Xosé Antón Bouza (BNG), Ignacio Fernández (PSOE) e Juan Domingo de Deus (PP) foron os tres participantes do debate sobre o balanzo da xestión municipal 2007-2011 do pasado xoves 7 en Televisión Ferrol Canal 31. Así, de primeiras, bótase en falta a presenza da cuarta das candidaturas confirmadas para as eleccións, a de EU-IU. Consultando directamente polo asunto a Pilar Díaz souben que non recibiron convidación de Canal 31 para participar no programa. Mal comeza a canle ferrolana se a súa intención é ofrecer un servizo informativo plural e veraz.
Non puiden ver o debate en directo, polo que só accedín via YouTube á súa primeira parte (dividida en catro vídeos). As miñas impresións foron:
- O único candidato á Alcaldía foi Juan Domingo. O BNG enviou ao voceiro do Grupo Municipal, número 3 para o 22 de maio. Polo PSOE Ignacio substituiu ao voceiro do seu Grupo Municipal, Juan Fernández, mais ningún dos dous se presenta ás eleccións este ano.
- O único en empregar o galego foi Xosé Antón Bouza, ainda que nalgunha ocasión para mentir, afirmando que tódalas dimisións de edís do BNG durante a lexislatura foran debidas a cuestións persoais. Pódese demostrar cunha simple consulta á acta do Pleno de decembro do 2010.
- Para Bouza o resumo de goberno é sinxelo: foi todo "unha marabilla" de xestión, con diálogo aberto dende o goberno aos partidos da oposición. Que ninguén procure indicios da máis mínima autocrítica, porque non o ha de atopar.
- O discurso de Ignacio basicamente consistiu nun "fixéronse cousas, pero todo foi grazas ao PSOE na Deputación, no tempo que gobernou a Xunta, e no Estado", malia que recoñece ter mantido xuntanzas estériles con Elena Espinosa ou Xavier Carro.
- Juan Domingo lanzoulle varios dardos a Bouza: falta de participación (compartido con Ignacio), inmobilismo provocado por contínuas crises internas, promesas tardías. Contradíxose cando, logo de criticarlle a Bouza a mención de "proxectos futuribles" nun debate de balanzo de xestión, aproveitou para anunciar unha proposta non de lei para desenvolver os Bens de Interese Cultural (BIC). Iso tamén é "futurible", Juan Domingo.
- Polo visto, o grande problema turístico de Mugardos é o bloqueo do hotel no Castelo da Palma. Como se fose iso o que solucionase o problema das 0 camas dentro do casco urbán da vila ou do relanzamento da Festa do Polbo, agora que xa ten a etiqueta de Interese Gastronómico. ¿Alguén notou especial cambio respecto aos anos nos que non o era, aparte do medre da "zona VIP"? Só Juan Domingo pareceu interesado en renovar as ideas da data máis sinalada do calendario mugardés.
Actualización a 13/04/2011
Hoxe ás 19:30 a Cadena Cope Ferrol entrevistaba, por separado, a tres dos candidatos: Juan Domingo de Deus (PP), Carlos Fernández (PSOE) e Xosé Fernández Barcia (BNG). Chama atención novamente a ausencia de Pilar Díaz (IU).
- Comezaba Juan Domingo, que continuaba a voltas co Castelo da Palma e a iniciativa de desenvolvemento dos BIC presentada polo PP, aínda que engadía novas cuestións no incipiente debate turístico da vila como a inexistencia dun plan integral. Sobre as políticas do mar non soubo dicir nada con máis substancia que "estivemos a carón da xente". Apuntou ao conxunto da oposición como parte fundamental para sacar adiante a piscina mancomunada e o campo de herba artificial.
- Carlos Fernández gababa as cifras da súa candidatura: 10 mulleres, 10 homes, 38,5 anos de media, 50% de afiliados e 50% de independentes. Destacaba o "obscurantismo, sobre todo nos últimos catro anos" do goberno de Fernández Barcia, mais evitaba pronunciarse sobre un pacto post-electoral co BNG e trataba de esquivar a pregunta cun "non imos necesitar pactar con ninguén" que semella pouco críble. Sobre a situación económica en Mugardos, lembrou a dimensión "europea" da crise, mais prometeu mellorar a participación de veciños, asociacións, turismo, cultura, inversións ou servizos. Denunciou a arbitrariedade das subvencións a entidades sen fin de lucro.
- Xosé Fernández Barcia comezou a entrevista lanzando unha batería de promesas: facer de Mugardos un referente turístico, construír unha ronda de saída do peirao da vila, sendas peonís en Santa Lucía e O Segaño, prazas de aparcamento, mellorar a Festa do Polbo... Cando a xornalista lle preguntou sobre a crise interna desatada no BNG de Mugardos nas últimas datas Barcia confirmaba que a consigna electoral do BNG sobre ese tema será clara: mentir. Así, negaba calquera crise e acusaba ás persoas que marcharon da organización nacionalista de estaren "traballando para outras forzas políticas" xa antes de causar baixa.
- Por último, destaca a pregunta común que se lles fixo aos tres candidatos arredor de dous problemas que os veciños de Meá veñen denunciando a respecto das industrias de Punta Promontorio: os cheiros contínuos e a demora na aplicación do Plan de Emerxencia. Juan Domingo aseguraba ter mantido xutanzas co Director Xeral de Protección Ambiental, o Director Xeral de Protección Civil e o Conselleiro de Presidencia, mais agárdase aínda polos seus froitos. Carlos respondía de xeito errático, anunciando unha "posición intermedia" e lembrando que "uns veciños están en contra e outros a favor" (?) antes de dicir que faría "cumprír tódalas obrigas das empresas". A Barcia abondoulle con asegurar que "Reganosa é imposible que produza cheiro, en todo caso Forestal" (a xornalista preguntáballe polo conxunto de Punta Promontorio) e aproveitaba para reclamarlle a Xunta maior implicación para poñer a andar o plan de emerxencia.
