29/08/18

Lume provocado



Na noite do 27 ao 28 de agosto caeron en Galicia máis de 300 raios. Boa parte deles concentráronse no Golfo Ártabro, provocando ás 3:09 un incendio en Montefaro (Ares) e ás 4:06 outro en Doniños (Ferrol). Como un e outro entran dentro do mesmo distrito forestal, houbo que repartir recursos, complicando a loita contra o lume. A Montefaro acudiron dous axentes forestais, nove brigadas, catro motobombas e unha pa mecánica, ademais do GES Mugardos. Ás 8:27 estes últimos denunciaban que co cambio de quenda quedaría só un operario, cousa que non acontecería porque membros do corpo continuarían traballando voluntariamente. Pasadas as 10:00 da mañá incorporábanse dous helicópteros e logo seis axentes, cinco brigadas e tres bombas de rego máis.

Case en paralelo declarábase outro incendio sobre o terreo xa queimado das redes sociais mugardesas. Ás 9:36 o Partido Popular xa estaba pedindo a dimisión da alcaldesa en relación directa co incendio de Montefaro, por ter baixo mínimos o plantel do GES en plena época de risco. Ás 11:07 engadía unha foto dela e a tenente de alcalde tomando un café nunha terraza para alimentar a súa turba de fanáticos. Primeiro foco de lume virtual. Ás 17:02 Esquerda Unida espertaba, tras máis dun mes inactiva nas redes, para responderlle ao Partido Popular que atribuír á alcaldesa un incendio por causas naturais e en territorio de Ares era levar moi lonxe a precampaña. A nota esquivaba a cuestión do GES (no mes de xuño o Pleno xa rexeitara a paralización temporal do servizo cos votos de toda a oposición) e tamén deixaba un arrecendo a soberbia e victimismo calculado. Segundo foco de lume virtual.

O incendio de verdade, o de Montefaro, dábase por controlado ás 16:59 levando por diante 10 hectáreas (182 ferrados e medio). O outro, o de mentira, non ten visos de extinguirse, como mínimo, ata o vindeiro mes de maio.

Nesta longa precampaña electoral Juan Domingo Deus necesita que prenda lume o despotismo de Pilar Díaz, e Pilar Díaz necesita que prenda lume a demagoxia de Juan Domingo Deus. Cada quen para que a súa xente volva á trincheira nun campo de batalla abrasado durante anos. Nun debate que loita por ser binario: ou el ou ela. Máis lume e menos árbores (porque, iso si, falando de árbores saben entenderse). Isto xa o vimos antes e cheira a napalm reseso, como unha versión telefilm de "Apocalypse Now" que repuxeran cada pouco tempo. E xa cansa.

O 80% das mortes nos incendios prodúcense por asfixia.

15/08/18

Xornalixo



No outono do 1995 a TVE 1 presentaba El Semáforo como a nova creación de Chicho Ibáñez Serrador. Andaba eu nos 18 anos, pero aquel programa xa me parecía unha garrulada feita por e para que la gente de ciudad fixese mofa da recua de miñaxoias que desfilaban cada semana. Xusto 10 anos despois, no outono do 2005, nacía Cuatro como unha nova canle de televisión dirixida ese público progre pero sin pasarse. Programas como Callejeros convertíronse na súa bandeira. O formato non deixaba de ser, basicamente, o mesmo que o de "El Semáforo": convertir xente marxinal en producto de entretemento. Igual de noxento. A versión refinada do lixo televisivo que consumen as clases populares en Tele 5, pero para aquela que se cre clase media.

O luns 13 de agosto esa canle, Cuatro, emitiu un novo episodio de "En el punto de mira", un programa que xa vai pola terceira tempada e que é ao xornalismo de investigación o mesmo que a homeopatía á medicina. Tocaba viaxar a Galicia para descubrirnos o narcotráfico, o furtivismo e a crise do polbo. Logo de escoitar diretamente da xente do mar como este foi desaparecendo das rías ocorréuselles pasar pola XXVIII Festa do Polbo de Mugardos para deslizar a sospeita de que o que se servía era polbo africano. Así, sen máis. Coa escusa de darlle voz aos primeiros que pasan, como se emitisen en directo. Co único contraste da concelleira que insistía en que o polbo ten todas as garantías de ser galego, que o é. A pseudorreportaxe enfatizaba nas sospeitas. Non tivo a ben documentar nada do que insinuaba. Tirou a pedra e escondeu a man, porque do que se trataba era de entreter, de dar que falar á volta das vacacións no gastrobar de Chamberí. E así foi como Cuatro convertiu nun produto de consumo capitalino as desventuras provincianas, vendendo esa Galicia escura, de xente que non quere falar de Sito Miñanco e mete gato por lebre no marisco.

Canto dano gratuíto lle pode ter feito o xornalixo a décadas de traballo a cambio dunhas risotadas de verán.