29/08/18

Lume provocado



Na noite do 27 ao 28 de agosto caeron en Galicia máis de 300 raios. Boa parte deles concentráronse no Golfo Ártabro, provocando ás 3:09 un incendio en Montefaro (Ares) e ás 4:06 outro en Doniños (Ferrol). Como un e outro entran dentro do mesmo distrito forestal, houbo que repartir recursos, complicando a loita contra o lume. A Montefaro acudiron dous axentes forestais, nove brigadas, catro motobombas e unha pa mecánica, ademais do GES Mugardos. Ás 8:27 estes últimos denunciaban que co cambio de quenda quedaría só un operario, cousa que non acontecería porque membros do corpo continuarían traballando voluntariamente. Pasadas as 10:00 da mañá incorporábanse dous helicópteros e logo seis axentes, cinco brigadas e tres bombas de rego máis.

Case en paralelo declarábase outro incendio sobre o terreo xa queimado das redes sociais mugardesas. Ás 9:36 o Partido Popular xa estaba pedindo a dimisión da alcaldesa en relación directa co incendio de Montefaro, por ter baixo mínimos o plantel do GES en plena época de risco. Ás 11:07 engadía unha foto dela e a tenente de alcalde tomando un café nunha terraza para alimentar a súa turba de fanáticos. Primeiro foco de lume virtual. Ás 17:02 Esquerda Unida espertaba, tras máis dun mes inactiva nas redes, para responderlle ao Partido Popular que atribuír á alcaldesa un incendio por causas naturais e en territorio de Ares era levar moi lonxe a precampaña. A nota esquivaba a cuestión do GES (no mes de xuño o Pleno xa rexeitara a paralización temporal do servizo cos votos de toda a oposición) e tamén deixaba un arrecendo a soberbia e victimismo calculado. Segundo foco de lume virtual.

O incendio de verdade, o de Montefaro, dábase por controlado ás 16:59 levando por diante 10 hectáreas (182 ferrados e medio). O outro, o de mentira, non ten visos de extinguirse, como mínimo, ata o vindeiro mes de maio.

Nesta longa precampaña electoral Juan Domingo Deus necesita que prenda lume o despotismo de Pilar Díaz, e Pilar Díaz necesita que prenda lume a demagoxia de Juan Domingo Deus. Cada quen para que a súa xente volva á trincheira nun campo de batalla abrasado durante anos. Nun debate que loita por ser binario: ou el ou ela. Máis lume e menos árbores (porque, iso si, falando de árbores saben entenderse). Isto xa o vimos antes e cheira a napalm reseso, como unha versión telefilm de "Apocalypse Now" que repuxeran cada pouco tempo. E xa cansa.

O 80% das mortes nos incendios prodúcense por asfixia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario