10/02/08

Entroido 2008 na dúas veces real vila



Érgome da cama, repaso as constantes vitais e comprobo que sobrevivín ao tequila "Camino" de Poche. Procedo a sacar á luz o documento gráfico que demostra a existencia de carallada entroideira máis alá do enterro da sardiña na terra do polbo. Incluso hai que di ter visto ao verdadeiro Súper-Man pululando. Non hai probas.

09/02/08

O Clic



Se a rabiosa actualidade ou a miña innata inconstancia non o remedian, as vindeiras entradas serán o froito de remexer no meu particular "Baúl das Lembranzas" (uséxase: vellas copias de seguridade en CD dos documentos do PC). Nel veño de atopar isto. ¿Que é isto? Pois isto é a portada dun paquete de actividades educativas que deseñei nos meus tempos de mestre de informática. O Clic (programa que recomendo a nais e pais con nenos/as en idade escolar) fora todo un descubrimento. Era entretido, gustáballes especialmente aos máis novos e, nunha época na que o IRC causaba furor, mantíñamos alonxados das ansias polo chateo con anónimos (moito ollo co que hai por aí adiante). E ao ver seis anos despois a portada que fixera para o paquete de actividades (temática informática, claro) decateime de que xa se albiscaban as miñas dúas paixóns: o deseño gráfico e esta dúas veces real vila que chamamos Mugardos. Entrañable :)

05/02/08

Ferrol, polo mar e pola vida (na morte de Carmelo Teixeiro)



Hoxe morreu Carmelo Teixeiro.
Hoxe o vento non deixou entrar ao «Cheikh el Mokrani», 14º gaseiro, na ría de Ferrol.

04/02/08

Kay tamén é mugardés



Prégovos informedes ao dono se atopades este can pola volta. Escapou o domingo 3 da súa casa. El tamén é mugardés.

Actualización: Xa podedes durmir tranquilamente. Kay apareceu! ;)

10/01/08

El tamén é mugardés



Xa vos tardaba, non o neguedes :)

"Num buraquinho da parede lá de casa,
tinha um grilinho que fazia cri cri.
Minha mulher gostava muito d'ouvir,
a cantiga do grilo e não me deixava dormir."

(Soa de fondo O Grilinho de Quim Barreiros)

07/01/08

I Campionato Mundial de Rondas Mugardesas



Rematou o Nadal 2007-08 e con el a saúde das miñas cordas vocais, pero pagou a pena. O I Campionato Mundial de Rondas Mugardesas foi un éxito de participación e ambiente bo-rollo (malia que menda caeu en primeira rolda). Os Porteritos, reclutados no último suspiro do plazo de inscrición, foron finalmente os gañadores. Os siareiros reclaman unha pronta re-edición do Campionato e o ruxe-ruxe apunta ás vésperas de Semana Santa. No flickr colguei a reportaxe gráfica do evento, por se gostades :)

03/01/08

E o Rei do Ránking das Rondas é...



¡¡¡O' Trope!!!

Pablo, Gemi e Roberto xa son os gañadores dun xogo de camisolas personalizadas e acreditativas do galardón.

Ben, e agora explícovos: o sábado 5, ás 20:30 (uséxase, á hora das rondiñas previas a saír guapos pola noite) celebraremos o Campionato Mundial de Rondas Mugardesas no local campión, sito onde todo o mundo debería saber a estas alturas. Dende as 20:30 ata as 21:00 poderán inscribirse tódalas parellas que queiran participar. Extraerán un número dun receptáculo opaco que lles asignará o primeiro emparellamento. Dende as 21:00 comezarán As Rondas Mugardesas aos dados (póker ao mellor de tres palotes e o que perda paga, claro).
Para a parella que saia gañadora haberá unha camisola (para cada membro) que os acredite como campións do Ránking das Rondas. Recibirán tamén unhas camisolas de deseño exclusivo mugardés (a escoller entre varios modelos por cortesía dun menda lerenda). E sobre todo... terán consumido catro rondas pola cara!!!

E se non vos quedou totalmente claro, velaí o cadro de eliminatorias:



NOTA: o Campionato non establece que consumicións teñen que ser xogadas, polo que a decisión recaerá nas parellas contrincantes ao comezo de cada ronda. Calquera outra dúbida, facédea nos comentarios.

Alea jacta est.