Amosando publicacións coa etiqueta Retrospectiva. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Retrospectiva. Amosar todas as publicacións

25/10/24

O botón de gobernar

 

Di Juan Domingo Deus, insistentemente, que nada pode facer por moito que leve cinco anos continuados como Alcalde de Mugardos, porque todo, todo, todo é bloqueado sistematicamente pola oposición. Que nada disto sucedería se tivese maioría absoluta, ese poder que nunca lle concede o pobo.

Alguén despistado podería pensar que esta situación extraordinaria que vive Mugardos, cunha poboación ao límite da paciencia, é culpa dunha situación extraordinaria tamén no político, xa que nunca un goberno municipal afrontou a xestión municipal cunha desvantaxe de 5 contra 8. Mágoa de realidade para Juan Domingo.

Porque a realidade é que Mugardos leva vinte anos sen un goberno con maioría que lle dure. Desde que o PSdeG de Ramón Toimil deixou en solitario ao BNG de Barcia no segundo ano do mandato 2003-2007, ninguén volveu saber o que era ter unha maioría estable. Tívoa durante 14 meses a EU de Pilar Díaz coaligada con ICM e BNG, entre 2016 e 2017, e volveuna ter 5 meses en 2019 co PSdeG. Pero nin soubo nin quixo retela.

Dato mata relato. Juan Domingo Deus, tras 5 anos na alcaldía con practicamente o mesmo equipo de persoas, mantén o goberno máis lonxevo da democracia actual. Debería ser tempo suficiente para aprender a buscar maiorías como fixeron antes del os seus predecesores. O BNG do 2007 soubo facelo tamén con 5 edís. O PSdeG do 1995 con 4. O PCG do 1983 con 6… e Mugardos non entrou en colapso institucional como vai camiño de facelo co pior alcalde da democracia (dato obxectivo se temos en conta que nunca antes houbo unha concentración de protesta tan numerosa).

Juan Domingo leva 3 anos sen poñer enriba da mesa un borrador de orzamentos, unha ferramenta básica para gobernar con axilidade. Dixo recentemente, nunha entrevista na radio, que vai facelo en breve pero que, total, a oposición vaillo bloquear. 3 anos sen poñer un borrador enriba da mesa… Non é o único que está derivando en problemas no día a día da veciñanza, tampouco afronta a reforma de ordenanzas que necesitan actualizarse (como as da Escola de Música) e, en xeral, non somete nunca nada a negociación cos demais grupos municipais. Non é que non chegue a acordos, é que non os busca. Non é casualidade. Fía todo a repetir o da "oposición destructiva" mil veces sen saír do búnquer, ata que llo crean. E isto si que é unha situación extraordinaria, nunca antes vivida en Mugardos.

Xestionar un concello é algo máis que pasar un par de tardes polo despacho da alcaldía e pulsar o botón de gobernar. En democracia o título de "partido máis votado" non che dá dereito a roubarlle ao resto dos representantes o seu dereito a representar. En democracia a palabra clave é "maioría" e, se non a tes, estás na obriga de buscala. E se non estás disposto nin a intentalo, mellor marcha para casa.

02/10/16

Onde está a maioría social en Mugardos?



Trá-los resultados das eleccións á Xunta de Galicia do pasado 25-S nas mesas de Mugardos comezáronse a oír algunhas voces do eido conservador preguntándose onde está a "maioría social" de Mugardos. Cuestionaban así un dos principais argumentos sostidos polos grupos do goberno municipal actual cando promoveron a moción de censura. Pero, onde está realmente esa "maioría social"?

Un pouco de política ficción


Calquera análise superficial das oscilacións entre convocatorias electorais amosa de inicio que ten moi pouco que ver o que vota unha boa parte do censo no ámbito municipal, galego ou estatal. O xeito máis preciso de botar conclusións é analizando resultados dentro dun mesmo tipo de convocatorias. Aínda así, non son pocos os medios que unha vez coñecidos uns resultados dan conta da súa extrapolación noutro eido. Neste caso animeime a levar as cifras do 25-S a unhas elecciós municipais en Mugardos.

O primeiro e principal destaque, neste caso, sería o da asimilación de dúas candidaturas (EU-Os Verdes-Son e Iniciativa Cidadá de Mugardos) nunha mesma papeleta, a de En Marea, que recibiu o apoio dos dous grupos. O segundo, que a maioría absoluta que o PP colleitou no conxunto de Galicia frustraríase neste municipio unha vez máis. Nunca o Partido Popular acadou a metade máis un dos votos nas mesas mugardesas. Sen embargo, outra das lecturas que se fan estes días é que a suma dos apoios que representa o actual goberno municipal (En Marea + BNG = 989 votos) sería menor que a do PP (1161 votos). En efecto, para poder cadrar definitivamente as contas sería preciso sumar os 497 acadados polo PSOE (en total sumarían 1486 votos, 325 máis que o PP nun dos seus mellores resultados).

A maioría social desde as últimas municipais


As eleccións xerais do 20-D foron, das catro últimas convocatorias, as que acadaron a maior participación. Nelas a candidatura máis votada foi En Marea (1034 votos), seguida a moi pouca distancia polo PP (1000 votos). O BNG sería o principal damnificado nesta ocasión (perdía 250 votos). No segundo intento de formar goberno no Estado, o 26-X, a abstención castigou especialmente a En Marea (-140 votos) e BNG (-101 votos), aínda sendo dificil cuantificar o volume do probable trasvase de votos dunha a outra candidatura. Isto convertiría o PP en primeira forza electoral. Con todo, o número de votantes progresistas seguiría superando os conservadores.

