Amosando publicacións coa etiqueta Estatísticas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estatísticas. Amosar todas as publicacións

25/10/24

O botón de gobernar

 

Di Juan Domingo Deus, insistentemente, que nada pode facer por moito que leve cinco anos continuados como Alcalde de Mugardos, porque todo, todo, todo é bloqueado sistematicamente pola oposición. Que nada disto sucedería se tivese maioría absoluta, ese poder que nunca lle concede o pobo.

Alguén despistado podería pensar que esta situación extraordinaria que vive Mugardos, cunha poboación ao límite da paciencia, é culpa dunha situación extraordinaria tamén no político, xa que nunca un goberno municipal afrontou a xestión municipal cunha desvantaxe de 5 contra 8. Mágoa de realidade para Juan Domingo.

Porque a realidade é que Mugardos leva vinte anos sen un goberno con maioría que lle dure. Desde que o PSdeG de Ramón Toimil deixou en solitario ao BNG de Barcia no segundo ano do mandato 2003-2007, ninguén volveu saber o que era ter unha maioría estable. Tívoa durante 14 meses a EU de Pilar Díaz coaligada con ICM e BNG, entre 2016 e 2017, e volveuna ter 5 meses en 2019 co PSdeG. Pero nin soubo nin quixo retela.

Dato mata relato. Juan Domingo Deus, tras 5 anos na alcaldía con practicamente o mesmo equipo de persoas, mantén o goberno máis lonxevo da democracia actual. Debería ser tempo suficiente para aprender a buscar maiorías como fixeron antes del os seus predecesores. O BNG do 2007 soubo facelo tamén con 5 edís. O PSdeG do 1995 con 4. O PCG do 1983 con 6… e Mugardos non entrou en colapso institucional como vai camiño de facelo co pior alcalde da democracia (dato obxectivo se temos en conta que nunca antes houbo unha concentración de protesta tan numerosa).

Juan Domingo leva 3 anos sen poñer enriba da mesa un borrador de orzamentos, unha ferramenta básica para gobernar con axilidade. Dixo recentemente, nunha entrevista na radio, que vai facelo en breve pero que, total, a oposición vaillo bloquear. 3 anos sen poñer un borrador enriba da mesa… Non é o único que está derivando en problemas no día a día da veciñanza, tampouco afronta a reforma de ordenanzas que necesitan actualizarse (como as da Escola de Música) e, en xeral, non somete nunca nada a negociación cos demais grupos municipais. Non é que non chegue a acordos, é que non os busca. Non é casualidade. Fía todo a repetir o da "oposición destructiva" mil veces sen saír do búnquer, ata que llo crean. E isto si que é unha situación extraordinaria, nunca antes vivida en Mugardos.

Xestionar un concello é algo máis que pasar un par de tardes polo despacho da alcaldía e pulsar o botón de gobernar. En democracia o título de "partido máis votado" non che dá dereito a roubarlle ao resto dos representantes o seu dereito a representar. En democracia a palabra clave é "maioría" e, se non a tes, estás na obriga de buscala. E se non estás disposto nin a intentalo, mellor marcha para casa.

23/09/18

E se Mugardos e Ares se fusionasen?


Ímoslle dar outro pouco á política-ficción a conta dun clásico. O debate sobre a fusión de concellos foi caendo no esquecemento, pero iso non quita de que poidamos volver botar contas do que sería o noso Concello de Bezoucos e en que quedaría a suma de dúas realidades ben distintas, como son as de Mugardos e Ares.

Velaí está. Tomando os datos das eleccións municipais do 2015 nas dúas circunscricións, mesturándoas e pasándoas pola calculadora d'Hont, temos como resultado unha corporación con dous partidos dominantes (PP e PSOE), dous grupos sólidos (BNG e SON) e un convidado sorpresa (ICM) que acada representación malia presentarse só nun concello, algo que non consiguen nin NAL nin Gañemos.

O PP é o partido que suma máis votos cun resultado semellante nos dous municipios, pero seguido moi de preto polo PSOE, que perde a posición respecto do 2011 e resiste grazas aos votos de Ares. Algo semellante pasa co BNG, quen agora suma no sur da península máis votos que no norte, e iso era algo que non acontecía desde os anos 90. Con todo, as tres forzas con máis tradición terían perdido base electoral abrindo paso ás candidaturas emerxentes no 2015: SON de Ares e Iniciativa Cidadá de Mugardos (EU-Os Verdes-SON tamén baixa respecto a candidatura de EU no 2011).

O partido en mellor disposición para formar goberno sería claramente o PSOE. Con 5 escanos precisaría outros 4 para a maioría absoluta (9 dos 17 que lle correspondería a Bezoucos por superar os 10.000 habitantes) e iso produciría unha situación curiosa: entre BNG, SON e ICM alomenos dous serian necesarios, pero calquera dos tres podería ser prescindible. Ao PP quedaríalle a pataleta do “pacto de perdedores”, ainda que os seus resultados non lle desen para gobernar nin no máis favorable dos supostos da proposta de reforma electoral ad hoc que eles mesmos propuxeron recentemente.

E por último quedaríanos determinar de se SON de Ares sería homologable a EU-Os Verdes-SON ou realmente á Iniciativa Cidadá de Mugardos. O mapa das “candidaturas de confluencia” ou “unidade popular” é complexo, e así como a marca SON foi nexo de unión no 2015, o día a día e o traballo colaborativo ligaron a de Ares coa Iniciativa mugardesa, con quen xa realizou actos públicos xunto con xente de Neda, Cabanas ou As Pontes. Pero ese debate xa sería máis propio do 2019.

O dito: pura política-ficción nunha tarde de domingo ;)

02/10/16

Onde está a maioría social en Mugardos?



Trá-los resultados das eleccións á Xunta de Galicia do pasado 25-S nas mesas de Mugardos comezáronse a oír algunhas voces do eido conservador preguntándose onde está a "maioría social" de Mugardos. Cuestionaban así un dos principais argumentos sostidos polos grupos do goberno municipal actual cando promoveron a moción de censura. Pero, onde está realmente esa "maioría social"?

Un pouco de política ficción


Calquera análise superficial das oscilacións entre convocatorias electorais amosa de inicio que ten moi pouco que ver o que vota unha boa parte do censo no ámbito municipal, galego ou estatal. O xeito máis preciso de botar conclusións é analizando resultados dentro dun mesmo tipo de convocatorias. Aínda así, non son pocos os medios que unha vez coñecidos uns resultados dan conta da súa extrapolación noutro eido. Neste caso animeime a levar as cifras do 25-S a unhas elecciós municipais en Mugardos.

O primeiro e principal destaque, neste caso, sería o da asimilación de dúas candidaturas (EU-Os Verdes-Son e Iniciativa Cidadá de Mugardos) nunha mesma papeleta, a de En Marea, que recibiu o apoio dos dous grupos. O segundo, que a maioría absoluta que o PP colleitou no conxunto de Galicia frustraríase neste municipio unha vez máis. Nunca o Partido Popular acadou a metade máis un dos votos nas mesas mugardesas. Sen embargo, outra das lecturas que se fan estes días é que a suma dos apoios que representa o actual goberno municipal (En Marea + BNG = 989 votos) sería menor que a do PP (1161 votos). En efecto, para poder cadrar definitivamente as contas sería preciso sumar os 497 acadados polo PSOE (en total sumarían 1486 votos, 325 máis que o PP nun dos seus mellores resultados).

A maioría social desde as últimas municipais


As eleccións xerais do 20-D foron, das catro últimas convocatorias, as que acadaron a maior participación. Nelas a candidatura máis votada foi En Marea (1034 votos), seguida a moi pouca distancia polo PP (1000 votos). O BNG sería o principal damnificado nesta ocasión (perdía 250 votos). No segundo intento de formar goberno no Estado, o 26-X, a abstención castigou especialmente a En Marea (-140 votos) e BNG (-101 votos), aínda sendo dificil cuantificar o volume do probable trasvase de votos dunha a outra candidatura. Isto convertiría o PP en primeira forza electoral. Con todo, o número de votantes progresistas seguiría superando os conservadores.

O domingo pasado o PP revalidaba unha cómoda maioría absoluta gañando en case tódolos concellos do país. Tamén en Mugardos, onde mobilizou un número levemente crecente de votantes respecto das xerais de xuño, pero tamén das galegas do 2012. A abstención volveu ser o gran hándicap para PSOE e En Marea, que tamén viu como o BNG recuperaba 199 apoios desde xuño. Mais se reparamos na evolución dos resultados no mesmo ámbito (Galegas 2012 e Galegas 2016) a tendencia é positiva para PP e AGE/En Marea fronte PSOE e BNG.

As municipais son outra historia


En Mugardos as convocatorias municipais producen un efecto mobilizador do voto afín aos partidos progresistas e, ao mesmo tempo, desmobilizador do voto ao PP. Os mellores resultados deste último acadaríaos Encarna Sánchez no 1999 na única ocasión, ata o 2015, no que o PP conseguira ser o máis votado (malia as recentes afirmacións da historiadora María Fidalgo Casares nunha delirante cróncia en Mundiario). Nese ano 1999 o PP acadaría o seu teito electoral local (1261 votos, 35,8%) que sería tamén aplicable en galegas, xerais e europeas. Moi lonxe aínda de representar unha "maioría social".

O mellor resultado da democracia acadouno o Partido Comunista de Galicia encabezado por Ángel Cortizas no 1979 con 1644 votos (46,5%). Foi tamén o ano no que máis distancia houbo entre primeira e segunda forza (20,8 puntos). Malia o seu endémico fraccionamento, o dominio da esquerda é total e mantén alonxado o voto conservador dunha hipotética maioría. Nos 10 comicios electorais desde o 1979 ata o 2015 o PCG-EU dominou en 4, o BNG en 3 e o PSOE en 1. O voto de centro-esquerda nunhas municipais nunca foi inferior ao 63% (1999), chegando ao 80% no 2007.



Á vista dos datos, nin presentándose Feijóo conseguiría rachar a hexemonía progresista. A "maioría social" nestes lares resiste as lecturas triunfais que poidan chegar en quente desde as bancadas populares.

24/09/16

Alba dos mortos (Dawn of the Dead) II



Hai agora xusto tres anos publicaba neste bitácora unha entrada titulada Alba dos mortos (Dawn of the Dead). Trataba de evidenciar, con datos, os diferentes ciclos vitais polos que atravesara a web municipal posta en funcionamento en decembro do 2010.

Por aquela altura botaba andar o goberno bipartito entre BNG e EU, que amosaba un rexurdir da súa actividade. Co paso dos meses esa tendencia consolidaríase, pasando dunha media de 13,7 novas por mes a 19,5 antes de se iniciar a precampaña das últimas eleccións municipais, que aumentaron a frecuencia da información a 23,3 novas mensuais.

A chegada do PP á Alcaldía supuxo un cambio na política informativa do goberno municipal, que fixo retroceder a vitalidade das novas a datos próximos ao goberno de 3 do BNG entre o 2012 e o 2013. A web oficial do Concello de Mugardos abandoábase en favor das redes sociais particulares do Alcalde sen que este fose quen de definir perante as preguntas no Pleno da oposición cales eran os criterios a seguir.

O 29 de xuño facíanse públicas as conversas entre Esquerda Unida, Iniciativa Cidadá de Mugardos e Bloque Nacionalista Galego para a formación dun goberno maioritario, o máis amplo (8 dos 13 edís) na corporación mugardesa desde o cuatripartito do 1999-2003. A partir de entón produciuse un sprint e o PP acadou as 33 actualizacións no mes de xullo e outras 9 nos 12 días antes do cambio de goberno. Desde entón, a web municipal non fixo máis que aumentar a súa actividade, rachando neste mes de setembro aínda sen rematar o máximo de actualizacións (37; 1,5 diarias) que se tiñan producido nela en abril do 2015, en plena precampaña municipal (34; 1,1 diarias).

24/12/14

10 entradas para resumir 10 anos de Artritris



Non vou dicir aquilo de “parece que foi onte”, porque realmente non mo parece. Logo de peneirar as 452 entradas deste blogue para podervos ofrecer esta escolma, a un quédalle a sensación de que pasou moito tempo e moitas cousas. E que cada unha das etapas polas que atravesou Artritris, tanto a nivel de contidos como de vitalidade, foron dalgún xeito un reflexo do que acontecía no mundo real.

Non me vou poñer moito máis cerimonioso, así que velaquí tendes, en estrita orde cronolóxica, as que considerei as entradas que resumen a miña visión do que foi Artritris nestes 10 últimos anos:

1. Breve cursiño para conducir por Mugardos (I)


Comezaba aquí a que probablemente sexa a serie de entradas máis regular no tempo e que menos mutou. A camiño entre a brincadeira e a denuncia directa, a propia anarquía circulatoria da vila (unha constante) e a planta de gas foron as principais protagonistas dos sinais da Dirección Mugardesa de Tráfico. E sen embargo, o seu capítulo máis célebre tívoo cun SOTP: a resaca da festa de entrada no 2006 que se fixera dura de máis a uns operarios mozos. Comentáranme a anécdota e alá fun botarlle unha foto mentres unha veciña pedía clemencia para os responsables. Pode que fose a primeira publicación transmugardesa do blogue, xa que a foto conseguira saír e facerse notar na web dos desaparecidos Aduaneiros sem Fronteiras, nunha sección que dedicaban a “idiosincrasia” galaica. Tamén comezaban a deixarse ver os do todo-vale, elevando calquera anécdota a unha cuestión política. Aos poucos días ficaba corrixida, pero xa dera moitiño que falar.

2. Francisco Martínez Leira «Pancho»


Esta entrada era a primeira de algunhas homenaxes, coas que salpiquei a bitácora ao longo destes 10 anos, a un home que aínda hoxe segue a ser unha lenda na casa. Pancho era o irmán da avoa Maruja, o home que loitaba contra a ditadura, o familiar sobre o que redactaba fose no colexio ou no instituto os traballos de clase entrevistando os avós dunha e outra parte da familia nunha historia circular (vítimas e verdugos en pólas distintas da mesma árbore). O vindeiro 31 de decembro fai 60 anos do asasinato do último guerrilleiro en activo de Galicia e xa se lle prepara merecida homenaxe entre xentes da súa vila natal (Pontedeume) e vital (Mugardos).

3. ¡Ámote Mundo!


Poderá haber quen pense que esta entrada non merece estar entre as 10 mais significativas do blogue. Para min, en cambio, é unha das que mellor condensa o seu espírito: unha ollada retrospectiva, un agradecemento eterno ao legado intelectual de Antón Cortizas e Agustín Fernández Paz e unha chispa inicial que prendía unha mecha. “¡Ámote Mundo!” convertíase semanas despois nunha iniciativa para arrexuntar a toda a xeración de alumas e alumnos do Unión Mugardesa nados no 1977. Conseguímolo e a noite das festas do 2007 na que volvemos xuntarnos moita daquela xentiña (mestras/es incluídos) é das mellores lembranzas que un garda na memoria.

4. O foro de Mugardos


O foro herdárao Artritris da desaparecida Mugardos en Internet e por épocas era un auténtico fervedoiro social. No foro dábanse debates máis e menos constructivos, nacían e morrían personaxes virtuais, algúns aproveitábano para facer campaña electoral e había incluso quen declaraba o seu desamor publicamente. Eran tempos nos que non abrollaran ainda o Facebook ou o Twitter e o anonimato creaba auténticos monstros. Pechárao unha vez para volvelo abrir pouco máis dun mes despois. Malia que a bronca política era habitual, desactiveino definitivamente cando á volta dunha viaxe atopei un longo fío de descualificacións íntimas dunha anónima a un rapaz con nomes e apelidos. Estar pendente a cada momento de que alguén pode estar empregando o foro que administras para difamar a outra persoa non deixa vivir en paz.

5. Os “un ou dous” veciños de Meá (día 1)


O peche dos veciños de Meá, facendo fronte ao inicio da actividade dunha Reganosa inzada de irregularidades, supuxo un antes e un despois en moitos aspectos. A nivel social Mugardos partíase en dúas metades e eu tomaba parte por unha delas, coas súas consecuencias. Durante varios meses pola vila pasou moita xente en solidariedade coa veciñanza de Meá pechada na Casa do Concello, afortaláronse lazos coa mesma intensidade coa que romperon relacións políticas e persoais. Durante os meses do encerro a web recibía milleiros de visitas, o portal de novas sociais Chuza! era unha fonte continua de enlaces apuntando a ela, os contidos aumentaron a súa carga política e a figura dos trolls anónimos viviu a súa época dourada. Xa nada volveu ser o mesmo, nin dentro, nin fóra da web.

6. E o Rei do Ránking das Rondas é...


Artritris fuxía da confrontación política retomando o camiño das iniciativas sociais. Ocorréuseme lanzar unha enquisa para decidirmos cal dos bares da vila era onde máis prestaba botar unhas partidas aos dados entre bos viños, boas cervexas e bos pinchos. Gañou o Trope. O de xogar aos dados sempre tivo un forte arraigo en Mugardos e honrar esa tradición celebrando en datas sinaladas un campionato semellaba boa idea. E en vista do resultado, debeu sela: o “Ránking das Rondas” celebrou 20 edicións ao longo de 6 anos e chegou a xuntar 200 persoas entre o Trope e O Fol (xa non cabían nun só local). No Trope aínda se poden ver, como se dun museo se tratase, os 20 carteis que as anunciaron.

7. Onde o mundo se chama Mugardos


A entrada máis intimista de todas e, dalgún xeito, a que define de xeito máis gráfico o que é Artritris: a visión mugardoscéntrica do mundo. Comentándoa aparece “Maximilien”, personaxe que xa viña sendo habitual e con quen comezaba a tecer unha relación de admiración mutua nada no mundo virtual para facerse de carne e oso e chegar ata hoxe.

8. Os cromos do Galicia


Foi, no seu momento, a iniciativa coa que obtiven maior satisfacción persoal. O día que os cromos-tarxeta saíron do prelo fun directo á Pedreira onde adestraban o primeiro e segundo equipo. En poucos segundos estaba arrodeado dun lote de xogadores e adestradores botando unhas boas risas (coido que cun pedaciño de fachenda) véndose eles mesmos onde adoitaban ver Bebetos e Romarios de cativos. O dos cromos funcionou tan ben que en só dúas semanas superáranse as previsións de vendas e houbo que reimprimir. Nos anos seguintes tentei repetir o proxecto pero unha ampliación mal calculada da primeira vez e xiros inesperados da vida, despois, fixeron da primeira a única edición dos cromos do Galicia.

9. Descifrando as claves electorais


"A loita por un mundo mellor é a única forza que xustifica a vida".