Debate coxo en Canal 31 (e Cadena Cope) :
ResponderEliminarEn relación con este tema, e antes de poder opinar con maior coñecemento sobre o contido, considero prioritario facelo sobre o continente e polo tanto manifestar o meu máis absoluto desacordo e decepción coa forma de expolo por parte de ambos os medios de comunicación polo que supón de falta de pluralidade informativa ao non facilitar a participación dunha representación de EU-EU.
Non cabe dúbida de que o feito de non invitar a unha representación de EU-EU a devandito debate privounos, sobre todo e en primeiro lugar ao conxunto da cidadanía do Concello de Mugardos, de acceder ao dereito plural e veraz da información neste caso relacionada cos nosos máis directos intereses e preocupacións , a xestión municipal.
ResponderEliminarDito o anterior, que podemos cualificar como unha ausencia de calidade informativa ,cuxa responsabilidade corresponde aos medios de comunicación que organizaron e emitiron o programa , hai que dicir tamén que de forma colateral supuxo unha diminución algo máis que considerable da calidade política do programa, que neste caso non podemos atribuír aos medios senón máis ben á escasa talla política que os participantes mostraron ao longo e ancho do mesmo.
Do dito anteriormente parece ser que era consciente o propio representante do BNG posto que non chegou a utilizar toda a súa capacidade para mentir, aínda que comezou dicindo que cumpriran o 99% do programa, podendo dicir o 1OO% .
Ao final iámoslle a crer igual.
….. continuará
Ata pronto.
Sobre o Castelo da Palma :
ResponderEliminarPara non perder a perspectiva e ser o máis obxectivo posible non está de máis neste caso dar un repaso ás hemerotecas nos tempos ( a. B. ) en que comezaba a xestarse esta iniciativa, e poder comprobar que o BNG mostrábase contrario á mesma, o mesmo que cando a Planta de Gas, chegando ata a anunciar publicamente unha iniciativa parlamentaria ante as Cortes do Estado propondo que o Castelo da Palma fose declarado un BIC ( Ben de Interese Cultural) posiblemente coa intención de dificultar a operación, ignorando con iso o feito de que ditas instalacións xa estaban declaradas como BIC desde o ano 1949 .
Debate coxo en Canal 31 (e Cadena Cope)
ResponderEliminarSeguindo co do “debate” e para variar vou referirme ao tema do Museo dos restos do xacemento do Caldoval e ao facelo sinto a obrigación de dicir en primeiro lugar que o portavoz do BNG mente cando atribúe a futura creación de devandito museo á xestión do actual goberno municipal.
Para desmentir e desmontar esta patraña creo que a forma máis rigorosa de facelo é acudir á documentación oficial do arquivo municipal e de acordo con iso afirmar que :
Alá polo ano 2002 (a.B.),concretamente o día 11 de xaneiro, en sesión plenaria extraordinaria, o Concello de Mugardos , entre outros, aproba un Convenio Urbanístico promovido polas empresas Forestal do Atlántico S.A. e Regasificadora do Noroeste S.A. para a Ampliación Sur do Chan Urbano Industrial en Punta Promontoiro, no que entre outras contraprestacións esixidas polo Concello, establécese a obrigatoriedade dos promotores para a creación dun Museo Arqueolóxico , cuxa localización será no termo municipal de Mugardos.
Como consecuencia do anterior o 31 de xullo de 2002 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia considerando que a reclasificación urbanística establecida no Convenio Urbanístico correspóndese co xacemento do Caldoval e considerando que o devandito xacemento posúe a condición de inventariado e polo tanto, e de acordo coa Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, goza dunha protección baseada en evita-la súa desaparición mediante RESOLUCIONS establece, entre outras cuestións :
• Que ostraballos de remate de excavación,traslado e posta en valor dos restos Terán que ser financiados,na súa totalidade, por Regasificadora del Noroeste S.A. e rexeránse polas condicións que se especifican no anexo I da Resolución,precisando por parte do promotor da presentación dos distintos proxectos puntuais que sexa necesario autorizar en virtude da lexislación vixente.
ANEXO I
Os traballos e condicións que rexerán durante o proceso de traslado e posta en valor dos restos arqueolóxicos serán os seguintes :
• Remate da área de excavación e documentación exhautiva de estructuras arqueolóxicas con procedimentos de rexistro riguroso(fotogrametría ou equivalente)
• Traballos de desmontaxe de estructuras seleccionadas baixo criterios arqueolóxicos,analizando composición de paramentos e pavimentos asociados,de tal xeito que se garanta una axeitada reconstrucción posterior.
• Montaxe dos restos seleccionados de acordo coas características orixinais,primando criterios de veracidade e respeto do orixinal. Se incluirán as estructuras e equipamentos necesarios para una axeitada conservación dos restos e a súa posterior musealización.
• Proxecto museográfico onde,primando os criterios de rigor científico,se facilite una compresión didáctica do xacemento ó público en xeral . Se incluirán as dotacións de infraestructura e equipamentos necesarios para una correcta atención dos visitantes.
Dita RESOLUCION foi comunicada a REGANOSA mediante escrito con rexistro de saída da Xunta de 5 de agosto de 2002.
Posiblemente a intención de argumentar con datos veraces e a limitación da miña capacidade de síntese non fixeron posible unha mellor e mellor e máis curta redacción,motivo polo cal pido disculpas.
continuará.....