O domingo pasado o PP revalidaba unha cómoda maioría absoluta gañando en case tódolos concellos do país. Tamén en Mugardos, onde mobilizou un número levemente crecente de votantes respecto das xerais de xuño, pero tamén das galegas do 2012. A abstención volveu ser o gran hándicap para PSOE e En Marea, que tamén viu como o BNG recuperaba 199 apoios desde xuño. Mais se reparamos na evolución dos resultados no mesmo ámbito (Galegas 2012 e Galegas 2016) a tendencia é positiva para PP e AGE/En Marea fronte PSOE e BNG.

As municipais son outra historia


En Mugardos as convocatorias municipais producen un efecto mobilizador do voto afín aos partidos progresistas e, ao mesmo tempo, desmobilizador do voto ao PP. Os mellores resultados deste último acadaríaos Encarna Sánchez no 1999 na única ocasión, ata o 2015, no que o PP conseguira ser o máis votado (malia as recentes afirmacións da historiadora María Fidalgo Casares nunha delirante cróncia en Mundiario). Nese ano 1999 o PP acadaría o seu teito electoral local (1261 votos, 35,8%) que sería tamén aplicable en galegas, xerais e europeas. Moi lonxe aínda de representar unha "maioría social".

O mellor resultado da democracia acadouno o Partido Comunista de Galicia encabezado por Ángel Cortizas no 1979 con 1644 votos (46,5%). Foi tamén o ano no que máis distancia houbo entre primeira e segunda forza (20,8 puntos). Malia o seu endémico fraccionamento, o dominio da esquerda é total e mantén alonxado o voto conservador dunha hipotética maioría. Nos 10 comicios electorais desde o 1979 ata o 2015 o PCG-EU dominou en 4, o BNG en 3 e o PSOE en 1. O voto de centro-esquerda nunhas municipais nunca foi inferior ao 63% (1999), chegando ao 80% no 2007.



Á vista dos datos, nin presentándose Feijóo conseguiría rachar a hexemonía progresista. A "maioría social" nestes lares resiste as lecturas triunfais que poidan chegar en quente desde as bancadas populares.

24/12/14

10 entradas para resumir 10 anos de Artritris



Non vou dicir aquilo de “parece que foi onte”, porque realmente non mo parece. Logo de peneirar as 452 entradas deste blogue para podervos ofrecer esta escolma, a un quédalle a sensación de que pasou moito tempo e moitas cousas. E que cada unha das etapas polas que atravesou Artritris, tanto a nivel de contidos como de vitalidade, foron dalgún xeito un reflexo do que acontecía no mundo real.

Non me vou poñer moito máis cerimonioso, así que velaquí tendes, en estrita orde cronolóxica, as que considerei as entradas que resumen a miña visión do que foi Artritris nestes 10 últimos anos:

1. Breve cursiño para conducir por Mugardos (I)


Comezaba aquí a que probablemente sexa a serie de entradas máis regular no tempo e que menos mutou. A camiño entre a brincadeira e a denuncia directa, a propia anarquía circulatoria da vila (unha constante) e a planta de gas foron as principais protagonistas dos sinais da Dirección Mugardesa de Tráfico. E sen embargo, o seu capítulo máis célebre tívoo cun SOTP: a resaca da festa de entrada no 2006 que se fixera dura de máis a uns operarios mozos. Comentáranme a anécdota e alá fun botarlle unha foto mentres unha veciña pedía clemencia para os responsables. Pode que fose a primeira publicación transmugardesa do blogue, xa que a foto conseguira saír e facerse notar na web dos desaparecidos Aduaneiros sem Fronteiras, nunha sección que dedicaban a “idiosincrasia” galaica. Tamén comezaban a deixarse ver os do todo-vale, elevando calquera anécdota a unha cuestión política. Aos poucos días ficaba corrixida, pero xa dera moitiño que falar.

2. Francisco Martínez Leira «Pancho»


Esta entrada era a primeira de algunhas homenaxes, coas que salpiquei a bitácora ao longo destes 10 anos, a un home que aínda hoxe segue a ser unha lenda na casa. Pancho era o irmán da avoa Maruja, o home que loitaba contra a ditadura, o familiar sobre o que redactaba fose no colexio ou no instituto os traballos de clase entrevistando os avós dunha e outra parte da familia nunha historia circular (vítimas e verdugos en pólas distintas da mesma árbore). O vindeiro 31 de decembro fai 60 anos do asasinato do último guerrilleiro en activo de Galicia e xa se lle prepara merecida homenaxe entre xentes da súa vila natal (Pontedeume) e vital (Mugardos).

3. ¡Ámote Mundo!


Poderá haber quen pense que esta entrada non merece estar entre as 10 mais significativas do blogue. Para min, en cambio, é unha das que mellor condensa o seu espírito: unha ollada retrospectiva, un agradecemento eterno ao legado intelectual de Antón Cortizas e Agustín Fernández Paz e unha chispa inicial que prendía unha mecha. “¡Ámote Mundo!” convertíase semanas despois nunha iniciativa para arrexuntar a toda a xeración de alumas e alumnos do Unión Mugardesa nados no 1977. Conseguímolo e a noite das festas do 2007 na que volvemos xuntarnos moita daquela xentiña (mestras/es incluídos) é das mellores lembranzas que un garda na memoria.

4. O foro de Mugardos


O foro herdárao Artritris da desaparecida Mugardos en Internet e por épocas era un auténtico fervedoiro social. No foro dábanse debates máis e menos constructivos, nacían e morrían personaxes virtuais, algúns aproveitábano para facer campaña electoral e había incluso quen declaraba o seu desamor publicamente. Eran tempos nos que non abrollaran ainda o Facebook ou o Twitter e o anonimato creaba auténticos monstros. Pechárao unha vez para volvelo abrir pouco máis dun mes despois. Malia que a bronca política era habitual, desactiveino definitivamente cando á volta dunha viaxe atopei un longo fío de descualificacións íntimas dunha anónima a un rapaz con nomes e apelidos. Estar pendente a cada momento de que alguén pode estar empregando o foro que administras para difamar a outra persoa non deixa vivir en paz.

5. Os “un ou dous” veciños de Meá (día 1)


O peche dos veciños de Meá, facendo fronte ao inicio da actividade dunha Reganosa inzada de irregularidades, supuxo un antes e un despois en moitos aspectos. A nivel social Mugardos partíase en dúas metades e eu tomaba parte por unha delas, coas súas consecuencias. Durante varios meses pola vila pasou moita xente en solidariedade coa veciñanza de Meá pechada na Casa do Concello, afortaláronse lazos coa mesma intensidade coa que romperon relacións políticas e persoais. Durante os meses do encerro a web recibía milleiros de visitas, o portal de novas sociais Chuza! era unha fonte continua de enlaces apuntando a ela, os contidos aumentaron a súa carga política e a figura dos trolls anónimos viviu a súa época dourada. Xa nada volveu ser o mesmo, nin dentro, nin fóra da web.

6. E o Rei do Ránking das Rondas é...


Artritris fuxía da confrontación política retomando o camiño das iniciativas sociais. Ocorréuseme lanzar unha enquisa para decidirmos cal dos bares da vila era onde máis prestaba botar unhas partidas aos dados entre bos viños, boas cervexas e bos pinchos. Gañou o Trope. O de xogar aos dados sempre tivo un forte arraigo en Mugardos e honrar esa tradición celebrando en datas sinaladas un campionato semellaba boa idea. E en vista do resultado, debeu sela: o “Ránking das Rondas” celebrou 20 edicións ao longo de 6 anos e chegou a xuntar 200 persoas entre o Trope e O Fol (xa non cabían nun só local). No Trope aínda se poden ver, como se dun museo se tratase, os 20 carteis que as anunciaron.

7. Onde o mundo se chama Mugardos


A entrada máis intimista de todas e, dalgún xeito, a que define de xeito máis gráfico o que é Artritris: a visión mugardoscéntrica do mundo. Comentándoa aparece “Maximilien”, personaxe que xa viña sendo habitual e con quen comezaba a tecer unha relación de admiración mutua nada no mundo virtual para facerse de carne e oso e chegar ata hoxe.

8. Os cromos do Galicia


Foi, no seu momento, a iniciativa coa que obtiven maior satisfacción persoal. O día que os cromos-tarxeta saíron do prelo fun directo á Pedreira onde adestraban o primeiro e segundo equipo. En poucos segundos estaba arrodeado dun lote de xogadores e adestradores botando unhas boas risas (coido que cun pedaciño de fachenda) véndose eles mesmos onde adoitaban ver Bebetos e Romarios de cativos. O dos cromos funcionou tan ben que en só dúas semanas superáranse as previsións de vendas e houbo que reimprimir. Nos anos seguintes tentei repetir o proxecto pero unha ampliación mal calculada da primeira vez e xiros inesperados da vida, despois, fixeron da primeira a única edición dos cromos do Galicia.

9. Descifrando as claves electorais


"A loita por un mundo mellor é a única forza que xustifica a vida".

A cita é de Agustín Fernández Paz, nunha entrevista que lle fixeron na Radio Galega a comezos de ano na que tiven ocasión de participar como ex-alumno seu. El, Antón Cortizas, César Pita... foi xente que deixou unha fonda pegada no meu xeito de ver e interpretar o mundo. Dun xeito ou doutro, desde cativo sentín a necesidade de estar activo socialmente: no colexio, no instituto e nos tempos de Compostela, pero non alí, onde me sentín perdido, senón enfocado en Mugardos, o espazo de confort. Fíxenme "coleccionista" de cantainformación sobre a política mugardesa caia nas miñas mans desde que puiden votar (1995), e do 2002 ao 2007 participei activamente no BNG, abandoándoo no 2010 por causas que neste blogue aparecen ben debulladas. Todo isto tenta explicar como en boa medida a política ocupa un bloque principal dos contidos de Artritris: gosto da análise de datos, das claves políticas, dos debates nos medios e a presenza de cada organización nas redes sociais. Do contraste de todo iso. Un bo amigo defíneo como que "me gusta a fabada", e non podo negarllo, mais fun vendo que a fabada goza de moita máis xente adepta en ruidoso silencio con tantas ou máis gañas de loitar por ese mundo mellor ao que apunta Agustín.

10. A festa das vacas fracas


Mugardos, o deseño gráfico, a política, as estatísticas e as iniciativas sociais foron o fío condutor desta bitácora, combinadas en distintas proporcións segundo a época. Era cuestión de tempo que aparecesen as primeiras infografías e fixérono nesta entrada dedicada a explicarlle ao mundo en que consistía iso da Comisión de Caralladas, unha argallada popular, asemblearia e autofinanciada que tentou con éxito romper o molde das festas patronais tradicionais, para facer do pobo-espectador un pobo-actor. A cousa funcionou e desde hai 6 anos Mugardos acumula páxinas na prensa online e no papel, entrevistas na radio e programas na televisión co gallo das Olimpíadas de Peñas do verán, aínda que houbo moito máis que iso e a semente, por fin, semella prender entre a rapazada pulpeira que terá que dar o relevo.

