13/01/2011

Querer ser algo máis que taberna mediática


Podería ficar no BNG, ao quentiño e sen dar chío mentres un tal líder fai e desfai á súa maneira, á súa propia, sen contar con ninguén máis. Agardar á calada mentres observo o uso partidista da web do Concello que nunca lle consentiríamos ao PP. Aturar pacientemente a deriva tabernaria do blog da organización, dedicada agora a discursos chouriceiros (así, literalmente). Gardar incómodos silencios mentres xente da vila che describe a penúltima actitude lamentable dalgún membro do goberno (como insinuarlle aos comerciantes que a súa campaña de "EU corazón MUGARDOS" era publicidade encuberta a prol de Esquerda Unida [!?]). Demencial.

Pero resulta que a miña miopía política impídeme ver máis intereses que os do propio país, e os da miña propia vila. Velos á miña maneira si, como cada quen ten a súa propia visión das cousas. Eu, á miña visión mugardoscéntrica do universo, adoito darlle un toque... chamémoslle "galeguista", e digamos que "participativo", ou todo o que se poida. Outros terán outro xeito de ver as cousas. Totalmente lícito mentres non se tente vender o que non se é.

Así que ficar inutilmente agardando tempos mellores, deixando pasar catro, oito, doce anos da vida observando como en Mugardos seguimos sen unha verdadeira Biblioteca, ou unhas bases de concesión de subvencións ás sociedades transparente, ou un desenvolvemento urbanístico racional e sustentable, ou uns orzamentos participativos prometidos xa fai oito anos e dos que nunca máis se soubo, ficar observando iso mentres desfollaba a margarida partido-país deixou de ser unha opción. Gañou o país. Gañou a vila. Así remata un capítulo e comeza outro. E sinto alivio.

Por min, Xosé Fernández Barcia pode dedicarlle toda a bitácora do BNG de Mugardos a leas de nula elegancia política con Juan Domingo de Deus, quen tamén entra gustoso no xogo do desprestixio da política. Poden gozar coma nenos do seu intercambio de ditos populares, citas célebres e montaxes fotográficas cutres e de pésimo gusto. Hai mundo máis aló da taberna mediática.

Boa entrada de ano. A ver se damos arrancado, que hai moito que dicir.

10 comentários:

  1. Penso que coincido con vós na análese e denuncia que facedes en canto á situación política que estase a dar no Concello de Mugardos e que entendo que non é casual, senón máis ben consecuencia da falta de conviccións, da carencia dos principais valores póliticos, éticos e democráticos que nos últimos anos dase dun xeito alarmante nunha parte das persoas que acceden á actividade política e institucional.
    Dito isto, habería que facer una matización entre os termos ausencia/carencia ou perda de valores. Para mín os primeiros podemos atribuirllos a todas aquelas persoas que xa dun primeiro momento acceden á actividade política coa idea de servirse dela en lugar de servir á comunidade, ou sexa, que en lugar de dirixir a súa acción política á mellora da calidade de vida dos seus concidadáns, o fan coa idea de mellorar os seus propios intereses.
    En canto ao da perda de valores, poderíamos atribuirllo a aquelas persoas que inicialmente acceden á política con toda boa intención, ou alomenos así asemellan, e que logo co paso do tempo e na medida que acceden ao poder “deixanse contaminar dos seus encantos” e abandoan todos aqueles valores e principios democráticos prometidos de principio.
    No primeiro dos casos non se pode falar falar de perda de valores, porque xa non os tiñan, ainda que por iso no deixe de ser nefasto e perxudicial.
    No segundo caso, dun xeito ou doutro, sí que estamos ante una perda de valores que ademáis de ser nocivo e perxudicial é a súa vez degradante polo que supón de engano e traición a uns ideais e valores asumidos ou manifestados nun principio.
    Ainda que baixo nengún concepto quero entrar nas “ miserias políticas “ que tamén denunciades, pensó eu que non estaría de máis muda-lo termo tabernario polo de cavernario, alomenos por tanta boa xente que acude e disfruta das tabernas.

    Necesítase xente nova e non somentes por aquelo da xuventude, que tamén, senón ademáis por outro xeito de entender e facer política.

    Boa andaina.

    ResponderExcluir
  2. Máis temos que ser quen de concretar que é iso de "outro xeito de entender e facer política".

    Para min, outro xeito de facer política é perderlle o medo á democracia directa. Consultar á cidadanía. Explicar en todo momento o por que das accións do partido que di representala. Esas accións non sempre teñen unha motivación clara, nin sempre está claro a que intereses responden. Hai que rematar con iso.

    Falemos de listas abertas, por exemplo. ¿Como pode partido ningún reivindicar tal cousa cando a propia confección das candidaturas internas se fai verticalmente ou, como mínimo, con listas pechadas?

    Falemos de orzamentos participativos. E non só para cuestións folclóricas. Vivimos cun esquema político pensado fai 250 anos, cando os medios de comunicación transformaron definitivamente á sociedade. A información non circula. Sona a tópico, máis non por iso hai que deixar de plantexalo: a democracia non se pode reducir a exercer o voto cada catro anos. O divorcio entre a sociedade e o que chaman "clase política" é cada vez maior. Ata o punto de que "os políticos" xa son considerados un problema en si polo 19% da poboación. E iso é unha barbaridade provocada pola endogamia dos intereses partidistas. ¡Transparencia e participación!

    En fin, son reflexións en alto. Pero todas elas forman parte tamén dos motivos que me levaron a tomar unha decisión. Porque estar por estar, ¿de que me serve?

    Agardo poder lerte máis a miúdo.
    Un saúdo.

    ResponderExcluir
  3. Sinceiramente eu non vexo ningunha diferenza do voso proxecto político co B.N.G. ou E.U. Mais ben que vos ides pisar os posibles apoios nos próximos comicios (para ledicia do P.P.). Se Mugardos é unha taberna mediatica porque vos presentades cun proxecto político pechado a poucos meses das eleccións municipais. Por certo Alternativa Galeguista fixo algunha asembleia para definir e consensuar os seus principios, chamouse á participación da sociedade para poder definir un novo proxecto político?

    ResponderExcluir
  4. ¿Chámaslle "proxecto pechado" porque ti non podes participar del, ou porque ti non queres participar del?

    ResponderExcluir
  5. É evidente que hai unha diferencia entre EU e o BNG, diferencia que en Mugardos se afonda ata un abismo. Pero tamén é certo que parece haber unha fonda diferencia entre EU e Alternativa Galeguista, que é ou parece nacionalista. Insisto en "parece" porque é, evidentemente, unha formación demasiado recente como para ser tan coñecida como o resto dos partidos do pobo. A súa existencia é, claramente, froito dun conflicto, supoño que dentro do BNG, pero sen duda e sobre todo, no seno do BNG de Mugardos. Por outra banda, o PP non é o beneficiario inmediato da aparición dun novo partido. Pode darse unha redistribución do voto de esquerdas sen que iso supoña unha vantaxe para o PP. A mellor baza que podería xogar o PP é recuperar o voto que lle ten prestado, non ó BNG, senón a Barcia.

    ResponderExcluir
  6. Respostar con preguntas é moi galego pero ás veces pouco aclaratorio.

    A reflexión que deixo caer, sen ánimo de ofender a ninguén, é que crear un partido un grupo de persoas que se enfadan dentro doutro partido político a catro meses das eleccións soa máis a "Independientes por Cerceda" que a un proxecto político.

    No caso de AG aínda soa máis estrano canto tiveron oportunidades de unir sinerxias con outras agrupacións da esquerda nacionalista galega. Sen embargo cresron un partido cuns estatutos pechados sen un proceso de debate, de definición dun proxecto e integración de máis persoas.

    De todos os xeitos moito ánimo na vosa aposta seguro que acadades algún concelleiro :)

    ResponderExcluir
  7. Alternativa Galeguista ten un horizonte claro: ofrecerlle á xente de Mugardos unha nova opción de voto para as eleccións municipais de maio. Ese é un camiño que necesita percorrerse sen demora, que quere ser aberto e participativo.

    Se calquera outra persoa, ou colectivo de persoas, prefiren voar máis alto e deliberar sine die sobre principios soberanistas e anticapitalistas é moi libre de facelo. Alá eles. Mais non é certo que atopen as portas pechadas ao proxecto real de AG. Cousa distinta será non querer atravesar a porta por cuestións simbólicas (nunca programáticas).

    Sobre o que Alternativa Galeguista poida parecer: como ben di Ramiro noutro comentario, resulta contradictorio que ao Anónimo lle soe a "Independentes por Cerceda" o feito de que o xérmolo naza dun grupo que abandoou o BNG de Mugardos por cuestións que podemos resumir en incoherencia ética e política grave e, en troques, desaparezan esas connotacións pexorativas se o mesmo colectivo se une "a outras agrupacións da esquerda nacionalista galega". Alternativa Galeguista é unha agrupación en si, sen vontade de subdividirse en agrupacións internas. Construirase seguindo a vontade de quenes queiran participar dela, non dos que opinen dende fóra. A condición de ex-afiliados do BNG da súa base constituínte non desacredita un proxecto (falacia ad hominem, estimado Anónimo).

    Pouco máis teño que engadir. Teña vostede proveitosas teorizacións.

    ResponderExcluir
  8. Vaia pois si que estamos ben. Entón hai algún xeito posible de participar? Cando me refiro a participar, refírome a poder aportar propostas concretas dende o nacionalismo de esquerdas para Mugardos, por que sodes nacionalistas de esquertas non é?.

    Falar de anticapitalismo entendo que se pode concretar en medidas concretas e non é nada pexorativo, alomenos para min e os que apostamos pola política "ética".

    O de ser un proxecto Galeguista, Transparente, Novo horizonte, con Democracia directa soa tan baleiro se non se concreta e se apoia no máis mínimo movemento social que parece máis unha parcarta electoral que un proxecto consistente.

    ResponderExcluir
  9. ¿Pregúntasme se hai algún xeito de aportar propostas concretas para o proxecto de Alternativa Galeguista para Mugardos? Vaia, direiche que si as hai, pero sorpréndenme que dubides agora, cando antes afirmabas alegremente que se trata dun proxecto pechado.

    A xente que está botando a andar a Alternativa Galeguista a bo seguro recibirá gustosa as túas propostas concretas de fundamento anticapitalistas, que serán sometidas a debate colectivo e poderán saír adiante. Penso que concordamos no método aberto e democrático, ¿ou? ¿Tiveches algunha experiencia con AG no sentido contrario? Sospeito que non.

    E concordo tamén en que galeguismo, transparencia, democracia directa, anticapitalismo, soberanismo ou supercalifraxilitismo serán palabras baleiras namentres non se lles dote de contido verdadeiro, de accións. Iso é o que queremos comezar a facer xa. Estamos cansos da burocracia que entorpece a nosa iniciativa política dende fai tempo e non imos bater de novo na mesma pedra. Deixamos para os narcisistas a opción de pendurar da parede do salón as súas excelentes teorías sobre política municipal. Serán estériles se non cumpren os prazos. Os que queiran sumarse a esta outra opción poden facelo. Ti tamén.

    ¿Entón, cal era o problema?

    ResponderExcluir
  10. Ao meu entender e con relación á pregunta que fas ao final, quero dicir que o problema existe, polo menos para algúns, e neste caso radica no feito de que esta xente non respecta o xogo democrático e por iso non acepta de bo grao que, con todo o dereito que vos asiste, o voso proxecto político, Alternativa Galeguista, poida competir pola obtención dunha respresentación suficiente na próxima cita electoral do mes de maio, que vos permita desenvolver o voso ideario dende a Corporación Municipal.

    Como me grada visitar este blog, ata pronto.

    ResponderExcluir