A cita é de Agustín Fernández Paz, nunha entrevista que lle fixeron na Radio Galega a comezos de ano na que tiven ocasión de participar como ex-alumno seu. El, Antón Cortizas, César Pita... foi xente que deixou unha fonda pegada no meu xeito de ver e interpretar o mundo. Dun xeito ou doutro, desde cativo sentín a necesidade de estar activo socialmente: no colexio, no instituto e nos tempos de Compostela, pero non alí, onde me sentín perdido, senón enfocado en Mugardos, o espazo de confort. Fíxenme "coleccionista" de cantainformación sobre a política mugardesa caia nas miñas mans desde que puiden votar (1995), e do 2002 ao 2007 participei activamente no BNG, abandoándoo no 2010 por causas que neste blogue aparecen ben debulladas. Todo isto tenta explicar como en boa medida a política ocupa un bloque principal dos contidos de Artritris: gosto da análise de datos, das claves políticas, dos debates nos medios e a presenza de cada organización nas redes sociais. Do contraste de todo iso. Un bo amigo defíneo como que "me gusta a fabada", e non podo negarllo, mais fun vendo que a fabada goza de moita máis xente adepta en ruidoso silencio con tantas ou máis gañas de loitar por ese mundo mellor ao que apunta Agustín.

10. A festa das vacas fracas


Mugardos, o deseño gráfico, a política, as estatísticas e as iniciativas sociais foron o fío condutor desta bitácora, combinadas en distintas proporcións segundo a época. Era cuestión de tempo que aparecesen as primeiras infografías e fixérono nesta entrada dedicada a explicarlle ao mundo en que consistía iso da Comisión de Caralladas, unha argallada popular, asemblearia e autofinanciada que tentou con éxito romper o molde das festas patronais tradicionais, para facer do pobo-espectador un pobo-actor. A cousa funcionou e desde hai 6 anos Mugardos acumula páxinas na prensa online e no papel, entrevistas na radio e programas na televisión co gallo das Olimpíadas de Peñas do verán, aínda que houbo moito máis que iso e a semente, por fin, semella prender entre a rapazada pulpeira que terá que dar o relevo.

As infografías, pola súa parte, comezaron a asumir un papel protagonista en Artritris, malia que ás veces o choio que dan (fundamentalmente recadar os datos) obrígame a espacialas no tempo. Pero... e o bonitas que quedan?

Fican no peto un lote de entradas que podería poñer: a xente ilustre, a bichería que tamén é mugardesa, as brincadeiras gráficas que se converteron en camisolas, as análises ás webs locais, os resultados da hipotética fusión Ares-Mugardos que hoxe non semella tan hipotética... En fin, isto de ter que escoller só 10 foi un sufrimento, menos mal que non volve tocar ata o 2024.

14/11/14

A renovación política en Mugardos



As claves dos debates políticos mudan cos tempos e nesta época de esgotamento constitucional que nos toca vivir unha das cuestións que máis a cotío se pon enriba da mesa é o da rexeneración e renovación. A limitación de mandatos e os seus efectos na dinámica interna dos partidos, que os levaría á formación constante das súas bases. A crear canteira e desenvolver proxectos sustentados en principios sólidos máis que en persoas perennes.

No actual periodo democrático levamos vivido 9 eleccións municipais das que podemos extraer algúns datos interesantes:

Mandatos acumulados


Desde o 1979 o número de mandatos que o conxunto dos 13 concelleiros/as do Pleno acumulaban foi medrando constantemente. Obviamente, naqueles primeiros comicios tódolas persoas resultaban elixidas por primeira vez, polo que os seus mandatos acumulados eran 0. No 2003 o promedio subira ata 1,7, o que quere dicir que, de media, cada concelleiro/a do mandato 2003-2007 acumulaba case oito anos previos de experiencia. Desde entón a tendencia moderouse ata os 1,2 mandatos promedio das 13 persoas que tomaron posesión da súa acta no 2011.

Os pata negra da política mugardesa


Dos/as 85 representantes dos últimos 36 anos só 11 superaron os dous mandatos. Manuel Fariña Doval é o caso máis paradigmático (32 anos, 8 como Alcalde, 16 na oposición). Tras del Ramón Toimil Saavedra, outro ex-Alcalde que o sería durante 12 anos e que en total permaneceu 24 con asento no Salón de Plenos. Emilio Varela Deibe é, xunto con Fariña Doval, quen máis tempo pasou na oposición (16 anos dun total de 20). Pilar Díaz Otero fíxoo durante aproximadamente 14 anos e é actualmente a representante máis veterana do Concello, con 20 anos ás costas. Xosé Fernández Barcia e Moisés Rivadulla Fernández (ambolos dous do BNG) son os únicos nesta lista que sempre formaron parte do goberno. Rosa Gómez Limia e Juan Domingo de Deus, pola contra, viviron os seus 12 anos na oposición. Se ben Juan Domingo de Deus, unha vez nomeado candidato tamén para o 2015, será o primeiro en recuncar por cuarta vez sen experiencia de goberno.

Maioría masculina


Máis homes pasaron polo salón de plenos durante máis tempo. 60 das 85 persoas que representaron á veciñanza foron homes, por tan só 25 mulleres. De media, eles permaneceron 6,15 anos fronte aos 4,24 anos delas. O primeiro dos datos comeza a corrixirse desde o 2007 coa lei de paridade que obriga ás candidaturas a presentar entre 2 e 3 mulleres entre os 5 primeiros postos. Non sirve isto, sen embargo, para igualar a media de tempo de permanencia, xa que ata 7 das 10 mulleres que tomaron posesión do cargo desde entón non serán quen de completar os seus primeiros catro anos.

A corporación actual


6 dos 13 edís actuais acumulan, con este, un mínimo de dous mandatos. Outros 7 non tiñan experiencia anterior. As caras novas son principalmente do PP (3), seguidos por EU (2) e BNG e PSOE (1). Entre as 6 persoas que cumpren xa alomenos dous mandatos está o actual Alcalde, Xosé Fernández Barcia, que anunciaba hai uns meses a súa intención de retirarse da primeira liña. Fica por saber quen tentará poñer en valor a experiencia e quen a renovación na convocatoria ás urnas do vindeiro mes de maio.

"Estes son os datos, súas son as conclusións".

