proporción reducirase no 2011.