25/10/24

O botón de gobernar

 

Di Juan Domingo Deus, insistentemente, que nada pode facer por moito que leve cinco anos continuados como Alcalde de Mugardos, porque todo, todo, todo é bloqueado sistematicamente pola oposición. Que nada disto sucedería se tivese maioría absoluta, ese poder que nunca lle concede o pobo.

Alguén despistado podería pensar que esta situación extraordinaria que vive Mugardos, cunha poboación ao límite da paciencia, é culpa dunha situación extraordinaria tamén no político, xa que nunca un goberno municipal afrontou a xestión municipal cunha desvantaxe de 5 contra 8. Mágoa de realidade para Juan Domingo.

Porque a realidade é que Mugardos leva vinte anos sen un goberno con maioría que lle dure. Desde que o PSdeG de Ramón Toimil deixou en solitario ao BNG de Barcia no segundo ano do mandato 2003-2007, ninguén volveu saber o que era ter unha maioría estable. Tívoa durante 14 meses a EU de Pilar Díaz coaligada con ICM e BNG, entre 2016 e 2017, e volveuna ter 5 meses en 2019 co PSdeG. Pero nin soubo nin quixo retela.

Dato mata relato. Juan Domingo Deus, tras 5 anos na alcaldía con practicamente o mesmo equipo de persoas, mantén o goberno máis lonxevo da democracia actual. Debería ser tempo suficiente para aprender a buscar maiorías como fixeron antes del os seus predecesores. O BNG do 2007 soubo facelo tamén con 5 edís. O PSdeG do 1995 con 4. O PCG do 1983 con 6… e Mugardos non entrou en colapso institucional como vai camiño de facelo co pior alcalde da democracia (dato obxectivo se temos en conta que nunca antes houbo unha concentración de protesta tan numerosa).

Juan Domingo leva 3 anos sen poñer enriba da mesa un borrador de orzamentos, unha ferramenta básica para gobernar con axilidade. Dixo recentemente, nunha entrevista na radio, que vai facelo en breve pero que, total, a oposición vaillo bloquear. 3 anos sen poñer un borrador enriba da mesa… Non é o único que está derivando en problemas no día a día da veciñanza, tampouco afronta a reforma de ordenanzas que necesitan actualizarse (como as da Escola de Música) e, en xeral, non somete nunca nada a negociación cos demais grupos municipais. Non é que non chegue a acordos, é que non os busca. Non é casualidade. Fía todo a repetir o da "oposición destructiva" mil veces sen saír do búnquer, ata que llo crean. E isto si que é unha situación extraordinaria, nunca antes vivida en Mugardos.

Xestionar un concello é algo máis que pasar un par de tardes polo despacho da alcaldía e pulsar o botón de gobernar. En democracia o título de "partido máis votado" non che dá dereito a roubarlle ao resto dos representantes o seu dereito a representar. En democracia a palabra clave é "maioría" e, se non a tes, estás na obriga de buscala. E se non estás disposto nin a intentalo, mellor marcha para casa.

23/05/24

Malos tempos para ser guía oficial en Mugardos

Este é Antonio Montenegro*, ten 37 anos e é de Barracido (San Xoán, Mugardos). É Técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística. Ademais de falar galego e castelán ten un C1 de portugués, que aprendeu por parte de pai, e un B2 de francés. Desde 2015 ten o carné que o acredita como Guía Oficial de Turismo de Galicia e tamén está afiliado á Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia.

A guías como Antonio a lei protéxeos desde 2015 do intrusismo laboral, de xeito que só quen acredita ser guía oficial pode impartir visitas guiadas a través dos Bens de Interese Cultural, e debe facelo exhibindo o seu carné publicamente. Para ser guía oficial en Galicia é preciso ter a titulación académica e, ademais, dominar alomenos unha língua estranxeira cun nivel mínimo de B2. Antonio ten todo iso.

O Castelo da Palma é un Ben de Interese Cultural moi importante para Mugardos. Sen dúbida, supón un reclamo para moita xente. Por iso o goberno do PP decidiu, no 2015, programar visitas guiadas polas súas descoidadas instalacións, aínda que a lei a quen obriga é aos propietarios. Antonio podería optar a ese posto de traballo, pero quedou cun palmo de fuciños porque o goberno de Juan Domingo Deus trampeou empregando persoal da Oficina de Información Turística, en contra da lei que protexe a guías como Antonio.