09/07/14

A Liga Galega de Traiñeiras "A" para xente despistada



Agora que comezou o verán, que comezou a tempada oficial da Liga Galega de Traíñas, que o Club do Mar de Mugardos arranca entre as catro mellores embarcacións, que en quince días chega a Mugardos coa IV Bandeira da vila e que cada semana temos oportunidade de xogar a porra ocorréuseme presentarvos esta infografía facendo un breve repaso da traxectoria de cada clube e algunhas claves visuais para que as identifiquedes o vindeiro domingo 27, a partires das 12:00, desde o peirao.

26/05/14

Europeas 2014: mar de vento ou mar de fondo?



As primeiras reaccións que vin na rede desde que se coñecen os resultados oficiais das eleccións europeas de onte foron as de Juan Domingo de Deus e José Antonio López Sueiro, do Partido Popular, sinalando que foron o partido máis votado en tódalas mesas do municipio de Mugardos. É certo.

Na mesa única da sección 001 de Mugardos, a de censo máis amplo, o reconto mantivo un empate técnico entre PP e AGE ata que se chegou ás papeletas da mañá (as do fondo da urna), que dispararon ao PP e provocaron unha remontada do PSOE ata situalo como segunda forza, que o sería tamén na suma total de mesas mugardesas, algo que non conseguía desde xustamente as anteriores eleccións europeas (nas do Parlamento Galego e Municipais foi terceira e cuarta respectivamente). Tamén o PSOE podería sorrir.

A AGE (en Europa) duplicou o número de votos que a candidatura de Esquerda Unida obtivera no 2009. Incluso conseguiu situarse no segundo lugar na mesa da Pedreira. A coalición de Anova - Esquerda Unida - Espazo Ecosocialista podería ver aí a consolidación da súa alternativa. Pero é que ademais, entendendo Podemos como a outra parte do grupo Esquerda Unitaria Europea - Esquerda Verde Nórdica que apoia a Alexis Tsipras, estariamos falando da segunda opción con máis votos en Mugardos, por enriba dos socialdemócratas e a só 2,8 puntos de distancia do PPE (PP + VOX).

O BNG resistiu en Mugardos a irrupción de Podemos que o levou no conxunto do país a ser quinta forza. Nas parroquias foi o partido de Pablo Iglesias quen superou á "alternativa nacionalista", pero esta fíxose forte na vila e mantívose cuarta por uns escasos 4 votos.

Así que, visto deste xeito, todos quedarían contentos. Pero as linguaxes verbais e xestuais non cadran cando ninguén descorcha o champán. Entre outras cousas porque non se fixo especial énfase nestas eleccións. Os únicos actos políticos organizounos AGE (mitin o xoves 22) e BNG (mexilonada de peche de campaña o venres 23). PP e PSOE limitáronse a colar carteis e repartir volantinas. Nos colexios electorais a presenza de interventores/as e apoderados/as de PP e PSOE tamén foi escasa e ocasional e o BNG nin sequera apareceu ata o reconto no colexio da vila. Só AGE mantivo presenza continuada durante toda a xornada. Absolutamente nada que ver con eleccións municipais.

Daquela, que?


Estratexias públicas á marxe, o que hai (ou debería haber) é unha fonda reflexión sobre uns resultados que destrozan o bipartidismo. Ninguén semella atreverse a facer proxeccións en clave local, pero tanto a entrada triunfal de Podemos como a brutal perda de apoios aos dous grandes partidos estatais e o aumento moi considerable do voto a outras opcións, branco e nulo son cuestións que cómpre interpretar acertadamente. Se Podemos é un voto de esquerda, ¿que está dicindo a xente de esquerda que escolle esa opción fronte a AGE ou BNG? ¿Cara onde foron o 35% de votos perdidos polo PP e o 39,1% do PSOE? ¿Sopra mar de vento, ou mar de fondo? Opinen.

19/12/13

Toimil, a "escudería" mugardesa



No Gran Premio de Fórmula 1 de Mugardos a "pole position" ocuparíaa a escudería Martínez, 7ª na clasificación do Campionato Galego e con cuartel xeral no concello de O Rosal (Pontevedra).

Así, con esta metáfora automobilística, poderiamos xogar durante uns intres a ver que apelidos teñen maior implantación na nosa vila, con que intensidade se reproducen polo resto do país, e cal é o seu foco principal de concentración e/ou orixe, incluso. Continuemos logo:

Na segunda posición temos a un dos favoritos: Fernández, que marcha tamén 2º na xeral, cun 44‰ de presenza a nivel galego que chega a este GP de Mugardos cun 74,6‰. García mellora posicións e pasa do 5º lugar na clasificación xeral ao 3º na etapa de hoxe. Rodríguez, a escudería favorita, non puido superar o 4º posto.

No grupo da metade da grella de saída destaca Varela, que se cola na 7ª en Mugardos, mellorando 10 postos respecto da súa posición no campionato. Pérez, González, Vázquez, Díaz, Iglesias, Romero, Sánchez, e Castro cumpren os prognósticos, mentres que Rey e Pena, escuderías con sede en Frades e Xermade respectivamente, dan a sorpresa.

O campanazo da xornada ofrecíanolo Cartelle, que chegando dende Ares cun moi discreto 856º posto colábase como 18º para este Grand Prix. Pero o que realmente ergueu á bancada pulpeira foi a clasificación da súa escudería, Toimil, que sobremotivada pola participación na súa terra saltaba 859 postos e colocábase nunha derradeira posición na grella que, sen embargo, sabe a triunfo.

10/12/13

MMM (Mugardos, María e Manuel)



Do Instituto Galego de Estatística pódense obter infinidade de datos en bruto para seren analizados. De cando en vez adoito pasarme polas súas bases de datos, ben procurando información precisa, ben navegando con curiosidade. Hoxe toca o segundo. Velaquí tendes o Top-25 dos nomes de homes e mulleres do termo municipal mugardés. ¿Aparecedes por aí ou tedes un nome menos común?

20/11/13

11/10/13

Alba dos mortos (Dawn of the Dead)



Perdóeseme o título. É dun dos films de culto do director por excelencia do xénero zombi, George A. Romero, polo que sinto debilidade. Sabede tamén que a súa familia viña sendo orixinaria de Neda. Case nada.

Pois aí está: dous anos despois a web municipal volve sobrepasar as 20 entradas nun mes e sitúase, tra-la entrada de EU no goberno, nunha media de 19,3, espertando a unha web zombi durante a singradura solitaria (e logo da espantada e retención da acta de Mónica Fernández, máis solitaria aínda) do BNG. De manter o ritmo de actualización incluso podería comezar a amortizar o seu custo.

E é que, se atendemos ao último mes, concellodemugardos.org é, en base á poboación municipal, a páxina que máis actualidade (que non información, diso xa falaremos) ofrece agora á cidadanía (3,8 novas en setembro por cada 1000 habitantes).

As eivas da web (que as ten, e moitas) nunha outra ocasión.

08/02/12

A festa das vacas fracas

Son malos tempos para as festas patronais tal e como as coñeciamos ata agora. Non temos que ir moi lonxe para atopármonos a desaparición das comisións de festas en Mugardos, A Pedreira, Pontedeume, Ombre; ou o anuncio do Concello de Narón da cancelación das festas do verán por causa da crise económica. Ás festas estacionais, como o Magosto ou o Entroido, non lles vai moito mellor. Asumida a súa organización dende hai moitos anos polos propios concellos, hoxe son das primeiras víctimas en padecer a nova anemia económica. "Se non hai cartos, non hai festa" semella ser o lema da administración local.

¿Que foi das festas populares?

Outrora froito do traballo do propio pobo a festa foise avellentando, esquecendo á poboación entre os 16 e os 40 anos –xustamente a máis festeira– para centrarse na fórmula cochitos+orquestra. Á mocidade quedábanlle os bares. A festa non se facía para ela nin ela facía a festa. E así, aos poucos, foi morrendo ao mesmo ritmo co que as comisións de festas tradicionanis esgotaban, sen relevo, os seus folgos.

A festa do pobo, para o pobo e polo pobo.

A Festa (en maiúscula) é diversión. É unha válvula de escape das tensións do ano, pero tamén unha bomba de osíxeno para o comercio e hostalería locais. Coa festa gañan tódalas partes. Mais, ¿como facer sen cartos? Podería haber varias respostas posibles, e aquí en Mugardos ofrecemos unha delas: converter á xente espectadora en protagonista; facer que o espectáculo sexa a súa propia diversión e o inxenio dos participantes un foco de atracción ao visitante. A idea, nestes lares, ven funcionando dende hai xa tres anos cunha fórmula eminentemente participativa e economicamente sostible. Moi barata.

O papel da administración pública é pretendidamente inexistente. O feito de non constituírse en Asociación Cultural inmuniza á Comisión de Caralladas fronte ao oscilante mundo das subvencións municipais e provinciais. Non quere axudas porque non as precisa. Ao máis que se ten chegado foi á coordinación de horarios co persoal técnico que xestiona as actividades organizadas polo Concello nas dúas primeiras edicións das Olimpíadas de Peñas (2009 e 2010). Agora xa nin iso. Porén, tanto o novo goberno municipal tende a invisibilizar un movemento puramente social que xa sobrepasa a súa capacidade de convocatoria como este movemento invisibiliza ao goberno municipal. Cada un ao seu.

O modelo mugardés podería ser exportable. Funciona e rescata o ambiente trouleiro que puido ter morto coa desaparición da Comisión de Festas de Mugardos logo do verán do 2008. Antes de chegar o 2009 nacera xa a Comisión de Caralladas. O que é e o que pode aportar como idea base para outras festas agonizantes tédelo aquí:


¿E agora que toca?

Entramos en tempo de Entroido e aquí, na vila de Mugardos, gozamos da particularidade de celebralo durante dúas fins de semana consecutivas, xa que logo do enterro da sardiña, cando en todas partes se gardaron os disfraces, aquí temos un sábado máis, ronsel do baile organizado durante anos polo Casino Mugardés. E así é como aproveitamos para que o primeiro deles –o que este ano cadra en 18– trate cada ano un tema. No 2010 foi a "oitenteirada" que trasladou a motísima xente da vila e –moi importante– un bo feixe de fóra dela ata os anos oitenta. No 2011 centrámonos en series e debuxos da televisión. E neste 2012 a máquina do tempo volverá a trasladarnos cara atrás coa "noventeirada" que engulirá aos locais da vila (a Comisión recibiu o apoio de absolutamente todos). Entroido e música, a fórmula infalible.

25/01/12

¿E se Mugardos e Ares se fusionasen?


Co debate sobre a fusión de municipios in crescendo resulta acaído botar contas unha vez máis de cal sería a composición dun hipotético Pleno da Corporación do Concello de Bezoucos, formado polos dous concellos que ocupan a súa península. E pouco tería variado extrapolando os datos saídos das mesas do 22-M-2011: a folgada victoria socialista en Ares mantería ao PSOE como primeira forza política malia o derrubamento mugardés; o PP tamén repetiría representación (agora cun peso máis equitativo entre as dúas formacións locais); o BNG sofriría a perda dun concelleiro a causa da perda de apoios en Mugardos; e EU-IU, malia non presentar candidatura nas mesas de Ares, viría reflectido o seu crecemendo do 70% en Mugardos coa obtención dun segundo representante no Pleno. Con isto, as matemáticas permitirían un bipartito "de esquerdas" entre PSOE e BNG (10 de 17 concelleiros) comandado polo actual Alcalde de Ares, ou unha fronte de esquerdas PSOE-BNG-EU (12 de 17) mantendo ao PP lonxe das opcións de obter alcaldía.

Ora ben, ¿e se fosen os tres concellos do sur da ría quenes realizasen a fusión para optimizar recursos? A poboación, que xa superaría os 20.000 habitantes, establecería en 21 os escanos do Pleno da Corporación. Fene (17), Ares (13) e Mugardos (13) suman agora 43 concelleiros. O resultado de extrapolar os datos das últimas municipais sería o seguinte:


O Partido Popular sería, agora si, a forza máis votada. Tería gañado 2 dos 4 edís máis con diferencia á fusión Ares-Mugardos. Os outros dous repartiríanse entre PSOE, que igualaría en asentos co PP, e o BNG. EU conseguría manter a representación plenaria, ainda que agora porcentualmente menos significativa, grazas á suma de votos de Mugardos e Fene.

07/12/11

Particularidades do mercado laboral mugardés


Xuntémo-los datos do paro rexistrado por sector de actividade cos de afiliacións á Seguridade Social en alta laboral segundo o sector de actividade. Empreguemos unha mostra porcentual (100 persoas) e comparemos os datos de Mugardos cos dos concellos do contorno (nomeadamente a ría de Ferrol máis Cabanas e Pontedeume). Velaquí algunhas plusmarcas mugardesas:

  • Somos o concello con máis poboación rexistrada no sector da Agricultura e Pesca (5,3%). Máis do dobre do conxunto (2,1%).
  • Somos, tamén, o concello con máis poboación en paro dos sectores da Industria (4,3%) e a Construcción (4,4%).
  • O sector Servizos ocupa en Mugardos ao 47,3% da poboación (Pontedeume ou Ferrol superan o 55% e a media sitúase no 53,4%). Neste sector rexístrase un 58,2% do mercado, moi por debaixo do 66,4% de promedio, ou do 63,1% de Ares.
  • Canto á poboación pertencente ao sector da Construcción, as cifras mugardesas tamén son notables: 14,8% de rexistros, só por debaixo de Cabanas (15,3%). A media na áreas sitúase no 10,7%.
Os datos, de outubro do 2011, debuxan un perfil laboral moito menos industrial do que se podería percibir e con moito menos peso do sector servizos (onde se encadra o Turismo, ese Santo Grial da economía mugardesa) do que calquera outro concello da bisbarra con menos pretensións anunciadas. ¿Abondará coa posta en marcha do Castelo da Palma ou será preciso un pulo xeral da actividade turística? ¿Están esgotadas as promesas industriais?

22/09/11

Partidos e redes sociais: constantes vitais 100 días despois

O 6 de maio comezou unha campaña electoral para as eleccións municipais que rematou o 22 do mesmo mes e provocou unha renovación na corporación local a partires do 11 de xuño. O 19 deste mes cumpríanse os seus 100 primeiros días. A actividade na rede dunhas e outras formacións políticas pode achegarnos unha idea das súas constantes vitais.

Bloque Nacionalista Galego



A súa intensa actividade durante a campaña, tanto na súa bitácora (actualizada case diariamente), como nos seus perfís de Twitter e Facebook, deu paso a un estado de absoluto desleixo: 13 semanas sen actualizar o blogue, desaparición total no Twitter e erráticos signos de vida no Facebook, con actualizacións ligadas á actividade do BNG nacional, non local.

Partido Popular



Os populares amosan unha actividade diverxente entre a bitácora e os perfís de Twitter e Facebook. Destes últimos botaron man con certa intensidade durante a campaña para paseniñamente ilos descoidando. Por contra, o seu voceiro oficial permaneceu case en silencio ata o comezo da lexislatura, dende entón actualízano case tódalas semanas, cun importante parón durante o mes de agosto para retomar con folgos setembro.

Esquerda Unida



Coma no caso do PP, a rede ocupou un segundo plano na campaña electoral (só catro actualizacións no seu blogue oficial). Dende entón, e tra-la investidura da nova corporación, comezaron a retomar o ritmo con certa parsimonia ata finais de agosto, para imprimir maior velocidade no último mes. O seu perfil de Facebook cumpre basicamente a función de "espello" das actualizacións da súa bitácora. Non posúen conta en Twitter.

Partido Socialista Obrero Español


Malia empregar "Mugar2.0" como un dos slogans de campaña, non se lles coñece actividade como organización local na web 2.0. Seu candidato, Carlos Fernández Coba, restrinxiu tra-la campaña o acceso ao seu perfil Facebook.

Mugardos na Esquerda



A actividade na rede de Mugardos na Esquerda é case paralela á do BNG: unha intensa actividade pre-electoral (maior no Facebook que no blogue oficial) para dar paso a unha liña plana, apenas rachada con contidos supramunicipais co gallo do 25 de xullo. As últimas constantes vitais quedaron atrás hai 9 semanas.

Actualización: merece destaque, falando da actividade das formacións políticas mugardesas nas redes sociais, o grao de interacción cos seus visitantes. Tódalas bitácoras (tanto BNG como PP, EU ou MnE) aplican un filtro de moderación de comentarios, polo que só son publicados cando reciben a aprobación de quen os xestiona (caso que non sempre se produce). Isto fai que o número de intervencións de terceiros/as sexa unicamente orientativa, xa que descoñecemos cantas mensaxes son censuradas. Aquí EU demostra actividade desde o nacemento do seu voceiro dixital en setembro do 2007; o PP espertou a elas dous anos e medio despois de inaugurar o blogue (xaneiro do 2009) pero xa goza dun bo promedio de comentarios por entrada (algo que redunda sempre en beneficio do número de visitas e a súa fidelidade). No do BNG, ben sexa por espertar nulo interese, ben por un estricto sentido da pluralidade de quen o administre, non atopamos comentario ningún nas súas entradas. E no de MnE, outro tanto.

14/09/11

Información e confrontación


O pasado domingo 11 cumpríronse 3 meses da toma de posesión do novo goberno municipal. Durante eses 96 días a información que o goberno trasladou á veciñanza dende a web oficial do Concello, que o 29 de decembro de 2010 foi renovada supostamente para dinamizala, foi de 1 entrada cada 2 días: 34 baixo a categoría "Novas", 6 "Plenos", 4 "Convocatorias", 4 "Cursos" e 8 "Avisos" (webs como a do veciño Concello de Ares son actualizadas ata tres e catro veces ao día). Desas 56 entradas o 78% concentrouse nas 6 primeiras semanas. Dende entón a web municipal entrou, máis unha vez, en letargo.

A web oficial do grupo de Goberno (bngmugardos.blogaliza.org) entrou en coma aos dous días de rematar a campaña electoral. Tardou máis de tres meses en volver a informar á cidadanía á que din gobernar, para dar conta da aprobación en solitario dos orzamentos municipais do 2011 (o 30 de agosto). A segunda ocasión na que sacudiron a preguiza xa non foi para informar de nada, senón para saír ao paso das críticas que reciben pola xestión do tráfico na vila. Do mesmo xeito que anteriormente o Alcalde publicou un bando a rebufo das críticas polas deposicións caninas por parte de EU-IU ou a tristemente célebre carta que en ton populista enviou á veciñanza das Casas Baratas, tamén en resposta a críticas do PP.

Nas primeiras andainas do novo mandato o barcisismo manten as trazas que caracterizaron o día a día na anterior corporación: pouca información e moita confrontación. O contrario do que se agarda de quen rexe a cousa pública.

A maiores, erra nos seus disparos. Abandoada a época dos chourizos crioulos, a bitácora bloqueira atopou quen recuperase nela un estilo digno na redacción de contidos (hai motivos para pensar que non se trata de X.F. Barcia, X.A. Bouza nin X.X. Roca), pero quedou nunha simple recuperación das formas. O fondo segue a ser unha burda argumentación que pretende desviar neste caso a atención da xestión do tráfico (a verdadeira cuestión a debate) cara o que denominan "supostas infraccións" puntuais non denunciadas perante a Policía Local. Un choio redondo: o abandono de funcións da Administración substitúese pola denuncia entre os propios veciños/as para deixar en mans do político de turno (no mellor dos casos) a salomónica resolución final (léase "xa mando eu que che quiten a multa") co que gañar simpatías (situación esta, por outra parte, que tería provocado a decisión da Policía Local de baixar os brazos perante as infraccións, farta de representar o papel de poli-malo para maior gloria de alcaldes e concelleiros que prefiren gañar o voto dun infractor/a que o respecto da cidadanía que os padece).

Señores do Goberno Municipal: ninguén pretendeu facelos culpables de que un día un coche poida montar a beirarrúa, de que un día o Alcalde poida aparcar na zona reservada a minusválidos do Supermercado Familia, de que un día o Concelleiro de Obras e Servizos poida ocupar a entrada ao Local de Ensaio do Novás facendo agardar con arrogancia aos músicos que agardan paso no medio da estrada. Ninguén agarda que a Policía Local reciba ordes de facerse omnipresente en todo o termo municipal. Agardamos, iso si, que o Goberno Municipal sexa suficientemente serio como para facer cumprir con rigor unhas normas mínimas de convivencia viaria. Vostedes saben mellor que ninguén que a fórmula para iso non é que os veciños acheguen fotos de infraccións á oficina da Policía Local, senón que haxa firmeza no respecto polas normas comúns. Esperten dunha vez do seu sono curtopracista e descubran que unha vila onde non reina o caos é unha vila onde se vive mellor. Preocúpense de gobernar mellor, de informar máis e mellor, apúrense a facer isto e non a saír ao paso de quen opina publicamente sen pedirlles permiso.

09/09/11

O retorno das traiñeiras


Non sendo home de mar, dun tempo para acó comecei a prestarlle atención ás novas andainas do Club do Mar, a segunda sociedade deportiva de Mugardos por masa social. Certo que moitas máis non hai, tristemente. Hai duas semanas remataba a súa primeira participación na Liga Galega de Traiñeiras, unha liga que recuperou para o noso peirao a competición da que levaba 20 anos afastada.

Os comezos, como adoita acontecer, non semellan doados. Mais o fundamental (ao entender de quen isto escribe) é que a chama prenda na xente máis nova, especialmente nas nenas, que poden atopar no remo unha continuidade que noutros deportes verase truncada na adolescencia. E niso, en conseguir que prenda a chama, o Club do Mar e os seus remeiros comezaron xa facer conquistas: tra-lo dificil comezo da tempada da estrea, onde pagaron a novatada, os mugardeses foron facéndose fortes regata a regata ata finalizar cun oitavo posto en Vilagarcía. Ata entón, en tres ocasións rematou por diante de A Cabana e noutra por diante de Ares. Na derradeira regata superounas ás dúas.

En destaque, tamén, o dominio de Amegrobe que rachou tódolos récords establecidos conquistando tódalas bandeiras da tempada. Que non tarde moito en chegar a primeira para Mugardos. Somos xente que sabe celebrar títulos ;)

Parabéns á directiva.

12/08/11

¿Canto nos custan os representantes políticos?


A regulación das percepcións dos cargos políticos establécese sempre nun primeiro pleno extraordinario ao comezo do mandato. En Mugardos este celebrouse o pasado 7 de xullo e entre as decisións acordadas destacan as seguintes:
  • Pasouse de 1 dedicación exclusiva (Alcaldía) + 3 dedicacións parciais (1 BNG, 1 PP e 1 PSOE, ainda que os socialistas renunciaron a ela dende o primeiro momento); a 3 dedicacións exclusivas (BNG, EU e PSOE) + 2 dedicacións parciais (BNG e PP).
  • A contía asignada ás dedicacións exlusivas e ás dedicacións parciais é exactamente a mesma: 1000 € brutos/mes. Descoñécese o motivo de esta diferenciación exclusivamente nominal.
  • O Alcalde deixa de ter asignada unha dedicación exclusiva, sen embargo, a suma das distintas indemnizacións por asistencias a tódolos órganos colexiados sitúa as súas percepcións mensuais á par das dedicacións parciais e exclusivas, sumándoselle agora a xubilación. En termos contables, non semella exactamente un especial sacrificio persoal.
  • Finalmente, as comisións non estableceron o voto ponderado para reducir os seus compoñentes a 1 por partido (como si acontecía en mandatos anteriores ao 2007) e reducir gastos.
  • No PP e EU a persoa con dedicación (exclusiva ou parcial, tanto ten) é quen máis órganos colexiados ten asignados. Do mesmo xeito, amosan o reparto máis equilibrado de representación nestes órganos por parte dos seus concelleiros/as (50%-40% no PP, 50%-30% en EU). Podemos dicir que as persoas con dedicacións exlusiva asumen esta dedicación cunha maior presencia nas xuntanzas políticas.
  • BNG e PSOE, pola contra, asignan dedicacións aos membros con menos participación nos órganos. Caso paradigmático é o de Xoán Xosé Roca, cunha dedicación parcial dedicada unicamente á delegación de Obras, Servizos e Persoal, sen ningun tipo de presencia en calquera outro órgano máis que o Pleno e a Xunta de Goberno.
  • As comisións de Obras, Servizos e Persoal, e Urbanismo, Industria e Medio ambiente están formadas exclusivamente por homes. Só na de Benestar, Igualdade, Sanidade, Ensino e Política Lingüística as mulleres atinxen un 50%. Na Mesa de Contratación, cun representante por cada partido, suben ao 60%.
  • Xosé Antón Bouza é o edil sen dedicación exclusiva que percibe maior cantidade en concepto de indemnización por asistencia (ata 700 € brutos/mes). Participa ata nun 70% dos órganos. No extremo oposto, Ramiro Pérez e Genaro Prieto, cunha participación no 30% de órganos, son os que menos cobran.
Velaquí deixo a gráfica, da que cada quen poderá obter as súas propias lecturas.