27/04/09
E á cuarta foi a vencida
Que digo eu que xa nos ía tocando, ¿ou?
O Val non puido gañarlle ao Bertamiráns e consumouse o ascenso matemático do Galicia a falta de dúas xornadas para o remate da liga. Fíxose raro non celebralo no campo, que é como prestan estas cousas, pero disque, se cadra, en quice días despedimos a tempada na Pedreira fronte ao Orillamar cunha churrascadiña e esa troula da que tanto gostamos por estes lares.
24/04/09
Copa 2009
Xa temos os emparellamentos de dezaseisavos e oitavos de final dunha Copa de Ferrol 2009 que este ano trae unha importante novidade: as eliminatorias seran a un único partido ata as semifinais. O sorteo quixo que o Galicia comece recibindo a un clásico, o Cedeira, no campo da Pedreira, onde tamén se xogaría o seguinte cruce fronte ao Numancia ou o Aspirantes. No ano en que a final se celebra en Prados Vellos queda xa desbotado o gran derbi de Bezoucos. Cachissss.
20/04/09
Primeiro match ball
Tres ascensos frustrados despois semella que este ano, cando menos, a psicose colectiva que agarrotaba aos xogadores galicistas nas derradeiras xornadas da tempada non vai ser tal. Desta volta son os que veñen detrás os que perden folgos e son os nosos os que fan os deberes.
E así, por fin, esta semana as frías matemáticas din que xa temos a primeira posibilidade de celebrar o regreso á Rexional Preferente. Fará falla gañar o sábado na Pedreira ao Meirás e que o Val non gañe o domingo na súa visita ao Bertamiráns. ¿Irá desta?
16/04/09
O pobo tranquilo
Isto que vedes aquí enriba é a gráfica que representa o número de titulares sobre cada concello aparecidos na edición dixital de Diario de Ferrol durante tres semanas (do martes 17 de marzo ao luns 13 de abril). Ocorréuseme facer durante todo ese tempo tal seguimento por ver se era certa a sensación que teño dende fai meses de que a actualidade na vila caeu en letargo. Escollín Diario de Ferrol por ser o xornal que máis páxinas dedica á información local.
E velaí o resultado: somos un pobo tranquilo. Non tanto como como a comatosa Neda (5553 habitantes segundo o IGE), máis ben ao nivel de Cabanas (3287), pero lonxe, moi lonxe, do veciño Ares (5682) ou dos máis populosos Fene (14169) ou Pontedeume (8561). Nin actualidade política, nin actividade asociativa, nin sequera uns sucesiños de nada. Poderiamos entender que os xornalistas dese diario non nos prestan atención abondo, pero unha ollada á web oficial do Concello fainos sospeitar que os motivos deben de ser outros. Ocórreseme que, dándolle a volta á tortilla podiamos ofrecer Mugardos como destino turístico para os amantes da paz... da paz dos cemiterios.
13/04/09
O país do ben-vale
Temos enriba unha crise estrutural, un follón de mandar carallo. A culpa cada vez parece máis claro que a teñen os que no seu día especularon temerariamente para facer negocio. Aí temos aos bancos co cu ao aire. Ou ás promotoras arruinando a moitas familias.
Por estes lares tamén houbo quen fixo negocio a costa de vender fume. Reganosa presentouse no seu día como unha cousa imprescindible e urxentísima. Mentres algúns veciños diciamos o de "Planta de gas fóra da ría, da tempo dabondo" os políticos ben-valistas, cobizosos por xestionar as prometidas glorias económicas e laborais dicían que era agora ou nunca. Disque se non se facía en Punta Promontorio levaríana para Xixón e aos que non queriamos a planta dentro da ría chamábannos "asturianos" e "antigalegos". Curiosamente, en Xixón non vían incompatible a súa planta coa nosa e tiraron para adiante igualmente.
Hoxe, coa chapuza rematada e funcionando, resulta que tampouco había tanta urxencia, que Reganosa traballa a medio gas porque nin en Sabón hai os ciclos combinados que se agardaba, nin hai industria química paralela, nin nas Pontes demandan tanto gas.
Hoxe na vila sobran os dedos dunha man para contar os veciños que traballan na planta. Os supostos beneficios económicos non parece que libren a Mugardos da crise nin que o fagan máis próspero que calquera outro concello da volta. A "vía rápida" serviu para que os empresarios mugardeses apostasen por instalarse fóra, en Vilar do Colo. E a cafrada é tan, pero tan grande, que aos poucos iremos descubrindo máis e máis demostracións de como a especulación duns e a estulticia doutros a rematamos pagando todos.
Agora resulta que en tempos de crise os buques gaseiros máis modernos son tamén moito máis grandes. Claro, aforran viaxes e polo tanto custes. Pero unha planta noviña do trinque como a de Reganosa non vai ver nin o primeiro sinxelamente porque dentro da ría non caben (¿sóalles "Planta de gas fóra da ría"?). Xa agora case non caben os pequenos que teñen que agardar a pleamar, imaxínense o dobre de grandes.
Pero aínda fuxindo para diante queren dobrar a capacidade. E como non poderán dobrar o tamaño dos buques é de supor que terán que dobrar a frecuencia de entrada na ría, os custes e os cartos cos que a Administración parcheará o furado. Ao revés do resto do mundo. Somos un modelo a seguir. O modelo do ben-vale. E aos que nos queixemos: leña.
Collendo carreira para o verán
11/04/09
post-V Ránking das Rondas
Cen rondistas, cen, que se di pronto, déronse cita unha vez máis no templo das rondas mugardesas para dirimir quen fai rodar mellor os dados polo tapete. Por terceira edición consecutiva o Ránking ten nome feminino. Os dados parecen cousa de mulleres ;)
07/04/09
XIX Certame de Rondallas
Aí tedes parte do que foi o XIX Certame de Rondallas do Concello de Mugardos, que deixou, entre outras cousas, este "Canto a Mugardos" por parte da Rondalla Mugardesa:
Mugardos,
miña terra querida,
verxel dos meus amores,
anaquiño de Galicia
con realeza e honores.
Terra agarimosa e meiga
da fermosa ría ferrolán,
onde os que a ela chegan
e a pouco que nela acougan,
por desexos, non se van.
Enxendro de boa xente,
mariñeiros, heroes,
da cultura e bo talante,
moitos foron nesta Vila
os que tiveron lugar.
Terra viva de emigrantes
que, abandonando os seus lares,
sufriron vicisitudes
marcharon cruzando os mares
hacia terras de ultramar.
Traballando sin cesar,
con ilusión, enerxía
e ansias de prosperar,
soñando en poder un día
a seu pobo retornar.
Sobria terra nai onde nacín,
cantarche ata morrer quero
ainda que sexa sufrindo
pois, estando ao teu carón,
eu morrería, si, pero vivindo.
Letra e Música: Antonio Cartelle Vilasánchez.
04/04/09
V Ránking das Rondas
Ano 30 d.C., os romanos crucifican a Xesús e mentres agardan que morra bótanlle unhas rondas. Eis a demostración da milenaria tradición que este venres habemos de honrar na V Edición do Ránking das Rondas.
Porque, miñas donas e meus señores, imos xa polo quinto Campionato Mundial de Rondas Mugardesas. Si, si, comezámolo o véspera de reis do 2008 con 16 parellas e un ano e tres edicións despois chegamos ás 41. A cuestión de xénero está igualada. O Ránking xa coroou a dúas parellas de reis (Ránking I e II) e outras dúas parellas de raíñas (Ránking III e IV). Xa vimos enfrontamentos fratricidas, xa vimos a fillos gañarlle a pais, alumnas derrotar a mestres, mozas humillando a seus mozos, xa vimos rondistas tuneados... e os premios foron aumentando campionato tras campionato.
Xa non hai que agardar máis. Non hai inscrición previa que faga falla, buscade parella e aparecede alí, no Trope, entre as 20:30 e as 21:00 do venres santo. Loitade como gladiadores romanos e coroádevos Reis do Ránking das Rondas ata que a edición pulpeira vos destrone... ou non!
02/04/09
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)