As infografías, pola súa parte, comezaron a asumir un papel protagonista en Artritris, malia que ás veces o choio que dan (fundamentalmente recadar os datos) obrígame a espacialas no tempo. Pero... e o bonitas que quedan?

Fican no peto un lote de entradas que podería poñer: a xente ilustre, a bichería que tamén é mugardesa, as brincadeiras gráficas que se converteron en camisolas, as análises ás webs locais, os resultados da hipotética fusión Ares-Mugardos que hoxe non semella tan hipotética... En fin, isto de ter que escoller só 10 foi un sufrimento, menos mal que non volve tocar ata o 2024.

16/12/14

Mugardeses ilustres: Juan Vázquez "Anido"



"De existir, a alma da xente ten que ser aquelo que a fai perdurar no tempo e na memoria máis aló do seu paso polo mundo".

Non é a primeira vez que comezo así unha entrada neste blogue, e probablemente non sexa a última. Hoxe quixera honrar a memoria dun home que defendeu os seus principios en tempos nos que podía custarche a vida reproducindo un recurte de prensa de hai moitos anos*.

Cinco chicos de entre 14 y 16 años estaban jugando a la entrada de la localidad ferrolana de Mugardos cuanto los falangistas tomaron la ciudad. Juan Vázquez era uno de los más jóvenes: "¡Arriba España! Nos dijeron al vernos. No entendíamos nada. Pero sabíamos que nada bueno estaba ocurriendo".
El grupo de falangistas va a por el mayor. Juan y los otros tres chicos huyen hacia una casa situada a escasos metros de donde minutos antes estaban jugando. Sus juegos se acaban en ese momento. Desde la vivienda en ruinas, son testigos de las primeras acciones de los golpistas en Mugardos. "Le dieron una paliza tremenda y luego se largaron a sembrar el terror", dice Juan, tras reconocer que si no fuera tan joven también sería fusilado.
Su lucha contra la represión franquista comenzó en el año 49. Los vecinos de Mugardos contactan con Juan. Desde ese año se convierte en enlace de la guerrilla. Una docena de hombres trabajan sin descanso durante tres meses para construir un zulo junto a la casa de Juan, en la zona de la bodega. En él se refugian los guerrilleros. El zulo es utilizado durante dos años, hasta que un guerrillero es torturado por los falangistas hasta que confiesa el escondite de los "rebeldes" de la aldea.
El 18 de julio de 1951 varios agentes de la Guardia Civil rodean la casa de Juan y la rocían con gasolina. "Nuestro vecino —relata— era teniente coronel. Al ver lo que estaba ocurriendo salió casi en paños menores y les pidió que no prendieran fuego a la casa". Pero los guardias desoyeron las palabras de aquel que parecía no tener autoridad alguna. "No tardó ni un minuto en volver a salir de la casa. En esta segunda ocasión lo hizo con el tricornio y en lugar de pedir el fin de la acción, lo ordenó. En esos momentos, los fascistas acataron la orden", recuerda Juan, que fue arrestado junto con su esposa Carmen. Él se enfrentó a una condena de 13 años de prisión y su esposa estuvo nueve meses encarcelada. Su abuela se encargó durante ese periodo del cuidado de la única hija de Juan y Carmen, que entonces tenía 7 años.
Cuando sale de prisión, Juan se siente tan encarcelado como entre rejas. Sabe que vaya donde vaya estará vigilado y que su vida y la de su familia están en peligro. Tras meditarlo durante meses, Juan decide irse a Suiza, donde permanece exiliado desde 1970 hasta 1977. En vísperas de la democracia, regresa a Ferrol.

Tamén aquí vemos a Juan Vázquez nos primeiros minutos da homenaxe a Francisco Martínez Leira (Pancho), Manuel Bastida Franco (Chone), Florentino iglesias Varela, Joaquín Seco Franco, Román Díaz Díaz e Andrés Dopico Otero en Meá o 1 de Maio do 2009.



*Non me consta a fonte.

14/11/14

A renovación política en Mugardos



As claves dos debates políticos mudan cos tempos e nesta época de esgotamento constitucional que nos toca vivir unha das cuestións que máis a cotío se pon enriba da mesa é o da rexeneración e renovación. A limitación de mandatos e os seus efectos na dinámica interna dos partidos, que os levaría á formación constante das súas bases. A crear canteira e desenvolver proxectos sustentados en principios sólidos máis que en persoas perennes.

No actual periodo democrático levamos vivido 9 eleccións municipais das que podemos extraer algúns datos interesantes:

Mandatos acumulados


Desde o 1979 o número de mandatos que o conxunto dos 13 concelleiros/as do Pleno acumulaban foi medrando constantemente. Obviamente, naqueles primeiros comicios tódolas persoas resultaban elixidas por primeira vez, polo que os seus mandatos acumulados eran 0. No 2003 o promedio subira ata 1,7, o que quere dicir que, de media, cada concelleiro/a do mandato 2003-2007 acumulaba case oito anos previos de experiencia. Desde entón a tendencia moderouse ata os 1,2 mandatos promedio das 13 persoas que tomaron posesión da súa acta no 2011.

Os pata negra da política mugardesa


Dos/as 85 representantes dos últimos 36 anos só 11 superaron os dous mandatos. Manuel Fariña Doval é o caso máis paradigmático (32 anos, 8 como Alcalde, 16 na oposición). Tras del Ramón Toimil Saavedra, outro ex-Alcalde que o sería durante 12 anos e que en total permaneceu 24 con asento no Salón de Plenos. Emilio Varela Deibe é, xunto con Fariña Doval, quen máis tempo pasou na oposición (16 anos dun total de 20). Pilar Díaz Otero fíxoo durante aproximadamente 14 anos e é actualmente a representante máis veterana do Concello, con 20 anos ás costas. Xosé Fernández Barcia e Moisés Rivadulla Fernández (ambolos dous do BNG) son os únicos nesta lista que sempre formaron parte do goberno. Rosa Gómez Limia e Juan Domingo de Deus, pola contra, viviron os seus 12 anos na oposición. Se ben Juan Domingo de Deus, unha vez nomeado candidato tamén para o 2015, será o primeiro en recuncar por cuarta vez sen experiencia de goberno.

Maioría masculina


Máis homes pasaron polo salón de plenos durante máis tempo. 60 das 85 persoas que representaron á veciñanza foron homes, por tan só 25 mulleres. De media, eles permaneceron 6,15 anos fronte aos 4,24 anos delas. O primeiro dos datos comeza a corrixirse desde o 2007 coa lei de paridade que obriga ás candidaturas a presentar entre 2 e 3 mulleres entre os 5 primeiros postos. Non sirve isto, sen embargo, para igualar a media de tempo de permanencia, xa que ata 7 das 10 mulleres que tomaron posesión do cargo desde entón non serán quen de completar os seus primeiros catro anos.

A corporación actual


6 dos 13 edís actuais acumulan, con este, un mínimo de dous mandatos. Outros 7 non tiñan experiencia anterior. As caras novas son principalmente do PP (3), seguidos por EU (2) e BNG e PSOE (1). Entre as 6 persoas que cumpren xa alomenos dous mandatos está o actual Alcalde, Xosé Fernández Barcia, que anunciaba hai uns meses a súa intención de retirarse da primeira liña. Fica por saber quen tentará poñer en valor a experiencia e quen a renovación na convocatoria ás urnas do vindeiro mes de maio.

"Estes son os datos, súas son as conclusións".

08/10/14

40 anos en Punta Promontorio



Hai hoxe 40 anos, o 8 de outubro do 1974, comezaban as obras do que sería o complexo industrial de Punta Promontorio. Primeiro para acoller DESSA (Deslastres y Desgasificaciones, S.A.) para dar servizo aos asteleiros de Astano e Bazán. Esta mercouna Forestal del Atlántico no 1987, que no 1989 engadía unha fábrica de colas que non respectaba os 100 m. de servidume de protección. No 2000 consumábase o recheo ilegal de 122.000 m² que daban cobertura á solicitude de instalación de Reganosa, quen malia sentenzas sucesivas iniciaba a súa actividade no 2007.
Deslastre, desgasificación, fábrica de colas, regasificación... todo nun paquete de 650 ferrados envolto con papel de imprimir leis, xa que non serve para facelas cumprir.

Soprádelle as candeas vós, que a min non me apetece.

04/01/14

10 anos



Ou 12, segundo se mire. Porque aquela web nacera no verán de 2002 e ficara conxelada no tempo desde decembro de 2004 para ver nacer esta bitácora. Servira de hemeroteca aínda durante algúns anos máis, ata que os servidores de iEspana deixaron de prestar servizo. Pero nestes días veño de descubrir o Arquivo de Internet, onde se almacenan varias instantáneas do que foi aquel recuncho de información mugardés que de cando en vez alguén confundía cunha web municipal oficial, facendo chegar ao meu buzón de correo mensaxes en demanda de información ampliada que remitía ao propio concello (daquela sen web a xeito).

Así que hoxe podemos volver consultar o que se argallaba nesta vila. Vellas iniciativas, antigas galerías de fotos, concursos, enquisas, crónicas deportivas... Un repositorio construído colectivamente (porque era moita a xente que aportaba regularmente información para compartir) que paga a pena ver e que xa é patrimonio común.

Pois quería comezar o ano con esta entrada. Unha década. Manda truco.

19/02/13

Mugardos, 1810


O que vedes é un extracto do mapa de España e Portugal do cartógrafo Tomás López de Vargas Machuca. Chama a atención como na ría de Ferrol destaca as poboacións da Graña (Granya), Ferrol, Neda e Mugardos, e non Ares ou Fene. Tamén Puente de Hume. Podedes consultar o mapa completo ao detalle na Biblioteca Digital Mundial.

11/05/11

Descifrando as claves electorais


As do vindeiro 22 de maio serán unhas eleccións municipais con moitas incógnitas (como tantas outras). ¿Romperá o BNG o teito eleitoral do 2007 ou sufrirá as consecuencias da súa convulsa lexislatura? ¿Producirase o efecto "R-evolución" no PSOE ou se verá arrastrado pola recesión que padece a nivel galego e estatal? ¿Igualará Juan Domingo o apoio maioritario que o PP só acadou no 1999 ou continuará a ser un reducto do centro-dereita nun concello de esquerdas? ¿Que repercusión terá a reunificación da esquerda non-identitaria? ¿Acadará representación plenaria Mugardos na Esquerda?

