14/09/11

Información e confrontación


O pasado domingo 11 cumpríronse 3 meses da toma de posesión do novo goberno municipal. Durante eses 96 días a información que o goberno trasladou á veciñanza dende a web oficial do Concello, que o 29 de decembro de 2010 foi renovada supostamente para dinamizala, foi de 1 entrada cada 2 días: 34 baixo a categoría "Novas", 6 "Plenos", 4 "Convocatorias", 4 "Cursos" e 8 "Avisos" (webs como a do veciño Concello de Ares son actualizadas ata tres e catro veces ao día). Desas 56 entradas o 78% concentrouse nas 6 primeiras semanas. Dende entón a web municipal entrou, máis unha vez, en letargo.

A web oficial do grupo de Goberno (bngmugardos.blogaliza.org) entrou en coma aos dous días de rematar a campaña electoral. Tardou máis de tres meses en volver a informar á cidadanía á que din gobernar, para dar conta da aprobación en solitario dos orzamentos municipais do 2011 (o 30 de agosto). A segunda ocasión na que sacudiron a preguiza xa non foi para informar de nada, senón para saír ao paso das críticas que reciben pola xestión do tráfico na vila. Do mesmo xeito que anteriormente o Alcalde publicou un bando a rebufo das críticas polas deposicións caninas por parte de EU-IU ou a tristemente célebre carta que en ton populista enviou á veciñanza das Casas Baratas, tamén en resposta a críticas do PP.

Nas primeiras andainas do novo mandato o barcisismo manten as trazas que caracterizaron o día a día na anterior corporación: pouca información e moita confrontación. O contrario do que se agarda de quen rexe a cousa pública.

A maiores, erra nos seus disparos. Abandoada a época dos chourizos crioulos, a bitácora bloqueira atopou quen recuperase nela un estilo digno na redacción de contidos (hai motivos para pensar que non se trata de X.F. Barcia, X.A. Bouza nin X.X. Roca), pero quedou nunha simple recuperación das formas. O fondo segue a ser unha burda argumentación que pretende desviar neste caso a atención da xestión do tráfico (a verdadeira cuestión a debate) cara o que denominan "supostas infraccións" puntuais non denunciadas perante a Policía Local. Un choio redondo: o abandono de funcións da Administración substitúese pola denuncia entre os propios veciños/as para deixar en mans do político de turno (no mellor dos casos) a salomónica resolución final (léase "xa mando eu que che quiten a multa") co que gañar simpatías (situación esta, por outra parte, que tería provocado a decisión da Policía Local de baixar os brazos perante as infraccións, farta de representar o papel de poli-malo para maior gloria de alcaldes e concelleiros que prefiren gañar o voto dun infractor/a que o respecto da cidadanía que os padece).

Señores do Goberno Municipal: ninguén pretendeu facelos culpables de que un día un coche poida montar a beirarrúa, de que un día o Alcalde poida aparcar na zona reservada a minusválidos do Supermercado Familia, de que un día o Concelleiro de Obras e Servizos poida ocupar a entrada ao Local de Ensaio do Novás facendo agardar con arrogancia aos músicos que agardan paso no medio da estrada. Ninguén agarda que a Policía Local reciba ordes de facerse omnipresente en todo o termo municipal. Agardamos, iso si, que o Goberno Municipal sexa suficientemente serio como para facer cumprir con rigor unhas normas mínimas de convivencia viaria. Vostedes saben mellor que ninguén que a fórmula para iso non é que os veciños acheguen fotos de infraccións á oficina da Policía Local, senón que haxa firmeza no respecto polas normas comúns. Esperten dunha vez do seu sono curtopracista e descubran que unha vila onde non reina o caos é unha vila onde se vive mellor. Preocúpense de gobernar mellor, de informar máis e mellor, apúrense a facer isto e non a saír ao paso de quen opina publicamente sen pedirlles permiso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario