03/11/2008

¿A quen queremos máis?



Dunhas semanas para aquí veño observando pola prensa que Xunta e Concello, Concello e Xunta, manteñen unha lea sobre a titularidade dos terreos sobre os que se vai construír o novo local da confraría de pescadores. En principio, e por outras causas, non puiden prestarlle maior atención.
Fai pouco menos dunha semana souben doutro conflicto Concello-Xunta, agora na cidade de Lugo e por causa das escolas infantís. Foi o plantexamento do alcalde López Orozco o que me fixo cabilar definitivamente nun asunto no que o caso mugardés comezara a facerme remoer os miolos: ¿e a nós, que?
Orozco comeza a súa argumentación así: "o Concello de Lugo, é dicir, o conxunto dos cidadáns censados no termo municipal, posúe algúns terreos [...]", pretendendo situar de partida aos veciños da cidade nun bando (o seu, isto é, o Concello) que ten fronte a el á Xunta. Entón xorde a dúbida ¿Non é a Xunta o conxunto dos cidadáns censados no territorio galego? ¿Non son, entón, os cidadáns de Lugo parte tamén da Xunta? ¿Podemos/debemos os cidadáns tomar partida nas loitas entre as distintas administracións por ver quen nos ofrece os servizos para os que as creamos?
Entendo que Concello, Deputación, Xunta, Ministerio ou quen sexa loite e negocie perante as empresas privadas que se instalan no territorio por obter contraprestacións para todos. Entendo tamén que existan roces entre as administracións por ver quen exerce a xestión dun determinado recurso (velaí temos o proceso de transferencias do Estado á Xunta) pero ¿é aceptable o boicot entre uns e outros? ¿Non somos os cidadáns os principais (únicos) perxudicados? ¿Confunden uns e outros responsables públicos o seu papel de administradores co de señores feudais gardiáns da súa propia fortaleza?
E velaí o caso mugardés: unha obra pública, de financiamento público e para beneficio público (neste caso dun colectivo, pero público). O Concello di que os terreos son seus e exixe contrapartidas. Portos de Galicia o nega. Sexa como for, as máquinas están paradas e os principais afectados coa mosca detrás da orella.
Nun tento de amosalo de xeito gráfico poderiamos pensar que é como se mamá e papá rifasen por ver quen nos da a paga do domingo e, entre mentres, faise luns e quedamos sen paga e sen entender o motivo. Podería valer, se non fose porque Concello e Xunta, Xunta e Concello, non son papá e mamá. Papá e mamá somos nós e a eles os escollemos para que traballen ao noso servizo. Sería convinte que non o esquezan.

4 comentários:

  1. Puestos a hablar del tema, hay que mojarse más. Yo tampoco lo he seguido, pero el planteamiento del Concello no me parece correcto: ¿una cofradía nueva no es, en sí, una contrapartida? De todos modos, alguna de las dos administraciones tendrá razón, o más razón que la otra. Y dando una cal y de otra de arena no hacemos justicia a ninguna de ellas.
    Por otro lado, Pena, nosotros, los ciudadanos, nos limitamos a elegir cada cuatro años a los cargos políticos. Y la administración está diseñada, en gran medida, como servidora de los partidos que gobiernan y de otros muchos intereses. A las pruebas me remito.
    Maximilien

    ResponderExcluir
  2. ¿Cal e area, Maximilien? Hai unha clave de bóveda, unha verba: "boicot".
    ¿Segue pensando que teño que mollarme máis?

    ResponderExcluir
  3. É vostede demasiado "picajoso". Non hai crítica que valla se non se acepta, a cambio, ser criticado.
    O que quixen dicer é que eu non lle pido ás Administracións que pensen no ben dos cidadáns, que sexan amables e se leven ben. Esas son declaracións de intencións que naufragan coa máis pequena onda. O que lles esixo, iso si, é que cumplan as súas funcións, que desempeñen as súas competencias e que actúen sempre dacordo coa lei e có ben común. E desde logo, que sexan sempre honestos os cargos públicos. Se teñen que pelear entre elas, que o fagan, e que defendan o seu ámbito competencial.
    Por último, agora si que se mollou clarísimamente. Eu, que , como dixen, non seguín o tema de cerca, úlome, simplemente, que o Concello xoga a baza do localismo, coma se os cidadáns de Mugardos non pagaran os seus impostos á Facenda Pública. Nisto, creo, estabamos xa de acordo.
    E, finalmente, saiba vosa mercede que non comparto, iso non, as súas precacucións comigo. As súas razóns terá. Pero eu quérolle a vostede por enriba de calquera discusión. Por iso o critico.Desconfíe dos "colegas" e teña un bó día. Unha aperta.
    Maximilien

    ResponderExcluir
  4. Despístame, Maximilien. Coincido plenamente co seu primeiro apuntamento. Mollar, molleime. Se cadra críptico de máis. Pero a bo entendedor poucas palabras fan falla. ¿Quere máis? Si, eu tamén entendo a confraría como unha contrapartida en si mesma.
    A defensa do ámbito competencial, como xa apunto na entrada, enténdoa. Non acabo de entender, en cambio, que se paralicen infrarestructuras públicas. Un exemplo: as sendas peonís de Meá construíronse grazas á cesión de terreos dos veciños. ¿Contrapartida? ¡As sendas peonís!
    Por certo, ¿u-las precaucións para con vostede?

    ResponderExcluir