10/03/11

Dereitos, favores e o oitavo mandamento


"Non dirás falso testemuño nin mentirás." oitavo mandamento do Catecismo Católico.

Vivimos nun Estado aconfesional. A relixión non é cultura, é relixión. Por iso a Administración Pública distingue as agrupacións culturais das relixiosas e as clasifica en distintos rexistros. Diferéncianse así os recursos públicos destinados a financiar as actividades culturais, non restrinxidas por motivos de culto, do financiamento a actividades relixiosas, que dispoñen do seu propio Rexistro de Entidades Relixiosas.

As confrarías que participan na Semana Santa ferrolana, por exemplo, segundo recollen nos seus respectivos sitios web, son ordes, irmandades, asociacións de fieis... pero non asociacións culturais.

Mugardos is different.

En Mugardos, en troques, a Cofradía de Jesús de Nazareno, malia non ocultar unha estrutura interna idéntica á das ordes ferrolanas (fundanda e con sede canónica na propia Igrexa de San Xiao de Mugardos, con Irmán Maior, Conselleiros de Organización, Culto e Convivencia, etc.), esquivou a regulamentación do Rexistro Provincial de Asociacións, que exclúe expresamente "igrexias, confesión e comunidades relixiosas" e inscribiuse como asociación cultural, á par de entidades como o Galicia de Mugardos o Club do Mar, a Comunidade O Zulo ou a Asociación de Montaña e Escalada Bestarruza. Non fixo así Portomagno, malia desenvolver en ocasións actividades de indubidable interese socio-cultural, como a campaña anual "Recicla co comercio" (aberta a tódalas nenas e nenos dos colexios do municipio, sexan ateas/os ou da fe católica, protestante, budista, xudía ou musulmana), e si se rexistrou en concordancia coa súa natureza como asociación de empresarias/os.

Pero é que así, os nazarenos podían entrar no reparto dos recursos públicos que o Concello de Mugardos destina ás actividades culturais. Se eles mesmos non caeran na conta, alguén debeu de asesoralos. Porque, simpatías persoais do rexedor coa fe católica aparte (lembremos a súa abstención na moción a favor do matrimonio homosexual, rompendo a disciplina de voto do BNG, e a defensa que fixo "do que é natural"), os nazarenos entraron con bo pé grazas a unha practicamente nula regulación das subvencións municipais (ver aquí tamén) que abre de par en par as portas ao amiguismo, ao clientelismo e á arbitrariedade que, de poder (e poden), entrarán ata a cociña. O PSOE preguntaba no Pleno do 30 de decembro do 2010 a que se debía que esta Cofradía de Jesús de Nazareno recibise maior subvención que a Asociación de Pensionistas e Xubilados/as Piñabeta, a Asociación Cultural Rondalla Mugardesa ou a Asociación de Empresarios/as de Comercio e Hostalería Portomagno. Non houbo resposta.


A Festa do Polbo tamén é unha boa ocasión para recibir axudas públicas por parte do Concello. As asocións que dispensan polbo á mugardesa na carpa da festa recadan o beneficio neto da súa venda, logo de que o Concello sufrague o custo do cefalópodo.

Jesús de Nazareno chamou ás portas da Festa do Polbo este ano e o BNG abriullas gustoso. Mais na Comisión de Cultura e Deportes atopouse coa oposición da Oposición (claro). PP, PSOE, EU-IU e IpMU opuxéronse a que a confraría relixiosa absorvese parte dos beneficios dun pastel pulpeiro que ten como finalidade axudar ás sociedades que desenvolven un traballo cultural ao longo do ano, de utilidade pública para o conxunto da cidadanía. O BNG quedou só e a proposta envainou. Jesús de Nazareno reclamou e, en xesto cómplice, o PP decidiu entón absterse para concederlle o mérito ao BNG de ser o único grupo político responsable da consumación da irregularidade. E o BNG consumouna, desoíndo as opinións contrarias do resto de grupos.

A explicación do Goberno

Pero, ¿con que argumentos se defende o BNG? Para o presidente da Comisión de Cultura non había outra opción que a de incluír á agrupación relixiosa na Festa do Polbo, xa que forma parte de pleno dereito do rexistro de asociacións e a súa solicitude cumpría "en tempo e forma". Á marxe da sospeitosa inscrición da Cofradía de Jesús de Nazareno como asociación cultural, ¿a que tempo e a que forma se refire o concelleiro de Cultura? Tras vinte edicións (dende o 2010 declarada de Interese Gastronómico pola Xunta de Galicia) e o paso de distintas organizacións políticas pola responsabilidade na área (agora o BNG, mais antes tamén o PSOE), a Festa do Polbo continúa sen un regulamento que estableza unhas normas, uns dereitos e unhas obrigas das partes implicadas (Concello e sociedades). Todo é discrecional, sen regras, dende o que atinxe ás sociedades participantes ata o protocolo a seguir canto á mesa presidencial, a onde se convidan ou exclúen ao resto de entidades a criterio do propio Alcalde, que, de feito, ten excluído a sociedades inscritas tamén no rexistro municipal (como a Portomagno, a A.C. Bezoucos ou a A.V. O Cruceiro de Meá) en base a non se sabe que criterios. Pero é que, sen regulamento, non hai demasiadas ferramentas para que entidades ou persoas defendan os seus dereitos, que quedan convertidos en favores ou grazas persoais de Xosé Fernández Barcia. Esa visión distorsionada que fai dos dereitos favores e que o propio Alcalde evidenciou no Pleno do 28 de xaneiro do 2011, no debate sobre unha moción da oposición que reclamaba, tamén, un regulamento de uso da web. Para el o seu funcionamento trátase "dun compromiso que teño eu" e "si os demais que estean no futuro non o queren facer pois é problema deles".

Eis a evidencia da "seriedade" da que presume o ainda Alcalde de Mugardos. O seu compromiso co futuro deste concello máis aló do seu réxime. O seu rigor e a súa equidade coa cidadanía a quen di servir sen distincións. Eis a mostra do que, acrecentándose ano tras ano, pretenderá impoñer outros catro anos máis, avergoñando (en lugar de achegarse) aos poucos críticos que aínda aturan a deriva do seu narcisismo dentro do BNG de Mugardos. Unha triste longa noite de pedra para a transparencia nesta vila.

Quixera dar grazas a Pilar Díaz Otero, quen dende o seu perfil no Facebook fixo pública a decisión do Presidente da Comisión de Cultura e prestouse a aclarar as dúbidas que xurdian ao respecto.

10 comentarios:

  1. Para unha vez que tes razón, doucha.. pero tampouco digas que Cruzeiro de Mehá ou Portomagno son culturais non?? senon metes a pata no mesmo que o alcalde non crees?

    ResponderEliminar
  2. Non, en ningures digo que O Cruceiro de Meá ou Portomagno sexan asociacións culturais. De feito incido en que Portomagno, a diferencia de Jesús de Nazareno, si se inscriba como o que realmente é: unha asociación empresarial.

    Pero todas elas si son entidades sen fin de lucro e, por tanto, poden formar parte do rexistro municipal de asociacións e entrar na convocatoria de subvencións.

    Porén, as "bases da convocatoria pública de subvencións municipais para entidades sen fin de lucro" do 2010, no seu punto 2.1.b), obrigan a estaren "debidamente inscritas no Rexistro Municipal" nos termos previstos no artigo 236, parágrafos 2, 3 e 4 do "Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais". Regulamento que podes consultar aquí, e onde se indica, no punto 236.2, que para formar parte do Rexistro Municipal deberán estar inscritas no Rexistro Xeral.

    E é entón cando chegamos a ese Rexistro Xeral, aquí, onde se exclúen expresamente as entidades de tipo relixioso.

    Algo non cadra (ou cadra todo perfectamente, según).

    ResponderEliminar
  3. Cousas veredes que vos sorprenderedes.

    ResponderEliminar
  4. Scully: ti qué dis?
    Mulder: A UPG nega todo coñecemento...

    ResponderEliminar
  5. que é clases de pintura, manualidades, cursos de informática?..etc ¿pode considerarse cultural?

    ResponderEliminar
  6. Os sindicatos tamén imparten cursos de informática e non por iso deixan de ser sindicatos.

    Requisitos para o Rexistro de asociacións (cito textualmente):
    "Neste Rexistro inclúense todas as asociacións que non teñan fins de lucro (exemplo, asociación veciñais, culturais, musicais, etc.) e que non estean sometidas a un réxime asociativo específico.
    Están excluídas: os partidos políticos, sindicatos , organización empresariais, igrexias, confesión e comunidades relixiosas, federacións deportivas, consumidores e usuarios, comunidades de bens e propietarios, entidades que se rexan polas disposición relativas ao contrato de sociedade, cooperativas, mutualidades, unións temporais de empresas e agrupación de interese económico."

    O que tampouco resolve o motivo de que reciban a subvención máis alta para unha entidade sen instalacións que manter (excluíndo comisións de festas). Nin entendemos que debido a iso sexa, xunto con Galicia, Club do Mar e Amas de Casa, a única entidade que veu aumentar a súa porción do total subvencionado polo concello do 2008 (2,48%) ao 2010 (3,07%), mentres tódalas demais viron reducida a súa parte.

    E finalmente, tampouco se entende que sexa debido á súa ampla oferta cultural polo que o Concello de Mugardos segue sen regular axeitadamente nin bases de subvencións nin participación na Festa do Polbo.

    ResponderEliminar
  7. Lo que está claro es que una asociación empresarial no debe recibir ayudas culturales fundamentalmente porque puede solicitar otro tipo de subvenciones con las que las asociaciones culturales no contamos. De la misma forma que una asociación religiosa tampoco podría.

    Lo que es incomprensible es que pongas como ejemplo de asociación cultural a PortoMagno por hacer una actividad con menores. Siguiendo tu razonamiento si la asociación Jesús de Nazareno hace acciones culturales con menores (que me consta que las realiza para aquellos que deseen participar) también tendría derecho a estas ayudas.

    Yo entiendo que una asociación empresarial tiene un claro y lógico objetivo que es vender más a través de sus negocios. ¿O no es así?

    Como tú dices y el regulamiento indica o todos o nadie pero con los mismos criterios.

    Requisitos para o Rexistro de asociacións (cito textualmente):
    "Neste Rexistro inclúense todas as asociacións que non teñan fins de lucro (exemplo, asociación veciñais, culturais, musicais, etc.) e que non estean sometidas a un réxime asociativo específico.
    Están excluídas: os partidos políticos, sindicatos , organización empresariais, igrexias, confesión e comunidades relixiosas, federacións deportivas, consumidores e usuarios, comunidades de bens e propietarios, entidades que se rexan polas disposición relativas ao contrato de sociedade, cooperativas, mutualidades, unións temporais de empresas e agrupación de interese económico."

    ResponderEliminar
  8. "Lo que es incomprensible es que pongas como ejemplo de asociación cultural a PortoMagno por hacer una actividad con menores."

    Por segundan vez repito (e aproveito para recomendar un curso de comprensión lectora, visto o visto), que non só non poño a Portomagno como exemplo de asociación cultural senón que ademais incido no feito de que, a diferencia de Jesús de Nazareno, si se inscribiu como o que realmente é: unha Asociación de Empresarias/os de Comercio e Hostalería. En ningún momento tratan de camuflarse tras dunha asociación cultural. E tampouco solicita participar da Festa do Polbo.

    Se iso fai que uns e outros fiquen á marxe da partida xeral que o concello reserva para entidades sen ánimo de lucro, terá que ser así. Existen cousas chamadas "convenios de colaboración". Non só non defendo o contrario, senón que reclamo que dunha vez por todas se regule, ¿ou é que estamos defendendo a discrecionalidade actual? ¿A quen beneficia iso? ¿Estanse repartindo os cartos en función da actividade que desenvolve cada entidade ou en base a criterios de afinidade político/persoal? ¿Hai medo a rachar o "ecosistema" actual? Hai entidades que están vendo medrar a súa parte do pastel mentres outras ven como se reduce a súa, ¿obedece isto a cuestións transparentes?

    Moitas dúbidas sobre a mesa, amigo meu.

    ResponderEliminar
  9. Como confirmación á información de Artritris e tamén como ampliación doutras intervencións do mesmo personaxe político que, independentemente das opinións que xurdan sobre o particular, mostran comportamentos éticos, cívicos e políticos impropios dun cargo público, considerei oportuno recorrer á información oficial que a continuación se expón e que por motivos de espazo o fago en duas partes :

    Primeira parte

    ACTA DA SESIÓN ORDINARIA REALIZADA POLO CONCELLO PLENO DE MUGARDOS O DÍA 24 DE XUÑO DE 2005.

    2.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO PSOE SOBRE "A PLENA EQUIPARACIÓN DE DEREITOS PARA LESBIANAS, GAIS, TRANSEXUAIS E BISEXUAIS.

    O Sr. Alcalde expón que el está de acordo coa moción, pero non co termo de matrimonio para estas relacións, polo que el, dentro do seu dereito de libre decisión, vaise abster.

    Deseguido sométese a votación o asunto e o Pleno da corporación, por seis votos a favor (2 BNG, 1 PSOE, 2 IPM, 1 EU-IU), tres votos en contra (3 PP) e unha abstención, do Sr. Alcalde, acorda prestar a súa aprobación á moción sobre a plena equiparación de dereitos para lesbianas, gais, transexuais e bisexuais do grupo municipal do PSOE, coas adicións propostas por EU-IU, e, polo tanto, adoptar o seguinte acordo:

    1 O noso Concello comprométese a impulsar medidas para a plena equiparación social de gais, lesbianas, transexuais e bisexuais: accións de sensibilización e loita contra a homofobia e a transfobia; medidas educativas; medidas de integración; servizos de asesoramento e orientación para gais, lesbianas, transexuais e bisexuais.
    2 O noso Concello únese á iniciativa emprendida por diferentes colectivos internacionais e diferentes países para declarar o día 17 de maio como día mundial contra a homofobia e transfobia.
    3 O Concello de Mugardos recoñece o labor realizado polos movementos sociais de gais, lesbianas, transexuais e bisexuais, que teñen gañado este debate na rúa e, con isto, teñen impulsado a reforma legal necesaria para recoñecer a todas as persoas o dereito a contraer matrimonio, sexa cal sexa a súa orientación sexual. (Incorporación EU-IU)
    4 O Concello de Mugardos comprométese coa aplicación da lei sen que sexa razoábel alegar obxección de conciencia, nin por parte dos funcionarios responsábeis nin por parte dos concelleiros e concelleiras da corporación municipal co único obxecto de evitar a súa aplicación. (Incorporación EU-IU)
    5 Enviar copia deste acordo á Federación Estatal de Lesbianas, Gais e Transexuais (FELGT) e ás organizacións GLTB do noso contorno.

    ResponderEliminar
  10. Como confirmación á información de Artritris e tamén como ampliación doutras intervencións do mesmo personaxe político que, independentemente das opinións que xurdan sobre o particular, mostran comportamentos éticos, cívicos e políticos impropios dun cargo público, considerei oportuno recorrer á información oficial que a continuación se expón e que por motivos de espazo o fago en duas partes :

    Segunda parte


    ACTA DA SESIÓN ORDINARIA CELEBRADA POLO CONCELLO PLENO DE MUGARDOS O DÍA 28 DE SETEMBRO DO ANO 2001.

    3.- MOCIÓN SOBRE UNIÓNS CIVÍS.
    Sr. Fernández Barcia: Esta moción é algo que se xustifica por si soa. De feito o B.N.G. pensa que era algo do que carecía o Concello de Mugardos e que noutros concellos xa se veñen aprobando mocións deste tipo e nós saludamos esta iniciativa, en todo caso, de IU, a asumimos plenamente porque consideramos que é algo inxusto que, por circunstancias diversas, as parellas que están convivindo non sexan recoñecidas dalgunha maneira como unións de feito ¿non?. E dito esto e aínda que non é unha proposta a este Pleno, nin moito menos, pero cos respetos de todos os presentes, tanto do PP como doutros grupos, eu, dende logo, me gustaría que a primeira parella de feito que se rexistrase aqui neste concello pois que fora o sr. Cuiña e o sr. Paco Vázquez.
    ( esta moción foi aprobada por unanimidade )


    ACTA DA SESIÓN ORDINARIA CELEBRADA POLO CONCELLO PLENO DE MUGARDOS O DÍA 28 DE XANEIRO DE 2005.


    13.- ROGOS E PREGUNTAS.


    Sr. Fariña Doval: Me parece correcta a contestación, perfecto.

    Por último, sr. Alcalde, é de agradecer que, por parte da alcaldía, ésta ven dada por non houbo pleno ordinario no que puidéramos facer as preguntas en decembro, e dí: é de agradecer que, por parte da alcaldía, se felicite o Nadal, pero é debido esta pregunta á gran transformación que vostede sufriu. Catro anos votando en contra dunha subvención mísera de 60 euros para as cofradías de Mugardos, o BNG o facía, e agora resulta que a alcaldía cambia radicalmente e sen reparos, en gastarse uns diñeiros, ainda que poucos, e felicita a todos cun motivo puramente relixioso. A causa pode ser que sexa acercarse á xente creente, creéme alcalde, e de verdade llo digo con todo o corazón do mundo, que moita xente, creente e non creente, ésto non lles parece ben, lles parece unha burla. E eu hoxe transmito nada máis que ese sentir.

    Sr. Alcalde: Eu, a esa pregunta, en canto a ese rogo, non sei si é un rogo ou unha pregunta, decirche que as cuestións personais de cada quen son de cada quen.

    Sr. Fariña Doval: Dixen o que o Bloque votaba, dixen o Bloque.

    Sr. Alcalde: Eu non sufrin ningunha transformación; en todo caso, me reencontrei, digamos. En todo caso decirlle que me reecontrei a min mesmo, e espero que respete esa posición miña.

    Sr. Fariña Doval: Totalmente, eu dixen do BNG.

    Sr. Alcalde: Pero dis que a pregunta vai ó alcalde; a transformación..., entón, non houbo transformación, houbo reencontro conmigo mesmo e, en todo caso, decirche que as persoas mudamos.

    Sen máis comentarios, ata pronto.

    ResponderEliminar