21/01/11

Breve cursiño para conducir por Mugardos (XXIV)


Prohibidas cacas.

O recente bando do Alcalde, lembrando unha normativa que pode castigar ata con 250 € as deposicións dos cans, é aplaudido pola oposición por IU-EU, que levou a iniciativa no asunto.

A partires de agora será interesante comprobar como, a dez metros dun coche reiterada e impunemente aparcado no peirao ocupando o carril enteiro mentres o seu dono toma o vermú nos bares, a Policía Local si multa a unha señora que deixou que seu can cagase na herba.

¿Ou non?

13/01/11

Querer ser algo máis que taberna mediática


Podería ficar no BNG, ao quentiño e sen dar chío mentres un tal líder fai e desfai á súa maneira, á súa propia, sen contar con ninguén máis. Agardar á calada mentres observo o uso partidista da web do Concello que nunca lle consentiríamos ao PP. Aturar pacientemente a deriva tabernaria do blog da organización, dedicada agora a discursos chouriceiros (así, literalmente). Gardar incómodos silencios mentres xente da vila che describe a penúltima actitude lamentable dalgún membro do goberno (como insinuarlle aos comerciantes que a súa campaña de "EU corazón MUGARDOS" era publicidade encuberta a prol de Esquerda Unida [!?]). Demencial.

Pero resulta que a miña miopía política impídeme ver máis intereses que os do propio país, e os da miña propia vila. Velos á miña maneira si, como cada quen ten a súa propia visión das cousas. Eu, á miña visión mugardoscéntrica do universo, adoito darlle un toque... chamémoslle "galeguista", e digamos que "participativo", ou todo o que se poida. Outros terán outro xeito de ver as cousas. Totalmente lícito mentres non se tente vender o que non se é.

Así que ficar inutilmente agardando tempos mellores, deixando pasar catro, oito, doce anos da vida observando como en Mugardos seguimos sen unha verdadeira Biblioteca, ou unhas bases de concesión de subvencións ás sociedades transparente, ou un desenvolvemento urbanístico racional e sustentable, ou uns orzamentos participativos prometidos xa fai oito anos e dos que nunca máis se soubo, ficar observando iso mentres desfollaba a margarida partido-país deixou de ser unha opción. Gañou o país. Gañou a vila. Así remata un capítulo e comeza outro. E sinto alivio.

Por min, Xosé Fernández Barcia pode dedicarlle toda a bitácora do BNG de Mugardos a leas de nula elegancia política con Juan Domingo de Deus, quen tamén entra gustoso no xogo do desprestixio da política. Poden gozar coma nenos do seu intercambio de ditos populares, citas célebres e montaxes fotográficas cutres e de pésimo gusto. Hai mundo máis aló da taberna mediática.

Boa entrada de ano. A ver se damos arrancado, que hai moito que dicir.

30/11/10

O urbanismo é cousa de homes


O que vedes é a composición das Comisións Informativas no Concello de Mugardos, divididas por xénero. É unha ollada superficial, mais deixa en relevo o camiño que aínda lle queda por andar á verdadeira igualdade entre homes e mulleres. A de Urbanismo e Industria, esa xoia da coroa de calqueira corporación, é copada en exclusiva polos homes de tódolos partidos, agás EU-IU, que ten unha única concelleira.

En xeral, a gráfica reflicte unha tendencia clara a deixar en mans dos homes a política económica e das mulleres a política social. Ata o punto de que ningunha comisión chega ao 60-40% agora que, por lei, si se cumpren as porcentaxes nas candidaturas.

Derrubada (en parte) a barreira numérica, chega o momento de derrubar preconceptos.

25/08/10

06/08/10

Turismo de ida e volta



O turismo mugardés vive fundamentalmente da gastronomía. Pero é que tampouco podería facelo de moito máis. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística no 2009 Mugardos tiña apenas 41 prazas de aloxamento, todas hoteleiras; o 9% das que ofrece Cabanas (onde 2 de cada 3 son prazas hoteleiras e a terceira corresponde a pensións), o 10% das que ofrece Ares (campamentos turísticos no 94%) ou o 64% das que ofrece Fene (todas pensións).
¿Que podería significar isto? Pois que a Mugardos vense a gozar do paseo marítimo, a xantar nas polberías do peirao, pero non a durmir. Que parte dos visitantes teñen que desprazarse ás vilas veciñas para pasá-la noite. Que esa mesma xente cea aquí, pero sae de copas fóra para non ter que coller o coche.
A insuficiente oferta de prazas de aloxamento é unha eiva coñecida. Seguramente a coñecen os promotores da conversión do Castelo da Palma en hotel, mais sería interesante atraer tamén proxectos máis modestos e menos problemáticos. Mellor para o comercio, mellor para a hostelería, mellor para o emprego. Unha fonte de recursos.

27/07/10

¡É a economía, caralletas!



Que ninguén se trabuque, é a troula, si, mais esa troula é como a auga que move o muíño. Benquerida carallería, o ano que desapareceu a Comisión de Festas de Mugardos, esgotada por un modelo baseado en poucas persoas para moito traballo e pouco recoñecemento, ese mesmo ano naceu a Comisión de Caralladas, reformulouse a festa, o xeito de nos divertir na semana grande da vila, cambiamos as orquestras e os cochitos por un concepto novo onde todos podiamos ser actores no canto de espectadores. E fixémolo entre toda a xente que quixo participar do nacemento das Olimpíadas de Peñas.
Os piares non son inxenuos. A organización colectiva é un reto non doado, pero os seus froitos multiplican a satisfacción. Cada persoa colaboradora séntese partícipe, porque o é, do resultado final. A festa ten que ser feita polo pobo e para o pobo e temos exemplos de como facelo. O pequeno empresariado pulpeiro é tamén parte fundamental. Bares, tendas, profesionais autónomos, todos saen gañando cando atraemos xente de fóra á vila. É a auga do muíño. E tamén por iso quixemos reter todo o que aquí xeramos cunha fórmula: os caralleuros. A Comisión de Caralladas apenas move euros en metálico. As empresas que agora colaboran coa festa só cuñan billetes válidos no seu propio establecemento. Todo queda na casa. Todo convida a volver a Mugardos. E a fórmula é transparente, anima a colaborar máis abertamente, estimula aos participantes, funciona.
Chamamos a atención de La Voz de Galicia, do Diario de Ferrol, de Radio Fene. Comezan a falar de nós nos concellos veciños. Eis a clave do éxito: abrirnos, recibir cos brazos abertos a quen xa ve en Mugardos unha alternativa de lecer, e non só no verán. O obxectivo é converter unhas festas de vila nunhas festas de bisbarra, primeiro, e o que teñan que ser, despois.
Benquerida carallería, benquerida veciñanza, andamos o camiño correcto, e nestos tempos boa falta fai. Pasade bo verán.

22/07/10

¿Hai alguén aí?



Primeiro foi mugardosnet.iespana.es, que naceu da teima de demostrarlle a aquel goberno municipal do 2002 que se sen cartos nin medios se podía facer unha web de información municipal digna, co que se gastaran naquel despropósito xa desaparecido de www.mugardos.net poderíase ter feito algo moitísimo mellor. A experiencia durou dous anos. Rematou cando o tempo dispoñible para mantela (aquela era unha web totalmente artesanal) e as fontes de información menguaron.
Nese momento (decembro do 2004) naceu este caderno de bitácora, ainda que non foi ata ano e medio despois cando decidín que a súa liña sería a de mesturar dúas paixóns: o deseño gráfico e Mugardos. En paralelo xurdiu un foro do que saíron grandes debates, si, pero tamén graves acusacións persoais a este ou aquela dende o anonimato dos nicks covardes. O foro foi o primeiro en caer. O respecto ás súas regras básicas comezouse a perder no tempo no que os veciños de Meá decidian pecharse durante o verán do 2007 na Casa Consistorial, visibilizando, unha vez máis, que a pranta de gas partira a sociedade mugardesa en dous. Logo veu o caso Virgin e, en resultas, o foro saltou polos aires.
Este blogue aínda tardou bastante máis en morrer, pero o seu punto feble quedara xa en evidencia: o vandalismo ideolóxico dos agochados. E durante outro ano e pico continuei con esta bitácora, que foi virando na súa temática procurando esquivar as deposicións intelectuais duns poucos.
Pero chegaron as redes sociais, o Facebook, o Twitter, e con elas as persoas con nome e apelidos, as opinións entre amigos, os debates constructivos, o falar de todo un pouco segundo lle veña (malia haber moita xentiña monotemática). Coas redes sociais desaparecían os insultos anónimos, as acusacións baixo nicks, a gresca verbal. E manter este blogue comezaba a dar moita preguiza.
¿Para que volvo, entón?
Para poder falarlle desta vila ao mundo, e non só ás amizades previamente aceptadas. Para que escoite quen queira, e non só a quen eu lle deixe. Para berrar máis alto, porque sigo tendo cousas que dicir do que Mugardos é, do que Mugardos podería ser, do que en Mugardos acontece. O público é outro, é distinto, compórtase distinto, e non sempre para pior. A ver o que da de si. Ogallá prenda.
3, 2, 1... volvemos.

21/07/10

Recomezamos

Logo dun ano algo haberá que contar. Algo haberá que dicir. Algo haberá que facer.

18/11/09

20N, ou a enxeñería caralletas no máximo esplendor



Sábeme mal ter tanto tempo parada esta bitácora pulpeira, de verdade que si. Ocórreseme que, para deixar mellor sabor de boca ao tempo que tentamos que a rutina do inverno restableza os ritmos perdidos, nada mellor que unha boa cita gastronómica.
Veredes, o que a Comisión de Caralladas Mugardesas argallou desta volta supera as máis altas cotas acadadas pola inxeñería festeira: un concurso popular de pinchos, aberto á participación de calquera e cun xurado popular que seredes todos vós, si, vós.
¿Que como vai furrular? Tentarei explicárvolo coa infografía que tedes eiquí enriba e algúns apuntamentos máis. Para vós é simple. Se queredes participar non precisades máis que aparecer entre as 21:00 e as 22:00 h. na Cervexería El Malecón cun prato cunha ducia de pinchos iguais. Se o que queredes é probalos só tedes que estar alí a partires das 22:00. ¿E o resto? O resto é tan sinxelo como emparellar os 12 pinchos de cada prato con outros 12 pinchos de pratos distintos, vendervos cada parella por 1,20 €* e darvos a responsabilidade de decidir cal dos dous que probastes prestouvos máis. Que participan 10 pratos, pois 60 pratiños. Que hai 20, pois 120 pratiños. Podedes papar tódolos pratiños de dous pinchos que queirades e poidades e en cada ocasión votar polo mellor. Cando rematedes as existencias recontaremos os votos de cada un e o declarado como pincho máis saboroso gañará o que déramos xuntado coa venta das vosas consumicións.
Poñede a auga a ferver, o aceite a punto e preparádevos para a máis exquisita das caralladas que teñades visto por estes lares. Hai pique, adiántovolo ;)

* Dos 1,20 € do pratiño de dous pinchos 1 € vai para o premio final e 0,20 € para os gastos da Comisión de Caralladas.

24/09/09

Olimpíadas de Peñas 2009: O vídeo resumo



O 28 de novembro do 2008 dez mugardeses/as xuntáronse no pub O Trope e brindaron pola fundación da Comisión de Caralladas. A súa teima era reinventar a festa nesta vila, que nunca volvese a ser o mesmo. O primeiro gran proxecto foi argallar unhas Olimpíadas de Peñas no verán, durante a semana que vai dende a Festa do Polbo ata as Festas do Carme. Peñas xa tiñamos, camisolas cada unha delas tamén, só facía falla prender o lume porque a leña xa estaba lista.
E prendeu. O facho olímpico percorreu Mugardos para inaugurar os Xogos e a troula non parou en sete días. Contabamos con xuntar unha dúcia de peñas, participaron dezasete. Contabamos con 60 ou 70 caralletas, pasamos dos 300. Botamos por fóra. Conseguímolo. Ata o cura aprazou unha misa para ver a Subida de Carretillas que rodeaba a igrexa.
A festa mugardesa non volverá a ser a mesma. Será mellor. E será grazas á xente desta vila, e será tamén grazas á xente de fóra á que lle ferverá o cú por coñecer a troula pulpeira. Porque a troula pulpeira agora é moita troula.