O prometido é débeda, e para saciar a sede de información de moitos/as caralletas velaí vos vai un FAQ das preguntas que máis facedes:
- ¿Que é iso da Comisión de Caralladas? A Comisión de Caralladas somos todos/as os que queiramos ser, todos/as os que teñamos gañas de troula nesta Vila de Mugardos. Non hai que darse de alta en ningures, só participar opinando ou botando unha man cando argallamos algunha carallada.
- ¿Como funciona? Empregamos o Facebook como ferramenta para comunicarnos. A día de hoxe somos 114 os caralletas apuntados ao grupo da Comisión de Caralladas. De cando en vez xuntámonos tamén nalgún local da vila, tomamos unhas cañas e debatemos cal vai ser a vindeira festa e como imos facer. Só tes que estar alí.
- ¿Qué é iso das Olimpíadas de Peñas? Pois é a carallada máis grande que nos teña pasado polos miolos. Trátase dunha semana enteira de campionatos de todo tipo para facer competir ás peñas que tradicionalmente se forman na Festa do Polbo. Ao final de cada proba tódolos participantes obterán unha puntuación que se irá sumando nunha clasificación xeral que dará opción a tres grandes premios (medallas de ouro, prata e bronce).
- ¿Como se participa? Quen queira só ten que aparecer alí durante a media hora previa ao comezo de cada proba. Nese prazo cada peña terá que elixir os seus dous membros que sumarán puntos para ela (no caso de probas por parellas terán que elixir dúas parellas). Así parten en igualdade as peñas pequenas e as grandes (hainas de 10 e hainas de 60).
- ¿Hai que pagar algo? Nadiña, tódalas probas son de balde.
- ¿Se non teño peña podo participar? Si, en calquera proba. Pero tes que ter en conta que dúas delas son colectivas (Canción de Tasca e Campionato de Brilé), polo que terías que procurar algúns amigos máis.
- ¿Cando comezan e cando rematan as olimpíadas? Comezan o venres 10 ás 21:00 coa Cerimonia de Inauguración (como tódalas olimpíadas, cun desfile de facho olímpico e encendido de pebeteiro) e o VI Ránking das Rondas e rematan o venres 17 coa Subida de Carretillas e o Campionato de Dardos. Durante esa semana tódolos días hai como mínimo un campionato.
- ¿Que premios hai? Xuntamos algo máis de 2000 € en premios. Os premios danse en billetes da Comisión de Caralladas, os caralleuros, que son vales para consumir nos establecementos da vila que teñan selado o seu reverso. Parte dos premios repártense aos gañadores de cada proba, pero os premios máis grandes son para os gañadores da clasificación final ao remate de tódalas probas (aproximadamente 500 caralleuros á mellor peña, 250 á segunda e 120 á terceira).
- ¿De onde saen os premios? Dos establecementos da vila. A Comisión de Caralladas pediulles colaboración aos locais de hostalería e dende eiquí temos que dicir que se portaron todos de 10 dende o primeiro día. A argallada tamén chegou a oídos de algúns comercios que se sumaron e seguramente serían máis os que participasen, pero non dimos abasto. Pedímoslles desculpas a tódolos que quedasen sen a visita da Comisión.
- ¿E o calendario das probas olímpicas? Iso mañá, que hoxe é tarde xa... ;)
introducide a billarda no programa olímpico!!
ResponderEliminar