14/05/2011

¿Que o paro que?


Houbo un tempo no que un home que foi Alcalde de Mugardos chamado Ramón Toimil (PSOE) atreveuse a prometer catro mil (¡4000!) postos de traballo vencellados á pranta de regasificación que se quería construír en Mugardos. A planta construiuse, mais en Mugardos a xente conta cos dedos dunha man ás veciñas e veciños a nómina de Reganosa, e aínda lle sobraban dedos. ¿Onde foron?

Hai moito menos, apenas uns días, o candidato á alcaldía de Mugardos polo BNG, nesa liña sectario-estratéxica que che inculcan dende o primeiro día, de fomenta-lo odio (por favor, Mónica Fernández, se lés isto fuxe, sei do que falo) cara calquera outro que non sexa dos teus (e que así acadou as insostibles cotas de tensión xa non só entre os políticos locais senón tamén entre traballadoras e traballadores do Concello), acusaba aos "partidos estatais" de seren os culpables das cifras do paro no municipio. ¿Tiña razón?

Pois resulta que, malia a fase de construcción desa panacea en forma de planta de gas que supuña Reganosa, ou desa prosperidade eólica sobre a que cabalgaba Metalúrgica del Atlántico, Mugardos non deixou de ser, fronte a concellos parellos como Ares ou Neda, o de maior índice de desemprego. ¿Como se come iso?

Dende maio do 2005 a abril do 2011 (exactamente 6 anos) o Concello de Mugardos foi, en comparanza con Ares e Neda, o que piores cifras de emprego amosou durante 57 dos 72 meses computados. É dicir: Mugardos tivo máis paro que Ares ou Neda (sen estes dous ter Reganosas nin Metalúrxicas del Atlantico) durante o 79% dos meses. Ares superouno durante 8 deses 72 meses. Neda durante 7.

Agora, unha vez demostrada a sobrevaloración da promesa eolico-gasística, uns e outros partidos, á carreira pola alcaldía, afánanse en louvar as potencialidades de Mugardos como destino turístico. Neste debate político do 2011 uns e outros súbense ao carro ("construiremos un hotel no Castelo da Palma" chegou a afirmar un autoconsiderado plenipotenciario X.F. Barcia en Canal 31) porque agora á xente do común desta vila xa non lle cola o conto da choiva de empregos parella aos buques transnacionais, nin aos muíños de vento. Agora hai que vender turismo.

"Lembrámonos de Santa Bárbara cando trona" díxome unha vez meu pai. E Santa Bárbara agora son as excelencias paisaxístico-gastronómicas da Dúas Veces Real Vila de Mugardos. Agora que a crise económica desmantela as mentiras laborais tecidas pola meirande parte de partidos mugardeses (que non todos). Agora hai que agarrarse ao turismo para safar a treboada. Mais agora esas potencialidades turísticas haberá que compatibilizalas cunha actividade industrial de risco instalada a 500 m. do casco urbán, meus magníficos xestores da cousa pública. Agora os potenciais residentes nese hotel do Castelo da Palma (que con tan pouca orixinalidade queredes patrimonializar), de capital privado, non gozarán da entrada da ría adornada co paseo de veleiros deportivos, senón de buques mercantes cargados de gas natural licuado que posteriormente descargarán nunha pranta que enfriará e esterilizará o mar. ¿De verdade tiñades un proxecto a medio-longo prazo do que queríades facer de Mugardos?

Non, non o había. Nin o tiña o PP, nin o PSOE nin o BNG. Organizacións escravas do capital, vístanse como se queiran vestir. De aí o enfrontamento cos movementos sociais, especialmente paradóxico na fronte nacionalista (Galiza Non Se Vende, ese inimigo). Por eso as súas cúpulas nunca deixarán que dende a base xordan movementos de resposta. Por iso algunhas desas organizacións consinten o asalto ás súas normas internas con tal de garantir o mantemento da alfombra vermella ao capital que se sirve de todos nós para beneficio propio e, intelixetemente, dos que lle siguen o xogo. E por iso a única posibilidade de rachar ese círculo vicioso recae directamente no pobo. No pobo que, polo de agora, aínda conserva o seu dereito ao voto libre.

