
A velocidade, esa paixón humana que acelera os ingresos por dereitos de retransmisión dos grandes campionatos de F1 hoxe, de rallies onte... e, se cadra, o segundo soño cumprido pola nosa especie, logo do de surcar os mares, e antes do de voar.
Mais, por desgraza é tamén, dos tres, o soño que hoxendía provoca máis pesadelos. A pingueira diaria de vidas, de eivados, non semella ser abondo para os que esquecen que ao xogo das carreiras non pode xogarse nas estradas, senón nos circuítos.
Dende esta atalaia na que escribo non pasa un só día, nin un só día, no que non se conte cando menos media ducia de rinchamentos e de aceleróns máis propios de Silverstone que da AC-122 á súa entrada en Mugardos. Non pasa nin un só día dende máis dunha década na que fago vixía no que non fique agardando o desenlace sonoro. E periodicamente acontece o que periodicamente tiña que acontecer: o esnaframento.
As medidas de seguridade nalgúns tramos de estrada deste concello son ínfimas aínda agora, que cando menos temos "sendas peonís". Os riscos dos peóns son, aínda hoxe, demasiado elevados. As sinais horizontais que marcaban a fronteira entre o país dos peóns e o país dos carros nas curvas da Fontegrande non duraron nin 15 días. ¡Nin 15 días! E aos macarras non hai quen lles pare os pes.
Ogallá ninguén, nunca, teña que empregar isto que veño de escribir agora como crúa hemeroteca.