O primeiro que fixen foi observar as tendencias electorais dos últimos 20 anos, que é ata onde se pode consultar dende o portal electoral do Ministerio do Interior. Ao facelo comezan a abrollar os datos:
  • O poder electoral dos partidos autodenominados "de esquerda" é abafante. Ainda cos mellores resultados acadados polo PP (1999) só atinxiu o 35,5% dos votos e 5 edís, lonxe dos 7 que lle permitirían gobernar. A ausencia de socios naturais do PP é unha das súas principais feblezas, nun concello co voto tran fragmentado como Mugardos. Con todo, neses mesmos 20 anos ningunha outra candidatura acadou, por ela mesma, ese teito electoral.
  • O record está nos 5. Acadáronos EU-IU (1991), PP (1999) e BNG (2007). Lonxe queda a maioría absoluta do Partido Comunista no 1979, con 7 edís; ou os 6 acadados polo mesmo partido no 1983.
  • O vía crucis do PP. O papel do PP en Mugardos é complicado. Logo de pasar a lexislatura 1999-2003 na oposición ainda sendo a forza máis votada (PP 5, PSOE 3, BNG 2, EdeG-OV 2, EU-IU 1), recibiu un forte revés nas municipais do 2003. Unha das claves podería ser que naquela campaña catro das cinco candidaturas presentábanse facendo balanzo da xestión no cuatripartito. O PP quedaba á marxe desa batalla. O feito de que ainda co seu mellor resultado ficase lonxe do poder facíalle perder tamén a imaxe de alternativa real de goberno. Retrocedía nun 30%.
  • De Reganosa a Esquerda re-Unida. As contínuas divisións da que chamarei esquerda non-identitaria (ENI) minguaron notablemente a súa forza ata o punto de percibirse como residual. Esta apariencia, porén, pode resultar enganosa. De computar en conxunto as súas diferentes candidaturas atoparíamonos cunha poderosa alternativa cun chan electoral do 20,4%, moi semellante ao do PSOE (20,6%). Máis aínda: tería sido a forza maioritaria no 2003, provocando un resultado ben distinto: ENI 4, BNG 3, PP 3, PSOE 3. Porén, tampouco hai que esquecer que a escisión encabezada por Manuel Fariña mantiña a respecto de Reganosa unha posición diametralmente oposta á de Pilar Díaz nos tempos onde o debate sobre a pranta de gas protagonizaba a actualidade política. Dezaseis anos despois da súa última ruptura, e co debate gasístico en letargo (que non finiquitado), EU-IU volve a ser a única candidatura en representación desa corrente.
  • A encrucillada do PSOE. O PSdeG-PSOE preséntase ao 22-M logo de obter o pior resultado da súa historia en Mugardos nas anteriores eleccións (20,6%). Carlos Fernández presentará unha candidatura renovada, con importante presenza de xente moza e un carácter afable como principais valores fronte ao goberno crispado do BNG de Xosé Fernández Barcia. Na súa contra xoga a coxuntura política negativa que atravesa o PSOE en Galicia e no Estado. No 2003, en pleno "efecto ZP", con Touriño na Xunta e cun candidato (Juan Fernández) tamén de estrea e ampla popularidade na vila, tocou fondo. Non será doado reaxir.
  • O aplausómetro de Barcia. Nos últimos oito anos o Concello de Mugardos contou cuns recusos económicos excepcionais (7 millóns de euros da posta en marcha de Reganosa, bonanza económica, Plan E) que atoparon a Xosé Fernández Barcia na Alcaldía. O BNG estaría en condicións de rachar rexistros, mais nos últimos catro anos viuse sacudido polo escándalo medidático do caso Virgin e a inestabilidade interna no goberno municipal e na propia Asemblea Local, coa baixa conxunta de case un terzo da súa militancia por mor das irregularidades que fixeron de Barcia o candidato do BNG. Hai unha máxima que afirma que o electorado sempre castiga aos partidos divididos. O crecemento dos nacionalistas, ademais, viría parello ao descenso dos apoios de un ou varios dos seus rivais e estes, nembargantes, semellan andar preto dos límites que marca o seu voto cautivo. O discurso da "maioría absoluta" que tentou trasladar no 2007 será complicado que calle nesta ocasión e ao cabeza de lista faríalle falla algo máis que rebaixar o seu personalismo se non quere ver truncados os seus anceios de igualar a Ramón Toimil con 12 anos á fronte do Concello.
  • A incógnita do debutante. Desaparecidos da escea Independientes por Mugardos (desafectos de EU-IU) e Acción por Mugardos (desafectos do PP), abrolla unha "Alternativa de Esquerdas do Povo Galego", con candidaturas irmáns noutros once concellos e cun plantexamento "soberanista" que tentará absorver un electorado descontento agora co BNG e o xiro á dereita comandado por Barcia. A súa proposta di pretender derrubar algunhas inercias electorais e esvaer a estratexia personalista do culto ao cabeza de lista, mais na súa contra xogará xustamente ese descoñecemento das persoas, a irrupción tardía na carreira electoral e a nula cobertura mediática dos medios de comunicación tradicionais, que xa veñen ignorando a EU-IU. Poderían ser a evidencia do espazo perdido polo BNG á esquerda e unha das súas claves será a capacidade de mobilización do electorado abstencionista que lles sería receptivo.
  • A loita polo 13º asento no pleno. Nas municipais do 2007 o PP mantivo o seu terceiro asento por 22 votos que de non obtelos concederíanlle o segundo a EU-IU. Máis aínda: catro anos atrás, nas municipais do 2003, o BNG facíase co cuarto concelleiro por unicamente 3 votos, privando tamén a EU-IU do segundo. Máis lonxe quedaba o BNG nas municipais do 1999 de quitarlle un a EdeG-OV (77 votos). Foi nas dúas últimas citas onde moi pouquiños votos cambiaron o panorama político. O 22-M poden volver a ser determinantes. Fagan as súas apostas.

