23/05/24

Malos tempos para ser guía oficial en Mugardos

Este é Antonio Montenegro*, ten 37 anos e é de Barracido (San Xoán, Mugardos). É Técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística. Ademais de falar galego e castelán ten un C1 de portugués, que aprendeu por parte de pai, e un B2 de francés. Desde 2015 ten o carné que o acredita como Guía Oficial de Turismo de Galicia e tamén está afiliado á Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia.

A guías como Antonio a lei protéxeos desde 2015 do intrusismo laboral, de xeito que só quen acredita ser guía oficial pode impartir visitas guiadas a través dos Bens de Interese Cultural, e debe facelo exhibindo o seu carné publicamente. Para ser guía oficial en Galicia é preciso ter a titulación académica e, ademais, dominar alomenos unha língua estranxeira cun nivel mínimo de B2. Antonio ten todo iso.

O Castelo da Palma é un Ben de Interese Cultural moi importante para Mugardos. Sen dúbida, supón un reclamo para moita xente. Por iso o goberno do PP decidiu, no 2015, programar visitas guiadas polas súas descoidadas instalacións, aínda que a lei a quen obriga é aos propietarios. Antonio podería optar a ese posto de traballo, pero quedou cun palmo de fuciños porque o goberno de Juan Domingo Deus trampeou empregando persoal da Oficina de Información Turística, en contra da lei que protexe a guías como Antonio.

Agás no 2017, o Concello volveu programar visitas guiadas en 2018 e 2019 (con EU) e 2020, 2021 e 2022 (de volta co PP). O caso está denunciado na Xunta desde 2018, mais o expediente quedou no caixón dalguén sen volver moverse.

O Centro de Interpretación de Caldoval é outro reclamo importantne para Mugardos. Abriu as súas portas no 2017 (con EU, ICM e BNG) e no 2021 o goberno municipal do PP decidiu cambiar as condicións que se piden para traballar no Centro de Interpretación. Podería ser unha boa oportunidade para Antonio, que cumpre todos os requerimentos da lei como guía oficial nun BIC. Pero tampouco pode ser. O goberno do PP decidiu esixir para o posto un B2 especificamente de inglés. Nin o C1 de portugués nin o B2 de francés valen de nada a Antonio para Caldoval. Ao mesmo PP a quen non lle importan nin a lei nin os idiomas que se falen para o Castelo da Palma, agora interésalle moitísimo que se saiba inglés no Centro de Interpretación. Interésalle tanto, que incluso estivo disposto a despedir en menos de 3 semanas ás dúas traballadoras que tiña alí se non sacaban o B2 de inglés. Ao final, a pesar de que o secretario municipal recomendaba darlles 12 meses, dedixárono en 9, e grazas. De súpeto correulles presa. Tan xusto foi o prazo, que deixou a unha das traballadoras no camiño.

E aí estamos. En maio de 2024 Antonio segue sen ter a oportunidade de traballar como guía oficial de turismo en Mugardos. Se Juan Domingo se limitase a cumprir coa lei, Antonio tería dúas oportunidades laborais. Pero ao final, nin no Castelo da Palma, porque pide menos, nin no Caldoval, porque pide máis. Tampouco sabemos canto lle interesa o público estranxeiro ao goberno do PP, porque non usa a mesma vara de medir para os dous sitios. Pola vila circulan audios de Whatsapp que enredan máis este asunto, que xa é triste e feo de por si. Que llo pregunten a Antonio, ou á traballadora de Caldoval que botaron fóra.

* A Antonio pariuno a IA, non vaia ser que preguntedes por el. A foto do carné é pública.

26/01/24

"Son os da comisión, mamá!"



Soa o timbre de casa, abres a porta e atópaste dúas persoas. Veciñas da parroquia. Propóñenche que colabores poñendo cartos para recuperar as festas patronais. A túa é das últimas que quedan por visitar, pero antes do teu soaron máis de trescentos timbres, achegáronse a máis de setenta empresas de toda a volta, metéronlle varios milleiros de quilómetros ao coche e as horas dedicadas darían para cubrir varias nóminas. Só dúas persoas.

As festas do patrón sempre axudaron a alegrar a casa. Sacas o mantel grande, a vaixela de doce, encargas un lacón, reciclas o pouco que queda do turrón do nadal, unha sobremesa longa e xa hai que ir preparándose para ir ao campo da festa, que comeza a soar a música. Hai moitos anos estas datas facían as veces de pausa, de respiro para a xente que traballaba duro na terra. Hoxe a terra traballámola menos, pero a necesidade de pausar, de respirar e de reunirnos con xente coa que rir e brindar seguímola tendo. Nin un chisco menos.

A vila de Mugardos tivo comisión de festas ata o ano 2008. Desde o 2009 é o Concello quen se encarga de contratar orquestras e poñer os cartos, porque xa non hai quen timbre nas casas, nin visite empresas, nin gaste as rodas do coche por amor á parroquia.

Fóra da capital as cousas son distintas. O Seixo e Franza quedaron sen comisión de festas e sen festas no 2018, ata que xente volveu tirar do carro no 2023. Meá quedou varias veces sen ela, a última no 2020, pero na parroquia que acolle Forestal del Atlántico, Reganosa, o Galicia de Mugardos e ata o propio Casino Mugardés, nesta parroquia se as súas veciñas e veciños non fan a festa, ninguén vai vir facerlla. As pequenas resistirán mentres poidan, as grandes, en canto son asumidas pola administración pública, xa non teñen volta atrás. É o concello quen lle fai o choio á comisión, ou é a comisión quen lle fai o choio ao concello? Cara onde camiñamos?

No descanso da orquestra —ou a banda, incluso local, que tamén existen aínda que non lle gusten ás concelleiras de Cultura— alguén sube ao palco, agarra o micro e comeza a recitar un lote de agradecementos a quen colaborou en pagar a música, e os carteis, e os fogos, e os chourizos, a quen ofreceu premios para as rifas. Pero a festa en si mesma existe grazas ao esforzo de dúas persoas. A festa que ninguén máis bota ao lombo, nin sequera o Concello. Así que aproveito agora que teño o micro na man para dicirlles

Grazas.