Actualización 16/05/2011: Corrección de estatísticas, baseadas agora en poboación de 16 a 65 anos e non en censo de poboación, o que empiora os datos para Mugardos en comparanza con Ares e Neda.

8 comentários:

  1. Como non te quixeron poñer a ti agora son como o demo? Cando se abran as urnas veremos, e analizaremos as previsión pero ou moito minte a xente ou en Mugardos o resultado esta cantado

    ResponderExcluir
  2. Querer poñer, resultados cantados...dame no fuciño que alguen cree ter unha bola de cristal...(veremos si non se esnaquiza)

    ResponderExcluir
  3. Polo que comenta César no segundo parágrafo dáme a impresión que coñece moi ben a organización do BNG en Mugardos no que respecta á súa liña estratéxica que define como sectaria ( eu engadiría excluínte e iluminada ) e tamén a forma de expresarse dos seus principais dirixentes locais, cal é o caso do actual alcalde e candidato á reelección que practicamente en todas as súas intervencións deixa a sensación inconfundible de que “ respira polas feridas “ .
    Eu non sei en que poroporción será estratéxico este tipo de comportanmento posto que considero que para levalo a efecto ten que haber persoas dispostas a facelo, por iso é polo que eu entendo que en todo iso hai moito de comportamento persoal, pois lamentablemente hai persoas dispostas a iso. Os feitos non menten.

    Como última reflexión dicir que o feito de “ respirar polas feridas “ pensó que estea motivado en parte pola forma en que se pechou O Caso Virgin.

    Non está de máis recordar que tamén existiron e existen outros casos,onde aparecen imputados cargos políticos, que por un ou outro motivo foron arquivados, por exemplo o famoso “ Caso Naseiro “(anuláronse as esc oitas telefónicas) ou o máis actual “ Caso Fabra “.

    Precisamente sobre o Caso Fabra, o 29 de decembro de 2010, o xornal El País publicaba o seguinte :
    Ao acusado de graves delitos pode resultarlle indiferente verse libre de cargos porque prescriban ou por ser absolto.
    Non é o mesmo. A prescrición carrexa o arquivo da causa pero non impide que os feitos denunciados sucedesen.
    Só a absolución, tras un xuízo contraditorio e con garantías, supón unha declaración de inocencia en toda regra.

    Finalmente concluía:

    “ Non é o mesmo prescripcción(arquivo), que absolución “

    “ Tampouco é o mesmo sentir alivio, que sentir satisfacción “

    ResponderExcluir
  4. Non sei a que xoga o comentario 3, sobre o alcalde pesaba a insólita acusación de "presionar aos promotores para beneficiar ao concello", e o asunto pechouse porque o xuiz dixo que non había nin indicios de delito. Como se pode querer comparar iso con políticos acusados de corrupción que se libran por prescripcións. Despois vos sorprenderedes do que vai pasar o domingo!

    ResponderExcluir
  5. ¿Diciades algo do paro? Ah, non, nada. Todo ben.

    ResponderExcluir
  6. Ademais do do hotel no Castelo da Palma, cuxo inicio das obras fai anos anunciounos o actual alcalde, tamén nos queren vender agora, en principio o BNG e o PP, como compromiso electoral o Museo dos restos arqueolóxicos do Caldoval, algo que economicamente na súa totalidade tiña que ser asumido por parte de REGANOSA, condicións que posteriormente foron modificadas mediante acordo plenario de fai aproximadamente un ano, aprobado exclusivamente cos votos favorables do BNG e o PP, liberando a REGANOSA dunha parte importante dos gastos que ao final terá que ser asumida polo Concello.

    Para finalizar dicir que espero e desexo que os votantes fáganllo pagar nas urnas aos culpables de tan lamentable decisión, e esperar á vez que os resultados electorais sexan suficientes para unha rexeneración democrática municipal que faga cambiar a situación.

    ResponderExcluir
  7. xa que aseguras que foi un acordo plenario, podes engadir o enlace a ese pleno??? ou mellor te apuntas os programas do corazón, que din debaneos sen saber nin do que falan.
    o unico que se acordu nun pleno foi a ubicación do mesmo, que será en terreos municipais (Cristo), pero o custo integro do museo a ter que ser asumido por Reganosa.E ainda así ata que se faga dito museo, pode cambiar a ubicación.

    ResponderExcluir
  8. En relación co comentario do día 18 que resulta interesante e clarificador, e comezando polo final quero dicir en primeiro lugar que me resulta xusto, razoable e necesario que a futura Corporación saída das urnas plantee cando menos unha revisión do último acordo plenario, e iso en base á dubidosa legalidade do mesmo posto que :

    Para modificar ou revogar un acordo do Pleno en canto a un Convenio Urbanístico requírese maioría absoluta, ou sexa no caso de Mugardos como mínimo 7 votos favorables, ademais do preceptivo informe de legalidade por parte do Secretario Municipal, cuestións ambas as que non se cumpriron na sesión plenaria do día 26 de xuño de 2009 dado que o acordo aprobouse só con 6 votos a favor ( 4 BNG,2 PP) e 5 en contra (3 PSOE, 1 EU , 1 IPM ) ademais de non existir o informe do Secretario tal e como denunciase Esquerda Unida durante a sesión.

    Hai que recordar que o acordo de xaneiro de 2002 que obrigaba a REGANOSA á creación do Museo e posta en valor dos restos arqueolóxicos do Caldoval asumindo a totalidade dos gastos, fóra aprobado por 12 votos a favor e 1 en contra.

    Por outra banda considero que para revogar ou modificar unha RESOLUCION, neste caso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia de xullo de 2002 que deixaba moi claras as obrigacións que na súa totalidade tiña que asumir REGANOSA en relación aos xacementos arqueolóxicos de Caldoval, cando menos tíñase que producir outra decisión administrativa similar ou equivalente que anulase a citada RESOLUCION, cuestión que en ningún momento realizouse ata a data.


    Antes de realizar outro tipo de valoracións considero convinte enumerar as consecuencias negativas que leva o acordo subscrito polo BNG e o PP :

    REGANOSA non terá que achegar os terreos e por iso tampouco os custos dos mesmos tendo en conta que o Concello cédeos gratuitamente.

    REGANOSA tampouco terá que abonar o importe da licenza de obras posto que mediante o acordo líbrase de pagar devandito imposto ao deixar a contratación en mans do Concello. ( moi listos eles ).

    REGANOSA limita ao seu antollo o importe final das obras de xeito evidente escaso e que vén resultar a imposición dun teito económico tan baixo que vai facer imposible que poidan manterse en pié as mínimas esixencias de calidade de deseño e construción que require a realización dun Museo tan singular. Sumado a todo iso non hai que perder de vistas outras negativas consecuencias económicas derivadas do acordo en cuestión :
    O incremeto de prezos producido entre a aprobación en pleno do acordo e a futura contratación das obras, pois case pasaron dous anos , máis o que reste aínda para devandita contratación.
    E a outra cuestión que tampouco contempla o acordo é o previsible sobre custo que `por distintos motivos prodúcense en toda obra.

    Non soamente REGANOSA líbrase dunha parte importante das súas obrigacións contempladas inicialmente senón que tambén a XUNTA DE GALICIA que ten atribuídas as competencias en canto aos xacementos, desmárcase do asunto asumindo soamente cuestións de asesoramento.

    En conclusión cárganlle ao Concello, ademais dos prexuízos citados anteriormente, a xestión, o mantemento, a conservación e o funcionamento do Museo cos enormes gastos que todo iso leva consigo e precisamente en plena crise económica, tamén municipal.

    Eu finalmente pregúntome a quen pretenden enganar os responsables políticos deste acordo, BNG e PP, cando queren facernos ver a través da súa propaganda que o do Museo vai supor unha gran fonte de ingresos para o Concello,cando lamentablemente de non cambiar as cousas vai resultar unha hipoteca económica de incalculables e graves consecuencias.

    ResponderExcluir