Agás no 2017, o Concello volveu programar visitas guiadas en 2018 e 2019 (con EU) e 2020, 2021 e 2022 (de volta co PP). O caso está denunciado na Xunta desde 2018, mais o expediente quedou no caixón dalguén sen volver moverse.

O Centro de Interpretación de Caldoval é outro reclamo importantne para Mugardos. Abriu as súas portas no 2017 (con EU, ICM e BNG) e no 2021 o goberno municipal do PP decidiu cambiar as condicións que se piden para traballar no Centro de Interpretación. Podería ser unha boa oportunidade para Antonio, que cumpre todos os requerimentos da lei como guía oficial nun BIC. Pero tampouco pode ser. O goberno do PP decidiu esixir para o posto un B2 especificamente de inglés. Nin o C1 de portugués nin o B2 de francés valen de nada a Antonio para Caldoval. Ao mesmo PP a quen non lle importan nin a lei nin os idiomas que se falen para o Castelo da Palma, agora interésalle moitísimo que se saiba inglés no Centro de Interpretación. Interésalle tanto, que incluso estivo disposto a despedir en menos de 3 semanas ás dúas traballadoras que tiña alí se non sacaban o B2 de inglés. Ao final, a pesar de que o secretario municipal recomendaba darlles 12 meses, dedixárono en 9, e grazas. De súpeto correulles presa. Tan xusto foi o prazo, que deixou a unha das traballadoras no camiño.

E aí estamos. En maio de 2024 Antonio segue sen ter a oportunidade de traballar como guía oficial de turismo en Mugardos. Se Juan Domingo se limitase a cumprir coa lei, Antonio tería dúas oportunidades laborais. Pero ao final, nin no Castelo da Palma, porque pide menos, nin no Caldoval, porque pide máis. Tampouco sabemos canto lle interesa o público estranxeiro ao goberno do PP, porque non usa a mesma vara de medir para os dous sitios. Pola vila circulan audios de Whatsapp que enredan máis este asunto, que xa é triste e feo de por si. Que llo pregunten a Antonio, ou á traballadora de Caldoval que botaron fóra.

* A Antonio pariuno a IA, non vaia ser que preguntedes por el. A foto do carné é pública.

26/01/24

"Son os da comisión, mamá!"



Soa o timbre de casa, abres a porta e atópaste dúas persoas. Veciñas da parroquia. Propóñenche que colabores poñendo cartos para recuperar as festas patronais. A túa é das últimas que quedan por visitar, pero antes do teu soaron máis de trescentos timbres, achegáronse a máis de setenta empresas de toda a volta, metéronlle varios milleiros de quilómetros ao coche e as horas dedicadas darían para cubrir varias nóminas. Só dúas persoas.

As festas do patrón sempre axudaron a alegrar a casa. Sacas o mantel grande, a vaixela de doce, encargas un lacón, reciclas o pouco que queda do turrón do nadal, unha sobremesa longa e xa hai que ir preparándose para ir ao campo da festa, que comeza a soar a música. Hai moitos anos estas datas facían as veces de pausa, de respiro para a xente que traballaba duro na terra. Hoxe a terra traballámola menos, pero a necesidade de pausar, de respirar e de reunirnos con xente coa que rir e brindar seguímola tendo. Nin un chisco menos.

A vila de Mugardos tivo comisión de festas ata o ano 2008. Desde o 2009 é o Concello quen se encarga de contratar orquestras e poñer os cartos, porque xa non hai quen timbre nas casas, nin visite empresas, nin gaste as rodas do coche por amor á parroquia.

Fóra da capital as cousas son distintas. O Seixo e Franza quedaron sen comisión de festas e sen festas no 2018, ata que xente volveu tirar do carro no 2023. Meá quedou varias veces sen ela, a última no 2020, pero na parroquia que acolle Forestal del Atlántico, Reganosa, o Galicia de Mugardos e ata o propio Casino Mugardés, nesta parroquia se as súas veciñas e veciños non fan a festa, ninguén vai vir facerlla. As pequenas resistirán mentres poidan, as grandes, en canto son asumidas pola administración pública, xa non teñen volta atrás. É o concello quen lle fai o choio á comisión, ou é a comisión quen lle fai o choio ao concello? Cara onde camiñamos?

No descanso da orquestra —ou a banda, incluso local, que tamén existen aínda que non lle gusten ás concelleiras de Cultura— alguén sube ao palco, agarra o micro e comeza a recitar un lote de agradecementos a quen colaborou en pagar a música, e os carteis, e os fogos, e os chourizos, a quen ofreceu premios para as rifas. Pero a festa en si mesma existe grazas ao esforzo de dúas persoas. A festa que ninguén máis bota ao lombo, nin sequera o Concello. Así que aproveito agora que teño o micro na man para dicirlles

Grazas.

16/06/23

Mugardos e a paz social

Tuviste una oportunidad y la dejaste escapar.
No hay nada que ahora ya puedas hacer,
porque a tu lado yo no volveré.

"Déjame", Los Secretos. 


Na miña opinión, Evaristo Deus e o BNG foron quen mellor lectura fixeron do momento político en Mugardos. Un candidato tranquilo, diplomático, con experiencia de goberno, representante dos mellores momentos do Bloque no pasado.

O pobo mugardés chegou á xornada electoral do 28M esgotado tras 12 anos de inestabilidade. Desde aquel 2011 no que PP e EU apuraron ata a madrugada do último día para chegar a un acordo e quitarlle a alcaldía ao BNG de Barcia. Desde entón, unha reconciliación en 2012 entre BNG-EU, unha concelleira tránsfuga, unha marea que irrompe con forza en 2015 cunha consulta popular que salta polos aires e dá a alcaldía ao PP de Juan Domingo, un brote de fake-news falando de 18 millóns desaparecidos do Concello, unha moción de censura en 2016 entre EU-ICM-BNG que lle dá a alcaldía á EU de Pilar Díaz, unha ruptura desa coalición aos 14 meses cando BNG e ICM marchan incapaces de controlar a unha alcaldesa desbocada, unha nova coalición en 2019 entre EU-PSOE que só resiste 4 meses ata que os socialistas rachan con argumentos similares a BNG e ICM, unha nova moción de censura que devolve a alcaldía a Juan Domingo, unha sentenza que obriga ao Concello a devolver case 6 millóns de euros a Reganosa...

Cada candidatura botou as súas contas. Nos plans do PP estaba subir en votos. Se cadra para chegar aos 6 escanos. A maioría absoluta case imposible. Nos plans de EU estaba subir en votos, apañando o voto de castigo ao PSOE por terlles feito a moción de censura. Nos plans do PSOE estaba resistir a marexada, tal vez gañando o recoñecemento por unha oposición dura contra o PP pero sen bloqueos. Nos plans do BNG había un borrón e conta nova, a candidatura máis renovada de todas para recuperar o sentidiño e os tempos nos que se sacaban proxectos adiante.

Cos resultados na man, as miñas conclusións son claras: o PP non só non gañou votos, senón que perdeu case 150 e baixou desa cifra simbólica que son os 1.000. Juan Domingo, que non entende como a súa excelente xestión puido ter tal castigo, tardou pouco en botarlle a culpa á xente, que vota mal porque "está moi ideoloxizada". EU levou o pau máis grande, case 350 persoas que en 2019 lle deran o voto a Pilar Díaz decidiron que xa non, que unha oportunidade si, incluso dúas, pero quedaba claro que os seus gobernos eran máis un problema que unha solución. O PSOE resistiu. Poucos contarían con que José Ángel mativese os 3 edís logo da moción, pero mantívoos. Tomen nota. E o BNG, con Evaristo á fronte, apañou ese voto que pide osíxeno a berros, que necesita un pouquiño de paz social e calmar as augas.

Pero conclusións hai moitas, cada quen ten a súa. A máis pintoresca, ao meu ver, a da propia Pilar Díaz e, por asimilación, de Esquerda Unida: "o PSOE é culpable de que goberne o PP, que fixo moito mal, polo tanto non imos permitir que goberne o PSOE e deixaremos que siga gobernando o PP". Unha interpretación surrealista que dificilmente representa o sentir das 435 persoas que aínda lles votaron.

O BNG quedou a 105 votos do 4 escano, que lle tería quitado ao PP. De repetirse hoxe as eleccións teño clarísimo que eses 105 votos, e bastantes máis, sairían da conta de EU, que quedaría con 1. A coalición BNG-PSOE tería maioría absoluta e Pilar Díaz pecharía a súa biografía política sen necesidade de pasar por esta aldraxe. Pero ao pobo só lle deixan falar cada 4 anos, que poden ser moitos ou poucos, dependendo. Iso si, cando fala, fala.

15/05/19

A gran aposta


La ciudad parece mi amiga,
hoy es mi día y nadie me lo va a arruinar.
Las chicas de la esquina ríen con picardía,
yo se que es lo que quieren y se lo voy a dar.


"Salta!!" (Tequila, 1981)

No 1991, hai 28 anos, Pilar Díaz tomaba posesión da acta de concelleira por primeira vez. Incorporábase a unha candidatura que volvía xuntar a Esquerda Unida de José Manuel Iglesias e o Partido de los Trabajadores de Galicia - Unidad Comunista de Manuel Fariña logo da ruptura no 1987. Obterían 5 escanos que serían insuficientes para manter o goberno, polo que os primeiros catro anos da hoxe alcaldesa foron na oposición.

Marchaba do Pleno no 1995 para volver no 1999 como única representante electa de Esquerda Unida, que sufría unha nova escisión con Manuel Fariña á cabeza. Desde entón 20 anos ininterrompidos nos corredores consistoriais. Os primeiros 12 bogando en solitario, os 8 últimos cun grupo municipal de 3, aínda que ninguén de xeito permanente (polo grupo municipal pasaron xa Ramiro Pérez, Genaro Prieto, Manuel Arias, Dora Saavedra, de novo Genaro Prieto, Lola González e Tano López).

Podería dicir que son moitos anos de coñecemento que serven para construír un proxecto político sólido (incluso calcificado). Pero sería contraditorio co que sucedería realmente no último mandato. Pilar Díaz pasou da marxinalidade política a ser a primeira forza da esquerda abandeirando durante anos a loita contra a pranta de gas, a denuncia dos entramados urbanísticos ("Caso Virgin"), o reparto xusto de subvencións, os dereitos sindicais ou a igualdade de xénero. Incluso foi, nos anos previos á irrupción da Iniciativa Cidadá de Mugardos, quen puxo a "Participación Cidadá" na axenda da política municipal.

En agosto do 2016, por fin, collía as chaves do despacho da Alcaldía. Facíao grazas a acordar con ICM e BNG a formación de goberno onde nós (ICM) poderiamos activar orzamentos participativos e reactivar políticas de rehabilitación urbana e o BNG xestionar o eido sociocultural. Abondoulle apenas un ano para deixarnos claro que o acordo, para ela, fora só unha escusa para acadar o bastón de mando que perseguía desde había décadas. Nunca houbo espazo para traballar de igual a igual nin de sacar adiante nada que se desviase do seu criterio, por moito que o recollese o acordo de goberno.

O problema é que tampouco hai tal criterio. Cada unha das bandeiras erguidas anos atrás foron quedando no camiño: a loita contra a pranta de gas deu paso a "protocolos" de colaboración con Reganosa que poñen en alerta á plataforma veciñal; o mesmo "entramado urbanístico" denunciado no 2007 goza agora de contratos directos en proxectos clave; o reparto xusto de subvencións quedou nunha rede de convenios de aspiración clientelar; a loita sindical convertiuse nunha loita contra os sindicatos, aldraxados durante meses nunha esperpéntica negociación do convenio que trouxo a Mugardos a primeira manifestación sindical contra un goberno da era democrática; o camiño da igualdade de xénero levouna aos tribunais por presunta violación do dereito fundamental á folga de dúas traballadoras municipais nada menos que durante o 8M. A participación cidadá, en fin... non foi máis que unha cenoura atada a un pau para salvar o último chanzo (ICM) que a separaba da súa meta. No último ano e medio reduciu á mínima expresión o papel do Pleno como máxima representación política do pobo. O pobo é ela.

Como quen gabea por unha escaleira e vai rompendo ao seu paso os chanzos que lle serviron de impulso, Pilar Díaz atópase no cumio da súa carreira política, pero sen camiño de volta. A súa é unha aposta a dobre ou nada. Considérase sabedora do éxito electoral: festas e asfalto. Racaneou o orzamento en cultura co BNG ata que o sacudiu de enriba e daquela disparou o gasto ata superar Ferrol nas festas de verán (250.000 € na cidade fronte case 400.000 € só na vila). O alquitrán taponou calquera outra alternativa de investimento da oposición. Nin falar de gasto en planificación estratéxica. Ninguén mellor que ela sabe o que necesita Mugardos.

A aposta é arriscada, porque fía todo a mellorar os resultados do 2015 e ser a candidatura máis votada a esquerda e dereita. Quedar por detrás do PP obrigaría a petar na porta de BNG e PSOE. Un papelón logo de telos humillado. Se nacionalistas e socialistas suman o suficiente o razoable sería que formasen bipartito deixándoa como dique de contención da dereita. O razoable e o digno. E aí está a clave desta cita electoral para Mugardos. Un all-in a gañar (tamén por incomparecencia dos rivais). A gran aposta de Pilar Díaz 28 anos despois.

23/09/18

E se Mugardos e Ares se fusionasen?


Ímoslle dar outro pouco á política-ficción a conta dun clásico. O debate sobre a fusión de concellos foi caendo no esquecemento, pero iso non quita de que poidamos volver botar contas do que sería o noso Concello de Bezoucos e en que quedaría a suma de dúas realidades ben distintas, como son as de Mugardos e Ares.

Velaí está. Tomando os datos das eleccións municipais do 2015 nas dúas circunscricións, mesturándoas e pasándoas pola calculadora d'Hont, temos como resultado unha corporación con dous partidos dominantes (PP e PSOE), dous grupos sólidos (BNG e SON) e un convidado sorpresa (ICM) que acada representación malia presentarse só nun concello, algo que non consiguen nin NAL nin Gañemos.

O PP é o partido que suma máis votos cun resultado semellante nos dous municipios, pero seguido moi de preto polo PSOE, que perde a posición respecto do 2011 e resiste grazas aos votos de Ares. Algo semellante pasa co BNG, quen agora suma no sur da península máis votos que no norte, e iso era algo que non acontecía desde os anos 90. Con todo, as tres forzas con máis tradición terían perdido base electoral abrindo paso ás candidaturas emerxentes no 2015: SON de Ares e Iniciativa Cidadá de Mugardos (EU-Os Verdes-SON tamén baixa respecto a candidatura de EU no 2011).

O partido en mellor disposición para formar goberno sería claramente o PSOE. Con 5 escanos precisaría outros 4 para a maioría absoluta (9 dos 17 que lle correspondería a Bezoucos por superar os 10.000 habitantes) e iso produciría unha situación curiosa: entre BNG, SON e ICM alomenos dous serian necesarios, pero calquera dos tres podería ser prescindible. Ao PP quedaríalle a pataleta do “pacto de perdedores”, ainda que os seus resultados non lle desen para gobernar nin no máis favorable dos supostos da proposta de reforma electoral ad hoc que eles mesmos propuxeron recentemente.

E por último quedaríanos determinar de se SON de Ares sería homologable a EU-Os Verdes-SON ou realmente á Iniciativa Cidadá de Mugardos. O mapa das “candidaturas de confluencia” ou “unidade popular” é complexo, e así como a marca SON foi nexo de unión no 2015, o día a día e o traballo colaborativo ligaron a de Ares coa Iniciativa mugardesa, con quen xa realizou actos públicos xunto con xente de Neda, Cabanas ou As Pontes. Pero ese debate xa sería máis propio do 2019.

O dito: pura política-ficción nunha tarde de domingo ;)

29/08/18

Lume provocado



Na noite do 27 ao 28 de agosto caeron en Galicia máis de 300 raios. Boa parte deles concentráronse no Golfo Ártabro, provocando ás 3:09 un incendio en Montefaro (Ares) e ás 4:06 outro en Doniños (Ferrol). Como un e outro entran dentro do mesmo distrito forestal, houbo que repartir recursos, complicando a loita contra o lume. A Montefaro acudiron dous axentes forestais, nove brigadas, catro motobombas e unha pa mecánica, ademais do GES Mugardos. Ás 8:27 estes últimos denunciaban que co cambio de quenda quedaría só un operario, cousa que non acontecería porque membros do corpo continuarían traballando voluntariamente. Pasadas as 10:00 da mañá incorporábanse dous helicópteros e logo seis axentes, cinco brigadas e tres bombas de rego máis.

Case en paralelo declarábase outro incendio sobre o terreo xa queimado das redes sociais mugardesas. Ás 9:36 o Partido Popular xa estaba pedindo a dimisión da alcaldesa en relación directa co incendio de Montefaro, por ter baixo mínimos o plantel do GES en plena época de risco. Ás 11:07 engadía unha foto dela e a tenente de alcalde tomando un café nunha terraza para alimentar a súa turba de fanáticos. Primeiro foco de lume virtual. Ás 17:02 Esquerda Unida espertaba, tras máis dun mes inactiva nas redes, para responderlle ao Partido Popular que atribuír á alcaldesa un incendio por causas naturais e en territorio de Ares era levar moi lonxe a precampaña. A nota esquivaba a cuestión do GES (no mes de xuño o Pleno xa rexeitara a paralización temporal do servizo cos votos de toda a oposición) e tamén deixaba un arrecendo a soberbia e victimismo calculado. Segundo foco de lume virtual.

O incendio de verdade, o de Montefaro, dábase por controlado ás 16:59 levando por diante 10 hectáreas (182 ferrados e medio). O outro, o de mentira, non ten visos de extinguirse, como mínimo, ata o vindeiro mes de maio.

Nesta longa precampaña electoral Juan Domingo Deus necesita que prenda lume o despotismo de Pilar Díaz, e Pilar Díaz necesita que prenda lume a demagoxia de Juan Domingo Deus. Cada quen para que a súa xente volva á trincheira nun campo de batalla abrasado durante anos. Nun debate que loita por ser binario: ou el ou ela. Máis lume e menos árbores (porque, iso si, falando de árbores saben entenderse). Isto xa o vimos antes e cheira a napalm reseso, como unha versión telefilm de "Apocalypse Now" que repuxeran cada pouco tempo. E xa cansa.

O 80% das mortes nos incendios prodúcense por asfixia.

15/08/18

Xornalixo



No outono do 1995 a TVE 1 presentaba El Semáforo como a nova creación de Chicho Ibáñez Serrador. Andaba eu nos 18 anos, pero aquel programa xa me parecía unha garrulada feita por e para que la gente de ciudad fixese mofa da recua de miñaxoias que desfilaban cada semana. Xusto 10 anos despois, no outono do 2005, nacía Cuatro como unha nova canle de televisión dirixida ese público progre pero sin pasarse. Programas como Callejeros convertíronse na súa bandeira. O formato non deixaba de ser, basicamente, o mesmo que o de "El Semáforo": convertir xente marxinal en producto de entretemento. Igual de noxento. A versión refinada do lixo televisivo que consumen as clases populares en Tele 5, pero para aquela que se cre clase media.

O luns 13 de agosto esa canle, Cuatro, emitiu un novo episodio de "En el punto de mira", un programa que xa vai pola terceira tempada e que é ao xornalismo de investigación o mesmo que a homeopatía á medicina. Tocaba viaxar a Galicia para descubrirnos o narcotráfico, o furtivismo e a crise do polbo. Logo de escoitar diretamente da xente do mar como este foi desaparecendo das rías ocorréuselles pasar pola XXVIII Festa do Polbo de Mugardos para deslizar a sospeita de que o que se servía era polbo africano. Así, sen máis. Coa escusa de darlle voz aos primeiros que pasan, como se emitisen en directo. Co único contraste da concelleira que insistía en que o polbo ten todas as garantías de ser galego, que o é. A pseudorreportaxe enfatizaba nas sospeitas. Non tivo a ben documentar nada do que insinuaba. Tirou a pedra e escondeu a man, porque do que se trataba era de entreter, de dar que falar á volta das vacacións no gastrobar de Chamberí. E así foi como Cuatro convertiu nun produto de consumo capitalino as desventuras provincianas, vendendo esa Galicia escura, de xente que non quere falar de Sito Miñanco e mete gato por lebre no marisco.

Canto dano gratuíto lle pode ter feito o xornalixo a décadas de traballo a cambio dunhas risotadas de verán.

12/05/17

Xogar á quiniela (BCPCPM XXX)



Hai dúas cousas que se lle están dando especialmente mal a este Partido Popular de Mugardos que dirixe o seu "novo presidente" Juan Domingo Deus: xogar á quiniela e falar co movemento asociativo.

Digo o de xogar á quiniela porque resume moi ben a súa estratexia política dos últimos anos, consistente en insinuar corruptelas, procurando manexar con cautela as palabras, dando a entender sen chegar a dicir, para que sexa a xente do seu contorno máis fanatizada a que dea ese último pasiño da acusación falsa e progresivamente desmedida. E a ver se cola.

