25/10/24

O botón de gobernar

 

Di Juan Domingo Deus, insistentemente, que nada pode facer por moito que leve cinco anos continuados como Alcalde de Mugardos, porque todo, todo, todo é bloqueado sistematicamente pola oposición. Que nada disto sucedería se tivese maioría absoluta, ese poder que nunca lle concede o pobo.

Alguén despistado podería pensar que esta situación extraordinaria que vive Mugardos, cunha poboación ao límite da paciencia, é culpa dunha situación extraordinaria tamén no político, xa que nunca un goberno municipal afrontou a xestión municipal cunha desvantaxe de 5 contra 8. Mágoa de realidade para Juan Domingo.

Porque a realidade é que Mugardos leva vinte anos sen un goberno con maioría que lle dure. Desde que o PSdeG de Ramón Toimil deixou en solitario ao BNG de Barcia no segundo ano do mandato 2003-2007, ninguén volveu saber o que era ter unha maioría estable. Tívoa durante 14 meses a EU de Pilar Díaz coaligada con ICM e BNG, entre 2016 e 2017, e volveuna ter 5 meses en 2019 co PSdeG. Pero nin soubo nin quixo retela.

Dato mata relato. Juan Domingo Deus, tras 5 anos na alcaldía con practicamente o mesmo equipo de persoas, mantén o goberno máis lonxevo da democracia actual. Debería ser tempo suficiente para aprender a buscar maiorías como fixeron antes del os seus predecesores. O BNG do 2007 soubo facelo tamén con 5 edís. O PSdeG do 1995 con 4. O PCG do 1983 con 6… e Mugardos non entrou en colapso institucional como vai camiño de facelo co pior alcalde da democracia (dato obxectivo se temos en conta que nunca antes houbo unha concentración de protesta tan numerosa).

Juan Domingo leva 3 anos sen poñer enriba da mesa un borrador de orzamentos, unha ferramenta básica para gobernar con axilidade. Dixo recentemente, nunha entrevista na radio, que vai facelo en breve pero que, total, a oposición vaillo bloquear. 3 anos sen poñer un borrador enriba da mesa… Non é o único que está derivando en problemas no día a día da veciñanza, tampouco afronta a reforma de ordenanzas que necesitan actualizarse (como as da Escola de Música) e, en xeral, non somete nunca nada a negociación cos demais grupos municipais. Non é que non chegue a acordos, é que non os busca. Non é casualidade. Fía todo a repetir o da "oposición destructiva" mil veces sen saír do búnquer, ata que llo crean. E isto si que é unha situación extraordinaria, nunca antes vivida en Mugardos.

Xestionar un concello é algo máis que pasar un par de tardes polo despacho da alcaldía e pulsar o botón de gobernar. En democracia o título de "partido máis votado" non che dá dereito a roubarlle ao resto dos representantes o seu dereito a representar. En democracia a palabra clave é "maioría" e, se non a tes, estás na obriga de buscala. E se non estás disposto nin a intentalo, mellor marcha para casa.

23/05/24

Malos tempos para ser guía oficial en Mugardos

Este é Antonio Montenegro*, ten 37 anos e é de Barracido (San Xoán, Mugardos). É Técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística. Ademais de falar galego e castelán ten un C1 de portugués, que aprendeu por parte de pai, e un B2 de francés. Desde 2015 ten o carné que o acredita como Guía Oficial de Turismo de Galicia e tamén está afiliado á Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia.

A guías como Antonio a lei protéxeos desde 2015 do intrusismo laboral, de xeito que só quen acredita ser guía oficial pode impartir visitas guiadas a través dos Bens de Interese Cultural, e debe facelo exhibindo o seu carné publicamente. Para ser guía oficial en Galicia é preciso ter a titulación académica e, ademais, dominar alomenos unha língua estranxeira cun nivel mínimo de B2. Antonio ten todo iso.

O Castelo da Palma é un Ben de Interese Cultural moi importante para Mugardos. Sen dúbida, supón un reclamo para moita xente. Por iso o goberno do PP decidiu, no 2015, programar visitas guiadas polas súas descoidadas instalacións, aínda que a lei a quen obriga é aos propietarios. Antonio podería optar a ese posto de traballo, pero quedou cun palmo de fuciños porque o goberno de Juan Domingo Deus trampeou empregando persoal da Oficina de Información Turística, en contra da lei que protexe a guías como Antonio.

Agás no 2017, o Concello volveu programar visitas guiadas en 2018 e 2019 (con EU) e 2020, 2021 e 2022 (de volta co PP). O caso está denunciado na Xunta desde 2018, mais o expediente quedou no caixón dalguén sen volver moverse.

O Centro de Interpretación de Caldoval é outro reclamo importantne para Mugardos. Abriu as súas portas no 2017 (con EU, ICM e BNG) e no 2021 o goberno municipal do PP decidiu cambiar as condicións que se piden para traballar no Centro de Interpretación. Podería ser unha boa oportunidade para Antonio, que cumpre todos os requerimentos da lei como guía oficial nun BIC. Pero tampouco pode ser. O goberno do PP decidiu esixir para o posto un B2 especificamente de inglés. Nin o C1 de portugués nin o B2 de francés valen de nada a Antonio para Caldoval. Ao mesmo PP a quen non lle importan nin a lei nin os idiomas que se falen para o Castelo da Palma, agora interésalle moitísimo que se saiba inglés no Centro de Interpretación. Interésalle tanto, que incluso estivo disposto a despedir en menos de 3 semanas ás dúas traballadoras que tiña alí se non sacaban o B2 de inglés. Ao final, a pesar de que o secretario municipal recomendaba darlles 12 meses, dedixárono en 9, e grazas. De súpeto correulles presa. Tan xusto foi o prazo, que deixou a unha das traballadoras no camiño.

E aí estamos. En maio de 2024 Antonio segue sen ter a oportunidade de traballar como guía oficial de turismo en Mugardos. Se Juan Domingo se limitase a cumprir coa lei, Antonio tería dúas oportunidades laborais. Pero ao final, nin no Castelo da Palma, porque pide menos, nin no Caldoval, porque pide máis. Tampouco sabemos canto lle interesa o público estranxeiro ao goberno do PP, porque non usa a mesma vara de medir para os dous sitios. Pola vila circulan audios de Whatsapp que enredan máis este asunto, que xa é triste e feo de por si. Que llo pregunten a Antonio, ou á traballadora de Caldoval que botaron fóra.

* A Antonio pariuno a IA, non vaia ser que preguntedes por el. A foto do carné é pública.

26/01/24

"Son os da comisión, mamá!"



Soa o timbre de casa, abres a porta e atópaste dúas persoas. Veciñas da parroquia. Propóñenche que colabores poñendo cartos para recuperar as festas patronais. A túa é das últimas que quedan por visitar, pero antes do teu soaron máis de trescentos timbres, achegáronse a máis de setenta empresas de toda a volta, metéronlle varios milleiros de quilómetros ao coche e as horas dedicadas darían para cubrir varias nóminas. Só dúas persoas.

As festas do patrón sempre axudaron a alegrar a casa. Sacas o mantel grande, a vaixela de doce, encargas un lacón, reciclas o pouco que queda do turrón do nadal, unha sobremesa longa e xa hai que ir preparándose para ir ao campo da festa, que comeza a soar a música. Hai moitos anos estas datas facían as veces de pausa, de respiro para a xente que traballaba duro na terra. Hoxe a terra traballámola menos, pero a necesidade de pausar, de respirar e de reunirnos con xente coa que rir e brindar seguímola tendo. Nin un chisco menos.

A vila de Mugardos tivo comisión de festas ata o ano 2008. Desde o 2009 é o Concello quen se encarga de contratar orquestras e poñer os cartos, porque xa non hai quen timbre nas casas, nin visite empresas, nin gaste as rodas do coche por amor á parroquia.

Fóra da capital as cousas son distintas. O Seixo e Franza quedaron sen comisión de festas e sen festas no 2018, ata que xente volveu tirar do carro no 2023. Meá quedou varias veces sen ela, a última no 2020, pero na parroquia que acolle Forestal del Atlántico, Reganosa, o Galicia de Mugardos e ata o propio Casino Mugardés, nesta parroquia se as súas veciñas e veciños non fan a festa, ninguén vai vir facerlla. As pequenas resistirán mentres poidan, as grandes, en canto son asumidas pola administración pública, xa non teñen volta atrás. É o concello quen lle fai o choio á comisión, ou é a comisión quen lle fai o choio ao concello? Cara onde camiñamos?

No descanso da orquestra —ou a banda, incluso local, que tamén existen aínda que non lle gusten ás concelleiras de Cultura— alguén sube ao palco, agarra o micro e comeza a recitar un lote de agradecementos a quen colaborou en pagar a música, e os carteis, e os fogos, e os chourizos, a quen ofreceu premios para as rifas. Pero a festa en si mesma existe grazas ao esforzo de dúas persoas. A festa que ninguén máis bota ao lombo, nin sequera o Concello. Así que aproveito agora que teño o micro na man para dicirlles

Grazas.