Amosando publicacións coa etiqueta Metamorfose. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Metamorfose. Amosar todas as publicacións

11/10/13

Alba dos mortos (Dawn of the Dead)



Perdóeseme o título. É dun dos films de culto do director por excelencia do xénero zombi, George A. Romero, polo que sinto debilidade. Sabede tamén que a súa familia viña sendo orixinaria de Neda. Case nada.

Pois aí está: dous anos despois a web municipal volve sobrepasar as 20 entradas nun mes e sitúase, tra-la entrada de EU no goberno, nunha media de 19,3, espertando a unha web zombi durante a singradura solitaria (e logo da espantada e retención da acta de Mónica Fernández, máis solitaria aínda) do BNG. De manter o ritmo de actualización incluso podería comezar a amortizar o seu custo.

E é que, se atendemos ao último mes, concellodemugardos.org é, en base á poboación municipal, a páxina que máis actualidade (que non información, diso xa falaremos) ofrece agora á cidadanía (3,8 novas en setembro por cada 1000 habitantes).

As eivas da web (que as ten, e moitas) nunha outra ocasión.

03/04/08

A web que languidece



A sociedade da comunicación avanza lixeira, ás veces sen tempo a asimilar os cambios que produce na nosa vida cotiá. Internet é hoxe unha ferramenta que xa ten demostrado a súa utilidade á hora de democratizar o acceso de todos/as á información, e a súa implantación nos fogares é cada día meirande que o anterior. Sendo así, é difícil atopar unha explicación á situación actual das webs que poderiamos entender como representativas do pobo mugardés.
A web do Concello de Mugardos, pola súa función de servizo público e de información á cidadanía é, a bo seguro, a que mellor exemplifica esta eiva. O seu ritmo de actualización decaeu de xeito preocupante nos últimos meses. No mes de febreiro, como paradigma, o Concello só publicou na súa web oficial dúas novas e unha orde do día. Lonxe queda o ritmo acadado os meses previos ás eleccións municipais. ¿É isto reflexo da actividade xerada dende a administración municipal? Non, a bo seguro. Só hai que prestar atención aos xornais para comprobar que o problema reside máis no rol cuase-folclórico que se lle está concedendo á web por parte de quen corresponda, e a escasa importancia dada ao seu papel de informador da veciñanza mugardesa. No concello de Fene (usémolo como referente de mellor facer) cóntanse por dúas e tres as entradas diarias que converten fenecidadan.net nun auténtico portal para tódolos feneses/as.
Pero se o panorama na web do Concello é desalentador, máis aínda é ollar cara a dos partidos políticos da vila. Sálvanse da queima BNG e EU-IU, que botaron man dunha ferramenta áxil e doada de administrar como son as bitácoras. Con todo, poderíaselles pedir algo máis de vida: a web nacionalista apenas reaxiu co gallo das últimas eleccións; a de EU-IU parece non saber falarlle aos veciños e veciñas máis que do Caso Virgin. Pero é que se atendemos ás webs do PP ou PSOE a situación pasa a ser lamentable. A do PP por ser só un semi-voluntarioso amago de trasladar a campaña das municipais á rede. Deseño e estrutura dignos, aínda que pensados para o navegador de Microsoft, non para o resto. Aí quedou a cousa. Dende entón, cero patatero. E a do PSdeG-PSOE, tanto ou máis lamentable que a anterior. Primeiro por un deseño e estruturas impropios deste século. Segundo, por adoecer dun tempo a esta parte do mesmo que adoece a de EU-IU: só interesa trasladar aos veciños o último sobre a trama urbanística. Do resto, nada de nada.
E velaquí un panorama que deixa claro que a rede mugardesa ten aínda moito que mellorar. Polo ben de todos e todas.

30/12/07

O pobo de moda



Diálogo entre estudantes en Santiago (1997):
- Ola guapísima, de onde ves sendo?
- De Vigo, e ti?
- De Ferrol...
- Bueno, de Vigo Vigo exactamente non, son de Arcade, coñeces?
- Mmmm, nin papa. Eu tampouco che son de Ferrol, son de Mugardos, xustiño do outro lado da ría, coñeces?
- Mmmm, nin papa...

Diálogo entre ex-estudantes en Santiago (2007):
- Ola guapísima, de onde ves sendo?
- De Arcade
- Coño, como a perruqueira do Interviú!
- Pois si, e ti?
- Eu de Mugardos
- Coño! Vaia unhas que montades por alí, eh!

Nota: Mugardos foi no 2007 un dos principais protagonistas da actualidade na web de novas galegas Chuza!. Estamos de moda.

28/03/07

Taru e os Paxaros Coiro



Da gusto saber que o panorama musical mugardés comeza a diversificarse e a asociarse a máis correntes musicais que o heavy ou as rondallas. Hoxe na Radio Galega Taru e os Paxaros Coiro apuntaban o reggae no noso curriculum cultural. Noraboa.

06/11/06

Overbooking na Avenida Bello Piñeiro



Polo visto, a plantación de árbores en Bello Piñeiro provocará un agravamento do xa complicado problema de aparcamento que existe nesa avenida (como ben podemos apreciar na fotografía). Ás veces rozamos o esperpento...

Nota: Aclaracións do BNG respecto do acondicionamento da Avenida Bello Piñeiro

20/10/06

A Mugardos voy



A Mugardos voy ligerito caminando
Y con mi paragüitas por las aceras yo voy andando
A Mugardos voy ligerito suspirando
Por mi niña Rosa que en la Areosa me esta esperando

Voy subiendo montañas cruzando valles siempre cantando
O Verde me acaricia por que a Galicia ya estoy llegando

A Mugardos voy...ligeriño
A Mugardos voy...camiñando
Como un peregrino por el camino de la ilusión
A Mugardos voy...a Mugardos voy
A Mugardos voy...a Mugardos voy
Y con mi Rosa en la Areosa me quedo yo

23/09/06

III Ciberencontro Kernel 2006



O «III Ciberencontro Kernel 2006» semella todo un éxito logo de que semanas antes do seu comezo completasen xa as 70 prazas que a Concellaría de Mocidade e a Comunidade Linux «O Zulo» puxeron á disposición dos e das participantes na Casa da Cultura. Mugardos comeza a ser un exemplo a seguir na bisbarra no eido das novas tecnoloxías.

14/09/06

¡O Concello xa ten web!



Xa podemos pasar páxina respecto daquel lamentable www.mugardos.net. A nova web do Concello de Mugardos é www.concellodemugardos.org, ten sindicación de novas por RSS e cumple cos estándares da W3C en canto a estrutura, deseño e accesibilidade (WAI-AAA), algo que non consiguen cidades como Ferrol ou A Coruña.
Que cunda o exemplo.

27/07/06

A casa do reloxo



Seguimos afondando na metamorfose mugardesa. Desta volta vaille tocar á mítica Casa do Reloxo, que podería rematar dedicada á hostalería. Non sei vós, pero a min me montan un after-hours ao final do peirao e non hai Ferrol, Pontedeume ou Ordes que me saque de Mugardos un sábado-noite.

Ah, ha, ha, ha, stayin' alive, stayin' alive!

09/04/06

Unha vila que recuperar



Somos unha vila de grandes potencialidades desperdiciadas. A arquitectura do casco vello é unha delas (velaí vai unha mostra). Ogallá comece pronto a dar os seus froitos a Oficina de Rehabilitación do Concello.