12/05/17

Xogar á quiniela (BCPCPM XXX)



Hai dúas cousas que se lle están dando especialmente mal a este Partido Popular de Mugardos que dirixe o seu "novo presidente" Juan Domingo Deus: xogar á quiniela e falar co movemento asociativo.

Digo o de xogar á quiniela porque resume moi ben a súa estratexia política dos últimos anos, consistente en insinuar corruptelas, procurando manexar con cautela as palabras, dando a entender sen chegar a dicir, para que sexa a xente do seu contorno máis fanatizada a que dea ese último pasiño da acusación falsa e progresivamente desmedida. E a ver se cola.

Xogaron á quiniela coa célebre auditoría, insinuando unha trama corrupta que roubara 18 millóns de euros do patrimonio municipal. Palabras maiores! E tan maiores, se temos en conta que o Concello de Mugardos manexa un orzamento anual entorno aos 6 M€. Pero é que oficialmente abondoulles con medir as palabras, cortar por aquí, pegar por alá e deixar caer cifras e feitos sen especial interese en darlles conexión. A súa xente, concentrada diante do concello ao berro de “¿¡Dónde están los millones robados!?” fixo o resto, ata que o Tribunal de Cuentas veu dicir iso de “Dispérsense, aquí no hay nada que ver”.

Xogaron á quiniela coa Festa do Polbo, procurando golpear primeiro nos detalles sobre un cambio de plantexamento que se facía necesario. Como no triángulo de Kanizsa, quixeron ver o que non había e apostaron por afirmacións como a de que este ano teriamos unha festa con pulpeiras como a de Carballiño, que se os tiquets íanse vender previamente nos bares, ou o seu preferido, o de que “van a venir los de Melide a enseñarnos a hacer pulpo a la mugardesa”. O seu contorno encargaríase de subir o ton e incluso facer un chamamento ao boicot. Pero resulta que non, que os milleiros de visitas que recibe Mugardos no seu día grande non van notar máis que un salto adiante na organización de cada detalle, e que a dirección da cociña vai ser cousa dun chef de Rh mugardés a quen ninguén lle vai ter que ensinar a preparar a nosa receita xenuína. Porque este ano, ademais, faise máis fincapé que nunca en que a Mugardos non se ven comer o polbo á feira como no resto de festas do país, senón o noso, co noso rustrido de cebolas e pementos. Aspecto que xa se plantexara na comisión organizadora do 2016 pero que o PP, unilateralmente, tivera a ben non facer nin caso (para iso quería o PP as comisións e os acordos plenarios).

Outro dos argumentos estrela do PP para atacar o replantexamento da Festa foi o do papel das asociacións culturais e deportivas, que deixan de ser as responsables de elaborar e servir case 4.000 racións de polbo para pasar esa tarefa a mans de profesionais da hostalería. Erixiuse en portavoz de todas e cada unha delas sen as consultar. Impacientes e incómodos porque estas non puxesen unanimemente o berro no ceo polo cambio, atrevéronse incluso a acusalas de ter vendido o seu silencio. E aquí é onde atopamos a segunda das debilidades dos populares: a súa relación co movemento asociativo.

Juan Domingo Deus foi alcalde durante 14 meses, tempo que debería ter sido abondo cando menos para sentarse a falar coas sociedades e renovar os convenios que lles desen liquidez para afrontar o exercicio 2016. Nada de nada. 14 meses, que son máis dun ano enteiro, sen asinar un só convenio, sen tan sequera comezar a negocialo. O primeiro que fixo o goberno actual en canto tomou as rendas do Concello foi chamalas e rescatalas do abandono “popular”. Pero, por algún motivo, o PP prefire falar-en-vez-delas a falar-con-elas e atopámolo agora como abandeirado do financiamento das entidades... sen preguntarlles primeiro. Wow!

A última das evidencias deste déficit de diálogo coas asociacións chega coa convocatoria da V Feira Veciñal. Juan Domingo Deus non tiña máis que falar co seu propio compañeiro, José Antonio López, para saber que o goberno mantivo ao tanto verbalmente á oposición da solicitude de celebración da Feira, e que a documentación escrita e necesaria unha vez entrada en vigor a primeira ordenanza de venda ambulante de Mugardos (que o PP prometera para comezos de 2016, pero que sacou adiante ex novo o actual goberno) foi incorporada á comisión informativa en canto se recibiu. Ou mellor aínda, consultar coa propia Comisión de Festas de Mehá, a organizadora, para evitar o papelón que supón acusar ao goberno de ocultar información sobre o evento cando a realidade é diametralmente contraria.

Pero é que esa é a estratexia escollida hai xa tempo polo equipo de J.D. Deus, a do “calumnia, que algo queda”. A de xogar á quiniela, a ver se toca. A de falar en boca dos demais, pero sen falar cos demais. O malo é que non se lle está dando moi ben nin unha cousa nin a outra.