20/04/11

As pesetas de Portomagno



O caudal retro-monetario que comezou a arribar en Mugardos en marzo facíaseme digno dunha homenaxe ou, se o preferides, de non deixar pasar a oportunidade de compartir con todo o mundo esa pequena parte da memoria que pasou polas nosas mans nalgún momento. Agradecerllo fundamentalmente a Portomagno, cuxa colaboración, obviamente, resultou imprescindible. Se máis consigo nos vindeiros meses (porque o mes da peseta alongouse ata setembro), máis comparto. Que vos preste o flashback.

22/07/10

¿Hai alguén aí?



Primeiro foi mugardosnet.iespana.es, que naceu da teima de demostrarlle a aquel goberno municipal do 2002 que se sen cartos nin medios se podía facer unha web de información municipal digna, co que se gastaran naquel despropósito xa desaparecido de www.mugardos.net poderíase ter feito algo moitísimo mellor. A experiencia durou dous anos. Rematou cando o tempo dispoñible para mantela (aquela era unha web totalmente artesanal) e as fontes de información menguaron.
Nese momento (decembro do 2004) naceu este caderno de bitácora, ainda que non foi ata ano e medio despois cando decidín que a súa liña sería a de mesturar dúas paixóns: o deseño gráfico e Mugardos. En paralelo xurdiu un foro do que saíron grandes debates, si, pero tamén graves acusacións persoais a este ou aquela dende o anonimato dos nicks covardes. O foro foi o primeiro en caer. O respecto ás súas regras básicas comezouse a perder no tempo no que os veciños de Meá decidian pecharse durante o verán do 2007 na Casa Consistorial, visibilizando, unha vez máis, que a pranta de gas partira a sociedade mugardesa en dous. Logo veu o caso Virgin e, en resultas, o foro saltou polos aires.
Este blogue aínda tardou bastante máis en morrer, pero o seu punto feble quedara xa en evidencia: o vandalismo ideolóxico dos agochados. E durante outro ano e pico continuei con esta bitácora, que foi virando na súa temática procurando esquivar as deposicións intelectuais duns poucos.
Pero chegaron as redes sociais, o Facebook, o Twitter, e con elas as persoas con nome e apelidos, as opinións entre amigos, os debates constructivos, o falar de todo un pouco segundo lle veña (malia haber moita xentiña monotemática). Coas redes sociais desaparecían os insultos anónimos, as acusacións baixo nicks, a gresca verbal. E manter este blogue comezaba a dar moita preguiza.
¿Para que volvo, entón?
Para poder falarlle desta vila ao mundo, e non só ás amizades previamente aceptadas. Para que escoite quen queira, e non só a quen eu lle deixe. Para berrar máis alto, porque sigo tendo cousas que dicir do que Mugardos é, do que Mugardos podería ser, do que en Mugardos acontece. O público é outro, é distinto, compórtase distinto, e non sempre para pior. A ver o que da de si. Ogallá prenda.
3, 2, 1... volvemos.

01/05/09

Paranoia dixital



No curso 1996-97, eu diría que alá polo Día das Letras, a Asociación de Estudantes por Galiza, que se puxera en contacto coa Escola de Imaxe e Son da Coruña, proxectaba nas aulas do Instituto de Mugardos varias curtametraxes galegas.
Onte flocos.tv gañou o premio Mestre Mateo á mellor obra interactiva e entre a filmoteca que poñen ao noso dispor atopeime coa "Paranoia dixital" que fora a curtametraxe da que máis me lembro daquelas proxeccións no instituto no 17 de maio do 1997. Hai caras coñecidas.

27/03/09

Fortu e Birras



É en momentos como este cando un se reencontra consigo mesmo, cando retoma a consciencia de que un blogue non deixa de ser un proxecto persoal, unha visión íntima do mundo. Se gusta, ben; se non gusta, non pasa nada, aí está a barra de direccións para teclear outra cousa. Digo isto porque ás veces sínteste atrapado por unha personaxe creada por ti mesmo. E entón, calquera día, por calquera motivo, fortuitamente, tropezas con vellos papeis que che lembran o camiño percorrido. E o camiño percorrido gústame, e moito, na meirande parte dos seus case 32 quilómetros.
Pois si, eu fíxenvos as miñas pequenas incursións na banda deseñada. O profe Agustín procurara cultivar nos seus alumnos prepúberes o gusto polo cómic. Polo menos nun tivo éxito, ainda que ningún bosquexo viu a luz ate que atopei nas páxinas da AEG, primeiro, e de Cousas, despois, a oportunidade de publicar as miñas trasnadas gráficas claramente influídas por un Carlos Azagra a quen tiña por debuxante de cabeceira.
Outra das miñas grandes paixóns foron, e siguen sendo, as festas do país. As romerías. Nada de festivais, nin concertos, eu quero monte, río, alameda, gaitas, sol, ver aos vellos preto miña. Eles si que saben latín. Veñen de volta na cousa da festa. E claro, xúntalle a querencia polo debuxo coa inevitable atracción pola troula e voilà: Fortu e Birras en Desembarco Vikingo. Que vos preste ;)

25/03/09

Dixitalizando o pasado



Ás veces, remexendo nas cousas do presente, atopamos cousas do pasado. Acontece así, en ciclos. E distráeste uns intres, fas un flashback, unha volta aos vellos tempos. Logo suspiras, pensas no axiña que pasa o tempo e continúas co que estabas.
Estes días atopeime cunha caixa chea das revistas da AEG (Asociación de Estudantes por Galiza), tamén de "Cousas", o voceiro da Asociación Cultural Bezoucos e moitas outras dos compañeiros da Asociación Cultural Treme a Terra de Pontedeume. Ningunha ten menos de dez anos. Fun directo a polo primeiro número da nosa AEG, feita por estudantes do entón Instituto de Bacharelato Mixto de Mugardos (hoxe Instituto de Ensino Secundario) e mentres repasaba aquelas páxinas cheas de artesanía, voluntarismo, e máis ideoloxía da que lembraba para uns rapaces e rapazas darredor dos 16-17 anos pensei que sería boa idea ir dixitalizando todo aquilo e ofrecelo dende eiquí en pdf a quen teña a ben pasar un ratiño desempolvando aqueles anos 90.

24/10/08

Festival de solidariedade cos traballadores de ASTANO



Ás veces o tempo semella xirar en espiral (cara adiante pero repetindo vellos escenarios). ¿De que é víctima ASTANO? ¿Das sancións impostas dende a UE polas subvencións do Estado? ¿O mesmo Estado que hoxe lle saca as castañas do lume aos especuladores banqueiros? ¿Por que non tamén ao estaleiro civil da Ría de Ferrol? Eiquí déixovos o primeiro dos fragmentos do Festival de solidariedade cos traballadores de ASTANO celebrado o 10 de febreiro do 1985 e do que fai xusto dous anos que podemos gozar todos grazas ao amigo Calidonia. E se alguén lle atopa sentido a isto, que o diga.

04/08/08

Tódalas portadas do vello «Mugardos en Internet»



¿Alguén lembra aquel Mugardos en Internet? Nacera no verán do 2002 e durante dous anos e medio tentou matar un pouquiño a fame de actualidade pulpeira que puidera ter unha comunidade interneteira que aínda daba os seus primeiros pasos. Como quen non quere a cousa, foise acumulando material gráfico e aínda agora paseo ás veces por aquelas páxinas que quedarán de hemeroteca. Hoxe comparto con vós case tódalas portadas que deseñara para aquela miña primeira incursión pola rede. Que vos preste.

25/03/08

Festival Solidario



Gústame a máxima que di aquilo de "o que garda sempre ten". O martes 18 de xullo do 2000 Rosa Cernadas firmaba en La Voz de Galicia unha nova a catro columnas referida ao festival musical que varios rapaces de Ares e Mugardos, reunidos baixo a Asociación Cultural Bezoucos, organizariamos o sábado 22 en Beiramar, O Seixo. Alí actuarían A Nosa Ría, Paloma Suanzes, Choupa na Lama, Xosé Constenla, Deixate d'Oxtias, Drinkin' Tinto, Panacea e Gresca. O mesmo día do festival saíramos no programa A Tropa da Tralla que Xurxo Souto tiña en Radio Coruña anunciando a celebración de algún que outro concurso peculiar entre os asistentes. Saiu todo a pedir de boca. Só teño a espiniña de non poder ter celebrado o campionato de comedores de cebolas... :)

P.D.: ¡Si, son eu o do pelo clariño na foto! ¡É que gañara a Liga o Dépor!

09/02/08

O Clic



Se a rabiosa actualidade ou a miña innata inconstancia non o remedian, as vindeiras entradas serán o froito de remexer no meu particular "Baúl das Lembranzas" (uséxase: vellas copias de seguridade en CD dos documentos do PC). Nel veño de atopar isto. ¿Que é isto? Pois isto é a portada dun paquete de actividades educativas que deseñei nos meus tempos de mestre de informática. O Clic (programa que recomendo a nais e pais con nenos/as en idade escolar) fora todo un descubrimento. Era entretido, gustáballes especialmente aos máis novos e, nunha época na que o IRC causaba furor, mantíñamos alonxados das ansias polo chateo con anónimos (moito ollo co que hai por aí adiante). E ao ver seis anos despois a portada que fixera para o paquete de actividades (temática informática, claro) decateime de que xa se albiscaban as miñas dúas paixóns: o deseño gráfico e esta dúas veces real vila que chamamos Mugardos. Entrañable :)

11/12/07

María Alicia Martínez Leira



No seu día caeu nas miñas mans esta foto. Na familia non había constancia da súa existencia. A primeira pola dereita chamábase María Alicia Martínez Leira, "Maruja" na casa. Irmá de Francisco Martínez Leira "Pancho". Cos anos, tamén bisavoa miña. A foto sacáronlla a un grupo de mulleres da vila presas nos cárceres franquistas nos tempos en que pensar libremente privábache da liberdade. Préstame facerlle esta dedicatoria.

25/11/07

AEG



Manteño a vista atrás. Calquera tempo pasado parece mellor. Bótase de menos o idealismo que hoxe tentan derrubar individuos máis propios dun pesadelo de Kafka (autor ao que na puta vida lle leeron unha páxina) que da vida real.
En 1995, no daquela «Instituto de Bacharelato Mixto de Mugardos» (hoxe Instituto de Ensino Secundario) a «Equipa de Normalización Lingüística» tiraba a toalla laiándose de falta de apoio ao seu traballo. Non foi o xérmolo, pero si o catalizador do nacemento dunha alternativa xurdida no propio seo do estudantado: a «Asociación de Estudantes por Galiza». Alguén tiña que argallar o movimento cultural, e fixémolo nós mesmos. Durante case 3 anos a A.E.G. estivo detrás de proxeccións de cine galego, concertos e macroconcertos, edicións de revistas, organización do Día das Letras...
Na súa "época dourada" chegou a contar con máis de 30 alumnos activos e, polo que contan os que viñeron atrás, marcou unha época pequechiña na pequena historia dunha institución que se achegaba naqueles anos á súa primeira década de vida.