26/11/14

Mugardesas/es ilustres: comunidade do IES Mugardos



Con máis de 2400 reproduccións en menos dunha semana, apostaría que estamos perante o primeiro vídeo viral 100% mugardés, protagonizado polo alumnado, profesoras, profesores e persoal non docente do IES Mugardos, que apunta unha cuestión social fundamental: a igualdade entre mulleres e homes, e que o fai mobilizando principalmente á mocidade nun momento onde conven erguer a garda, xa que os datos sobre malos tratos na adolescencia repuntan.

Que rule.

14/11/14

A renovación política en Mugardos



As claves dos debates políticos mudan cos tempos e nesta época de esgotamento constitucional que nos toca vivir unha das cuestións que máis a cotío se pon enriba da mesa é o da rexeneración e renovación. A limitación de mandatos e os seus efectos na dinámica interna dos partidos, que os levaría á formación constante das súas bases. A crear canteira e desenvolver proxectos sustentados en principios sólidos máis que en persoas perennes.

No actual periodo democrático levamos vivido 9 eleccións municipais das que podemos extraer algúns datos interesantes:

Mandatos acumulados


Desde o 1979 o número de mandatos que o conxunto dos 13 concelleiros/as do Pleno acumulaban foi medrando constantemente. Obviamente, naqueles primeiros comicios tódolas persoas resultaban elixidas por primeira vez, polo que os seus mandatos acumulados eran 0. No 2003 o promedio subira ata 1,7, o que quere dicir que, de media, cada concelleiro/a do mandato 2003-2007 acumulaba case oito anos previos de experiencia. Desde entón a tendencia moderouse ata os 1,2 mandatos promedio das 13 persoas que tomaron posesión da súa acta no 2011.

Os pata negra da política mugardesa


Dos/as 85 representantes dos últimos 36 anos só 11 superaron os dous mandatos. Manuel Fariña Doval é o caso máis paradigmático (32 anos, 8 como Alcalde, 16 na oposición). Tras del Ramón Toimil Saavedra, outro ex-Alcalde que o sería durante 12 anos e que en total permaneceu 24 con asento no Salón de Plenos. Emilio Varela Deibe é, xunto con Fariña Doval, quen máis tempo pasou na oposición (16 anos dun total de 20). Pilar Díaz Otero fíxoo durante aproximadamente 14 anos e é actualmente a representante máis veterana do Concello, con 20 anos ás costas. Xosé Fernández Barcia e Moisés Rivadulla Fernández (ambolos dous do BNG) son os únicos nesta lista que sempre formaron parte do goberno. Rosa Gómez Limia e Juan Domingo de Deus, pola contra, viviron os seus 12 anos na oposición. Se ben Juan Domingo de Deus, unha vez nomeado candidato tamén para o 2015, será o primeiro en recuncar por cuarta vez sen experiencia de goberno.

Maioría masculina


Máis homes pasaron polo salón de plenos durante máis tempo. 60 das 85 persoas que representaron á veciñanza foron homes, por tan só 25 mulleres. De media, eles permaneceron 6,15 anos fronte aos 4,24 anos delas. O primeiro dos datos comeza a corrixirse desde o 2007 coa lei de paridade que obriga ás candidaturas a presentar entre 2 e 3 mulleres entre os 5 primeiros postos. Non sirve isto, sen embargo, para igualar a media de tempo de permanencia, xa que ata 7 das 10 mulleres que tomaron posesión do cargo desde entón non serán quen de completar os seus primeiros catro anos.

A corporación actual


6 dos 13 edís actuais acumulan, con este, un mínimo de dous mandatos. Outros 7 non tiñan experiencia anterior. As caras novas son principalmente do PP (3), seguidos por EU (2) e BNG e PSOE (1). Entre as 6 persoas que cumpren xa alomenos dous mandatos está o actual Alcalde, Xosé Fernández Barcia, que anunciaba hai uns meses a súa intención de retirarse da primeira liña. Fica por saber quen tentará poñer en valor a experiencia e quen a renovación na convocatoria ás urnas do vindeiro mes de maio.

"Estes son os datos, súas son as conclusións".