"El bien siempre triunfa sobre el mal.
El crimen nunca compensa al criminal.
¡Cuidado! A veces engañan las apariencias:
el guapo suele ser casi siempre un bellaco al final."
(de "La cultura popular", Siniestro Total, 1996)
¿Que votamos cando votamos? ¿Por que o votamos: pola
identificación cunhas siglas, polas
propostas programáticas ou pola confianza nas
persoas da candidatura? ¿Por todo á vez? ¿Polo peso de dúas das tres variantes, malia a desconformidade coa terceira? ¿Só polo peso dunha delas?
Pois mire, haberalle de todo. E o resultado da suma de todas estas motivacións será o número de votos de cada candidatura. Ata aquí todo o mundo democraticamente feliz. A partires de aquí, o lío.
Transfuguismo
Entendamos por tránsfugas aquelas persoas que, elixidas en base a un programa e en representación dunhas siglas, deciden unilateralmente rachar ambolos dous vencellos, conservar a acta que a lei lles blinda e facer política "por libre", as máis das veces culminada nunha moción de censura. Cousa mala (non por ilegal, que non o é) que deixa indefensas ás organizacións fronte aos seus cargos electos. Así, estas acudiron ao seu propio rescate cunha reforma da lei que as defenda fronte esta violación da
vontade popular.
Pero o lío non remata aquí.
A vontade popular
Se temos claro que a vontade popular é o resultado da suma de apoios a
unhas siglas, un programa e unhas persoas, calquera perturbación deste equilibrio (e digo
calquera) estaría violándoa.
Mesmas persoas, mesmo programa, distinto partido
Exemplo claro desta perturbación é a situación actual no
Concello de Teo, onde ata seis dos nove edís elixidos o 22 de maio do 2011 na candidatura do BNG causan baixa na organización a raíz do desvencellamento do Encontro Irmandiño da fronte nacionalista. A
LOREG protéxeos fronte ás presións do BNG para que entreguen a acta e deixen correr a lista. Ningún problema para quen votase confiando na competencia do equipo de Martiño Noriega e o seu programa pero, ¿e aquelas persoas que o fixeron por fidelidade ao BNG, mesmo se fose Pol Pot o cabeza de lista? ¿U-la defensa da súa vontade? ¿Quen cuantifica cada grupo? O dito: lío.
Mesmo partido, mesmas persoas, distinto programa
Dámonos un paseo por esta fermosa vila mariñeira que é Mugardos e facemos un breve repaso da
praxe política do seu alcalde: opacidade informativa, reparto discrecional de fondos públicos (falando claro: reparto de subvencións sen atender a criterios obxectivos nin sometido a votación), votacións fóra da disciplina da organización (matrimonios homosexuais), desmantelamento do Servizo de Normalización Lingüística... cousas todas elas lonxe dos
principios programáticos teoricamente defendidos polo BNG, marca baixo a cal se presenta e representa. Ningún problema para quen votase polo carisma e bo facer de Fernández Barcia, pero ¿e aquelas persoas que votaron por un ideario político? ¿U-la defensa da súa vontade? ¿Quen cuantifica cada grupo? Máis lío.
Mesmo partido, mesmo programa, distintas persoas
E velaquí a única saída ética que o BNG atopa á perturbación teense: que marchen as persoas para substituílas por outras que manteñan a representación da mesma organización. A cuestión tamén deriva nun asunto económico (que non é menor). De non producirse a renuncia dos edís irmandiños o panorama resultante podería ser estrambótico: ¿preferirían os tres edís fieis ao BNG un alcalde do PP? A cousa agora está en 9 BNG (6 EI + 3 BNG) - 6 PP - 1 PSOE - 1 Ind. Ningún problema para quen votase BNG por fidelidade, pero ¿e aquelas persoas que, sen especial empatía co Bloque, confiaban no equipo encabezado por Martiño Noriega? ¿U-la defensa da súa vontade? ¿Quen cuantifica cada grupo? Moooito lío. E atención aos movementos de Máis Galiza, que o 11 de marzo podería decidir afastarse tamén da fronte nacionalista e multiplicar casos coma este.
En conclusión
A solución máis acaída, afastados de intereses partidarios, é procurar o máximo respecto aos intereses populares, a que o resultado sexa o máis próximo a unha interpretación obxectiva da vontade popular, a un acordo, pacto, avinza, convenio entre as partes en conflicto entre elas que, a diferencia do transfuguismo, non viola a maioría dos tres piares da decisión democrática. Eis a proposta do Encontro Irmandiño.
E Mugardos, ¿que?
Pois en Mugardos o lío non é tal tendo en conta a pax barciana provocada pola saída en bloque do groso da militancia defensora dos principios ideolóxicos. Fican persoas, partido e unha fermosa falla de escrúpulos... agás que unha hipotética saída de Máis Galiza do BNG dentro dunhas semanas fracture de novo un grupo de goberno e unha Asemblea Local que gozan dunha Alcaldía que xa custou outra fenda hai un ano. Aposten: ¿haberá apego ao posto ou aos principios políticos?
Bueno, pero las prácticas de que usted habla en Mugardos son anteriores, como mínimo, a las últimas elecciones municipales. Por tanto, a mi humilde entender, haga lo que haga este alcalde (políticamente hablando), nadie podrá decir que ha sido engañado:
ResponderEliminar-ni los votantes.
-ni (más interesante todavía) el BNG. ¿O el BNG no amparó ("bendijo") sus actos, al menos los de política de organización interna?
Si, son anteriores. De feito comenzaron xa no primeiro mandato. Ninguén pode chamarse a engano, é certo. Quen votase BNG por fidelidade a unhas siglas e suxestión dun programa terá que roer co que lle quedou.
ResponderEliminarBos dias, queria comentar a seguinte cuestión, este fin de samana escoitei a seguinte conversacion nun bar de Mugardos. Un concelleiro de BNG lle comentaba a un amigo seu a situacion actual do Concello de Mugardos. Este concelleiro lle comentaba que o alcalde tomaba todalas decicions el mesmo sen contar con concelleiros, e que o alcalde tiña un acordo con EU para darlle a alcaldia, xa que o alcalde se retira antes de que finalice a lexislatura, dixo que houbo un acordo do alcalde con Pilar a principios de ano para a subida da auga en Mugardos, e que fora un erro por non sei que problema ca Forestal e agora non sabia como subsanalo problema o Alcalde. E que ese acordo de pacto con Pilar a principio de ano o botara para atras a militancia do BNG. Pro que agora si que hai un acordo para que unha vez que o Alcalde deixe listas unha serie de cuestions pendentes para Mugardos, vaille deixar a alcaldia a EU. ¿Sabese algo de este tema?. Xa digo que llo escoitei a un concelleiro do BNG que estaba tomando algo nun bar, e parece raro porque supostamente o alcalde e Pilar levanse mal polo tema do xuizo de urbanismo, como para deixarlle a esta a alcaldia.
ResponderEliminarSe xa me merecen pouca credibilidade o Alcalde de Mugardos e os ruxe-ruxes de tasca, imaxínese a suma dos dous xuntos.
ResponderEliminar