22/09/11

Partidos e redes sociais: constantes vitais 100 días despois

O 6 de maio comezou unha campaña electoral para as eleccións municipais que rematou o 22 do mesmo mes e provocou unha renovación na corporación local a partires do 11 de xuño. O 19 deste mes cumpríanse os seus 100 primeiros días. A actividade na rede dunhas e outras formacións políticas pode achegarnos unha idea das súas constantes vitais.

Bloque Nacionalista Galego



A súa intensa actividade durante a campaña, tanto na súa bitácora (actualizada case diariamente), como nos seus perfís de Twitter e Facebook, deu paso a un estado de absoluto desleixo: 13 semanas sen actualizar o blogue, desaparición total no Twitter e erráticos signos de vida no Facebook, con actualizacións ligadas á actividade do BNG nacional, non local.

Partido Popular



Os populares amosan unha actividade diverxente entre a bitácora e os perfís de Twitter e Facebook. Destes últimos botaron man con certa intensidade durante a campaña para paseniñamente ilos descoidando. Por contra, o seu voceiro oficial permaneceu case en silencio ata o comezo da lexislatura, dende entón actualízano case tódalas semanas, cun importante parón durante o mes de agosto para retomar con folgos setembro.

Esquerda Unida



Coma no caso do PP, a rede ocupou un segundo plano na campaña electoral (só catro actualizacións no seu blogue oficial). Dende entón, e tra-la investidura da nova corporación, comezaron a retomar o ritmo con certa parsimonia ata finais de agosto, para imprimir maior velocidade no último mes. O seu perfil de Facebook cumpre basicamente a función de "espello" das actualizacións da súa bitácora. Non posúen conta en Twitter.

Partido Socialista Obrero Español


Malia empregar "Mugar2.0" como un dos slogans de campaña, non se lles coñece actividade como organización local na web 2.0. Seu candidato, Carlos Fernández Coba, restrinxiu tra-la campaña o acceso ao seu perfil Facebook.

Mugardos na Esquerda



A actividade na rede de Mugardos na Esquerda é case paralela á do BNG: unha intensa actividade pre-electoral (maior no Facebook que no blogue oficial) para dar paso a unha liña plana, apenas rachada con contidos supramunicipais co gallo do 25 de xullo. As últimas constantes vitais quedaron atrás hai 9 semanas.

Actualización: merece destaque, falando da actividade das formacións políticas mugardesas nas redes sociais, o grao de interacción cos seus visitantes. Tódalas bitácoras (tanto BNG como PP, EU ou MnE) aplican un filtro de moderación de comentarios, polo que só son publicados cando reciben a aprobación de quen os xestiona (caso que non sempre se produce). Isto fai que o número de intervencións de terceiros/as sexa unicamente orientativa, xa que descoñecemos cantas mensaxes son censuradas. Aquí EU demostra actividade desde o nacemento do seu voceiro dixital en setembro do 2007; o PP espertou a elas dous anos e medio despois de inaugurar o blogue (xaneiro do 2009) pero xa goza dun bo promedio de comentarios por entrada (algo que redunda sempre en beneficio do número de visitas e a súa fidelidade). No do BNG, ben sexa por espertar nulo interese, ben por un estricto sentido da pluralidade de quen o administre, non atopamos comentario ningún nas súas entradas. E no de MnE, outro tanto.

10 comentarios:

  1. Como outros anteriores , é de agradecer e tamén recoñecer este traballo posto que non soamente permítenos estar informados de cuestións importantes que acontecen no noso municipio se non , quizais o máis importante , polo menos para min , axúdanos a conformar opinión.

    Grazas .

    ResponderEliminar
  2. Totalmente de acuerdo con el comentario anterior. Sin embargo, creo que, para ser justos, hay que valorar otros aspectos. Todos los partidos no son iguales ni cuentan con los mismos recursos: hay partidos que reciben todo el material de campaña de fuera, partidos que basan su presencia en la red en temas extramunicipales, partidos que no elaboran los contenidos propios a pesar de contar con militancia suficiente, etc. El caso del BNG es particular: si bien siempre sostuve que el Bloque no es un partido de izquierdas, sino otra cosa, y que parte de su situación en Mugardos responde a lo mismo que le sucedió en la Xunta, en Mugardos hay una situación especial: después de haber echado a los críticos, quedan sólo los más obedientes y menos capacitados. ¿Pero eran obedientes porque sí o por interés? ¿Seguirán siéndolo? Dice el refrán: "cría cuervos..."

