
Recibo o mércores 27 de xuño, na sobremesa, unha chamada ao teléfono da casa. Do outro lado unha voz de muller pídeme 5 minutos para respostar a unhas preguntas. Na primeira delas quere coñecer o que para min son os tres principais problemas de Mugardos: "o primeiro a planta de gas". Tivo a súa graza, porque a partir de entón o resto das preguntas estaban claramente direccionadas para obter as respostas desexadas, sen moita marxe para as posturas críticas: que se coñezo o plan de emerxencia de Reganosa, que se a planta de gas creará postos de emprego, que se creo que Galicia precisa dunha industria deste tipo... Pregúntolle para quen é a enquisa e contéstame que ela non o sabe. De risa. Imaxínoo, inda que tanto me ten, había de contestar o mesmo. Pregúntolle entón se se vai interesar sobre o que opino da
entrada e saída de buques cargados de GNL na ría, ou sobre o
sistema de regasificación con 300.000 m³ diarios de auga do mar. Non, claro. Con todo, a conversa con ela é cordial. É unha curranta, así que facilítolle o traballo e procuro perder o menor tempo posible, que eu tamén teño presa. Ao final unhas pequenas confidencias en off e un "moitas grazas". Falaba galego.
Hoxe aparece na prensa que a
Consellería de Presidencia vai aprobar en breve o
plan de emerxencia exterior de Reganosa. Entón xorde a dúbida ¿Como carallo me preguntan se coñezo un plan que aínda non existe? E non será por non terllo pedido por escrito ao Alcalde.
Estase a comentar polo pobo que a enquisa fixéronlla aos veciños que vivimos nas proximidades da planta de gas e que incluso nalgúns fogares quixeron sondar a opinión de varios membros. Todo moi natural...
P.D.: Abstéñanse de enviarme correos coaccionantes. Dame a risa con eles.
P.D. 2: O que vedes representado na imaxe de satélite é o límite que marcan os 400 metros "de seguridade" respecto do perímetro de Punta Promontorio. Non son
"unha ou dúas casas" precisamente...