08/02/12

A festa das vacas fracas

Son malos tempos para as festas patronais tal e como as coñeciamos ata agora. Non temos que ir moi lonxe para atopármonos a desaparición das comisións de festas en Mugardos, A Pedreira, Pontedeume, Ombre; ou o anuncio do Concello de Narón da cancelación das festas do verán por causa da crise económica. Ás festas estacionais, como o Magosto ou o Entroido, non lles vai moito mellor. Asumida a súa organización dende hai moitos anos polos propios concellos, hoxe son das primeiras víctimas en padecer a nova anemia económica. "Se non hai cartos, non hai festa" semella ser o lema da administración local.

¿Que foi das festas populares?

Outrora froito do traballo do propio pobo a festa foise avellentando, esquecendo á poboación entre os 16 e os 40 anos –xustamente a máis festeira– para centrarse na fórmula cochitos+orquestra. Á mocidade quedábanlle os bares. A festa non se facía para ela nin ela facía a festa. E así, aos poucos, foi morrendo ao mesmo ritmo co que as comisións de festas tradicionanis esgotaban, sen relevo, os seus folgos.

A festa do pobo, para o pobo e polo pobo.

A Festa (en maiúscula) é diversión. É unha válvula de escape das tensións do ano, pero tamén unha bomba de osíxeno para o comercio e hostalería locais. Coa festa gañan tódalas partes. Mais, ¿como facer sen cartos? Podería haber varias respostas posibles, e aquí en Mugardos ofrecemos unha delas: converter á xente espectadora en protagonista; facer que o espectáculo sexa a súa propia diversión e o inxenio dos participantes un foco de atracción ao visitante. A idea, nestes lares, ven funcionando dende hai xa tres anos cunha fórmula eminentemente participativa e economicamente sostible. Moi barata.

O papel da administración pública é pretendidamente inexistente. O feito de non constituírse en Asociación Cultural inmuniza á Comisión de Caralladas fronte ao oscilante mundo das subvencións municipais e provinciais. Non quere axudas porque non as precisa. Ao máis que se ten chegado foi á coordinación de horarios co persoal técnico que xestiona as actividades organizadas polo Concello nas dúas primeiras edicións das Olimpíadas de Peñas (2009 e 2010). Agora xa nin iso. Porén, tanto o novo goberno municipal tende a invisibilizar un movemento puramente social que xa sobrepasa a súa capacidade de convocatoria como este movemento invisibiliza ao goberno municipal. Cada un ao seu.

O modelo mugardés podería ser exportable. Funciona e rescata o ambiente trouleiro que puido ter morto coa desaparición da Comisión de Festas de Mugardos logo do verán do 2008. Antes de chegar o 2009 nacera xa a Comisión de Caralladas. O que é e o que pode aportar como idea base para outras festas agonizantes tédelo aquí:


¿E agora que toca?

Entramos en tempo de Entroido e aquí, na vila de Mugardos, gozamos da particularidade de celebralo durante dúas fins de semana consecutivas, xa que logo do enterro da sardiña, cando en todas partes se gardaron os disfraces, aquí temos un sábado máis, ronsel do baile organizado durante anos polo Casino Mugardés. E así é como aproveitamos para que o primeiro deles –o que este ano cadra en 18– trate cada ano un tema. No 2010 foi a "oitenteirada" que trasladou a motísima xente da vila e –moi importante– un bo feixe de fóra dela ata os anos oitenta. No 2011 centrámonos en series e debuxos da televisión. E neste 2012 a máquina do tempo volverá a trasladarnos cara atrás coa "noventeirada" que engulirá aos locais da vila (a Comisión recibiu o apoio de absolutamente todos). Entroido e música, a fórmula infalible.

2 comentarios:

  1. Sr. Pena:
    son Ramiro. Tal vez me recorde dalgunha vez que nos disfrazamos de "zombis" para infiltrarnos sen perigo nas linhas inimigas ;)
    Resulta refrescante a súa exposición e a súa concepción da Festa: en efecto, ¿non foi sempre o Entroido unha representación do mundo ó revés? ¿Qué fan os poderes públicos acaparando o que debía ser pura motivación popular? ¿Qué fai a xente acudindo a festas de toda clase que naceron como algo espontáneo e popular e acabaron ritualizadas e sometidas ó imperio da subvención? Ben está que os concellos colaboren como poidan, facilitando o traballo dos voluntarios que lle requiran tal axuda, pero unha festa organizada desde o poder ten tanto de popular como a chamada música folk. É puro folklore ou folklorismo. Que teñan moito éxito nas súas iniciativas e que o resto dos zombipulpeiros empece a espertar e a saír dos seus cadaleitos con TDT incorporado. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Graciñas polas túas palabras, Ramiro.

    Non deixa de ser unha opinión particular miña, claro, pero coido que é un erro agardar que a dinamización cultural, deportiva e económica teña case sempre a dirección poder > cidadanía e xa case nunca cidadanía <> cidadanía. Entre outras cousas, porque deixamos en mans duns poucos o futuro de todos. E non sempre hai garantías abondo de non padecer unha absoluta e crónica mediocridade.

    Canto á festa sempre me chocou o concepto de "popular" coa institucionalización. Chámanme moito a atanción o Magosto e Entroido ourensáns, as romarías de todo o país, festas como a da Dorna de Ribeira ou da Fraga, n'As Pontes... alí onde o pobo é productor e consumidor ao tempo. É fundamental e o único xeito de sustentabilidade.

    E dito isto, aos poderes públicos si se lles agradecería un xesto: o de aumentar o eco de todo canto proxecta a imaxe de Mugardos. Refírome, por exemplo, á case hora e media de tertulia sobre as festas celebrada en Canal 31 o 14 de xullo pasado nas que, perante a oportuna pregunta sobre as iniciativas cidadás dunha espectadora, o Concelleiro de Cultura, como dixen, invisibiliza-evita promocionar a iniciativa popular das peñas, cunha demostración absoluta de miopía. Agradece, iso si, a colaboración de Forestal e Reganosa (deixando patente cara onde dirixe a ollada este goberno municipal).

    Aventúroche a liña da resposta se se lle preguntase ao respecto: "Iso non ten nada que ver co Concello". Co goberno non, certo, pero con Mugardos si, e moito. O dito: unha oportunidade perdida de engadir valor turístico á nosa vila. Pura e absoluta miopía. Iso si, cando toca vender palabras baleiras, véndense.

    Saúde e festa, amigo.

    ResponderEliminar