
Logo dunha paréntese de dous meses e pico retomo a análise das principais webs mugardesas. Desta volta tócalle á do Concello de Mugardos e, se ben no momento da análise xeral obtivo un 4,7 algúns cambios dende aló provocan que para hoxe faga unha pequena corrección. Por partes:
Deseño e estrutura: o apartado forte da web, e onde destaca por enriba das demáis. Ten dominio de seu e as URLs das distintas páxinas son bastante limpas. Google ofrécenola como primeiro resultado da procura "mugardos", o seu deseño axuda á navegabilidade e dispón de versión en galego, castelán e inglés, ainda que esta última presenta contidos diferenciados, de orientación fundamentalmente turística.
Contidos: Dende fai xa demasiados meses desapareceu a información da xestión política da sección "Últimas novas". Porén, dun tempo para acó mantense un bo ritmo de actualización da axenda socio-cultural, taboleiro de anuncios e información sobre cursos e convocatorias. Ademais, non deixou de publicar as actas de Plenos e Xuntas de Goberno. Isto fixo que subise a nota dende a primeira análise neste capítulo do 5,3 ao 6,4 e no global do 4,7 ao 5,0.
Participación: A web non ofrece posibilidade algunha de interacción mediante comentarios ou un buzón público de suxestións.
Comentario: A web pública, a web na que o Goberno Municipal informa aos veciños/as podería ter moita máis vida da que hoxe ten. Actualizala con novas como se facía durante os seus primeiros meses só ten vantaxes, polo que é incomprensible o desleixo que padece. A maiores, sería positivo atopar unha fórmula de participación da veciñanza, ben coa posibilidade de comentar a actualidade, ben coa creación dun buzón aberto no que se publicasen as preguntas dos/as veciños/as que atopasen resposta nos membros da corporación, abrindo así a web a todos/as.