26/01/24

"Son os da comisión, mamá!"



Soa o timbre de casa, abres a porta e atópaste dúas persoas. Veciñas da parroquia. Propóñenche que colabores poñendo cartos para recuperar as festas patronais. A túa é das últimas que quedan por visitar, pero antes do teu soaron máis de trescentos timbres, achegáronse a máis de setenta empresas de toda a volta, metéronlle varios milleiros de quilómetros ao coche e as horas dedicadas darían para cubrir varias nóminas. Só dúas persoas.

As festas do patrón sempre axudaron a alegrar a casa. Sacas o mantel grande, a vaixela de doce, encargas un lacón, reciclas o pouco que queda do turrón do nadal, unha sobremesa longa e xa hai que ir preparándose para ir ao campo da festa, que comeza a soar a música. Hai moitos anos estas datas facían as veces de pausa, de respiro para a xente que traballaba duro na terra. Hoxe a terra traballámola menos, pero a necesidade de pausar, de respirar e de reunirnos con xente coa que rir e brindar seguímola tendo. Nin un chisco menos.

A vila de Mugardos tivo comisión de festas ata o ano 2008. Desde o 2009 é o Concello quen se encarga de contratar orquestras e poñer os cartos, porque xa non hai quen timbre nas casas, nin visite empresas, nin gaste as rodas do coche por amor á parroquia.

Fóra da capital as cousas son distintas. O Seixo e Franza quedaron sen comisión de festas e sen festas no 2018, ata que xente volveu tirar do carro no 2023. Meá quedou varias veces sen ela, a última no 2020, pero na parroquia que acolle Forestal del Atlántico, Reganosa, o Galicia de Mugardos e ata o propio Casino Mugardés, nesta parroquia se as súas veciñas e veciños non fan a festa, ninguén vai vir facerlla. As pequenas resistirán mentres poidan, as grandes, en canto son asumidas pola administración pública, xa non teñen volta atrás. É o concello quen lle fai o choio á comisión, ou é a comisión quen lle fai o choio ao concello? Cara onde camiñamos?

No descanso da orquestra —ou a banda, incluso local, que tamén existen aínda que non lle gusten ás concelleiras de Cultura— alguén sube ao palco, agarra o micro e comeza a recitar un lote de agradecementos a quen colaborou en pagar a música, e os carteis, e os fogos, e os chourizos, a quen ofreceu premios para as rifas. Pero a festa en si mesma existe grazas ao esforzo de dúas persoas. A festa que ninguén máis bota ao lombo, nin sequera o Concello. Así que aproveito agora que teño o micro na man para dicirlles

Grazas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario