28/05/2009

Mugardos en Internet (V): Concello de Mugardos



Logo dunha paréntese de dous meses e pico retomo a análise das principais webs mugardesas. Desta volta tócalle á do Concello de Mugardos e, se ben no momento da análise xeral obtivo un 4,7 algúns cambios dende aló provocan que para hoxe faga unha pequena corrección. Por partes:

Deseño e estrutura: o apartado forte da web, e onde destaca por enriba das demáis. Ten dominio de seu e as URLs das distintas páxinas son bastante limpas. Google ofrécenola como primeiro resultado da procura "mugardos", o seu deseño axuda á navegabilidade e dispón de versión en galego, castelán e inglés, ainda que esta última presenta contidos diferenciados, de orientación fundamentalmente turística.

Contidos: Dende fai xa demasiados meses desapareceu a información da xestión política da sección "Últimas novas". Porén, dun tempo para acó mantense un bo ritmo de actualización da axenda socio-cultural, taboleiro de anuncios e información sobre cursos e convocatorias. Ademais, non deixou de publicar as actas de Plenos e Xuntas de Goberno. Isto fixo que subise a nota dende a primeira análise neste capítulo do 5,3 ao 6,4 e no global do 4,7 ao 5,0.

Participación: A web non ofrece posibilidade algunha de interacción mediante comentarios ou un buzón público de suxestións.

Comentario: A web pública, a web na que o Goberno Municipal informa aos veciños/as podería ter moita máis vida da que hoxe ten. Actualizala con novas como se facía durante os seus primeiros meses só ten vantaxes, polo que é incomprensible o desleixo que padece. A maiores, sería positivo atopar unha fórmula de participación da veciñanza, ben coa posibilidade de comentar a actualidade, ben coa creación dun buzón aberto no que se publicasen as preguntas dos/as veciños/as que atopasen resposta nos membros da corporación, abrindo así a web a todos/as.

5 comentários:

  1. Participación dos veciños?...
    César, é vostede un... un roxoooooooo!!!
    E un despistado. Xa temos un partido e un sindicato que velan por nós e que nos din o que queremos, porque non o sabemos.
    P.D.: o Pepé e Galicia Bífida ben merecían un tratamento "de deseño" pola túa banda...

    Maximilien (sección Roi Xordo)

    ResponderExcluir
  2. Refírome especialmente ó Pepé de Mugardos: a ver se aprenden educación e escriben o seu blog na lingua do país, deste país, concretamente.

    ResponderExcluir
  3. É que son os mesmos fachas de sempre... e nacionalistas (españois) agresivos...

    Maximilien (sección Gallaecia Fulget)

    ResponderExcluir
  4. Benquerido Maximilien, ¿comeza vostede a fragmentación en pequenos grupúsculos tan propia da esquerda? Ao Pepé eu recomendaríalle cambiar de rexistro. A súa bitácora, máis que o voceiro oficial dun partido político con aspiracións de goberno, semella a transcrición dun monólogo de tasca. Pero en fin, tampouco ía ser o meu voto o que conquistasen.

    ResponderExcluir
  5. Non é fragmentación da esquerda. Levo anos tentando superar unha encefalodiglosia, moi común no noso país, da que a diglosia oficialmente recoñecida só é un pálido reflexo.
    Non é que a teña superada, ni nsequera sei se o lograrei. O que sei, por experiencia propia, é que a escola e a sociedade, calada pero agresivamente, fan ós nenos galegofalantes torcer cara á Estrada de Castela, e que isto se ve como "normal", mentres que a situación contraria, a que non existe, é sistemáticamente denunciada por unha banda de sinvergoñas que non saben onde viven nin amosan xamáis o máis mínimo amor pola súa terra... non sendo diante dun plato de marisco.
    Con respecto á esquerda, á clásica, con tódolos seus matices, creouse unha identidade que pouco ou nada ten que ver có país, feita de retallos ideolóxicos de fóra... e das clases "altas" dalgunhas cidades de aquí. Os máis avanzados sorrín displicentes, porque non entenden o "paradoxo" da estrela vermella sobre unha bandeira nacional. Argumento de peso, si, dos que fragmentan á esquerda... De todos modos, a experiencia demostra que se queren gobernar, han ter que entenderse e, certa parte deles, reintegrarse á súa propia historia e entenderse có seu propio país. Aí queda.

    ResponderExcluir