21/11/07

Club Atlético Deportivo Leima



Non sabería dicir con cantos mugardeses das quintas do 1975 ao 1979 compartín as pistas polideportivas, campeiros e prazas de Mugardos enrolados nalgúns daqueles míticos "equipos de barrio" durante os anos 80. O Macabi, o Tropezón, A Pedreira, os da Cruz dos Caídos, a Calle María. Entre que eu era moi mediocre para iso do fútbol e que aínda era dos máis novos non tocaba moita bola no Macabi, así que marchamos un pequeno grupo de suplentes frustrados e decidimos que se non tiñamos sitio en ningún equipo habiamos de facer o noso propio. Xa daquela tiraba moito polo debuxo e soñaba escudos sobre as últimas follas das libretas de matemáticas. O noso equipo chamaríase "Leima" e o noso uniforme sería aquela camisola cun balón ben grande de baloncesto que viña coas bolsas (daquela eran bolsas) do leite Leyma. Todos tiñamos unha. E conta a lenda que co tempo aquel equipo fíxose grande, e chegou a ser nalgún momento o mellor de todo Mugardos. É certo, preguntade. Este de aquí era o noso escudo. Non precisei volver a velo para redebuxalo, repasei tantas veces os seus trazos que será das cousas que nunca esqueza. Que tempos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario