11/03/09

Mugardos en Internet (II): EU-IU



A web que obtivo o mellor resultado nesta análise foi a bitácora de Esquerda Unida - Izquierda Unida de Mugardos. Tamén contan cunha sección dentro da web de EU-IU a nivel galego, pero a actualización nesta última é máis errática e non permite a sindicación de novas, ainda que estas son moito máis completas.
Deseño e estrutura: Aquí é onde pior parada sae. Sen dominio propio e sen un bo posicionamento en Google (se non estás na primeira páxina de resultados és practicamente invisible) gaña puntos en navegabilidade ao botar man de Blogger para o seu mantemento. Así e todo, a personalización do seu deseño é mellorable.
Contidos: Unha das eivas do sistema de xestión de bitácoras de Blogger é a imposibilidade de crear seccións estáticas (non dinámicas), algo que si resolveu WordPress. É o único obxectable. Porén, a actualización nos últimos tempos é semanal (aproximadamente) e pódese rastrexar mediante lectores RSS e Atom.
Participación: O apartado no que mellor parada sae esta web. Permite comentar cada unha das entradas sen moderación previa (o único caso entre as organizacións políticas). Tamén ofrece a participación en enquisas, ainda que a puntuación eiquí non é plena xa que a día de hoxe a que amosa a bitácora está pechada dende fai xa un ano.
Comentario: Puxéronse as pilas de novo recentemente logo de moito tempo coa web parada e é moi de agradecer o xeito aberto de comentar as súas entradas. Estas, en embargo, son demasiado breves (pouquísima información, case un apuntamento, a diferencia do que ás veces publican na web matriz de EU-IU). Corrixindo isto, cun deseño menos anárquico no emprego de cores e tipografías e un mantemento regular poderían "existir" para Google e acadar o notable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario