Preséntovos a nube de etiquetas dos programas de cada unha das cinco candidaturas mugardesas. O método consistiu en extraer o texto íntegro dos programas que cada unha delas publicou na rede e, mediante un servizo de xeración de nubes de etiquetas coñecer cales eran as 50 verbas máis empregadas e a súa intensidade (da que depende o seu tamaño). Empreguei wordle.net e obtiven os seguintes resultados:
Bloque Nacionalista Galego
As mensaxes sectoriais quedan, máis que en ningún outro caso, nun segundo plano para reforzar a marca electoral. É, con diferencia, a candidatura que máis fala de si mesma para acompañarse de dúas ideas forza "compromiso" e "avance".
Partido Socialista Obrero Español
A única candidatura que coloca entre as 50 verbas máis usadas o nome do seu cabeza de lista e a petición do voto. Destaca tamén a presencia das terceiras persoas do plural do futuro pefecto: "poremos", "queremos", "crearemos", "impulsaremos". "participación" e "veciños" sustentan o que foi un dos piares da súa campaña.
Partido Popular
O único programa que non se presenta en galego. Os distintos conceptos teñen xa unha presenza máis equilibrada que nos dous casos anteriores. "creación", "gestión", "colaboración" e "plan" son substantivos que a diferencian de outras candidaturas.
Esquerda Unida - Izquierda Unida
O de EU-IU é o programa que menos menciona explícitamente a Mugardos, para repartir máis o protagonismo entre "casas baratas", "centro" ou "mar". A cuestión "escolar" obtén un papel principal, igual que conceptos como "colaboración", "convenio" e un significativo "non".
Mugardos na Esquerda
A candidatura na que máis núcleos de poboación aparecen entre as 50 verbas máis empregadas: "seixo", "pedreira", "rilo", "meá"; e tamén a única na que o fai a "biblioteca". Como no caso de EU-IU, o "non" ocupa un lugar destacado.
20/05/11
16/05/11
17 de maio: Mobilización expansiva pola lingua
Mañá o galego celebra o día das súas letras e a Plataforma Queremos Galego convoca concentracións sincronizadas polo país adiante e parte do estranxeiro. Na nosa bisbarra celebraranse boa parte delas. Velaquí tedes a relación de lugares activos e lugares indiferentes. Vémonos alí.
"A amizade protexe e o amor cura, o odio contaxia e fire, a indiferencia mata."
Lois Pereiro.
14/05/11
¿Que o paro que?
Houbo un tempo no que un home que foi Alcalde de Mugardos chamado Ramón Toimil (PSOE) atreveuse a prometer catro mil (¡4000!) postos de traballo vencellados á pranta de regasificación que se quería construír en Mugardos. A planta construiuse, mais en Mugardos a xente conta cos dedos dunha man ás veciñas e veciños a nómina de Reganosa, e aínda lle sobraban dedos. ¿Onde foron?
Hai moito menos, apenas uns días, o candidato á alcaldía de Mugardos polo BNG, nesa liña sectario-estratéxica que che inculcan dende o primeiro día, de fomenta-lo odio (por favor, Mónica Fernández, se lés isto fuxe, sei do que falo) cara calquera outro que non sexa dos teus (e que así acadou as insostibles cotas de tensión xa non só entre os políticos locais senón tamén entre traballadoras e traballadores do Concello), acusaba aos "partidos estatais" de seren os culpables das cifras do paro no municipio. ¿Tiña razón?
Pois resulta que, malia a fase de construcción desa panacea en forma de planta de gas que supuña Reganosa, ou desa prosperidade eólica sobre a que cabalgaba Metalúrgica del Atlántico, Mugardos non deixou de ser, fronte a concellos parellos como Ares ou Neda, o de maior índice de desemprego. ¿Como se come iso?
Dende maio do 2005 a abril do 2011 (exactamente 6 anos) o Concello de Mugardos foi, en comparanza con Ares e Neda, o que piores cifras de emprego amosou durante 57 dos 72 meses computados. É dicir: Mugardos tivo máis paro que Ares ou Neda (sen estes dous ter Reganosas nin Metalúrxicas del Atlantico) durante o 79% dos meses. Ares superouno durante 8 deses 72 meses. Neda durante 7.
Agora, unha vez demostrada a sobrevaloración da promesa eolico-gasística, uns e outros partidos, á carreira pola alcaldía, afánanse en louvar as potencialidades de Mugardos como destino turístico. Neste debate político do 2011 uns e outros súbense ao carro ("construiremos un hotel no Castelo da Palma" chegou a afirmar un autoconsiderado plenipotenciario X.F. Barcia en Canal 31) porque agora á xente do común desta vila xa non lle cola o conto da choiva de empregos parella aos buques transnacionais, nin aos muíños de vento. Agora hai que vender turismo.
"Lembrámonos de Santa Bárbara cando trona" díxome unha vez meu pai. E Santa Bárbara agora son as excelencias paisaxístico-gastronómicas da Dúas Veces Real Vila de Mugardos. Agora que a crise económica desmantela as mentiras laborais tecidas pola meirande parte de partidos mugardeses (que non todos). Agora hai que agarrarse ao turismo para safar a treboada. Mais agora esas potencialidades turísticas haberá que compatibilizalas cunha actividade industrial de risco instalada a 500 m. do casco urbán, meus magníficos xestores da cousa pública. Agora os potenciais residentes nese hotel do Castelo da Palma (que con tan pouca orixinalidade queredes patrimonializar), de capital privado, non gozarán da entrada da ría adornada co paseo de veleiros deportivos, senón de buques mercantes cargados de gas natural licuado que posteriormente descargarán nunha pranta que enfriará e esterilizará o mar. ¿De verdade tiñades un proxecto a medio-longo prazo do que queríades facer de Mugardos?
Non, non o había. Nin o tiña o PP, nin o PSOE nin o BNG. Organizacións escravas do capital, vístanse como se queiran vestir. De aí o enfrontamento cos movementos sociais, especialmente paradóxico na fronte nacionalista (Galiza Non Se Vende, ese inimigo). Por eso as súas cúpulas nunca deixarán que dende a base xordan movementos de resposta. Por iso algunhas desas organizacións consinten o asalto ás súas normas internas con tal de garantir o mantemento da alfombra vermella ao capital que se sirve de todos nós para beneficio propio e, intelixetemente, dos que lle siguen o xogo. E por iso a única posibilidade de rachar ese círculo vicioso recae directamente no pobo. No pobo que, polo de agora, aínda conserva o seu dereito ao voto libre.
Actualización 16/05/2011: Corrección de estatísticas, baseadas agora en poboación de 16 a 65 anos e non en censo de poboación, o que empiora os datos para Mugardos en comparanza con Ares e Neda.
13/05/11
O pobo tranquilo II (ou "Mugardos na inopia")
Hai un par de anos, nunha entrada desta mesma bitácora que titulei O pobo tranquilo, quixen comprobar se tiña base real esa sensación miña de que Mugardos era un concello con especialmente escasa presenza na prensa. Daquela atendín unicamente aos artigos de información do Diario de Ferrol, mais xa demostrou que non andaba eu moi trabucado.
Desta volta preferín ampliar a análise e fixen reconto das ocasións nas que Mugardos aparecía tanto en Diario de Ferrol como en La Voz de Galicia (Edición Ferrol) nos 30 días anteriores ao comezo da campaña electoral (que estudarei aparte). De novo incluín aos concellos veciños de Ares, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume para poder ter unha referencia.
Velaquí o resultado: seguimos sendo un concello aletargado, co segundo pior promedio de presenza nos dous xornais (0,83 artigos/día), por detrás de Cabanas. Iso sen ter en conta que na fin de semana a meirande parte da información está copada polas competicións deportivas. De incluír o censo de poboación como factor corrector as cousas non mudan. En 30 días Mugardos só aparece en 4,52 artigos por cada 1000 habitantes, case a metade do que Ares ou Neda, con poboacións semellantes.
Apuntaba Calidonia, nun atinado comentario daquel primeiro estudo, que isto podería obedecer tamén a proporción de negocio dos xornais en cada un deses concellos, ben por anuncios inseridos ben por números vendidos. A conclusión que tirariamos non sería mellor: as empresas mugardesas demostrarían menor proxección que as de concellos veciños e/ou os seus habitantes consumirían menos información local, xa que son estes dous xornais os únicos con seccións específicas.
Tamén , como fai dous anos, botar unha ollada á "frenética actividade" da web oficial do Concello pode dar algunhas pistas, que non todas.
11/05/11
Descifrando as claves electorais
As do vindeiro 22 de maio serán unhas eleccións municipais con moitas incógnitas (como tantas outras). ¿Romperá o BNG o teito eleitoral do 2007 ou sufrirá as consecuencias da súa convulsa lexislatura? ¿Producirase o efecto "R-evolución" no PSOE ou se verá arrastrado pola recesión que padece a nivel galego e estatal? ¿Igualará Juan Domingo o apoio maioritario que o PP só acadou no 1999 ou continuará a ser un reducto do centro-dereita nun concello de esquerdas? ¿Que repercusión terá a reunificación da esquerda non-identitaria? ¿Acadará representación plenaria Mugardos na Esquerda?
O primeiro que fixen foi observar as tendencias electorais dos últimos 20 anos, que é ata onde se pode consultar dende o portal electoral do Ministerio do Interior. Ao facelo comezan a abrollar os datos:
- O poder electoral dos partidos autodenominados "de esquerda" é abafante. Ainda cos mellores resultados acadados polo PP (1999) só atinxiu o 35,5% dos votos e 5 edís, lonxe dos 7 que lle permitirían gobernar. A ausencia de socios naturais do PP é unha das súas principais feblezas, nun concello co voto tran fragmentado como Mugardos. Con todo, neses mesmos 20 anos ningunha outra candidatura acadou, por ela mesma, ese teito electoral.
- O record está nos 5. Acadáronos EU-IU (1991), PP (1999) e BNG (2007). Lonxe queda a maioría absoluta do Partido Comunista no 1979, con 7 edís; ou os 6 acadados polo mesmo partido no 1983.
- O vía crucis do PP. O papel do PP en Mugardos é complicado. Logo de pasar a lexislatura 1999-2003 na oposición ainda sendo a forza máis votada (PP 5, PSOE 3, BNG 2, EdeG-OV 2, EU-IU 1), recibiu un forte revés nas municipais do 2003. Unha das claves podería ser que naquela campaña catro das cinco candidaturas presentábanse facendo balanzo da xestión no cuatripartito. O PP quedaba á marxe desa batalla. O feito de que ainda co seu mellor resultado ficase lonxe do poder facíalle perder tamén a imaxe de alternativa real de goberno. Retrocedía nun 30%.
- De Reganosa a Esquerda re-Unida. As contínuas divisións da que chamarei esquerda non-identitaria (ENI) minguaron notablemente a súa forza ata o punto de percibirse como residual. Esta apariencia, porén, pode resultar enganosa. De computar en conxunto as súas diferentes candidaturas atoparíamonos cunha poderosa alternativa cun chan electoral do 20,4%, moi semellante ao do PSOE (20,6%). Máis aínda: tería sido a forza maioritaria no 2003, provocando un resultado ben distinto: ENI 4, BNG 3, PP 3, PSOE 3. Porén, tampouco hai que esquecer que a escisión encabezada por Manuel Fariña mantiña a respecto de Reganosa unha posición diametralmente oposta á de Pilar Díaz nos tempos onde o debate sobre a pranta de gas protagonizaba a actualidade política. Dezaseis anos despois da súa última ruptura, e co debate gasístico en letargo (que non finiquitado), EU-IU volve a ser a única candidatura en representación desa corrente.
- A encrucillada do PSOE. O PSdeG-PSOE preséntase ao 22-M logo de obter o pior resultado da súa historia en Mugardos nas anteriores eleccións (20,6%). Carlos Fernández presentará unha candidatura renovada, con importante presenza de xente moza e un carácter afable como principais valores fronte ao goberno crispado do BNG de Xosé Fernández Barcia. Na súa contra xoga a coxuntura política negativa que atravesa o PSOE en Galicia e no Estado. No 2003, en pleno "efecto ZP", con Touriño na Xunta e cun candidato (Juan Fernández) tamén de estrea e ampla popularidade na vila, tocou fondo. Non será doado reaxir.
- O aplausómetro de Barcia. Nos últimos oito anos o Concello de Mugardos contou cuns recusos económicos excepcionais (7 millóns de euros da posta en marcha de Reganosa, bonanza económica, Plan E) que atoparon a Xosé Fernández Barcia na Alcaldía. O BNG estaría en condicións de rachar rexistros, mais nos últimos catro anos viuse sacudido polo escándalo medidático do caso Virgin e a inestabilidade interna no goberno municipal e na propia Asemblea Local, coa baixa conxunta de case un terzo da súa militancia por mor das irregularidades que fixeron de Barcia o candidato do BNG. Hai unha máxima que afirma que o electorado sempre castiga aos partidos divididos. O crecemento dos nacionalistas, ademais, viría parello ao descenso dos apoios de un ou varios dos seus rivais e estes, nembargantes, semellan andar preto dos límites que marca o seu voto cautivo. O discurso da "maioría absoluta" que tentou trasladar no 2007 será complicado que calle nesta ocasión e ao cabeza de lista faríalle falla algo máis que rebaixar o seu personalismo se non quere ver truncados os seus anceios de igualar a Ramón Toimil con 12 anos á fronte do Concello.
- A incógnita do debutante. Desaparecidos da escea Independientes por Mugardos (desafectos de EU-IU) e Acción por Mugardos (desafectos do PP), abrolla unha "Alternativa de Esquerdas do Povo Galego", con candidaturas irmáns noutros once concellos e cun plantexamento "soberanista" que tentará absorver un electorado descontento agora co BNG e o xiro á dereita comandado por Barcia. A súa proposta di pretender derrubar algunhas inercias electorais e esvaer a estratexia personalista do culto ao cabeza de lista, mais na súa contra xogará xustamente ese descoñecemento das persoas, a irrupción tardía na carreira electoral e a nula cobertura mediática dos medios de comunicación tradicionais, que xa veñen ignorando a EU-IU. Poderían ser a evidencia do espazo perdido polo BNG á esquerda e unha das súas claves será a capacidade de mobilización do electorado abstencionista que lles sería receptivo.
- A loita polo 13º asento no pleno. Nas municipais do 2007 o PP mantivo o seu terceiro asento por 22 votos que de non obtelos concederíanlle o segundo a EU-IU. Máis aínda: catro anos atrás, nas municipais do 2003, o BNG facíase co cuarto concelleiro por unicamente 3 votos, privando tamén a EU-IU do segundo. Máis lonxe quedaba o BNG nas municipais do 1999 de quitarlle un a EdeG-OV (77 votos). Foi nas dúas últimas citas onde moi pouquiños votos cambiaron o panorama político. O 22-M poden volver a ser determinantes. Fagan as súas apostas.
28/04/11
22M: Candidaturas paritarias
Explicándoo brevemente, a lei de paridade obriga ás candidaturas a presentar, en cada tramo de 5 candidatos/as (1 a 5, 6 a 10...) un mínimo do 40% de mulleres ou homes, o que na práctica supón que de cada 5 persoas teña que haber 3 dun xénero e 2 de outro. Con isto, velaí os fríos números da paridade:
- Só unha candidatura (EU-IU) vai encabezada por unha muller.
- Só unha candidatura (PP) inclúe maioría de mulleres (7 fronte a 6).
- Só unha candidatura (ME) non apura a lei de paridade para colocar unha muller no quinto posto.
- Ningunha candidatura alterna homes e mulleres (a chamada "cremalleira") ata o final da lista.
- Ningunha candidatura presenta maioría de mulleres no primeiro tramo de 5
- O PP apura ao máximo a lei de paridade en favor dos homes, que ocupan os postos 1, 2 e 3, fronte ás mulleres (4 e 5).
- BNG e PSOE calcan a súa relación de homes-mulleres agás nos a priori testemuñais postos 12-13.
- Se atendemos ao tramo dos 3 primeiros atopamos 4 mulleres e 11 homes (27%).
Desbotei o cómputo dos suplentes pola súa disparidade. Estes adoitaban ser 3 en tódalas candidaturas ata as eleccións municipais do 2007, cando o BNG presentou ata 5 que ao final case nin lle abondan. Nesta ocasión o BNG reduce ata os 3 suplentes, como Mugardos na Esquerda; PP e EU-IU suben a 4, e o PSOE dispárase ata os 7, conformando unha candidatura de 20 persoas, a máis ampla nunhas eleccións municipais onde só se xogan 13 postos.
Podedes lembrar os datos paritarios do 2003 aquí, e do 2007 aquí.
Un dato: as eleccións municipais do 2007 levaron ás mulleres a ocupar 5 dos 13 asentos do Pleno (38,5%). Agás sorpresa, esta proporción reducirase no 2011.
20/04/11
As pesetas de Portomagno
O caudal retro-monetario que comezou a arribar en Mugardos en marzo facíaseme digno dunha homenaxe ou, se o preferides, de non deixar pasar a oportunidade de compartir con todo o mundo esa pequena parte da memoria que pasou polas nosas mans nalgún momento. Agradecerllo fundamentalmente a Portomagno, cuxa colaboración, obviamente, resultou imprescindible. Se máis consigo nos vindeiros meses (porque o mes da peseta alongouse ata setembro), máis comparto. Que vos preste o flashback.
14/04/11
O home que non sabía traballar en equipo
Espetáballe Ignacio Fernández (PSOE) a Xosé Antón Bouza (BNG) no debate televisado en Canal 31 que "se a lexislatura dura outro ano máis non lle quedan nin os suplentes na lista para seguir gobernando". E a un quédalle o regusto de que a frase non anda moi desatinada.
Dende que Xosé Fernández Barcia accedeu ao Concello de Mugardos no 1999 para ocupar o cargo de Concelleiro de Obras, Servizos e Persoal do cuatripartito PSOE-BNG-EdeG-EU son xa dez as persoas que traballaron ao seu carón baixo as mesmas siglas. Porén, unicamente un, Moisés Rivadulla, foi quen de continuar logo de completar unha lexislatura; e só outro, Xosé Antón Bouza, está en disposición de repetir fazaña se o BNG obtén alomenos 3 concelleiros o 22-M.
Apenas un ano despois de tomar posesión Elvira Roiz causaba baixa por motivos persoais na Concellaría de Medio Ambiente e Sanidade para ser substituída por Moisés Rivadulla, quen permanecería ata 8 anos xunto a el.
No 2003, xa como Alcalde, estreaba como compañeira e compañeiro a Margarida Corral e Evaristo Deus. O cuarteto Barcia-Moisés-Margarida-Evaristo resistiría toda a lexislatura (o pacto co PSOE só a metade), mais ao seu remate Evaristo desaparecía da candidatura do 2007 e Margarida pasaba a ocupar un testemuñal último posto (sen suplentes).
E chegou a lexislatura 2007-2011 cunha renovada lista que o propio Barcia confeccionou ao seu gusto logo de que o sector crítico desbotase presentar proposta. Cos cinco edís acadados polo BNG a el e Moisés sumábanse agora Carolina Cruz, Xosé Antón Bouza e Anxos Díaz. Moisés dimitía ao ano por cuestións persoais. Substituíao Xosé Xoán Roca (6º na candidatura). Tras Moisés dimitiría Carolina Cruz no 2009 aducindo o mesmo motivo e a lista correría tres postos por mor da renuncia ao cargo de Elvira Roiz (7ª) e Xoán Aurelio Fernández (8º) para chegar a Gloria Fornos (9ª). Esta última presentaría a súa dimisión no Pleno do 25 de Marzo de 2011, de novo por motivos persoais e sen tempo xa para ser substituída por mor da inminente convocatoria das eleccións municipais. Catro meses antes facíao Anxos Díaz, quen si recoñecía profundas discrepancias políticas con Xosé Fernández Barcia. Miguel Rodríguez (10º), unha das 14 persoas que causaban baixa no BNG pola manipulación do censo en favor da candidatura de Barcia, renunciaba a ocupar o posto de Anxos Díaz e convertía a Tania Fernández (11ª e sobriña do Alcalde) na décima persoa en traballar ao seu carón en tan só tres lexislaturas.
De haber tempo dabondo para substituír a Gloria Fornos chegaría a quenda de David Cortizas (12º) quen, de renunciar tamén ao cargo poñería en serios apuros a X.F.B. para rematar a lexislatura con 5 edís: nin Margarida Corral (13ª), nin Bruno Freijomil (14º), nin Inés Pérez (15ª), nin María do Carme Díaz (17ª) viven xa en Mugardos. E esta última, xunto con Ramón Bello (18º), forman parte do grupo de críticos que mantiveron a súa afiliación ao BNG tra-la manipulación do censo. Dependería, por tanto, da decisión de Belarmino Feal (16º), quen a bo seguro nunca tería imaxinado que ocupando o antepenúltimo posto nunha candidatura de 18 persoas se atoparía en situación semellante.
12/04/11
Debate coxo en Canal 31 (e Cadena Cope)
Xosé Antón Bouza (BNG), Ignacio Fernández (PSOE) e Juan Domingo de Deus (PP) foron os tres participantes do debate sobre o balanzo da xestión municipal 2007-2011 do pasado xoves 7 en Televisión Ferrol Canal 31. Así, de primeiras, bótase en falta a presenza da cuarta das candidaturas confirmadas para as eleccións, a de EU-IU. Consultando directamente polo asunto a Pilar Díaz souben que non recibiron convidación de Canal 31 para participar no programa. Mal comeza a canle ferrolana se a súa intención é ofrecer un servizo informativo plural e veraz.
Non puiden ver o debate en directo, polo que só accedín via YouTube á súa primeira parte (dividida en catro vídeos). As miñas impresións foron:
- O único candidato á Alcaldía foi Juan Domingo. O BNG enviou ao voceiro do Grupo Municipal, número 3 para o 22 de maio. Polo PSOE Ignacio substituiu ao voceiro do seu Grupo Municipal, Juan Fernández, mais ningún dos dous se presenta ás eleccións este ano.
- O único en empregar o galego foi Xosé Antón Bouza, ainda que nalgunha ocasión para mentir, afirmando que tódalas dimisións de edís do BNG durante a lexislatura foran debidas a cuestións persoais. Pódese demostrar cunha simple consulta á acta do Pleno de decembro do 2010.
- Para Bouza o resumo de goberno é sinxelo: foi todo "unha marabilla" de xestión, con diálogo aberto dende o goberno aos partidos da oposición. Que ninguén procure indicios da máis mínima autocrítica, porque non o ha de atopar.
- O discurso de Ignacio basicamente consistiu nun "fixéronse cousas, pero todo foi grazas ao PSOE na Deputación, no tempo que gobernou a Xunta, e no Estado", malia que recoñece ter mantido xuntanzas estériles con Elena Espinosa ou Xavier Carro.
- Juan Domingo lanzoulle varios dardos a Bouza: falta de participación (compartido con Ignacio), inmobilismo provocado por contínuas crises internas, promesas tardías. Contradíxose cando, logo de criticarlle a Bouza a mención de "proxectos futuribles" nun debate de balanzo de xestión, aproveitou para anunciar unha proposta non de lei para desenvolver os Bens de Interese Cultural (BIC). Iso tamén é "futurible", Juan Domingo.
- Polo visto, o grande problema turístico de Mugardos é o bloqueo do hotel no Castelo da Palma. Como se fose iso o que solucionase o problema das 0 camas dentro do casco urbán da vila ou do relanzamento da Festa do Polbo, agora que xa ten a etiqueta de Interese Gastronómico. ¿Alguén notou especial cambio respecto aos anos nos que non o era, aparte do medre da "zona VIP"? Só Juan Domingo pareceu interesado en renovar as ideas da data máis sinalada do calendario mugardés.
Actualización a 13/04/2011
Hoxe ás 19:30 a Cadena Cope Ferrol entrevistaba, por separado, a tres dos candidatos: Juan Domingo de Deus (PP), Carlos Fernández (PSOE) e Xosé Fernández Barcia (BNG). Chama atención novamente a ausencia de Pilar Díaz (IU).
- Comezaba Juan Domingo, que continuaba a voltas co Castelo da Palma e a iniciativa de desenvolvemento dos BIC presentada polo PP, aínda que engadía novas cuestións no incipiente debate turístico da vila como a inexistencia dun plan integral. Sobre as políticas do mar non soubo dicir nada con máis substancia que "estivemos a carón da xente". Apuntou ao conxunto da oposición como parte fundamental para sacar adiante a piscina mancomunada e o campo de herba artificial.
- Carlos Fernández gababa as cifras da súa candidatura: 10 mulleres, 10 homes, 38,5 anos de media, 50% de afiliados e 50% de independentes. Destacaba o "obscurantismo, sobre todo nos últimos catro anos" do goberno de Fernández Barcia, mais evitaba pronunciarse sobre un pacto post-electoral co BNG e trataba de esquivar a pregunta cun "non imos necesitar pactar con ninguén" que semella pouco críble. Sobre a situación económica en Mugardos, lembrou a dimensión "europea" da crise, mais prometeu mellorar a participación de veciños, asociacións, turismo, cultura, inversións ou servizos. Denunciou a arbitrariedade das subvencións a entidades sen fin de lucro.
- Xosé Fernández Barcia comezou a entrevista lanzando unha batería de promesas: facer de Mugardos un referente turístico, construír unha ronda de saída do peirao da vila, sendas peonís en Santa Lucía e O Segaño, prazas de aparcamento, mellorar a Festa do Polbo... Cando a xornalista lle preguntou sobre a crise interna desatada no BNG de Mugardos nas últimas datas Barcia confirmaba que a consigna electoral do BNG sobre ese tema será clara: mentir. Así, negaba calquera crise e acusaba ás persoas que marcharon da organización nacionalista de estaren "traballando para outras forzas políticas" xa antes de causar baixa.
- Por último, destaca a pregunta común que se lles fixo aos tres candidatos arredor de dous problemas que os veciños de Meá veñen denunciando a respecto das industrias de Punta Promontorio: os cheiros contínuos e a demora na aplicación do Plan de Emerxencia. Juan Domingo aseguraba ter mantido xutanzas co Director Xeral de Protección Ambiental, o Director Xeral de Protección Civil e o Conselleiro de Presidencia, mais agárdase aínda polos seus froitos. Carlos respondía de xeito errático, anunciando unha "posición intermedia" e lembrando que "uns veciños están en contra e outros a favor" (?) antes de dicir que faría "cumprír tódalas obrigas das empresas". A Barcia abondoulle con asegurar que "Reganosa é imposible que produza cheiro, en todo caso Forestal" (a xornalista preguntáballe polo conxunto de Punta Promontorio) e aproveitaba para reclamarlle a Xunta maior implicación para poñer a andar o plan de emerxencia.
01/04/11
Subvencionar en tempos de crise (I): o contexto
Comezo aquí unha serie de artigos de análise das subvencións a entidades sen fin de lucro que o Concello de Mugardos concedeu durante os anos 2005 a 2010. E comezo facendo unha breve composición de lugar:
Durante os últimos 25 exercicios o Concello de Mugardos mantivo un crecemento medio dos seus orzamentos do 12,5%. Só decreceu en catro ocasións, a última delas o ano pasado, cando se reduciu nun 4,47% respecto do 2009, ano que probablemente manteña a "plusmarca" durante algún tempo debido á crise económica e algunha cuestión máis.
A instalación da pranta regasificadora en Punta Promontorio aportou ás arcas municipais, entre licenza de obra, Imposto de Bens Inmobles (IBI) e Imposto de Actividades Económicas (IAE) algo maís de 7 millóns de euros entre 2004 e o 2010. Isto é: Reganosa aportou nos últimos 7 anos 1 de cada 6 euros dos presupostos.
Sen embargo, non houbo un reflexo claro na partida destinada á colaboración económica coas sociedades mugardesas, que viron como aquela minguaba do 0,57% no 2005 ao 0,48% no 2010 malia os anos de bonanza. O aparente destaque do 2008, con 5.850 € máis ca o ano anterior destinados a subvencións, non é tal se o observamos en termos porcentuais. De manter o 0,57% do 2005 no 2008 a partida tería sido 1.358 € meirande, e ata 7.598 € no 2009. Coa reducción dos ingresos ao Concello abondaríalle con manter a partida para achegarse de novo aos valores do 2005. En troques, 2009 e 2010 foron os anos de menos esforzo económico neste capítulo. A sensación xeral é a de certo inmobilismo, incluso retroceso, onde o Concello procura manter unha previsibilidade, unha pax romana co movemento asociativo, evitando entrar de cheo nunha reforma (verdadeiramente, unha redacción completa) dunhas bases reguladoras rigorosas, obxectivas e transparentes.
En vindeiros artigos irei debullando o statu quo desta pax subvencionada.
Subscribirse a:
Comentarios (Atom)