    ResponderEliminar
  3. Pois eu non estou dacordo con este segundo comentario. Estamos valorando as bitácoras e contas no Twitter e Facebook das distintas organizacións locais. EU, PP e MnE empregan Blogger e BNG Blogaliza, ambalasdúas ferramentas gratuitas. Tamén é de balde crear un perfil en Twitter e Facebook. Por tanto, no que ás redes sociais respecta, non podemos falar de "material de campaña" que ven de fóra. Si é certo que unhas máis que outras abusan dos temas extramunicipais, pero iso é algo que redunda negativamente. Proba disto seguramente poida aportar o PP, que nos comezos o seu blogue ocupábase en 2/3 de cuestións como a opinión de Sarcozy sobre o goberno de Zapatero e agora están moito máis centrados en informar da súa propia actividade municipal. Estou convencido de que nada teñen que ver as estatísticas de visitas de antes coas de agora.

    Os catro blogues que nos ocupan foron creados (ou así semella) por xente "da casa". Non é aí onde se diferencian, senón no xeito de actualizar e nos seus contidos. Pero nisto a experiencia dime que adoita gañar o fondo ás formas. BNG e MnE suspenden rotundamente. EU e PP acadan o aprobado, con nota mellorable.

    ResponderEliminar
  4. Ola, grazas pola entrada: coma sempre, aporta algo.
    Quero dar a coñecer a miña opinión sobre a censura nos blogs dos partidos. Falo polo de EU e esta é a miña postura: en principio, o blog de EU permitía os comentarios abertos, pero ao fianl decidiuse establecer, por prudencia, a moderación previa. Calquera que visite o noso blog e lea os comentarios que publicamos, constatará que publicamos comentarios que non nos son favorables ou que incluso son agresivos con nós. Só eliminamos dúas clases de comentarios: os vacuos e reiterativos (propios de trolls) e aqueles que conteñen insultos ou calumnias contra calquera persona ou entidade. Evidentemente, cada un é libre de sospeitar que exercemos unha censura interesada ou tendenciosa, pero cremos que é iso preferible a darlle un espazo a quen só pretende insultar.

    ResponderEliminar
  5. Ola Ramiro. Varias cuestións:

    En primeiro lugar quero deixar claro que a moderación dos comentarios, dun xeito ou doutro, é precisa para o transcorrer civilizado dos debates que orixine cada artigo. Neste mesmo blog vinme na obriga de borrar un deses comentarios que traspasan a liña ética.

    Cousa distinta é que lembre nesta entrada que a moderación existe. Isto é así, é un feito que cada quen valorará como considere oportuno. Efectivamente, a cuestión para min trasládase non tanto ao feito da moderación (coa que concordo) se non ao nivel de tolerancia que amosen os administradores. Por sorte, descoñezo os límites que aplica EU, xa que nunca padecín a súa censura. Non podo dicir o mesmo do PP, que vetou un comentario meu ao seu artigo titulado "El BNG llevará a comisión cobrar por la celebración de matrimonios civiles" no que lles facía saber a miña opinión sobre o pouco rigor e sesgada información coa que estaba redactado. Aproveito esta ocasión para publicar (así, de memoria) o que nel dicía: "¿Está o PP a favor da taxa? ¿Se non o está, que postura adoptou nos outros concellos da bisbarra onde, como se recoñece nesta entrada, si se aplica, incluso con maioría absoluta do propio PP? [nótese neste punto que tra-lo meu comentario censurado eliminaron a parte da entrada onde facían referencia a que Mugardos era dos poucos concellos que quedaban en aplicar a taxa] ¿A proposta de 100-150 € por matrimonio é máis alta, máis baixa ou está na media das da bisbarra? Conviría que, máis aló de aplicar toda a sorna que considere o PP oportuna, aporte máis rigor e información nas súas entradas".

    Desafortunadamente, o meu comentario non foi do gusto do PP de Mugardos e non chegou a ver a luz.

    ResponderEliminar
  6. De acordo co que cada un podemos comprobar en canto á actividade, e tamén á calidade , das organizacións políticas de Mugardos na rede, teño que dicir en primeiro lugar que debemos facer unha diferenciación entre as organizacións que teñen representación municipal e as que non, posto que as primeiras teñen unhas obrigacións e deberes aos que non están suxeitas as segundas . Dito o cal hai que dicir tamén que entre os que teñen representación municipal hai que establecer á vez dous apartados ou niveis , os que ostentan ou conforman o goberno municipal e os grupos que están na oposición.

    Dito o anterior , cuestión que deberiamos ter en conta á hora de facer valoracións e tamén de esixir o cumprimento das obrigacións do cargo , teño que dicir que no esencial estou de acordo coas valoracións feitas por Artritris no seu comentario do 22/9/11 22:39 .

    Só fáltame saber , no capítulo de suspensos , que cualificación ou cualificativo hai que outorgarlle aos que por incomparecencia non se puido examinar.

    ResponderEliminar
  7. Hoxe , dando un lixeiro repaso á prensa atópome a seguinte información encabezada por grandes titulares :

    BETANZOS - O BNG SUSPENDE “ POR INACTIVIDADE “ OS CEN DIAS DE MANDATO DE GARCIA VAZQUEZ :
    O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Betanzos suspende a xestión realizada polo alcalde, o socialista Ramón García Vázquez, e o seu equipo de goberno, nos seus primeiros cen días de mandato.
    O concelleiro Henrique do Río considera que foron un centenar de xornadas marcadas pola “inactividade” e que non apreciou un cambio significativo con respecto ao anterior mandato do Partido Popular. ….

    Eu sen entrar a facer outras valoracións , porque non son de Betanzos , si que quero comentar que posiblemente salvando distancias , a valoración ou nota de suspenso puidese ser aplicada ao alcalde do BNG en Mugardos sín deixar de ter en conta dous aspectos diferenciados

    1 O alcalde de Mugardos posiblemente aproba a materia de relixión pola súa participación activa, non sei si fervorosa , nas procesións relixiosas celebradas no período analizado.

    2 O alcalde de Mugardos é do BNG e tamén o mesmo que no mandato anterior, circunstancia que non ocorre en Betanzos.

    ResponderEliminar
  8. Por entender que este blog é hoxe en día o espazo máis aberto e máis áxil para a comunicación , o comentario e a opinión, con lixeiras diferenzas , algunhas xa non tanto , co resto dos blogs que tratan cuestións da nosa contorna inmediata relacionadas principalmente coa política municipal , vou a utilizalo novamente para comentar o seguinte

    O de espazo aberto dígoo con dobre intención posto que , lamentablemente nun medio televisivo comarcal que ten un programa chamado “ Espazo aberto “ , de forma reiterada , fai poucos días volveu ocorrer , négasenos aos veciños e veciñas do Concello de Mugardos a posibilidade e o dereito a poder coñecer as propostas e opinións do grupo municipal de Esquerda Unida posto que ademais da representatividade de mocrática , superior á doutros invitados , entendo eu que tamén ten unha alta cualificación política no aspecto municipal.

    Dito o anterior, teño que dicir tamén que ultimamente teño dificultades que me impiden poder participar no blog do Partido Popular de Mugardos, cuestión que lamento e que espero que estean relacionadas con cuestións da tecnoloxía , e non da ideoloxía.

    Finalmente non quero descartar a posibilidade de que todo iso sexa produto damiña falta de coñecemento na utilización desta nova tecnoloxía da comunicación.

    En calquera caso , ante as dificultades , teño a alternativa de acudir a este blog.

    Grazas.

    ResponderEliminar
  9. Teño que dicir que a min tamen me censuraron un comentario os do PP de mugardos, en referenza a unha pregunta sen reposta feita ao conveliendo de obras, na que lle pedía que publicasen a resposta obtida por parte do concelleiro. Tamen hai que dicir que a resposta non lles interesaba, xa que o culpable era a Xunta. Gostalles moito manipular as redaccions para querer dicir que os demais non fan nada e eles sonche a repera limoneira, pero isto xamais será posible namentres Juan domingo siga ao frente deste partido e menos rodeado dalgunha da xentuza da que se rodeou, non me extraña que oubera xente que escapou pola tanxente.

    ResponderEliminar
  10. Parece que ao PP de Mugardos non lle gusta a liberdade de expresión , polo menos eu pénsoo así en base ao que paso seguidamente a comentar :

    Fai poucos días ocorréuseeme dirixir un comentario no que en principio me mostraba coincidente co aquilo que o PP dicía de que a Mugardos tamén se pode defender desde outras Administracións, pero a continuación en clave positiva expuña o seguinte razoamento que non sei por que motivos o PP non publicou no seu blog .


    TEXTO INTEGRO DO MEU COMENTARIO :

    Estou totalmente de acordo co manifestado polo PP no comentario anterior, pola sinxela razón de que é certo.

    Pero dito o anterior, non é menos certo que para facer mellor a devandita defensa, hai que partir da base que a administración máis próxima ao cidadán, e polo tanto a máis próxima e coñecedora dos seus problemas , intereses e necesidades , é o Concello e por iso é imprescindible que os cargos públicos municipais , empezando en primeiro lugar polos que teñen a responsabilidade de goberno , expoñan debidamente e ao seu debido tempo as propostas e iniciativas ante as Administracións Supramunicipais ( Deputación Provincial , Xunta de Galicia e Estado Central ) co obxecto de poder obter respostas e solucións aos problemas e necesidades colectivas do noso municipio.

    Por pór un exemplo que nolo faga entender , á espera da obrigada información por parte dos nosos representantes políticos locais (BNG , PP , EU-EU e PSOE) , é o feito de que nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2012 non constan as asignacións económicas, e polo tanto nengún compromiso, para atender ás principais necesidades do Municipio de Mugardos.

    ¿Será que os nosos representantes políticos non expuxeron demanda algunha ante o Goberno Xunta de Galicia , ou en caso contrario o Goberno da Xunta non as tivo en conta ?

    ResponderEliminar