11/11/06

Sábado de manifestación




Hoxe en Ferrol o Comité Cidadán de Emerxencia organizaba unha manifestación para reclamar a paralización do proxecto de dragado da entrada da ría para facilitar o paso de gaseiros. Nos comentarios tendes o seu manifesto.

2 comentarios:

  1. MANIFESTO DO COMITÉ CIDADAN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL
    11 DE NOVEMBRO DE 2006
    O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol vos convocou hoxe para expresar o rexeitamento pola actitude dunha administración pública que non fai caso ás leis nin as decisións dos tribunais e pretende utilizar os recursos públicos que son de todos para unha actuación que non é necesaria e que de levarse a cabo degradararía aínda mais a Ría de Ferrol.
    O pasado setembro no Congreso dos Deputados, o Goberno Central respondeu que esixirá que se cumpran as decisións do Tribunal Supremo e os demais Tribunais, pero se ampara nun informe da Autoridade Portuaria do ano 2004 que recomenda dragar a canle de entrada e saída dá Ría.
    O 9 de outubro no Congreso dos Deputados, o Presidente de Portos do Estado, Mariano Navas, informou que a Planificación de Investimentos 2006-2010 da Autoridade Portuaria de Ferrol inclúe a proposta de dragar a canle de entrada/saída da Ría, cun custo dun millón e medio de euros para o ano 2007. Esta proposta da Autoridade Portuaria faise publica, cando está próximo a entrar en funcionamento o Porto Exterior en Cabo Prioriño que poderá recibir grandes buques e as mercancías perigosas ou nocivas, polo que non será necesario que entren ao porto interior.
    A mesma fonte oficial informou que dito dragado non é imprescindible nin obrigatorio. Polo tanto trátase dun gasto de diñeiro de todos os cidadáns para o que non existe xustificación; pero o actual Presidente da Autoridade Portuaria, nunha televisión local, manifestou que é para facilitar o tráfico de buques da Planta que Reganosa constrúe, dentro de Ría de Ferrol.
    Sen embargo Reganosa, no seu proxecto básico de xullo do 2000, ocultou que fose necesario ese dragado da canle de entrada/saída da Ría. Tamén o informe da Autoridade Portuaria, de 15 outubro de 2001, dicía que non era necesario, e non respondeu á pregunta que oficialmente e por escrito lle fixeron de se Reganosa pode cumprir a norma europea EN-1532. Dita norma di que, en caso de emerxencia durante a descarga, os metaneiros deben poder saír sen axuda allea e no menor tempo posible. Posteriormente, o dragado apareceu no proxecto constructivo de Reganosa, de xuño de 2003, o que foi copiado ao informe da Autoridade Portuaria de xaneiro de 2004. Pero en ningún lugar do expediente existe a garantía de que poida ser cumprida a devandita norma EN-1532 para a saída de emerxencia dos gaseiros, no caso dun accidente durante descarga
    Así mesmo tal dragado foi trasladado en forma de condición á autorización de construcción a Reganosa de febreiro de 2004. Segundo este condicionado, Reganosa tería que presentar á Autoridade Portuaria un informe técnico completo, xustificando a viabilidade técnica e económica. Dito informe non existe ou ocultouse aos cidadáns afectados. É evidente que non é a Autoridade Portuaria a que ten que resolver o condicionado, e menos, con cargo a fondos públicos. Na redacción deste condicionado continua sen estar garantida a saída de emerxencia de buques gaseiros, segundo require a norma EN-1532, que é de obrigatorio cumprimento. Mentres tanto Reganosa anuncia a entrada na Ría dos buques gaseiros con capacidade de 70.000 toneladas, que pretenden descargar a 1.500 metros de Ferrol Vello, a 800 do principal núcleo urbano de Mugardos, a 100 da poboación de Meá, a 2.000 da Graña, etc.
    O artigo 12 da directiva 96/82/CE, coñecida como Seveso II, para unha instalación perigosa como unha Planta de Gas, require unha ubicación suficientemente illada da poboación. Pero tamén ese requisito hai que telo en conta cos buques cargados de GNL, polo que non poden pasar preto das poboacións. En España o RAMINP require como mínimo a distancia de dous quilómetros, o que é imposible de cumprir dentro da Ría de Ferrol, onde a ruta de navegación dos gaseiros cargados de GNL, pasaría a menos de 1.000 metros das poboacións ribeirás.
    Tras esta decisión se esconde o interese dos promotores de Reganosa, empresa que non ten autorización para entrar en funcionamento, contra a que existen nove contenciosos admitidos a trámite, con dúas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulan a tramitación ambiental de Reganosa. Así mesmo na Comisión Europea existe un expediente contra o estado español por vulneración da directiva Seveso II de prevención de riscos de accidentes graves por sustancias perigosas.
    A medida que avanza a construcción de Reganosa, aumenta a preocupación da poboación ante a ameaza que supón. Agora, a primeira ollada pódese apreciar que Reganosa sería unha ameaza para a vida humana e o medioambiente, no caso de chegase a entrar en funcionamento, a maiores adosada a un complexo petroquímico, con 40.000 habitantes ao redor, nun radio de 3 quilómetros.
    Por outra banda queremos denunciar a falsidade ou carácter enganoso da palabra “dragado” que utiliza a Autoridade Portuaria; pois dadas as características do fondo rochoso da canle, en realidade está falando dun forte dinamitado para aumentar metros de calado, nun fondo de superficie rochosa, onde as agullas foron eliminadas hai uns 15 anos. Temos coñecemento que nas zonas de menos profundidade da canle existe unha falla tectónica na que un dinamitado podería provocar movementos de terra nas ladeiras adxacentes e afectar gravemente á poboación de San Felipe e aos castelos con edificacións do século XVIII incluídas na lista final para ser declaradas Patrimonio da Humanidade.
    Dito dinamitado da canle, ademais de que destruiría riqueza marisqueira, seria inútil porque aos grandes buques metaneiros, -pola súa envergadura e dificultades de manobra, dentro da Ría e na canle-, seguiríalles sendo imposible saír sen axuda allea e no menor tempo posible, como esixe a norma EN-1532 para a saída de urxencia de buques gaseiros. Pero ademais dita norma tamén esixe que a descarga dos buques gaseiros se realice fóra da canle principal navegable, Todos estes requisitos son posibles de cumprir no Porto Exterior de Cabo Prioriño, pero serían imposibles de cumprir na saída de emerxencia dos gaseiros que Reganosa pretende que entren a Ría de Ferrol. En definitiva que non é posible xustificar o dinamitado dos fondos rochosos da canle de Ría para favorecer a Reganosa.
    Por todo isto onte presentamos un escrito solicitándolle ao Presidente da Autoridade Portuaria o seguinte:
    a) Que reflexione e propoña ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol a anulación do “dragado” ou dinamitado da canle de entrada/saída que consta na planificación 2006-2010 de investimentos, e que o millón e medio de euros proposto o empregue na rexeneración da Ría de Ferrol, eliminando lodos e recheos como os do peirao carboeiro que Endesa vai deixar de utilizar. Tamén que promova un auténtico plan de usos compa¬tible co desenvolvemento sostible e coas esixencias medioambien¬tais do século XXI.
    b) Que propoña ao Consello de Administración a revisión, revogación e anulación dos informes da Autoridade Portuaria de Ferrol de 15/10/2001 e de 20/1/2004, favorables á autorización de Reganosa e realizados baixo o mandado dos anteriores Presidentes da Autoridade Portuaria, seguindo as instruccións do entón Conselleiro de Ordenación do Territorio D. José Cuiña, cando este participou de forma irregular, o 2 de marzo de 2001, nun Consello de Administración da Autoridade Portuaria, despois do cesamento de Guillermo Romero Caramelo.
    c) Que propoña ao Consello de Administración anular a concesión marítimo terrestre a Reganosa de 31/7/2002, outorgada vulnerando os requisitos que require a norma europea EN-1532, o Regulamento de Costas, a Lei da Mariña Mercante, a Directiva europea Seveso II, de prevención de riscos de accidentes graves por substancias perigosas, o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, chamado RAMINP, a lexislación vixente de avaliación de impacto ambiental, etc.
    Finalmente queremos unha vez mais deixar claro que por moi avanzadas que estén as obras de Reganosa, tratase dunha ameaza a vida humana polo que seguiremos con actuacións pola vía da Xustiza, e tamén esixindo solucións pola vía administrativa ao Goberno Central e da Xunta de Galicia, ademais da Comisión Europea e o Defensor do pobo Europeo, a fin de que Reganosa non chegue a entrar en funcionamento e ata que a súa ameaza desapareza da Ría de Ferrol. Non estamos en contra da Planta de Gas, pero si o que interesa e o gas para Galicia, poden ubicar unha planta de gas no Porto Exterior de Cabo Prioriño ou en mar aberto do golfo Ártabro coa tecnoloxía Off Shore.
    Por todo esto seguimos dicindo: ¡Defendamos a Vida a Ría e o Marisqueo!, ¡O dragado da Ría non e necesario!, ¡Planta de Gas Fora da Ría!.

    ResponderEliminar
  2. A verdade é que xa non sei que me molesta máis, se reganosa ou o propio comité.

    ResponderEliminar