14/04/11

O home que non sabía traballar en equipo


Espetáballe Ignacio Fernández (PSOE) a Xosé Antón Bouza (BNG) no debate televisado en Canal 31 que "se a lexislatura dura outro ano máis non lle quedan nin os suplentes na lista para seguir gobernando". E a un quédalle o regusto de que a frase non anda moi desatinada.

Dende que Xosé Fernández Barcia accedeu ao Concello de Mugardos no 1999 para ocupar o cargo de Concelleiro de Obras, Servizos e Persoal do cuatripartito PSOE-BNG-EdeG-EU son xa dez as persoas que traballaron ao seu carón baixo as mesmas siglas. Porén, unicamente un, Moisés Rivadulla, foi quen de continuar logo de completar unha lexislatura; e só outro, Xosé Antón Bouza, está en disposición de repetir fazaña se o BNG obtén alomenos 3 concelleiros o 22-M.

Apenas un ano despois de tomar posesión Elvira Roiz causaba baixa por motivos persoais na Concellaría de Medio Ambiente e Sanidade para ser substituída por Moisés Rivadulla, quen permanecería ata 8 anos xunto a el.

No 2003, xa como Alcalde, estreaba como compañeira e compañeiro a Margarida Corral e Evaristo Deus. O cuarteto Barcia-Moisés-Margarida-Evaristo resistiría toda a lexislatura (o pacto co PSOE só a metade), mais ao seu remate Evaristo desaparecía da candidatura do 2007 e Margarida pasaba a ocupar un testemuñal último posto (sen suplentes).

E chegou a lexislatura 2007-2011 cunha renovada lista que o propio Barcia confeccionou ao seu gusto logo de que o sector crítico desbotase presentar proposta. Cos cinco edís acadados polo BNG a el e Moisés sumábanse agora Carolina Cruz, Xosé Antón Bouza e Anxos Díaz. Moisés dimitía ao ano por cuestións persoais. Substituíao Xosé Xoán Roca (6º na candidatura). Tras Moisés dimitiría Carolina Cruz no 2009 aducindo o mesmo motivo e a lista correría tres postos por mor da renuncia ao cargo de Elvira Roiz (7ª) e Xoán Aurelio Fernández (8º) para chegar a Gloria Fornos (9ª). Esta última presentaría a súa dimisión no Pleno do 25 de Marzo de 2011, de novo por motivos persoais e sen tempo xa para ser substituída por mor da inminente convocatoria das eleccións municipais. Catro meses antes facíao Anxos Díaz, quen si recoñecía profundas discrepancias políticas con Xosé Fernández Barcia. Miguel Rodríguez (10º), unha das 14 persoas que causaban baixa no BNG pola manipulación do censo en favor da candidatura de Barcia, renunciaba a ocupar o posto de Anxos Díaz e convertía a Tania Fernández (11ª e sobriña do Alcalde) na décima persoa en traballar ao seu carón en tan só tres lexislaturas.

De haber tempo dabondo para substituír a Gloria Fornos chegaría a quenda de David Cortizas (12º) quen, de renunciar tamén ao cargo poñería en serios apuros a X.F.B. para rematar a lexislatura con 5 edís: nin Margarida Corral (13ª), nin Bruno Freijomil (14º), nin Inés Pérez (15ª), nin María do Carme Díaz (17ª) viven xa en Mugardos. E esta última, xunto con Ramón Bello (18º), forman parte do grupo de críticos que mantiveron a súa afiliación ao BNG tra-la manipulación do censo. Dependería, por tanto, da decisión de Belarmino Feal (16º), quen a bo seguro nunca tería imaxinado que ocupando o antepenúltimo posto nunha candidatura de 18 persoas se atoparía en situación semellante.

1 comentario:

  1. Parece ser que ademáis de non saber traballar en equipo, o actual alcalde de Mugardos debe pensar que a cidadanía do Concello non ten intelixencia ou é parva , cuestión que deben compartir tamén os editores da página web do BNG cando poñen en grandes titulares que :

    O ALCALDE DO CONCELLO DE MUGARDOS, FAI PÚBLICAS AS CONTAS DO EXERCICIO DO ANO 2010

    E todo iso cando é obvio que as Contas do Concello de Mugardos son e se fan públicas por imperativo legal e polo tanto de obrigado cumprimento.

    No intenten vendernos o cumprimento da Lei posto que neste caso ademáis dun dereito que temos os administrados e tamén una obriga que teñen que cumprir os que administran os nosos impostos, en definitiva os que gobernan.

    !! FALTARÍA MÁIS !!

    ResponderEliminar