
A sociedade da comunicación avanza lixeira, ás veces sen tempo a asimilar os cambios que produce na nosa vida cotiá. Internet é hoxe unha ferramenta que xa ten demostrado a súa utilidade á hora de democratizar o acceso de todos/as á información, e a súa implantación nos fogares é cada día meirande que o anterior. Sendo así, é difícil atopar unha explicación á situación actual das webs que poderiamos entender como representativas do pobo mugardés.
A web do
Concello de Mugardos, pola súa función de servizo público e de información á cidadanía é, a bo seguro, a que mellor exemplifica esta eiva. O seu ritmo de actualización decaeu de xeito preocupante nos últimos meses. No mes de
febreiro, como paradigma, o Concello só publicou na súa web oficial dúas novas e unha orde do día. Lonxe queda o ritmo acadado os meses previos ás eleccións municipais. ¿É isto reflexo da actividade xerada dende a administración municipal? Non, a bo seguro. Só hai que prestar atención aos xornais para comprobar que o problema reside máis no rol cuase-folclórico que se lle está concedendo á web por parte de quen corresponda, e a escasa importancia dada ao seu papel de informador da veciñanza mugardesa. No concello de Fene (usémolo como referente de mellor facer) cóntanse por dúas e tres as entradas diarias que converten
fenecidadan.net nun auténtico portal para tódolos feneses/as.
Pero se o panorama na web do Concello é desalentador, máis aínda é ollar cara a dos partidos políticos da vila. Sálvanse da queima
BNG e
EU-IU, que botaron man dunha ferramenta áxil e doada de administrar como son as bitácoras. Con todo, poderíaselles pedir algo máis de vida: a web nacionalista apenas reaxiu co gallo das últimas eleccións; a de EU-IU parece non saber falarlle aos veciños e veciñas máis que do Caso Virgin. Pero é que se atendemos ás webs do PP ou PSOE a situación pasa a ser lamentable. A do
PP por ser só un semi-voluntarioso amago de trasladar a campaña das municipais á rede. Deseño e estrutura dignos, aínda que pensados para o navegador de Microsoft, non para o resto. Aí quedou a cousa. Dende entón, cero patatero. E a do
PSdeG-PSOE, tanto ou máis lamentable que a anterior. Primeiro por un deseño e estruturas impropios deste século. Segundo, por adoecer dun tempo a esta parte do mesmo que adoece a de EU-IU: só interesa trasladar aos veciños o último sobre a trama urbanística. Do resto, nada de nada.
E velaquí un panorama que deixa claro que a rede mugardesa ten aínda moito que mellorar. Polo ben de todos e todas.