Xogaron á quiniela coa célebre auditoría, insinuando unha trama corrupta que roubara 18 millóns de euros do patrimonio municipal. Palabras maiores! E tan maiores, se temos en conta que o Concello de Mugardos manexa un orzamento anual entorno aos 6 M€. Pero é que oficialmente abondoulles con medir as palabras, cortar por aquí, pegar por alá e deixar caer cifras e feitos sen especial interese en darlles conexión. A súa xente, concentrada diante do concello ao berro de “¿¡Dónde están los millones robados!?” fixo o resto, ata que o Tribunal de Cuentas veu dicir iso de “Dispérsense, aquí no hay nada que ver”.

Xogaron á quiniela coa Festa do Polbo, procurando golpear primeiro nos detalles sobre un cambio de plantexamento que se facía necesario. Como no triángulo de Kanizsa, quixeron ver o que non había e apostaron por afirmacións como a de que este ano teriamos unha festa con pulpeiras como a de Carballiño, que se os tiquets íanse vender previamente nos bares, ou o seu preferido, o de que “van a venir los de Melide a enseñarnos a hacer pulpo a la mugardesa”. O seu contorno encargaríase de subir o ton e incluso facer un chamamento ao boicot. Pero resulta que non, que os milleiros de visitas que recibe Mugardos no seu día grande non van notar máis que un salto adiante na organización de cada detalle, e que a dirección da cociña vai ser cousa dun chef de Rh mugardés a quen ninguén lle vai ter que ensinar a preparar a nosa receita xenuína. Porque este ano, ademais, faise máis fincapé que nunca en que a Mugardos non se ven comer o polbo á feira como no resto de festas do país, senón o noso, co noso rustrido de cebolas e pementos. Aspecto que xa se plantexara na comisión organizadora do 2016 pero que o PP, unilateralmente, tivera a ben non facer nin caso (para iso quería o PP as comisións e os acordos plenarios).

Outro dos argumentos estrela do PP para atacar o replantexamento da Festa foi o do papel das asociacións culturais e deportivas, que deixan de ser as responsables de elaborar e servir case 4.000 racións de polbo para pasar esa tarefa a mans de profesionais da hostalería. Erixiuse en portavoz de todas e cada unha delas sen as consultar. Impacientes e incómodos porque estas non puxesen unanimemente o berro no ceo polo cambio, atrevéronse incluso a acusalas de ter vendido o seu silencio. E aquí é onde atopamos a segunda das debilidades dos populares: a súa relación co movemento asociativo.

Juan Domingo Deus foi alcalde durante 14 meses, tempo que debería ter sido abondo cando menos para sentarse a falar coas sociedades e renovar os convenios que lles desen liquidez para afrontar o exercicio 2016. Nada de nada. 14 meses, que son máis dun ano enteiro, sen asinar un só convenio, sen tan sequera comezar a negocialo. O primeiro que fixo o goberno actual en canto tomou as rendas do Concello foi chamalas e rescatalas do abandono “popular”. Pero, por algún motivo, o PP prefire falar-en-vez-delas a falar-con-elas e atopámolo agora como abandeirado do financiamento das entidades... sen preguntarlles primeiro. Wow!

A última das evidencias deste déficit de diálogo coas asociacións chega coa convocatoria da V Feira Veciñal. Juan Domingo Deus non tiña máis que falar co seu propio compañeiro, José Antonio López, para saber que o goberno mantivo ao tanto verbalmente á oposición da solicitude de celebración da Feira, e que a documentación escrita e necesaria unha vez entrada en vigor a primeira ordenanza de venda ambulante de Mugardos (que o PP prometera para comezos de 2016, pero que sacou adiante ex novo o actual goberno) foi incorporada á comisión informativa en canto se recibiu. Ou mellor aínda, consultar coa propia Comisión de Festas de Mehá, a organizadora, para evitar o papelón que supón acusar ao goberno de ocultar información sobre o evento cando a realidade é diametralmente contraria.

Pero é que esa é a estratexia escollida hai xa tempo polo equipo de J.D. Deus, a do “calumnia, que algo queda”. A de xogar á quiniela, a ver se toca. A de falar en boca dos demais, pero sen falar cos demais. O malo é que non se lle está dando moi ben nin unha cousa nin a outra.

02/10/16

Onde está a maioría social en Mugardos?



Trá-los resultados das eleccións á Xunta de Galicia do pasado 25-S nas mesas de Mugardos comezáronse a oír algunhas voces do eido conservador preguntándose onde está a "maioría social" de Mugardos. Cuestionaban así un dos principais argumentos sostidos polos grupos do goberno municipal actual cando promoveron a moción de censura. Pero, onde está realmente esa "maioría social"?

Un pouco de política ficción


Calquera análise superficial das oscilacións entre convocatorias electorais amosa de inicio que ten moi pouco que ver o que vota unha boa parte do censo no ámbito municipal, galego ou estatal. O xeito máis preciso de botar conclusións é analizando resultados dentro dun mesmo tipo de convocatorias. Aínda así, non son pocos os medios que unha vez coñecidos uns resultados dan conta da súa extrapolación noutro eido. Neste caso animeime a levar as cifras do 25-S a unhas elecciós municipais en Mugardos.

O primeiro e principal destaque, neste caso, sería o da asimilación de dúas candidaturas (EU-Os Verdes-Son e Iniciativa Cidadá de Mugardos) nunha mesma papeleta, a de En Marea, que recibiu o apoio dos dous grupos. O segundo, que a maioría absoluta que o PP colleitou no conxunto de Galicia frustraríase neste municipio unha vez máis. Nunca o Partido Popular acadou a metade máis un dos votos nas mesas mugardesas. Sen embargo, outra das lecturas que se fan estes días é que a suma dos apoios que representa o actual goberno municipal (En Marea + BNG = 989 votos) sería menor que a do PP (1161 votos). En efecto, para poder cadrar definitivamente as contas sería preciso sumar os 497 acadados polo PSOE (en total sumarían 1486 votos, 325 máis que o PP nun dos seus mellores resultados).

A maioría social desde as últimas municipais


As eleccións xerais do 20-D foron, das catro últimas convocatorias, as que acadaron a maior participación. Nelas a candidatura máis votada foi En Marea (1034 votos), seguida a moi pouca distancia polo PP (1000 votos). O BNG sería o principal damnificado nesta ocasión (perdía 250 votos). No segundo intento de formar goberno no Estado, o 26-X, a abstención castigou especialmente a En Marea (-140 votos) e BNG (-101 votos), aínda sendo dificil cuantificar o volume do probable trasvase de votos dunha a outra candidatura. Isto convertiría o PP en primeira forza electoral. Con todo, o número de votantes progresistas seguiría superando os conservadores.

O domingo pasado o PP revalidaba unha cómoda maioría absoluta gañando en case tódolos concellos do país. Tamén en Mugardos, onde mobilizou un número levemente crecente de votantes respecto das xerais de xuño, pero tamén das galegas do 2012. A abstención volveu ser o gran hándicap para PSOE e En Marea, que tamén viu como o BNG recuperaba 199 apoios desde xuño. Mais se reparamos na evolución dos resultados no mesmo ámbito (Galegas 2012 e Galegas 2016) a tendencia é positiva para PP e AGE/En Marea fronte PSOE e BNG.

As municipais son outra historia


En Mugardos as convocatorias municipais producen un efecto mobilizador do voto afín aos partidos progresistas e, ao mesmo tempo, desmobilizador do voto ao PP. Os mellores resultados deste último acadaríaos Encarna Sánchez no 1999 na única ocasión, ata o 2015, no que o PP conseguira ser o máis votado (malia as recentes afirmacións da historiadora María Fidalgo Casares nunha delirante cróncia en Mundiario). Nese ano 1999 o PP acadaría o seu teito electoral local (1261 votos, 35,8%) que sería tamén aplicable en galegas, xerais e europeas. Moi lonxe aínda de representar unha "maioría social".

O mellor resultado da democracia acadouno o Partido Comunista de Galicia encabezado por Ángel Cortizas no 1979 con 1644 votos (46,5%). Foi tamén o ano no que máis distancia houbo entre primeira e segunda forza (20,8 puntos). Malia o seu endémico fraccionamento, o dominio da esquerda é total e mantén alonxado o voto conservador dunha hipotética maioría. Nos 10 comicios electorais desde o 1979 ata o 2015 o PCG-EU dominou en 4, o BNG en 3 e o PSOE en 1. O voto de centro-esquerda nunhas municipais nunca foi inferior ao 63% (1999), chegando ao 80% no 2007.



Á vista dos datos, nin presentándose Feijóo conseguiría rachar a hexemonía progresista. A "maioría social" nestes lares resiste as lecturas triunfais que poidan chegar en quente desde as bancadas populares.