24/11/13

Patrimonio material do Concello de Mugardos


Se non podes ver o mapa interactivo fai clic aquí.

As redes sociais son unha potentísima ferramenta de posta en común do coñecemento. E tamén do descoñecemento.

O 19 de novembro, hai 5 días, Xosé Miguel Mahía Prados, presidente das Novas Xeracións da Costa Ártabra (que malia o seu nome non abrangue máis que os concellos de Ares e Mugardos) publicaba unha foto chamando a atención sobre un erro de sinalización que facía que a distancia ao Castelo da Palma fose de 1 km e 3,5 km nos indicadores da marxe dereita e esquerda estrada, respectivamente, á altura da ponte do Esteiro. O asunto lembroume aquel célebre "SOTP", cando uns operarios de idade nova, ainda non recuperados da festa de aninovo, colocaban o día 2 de xaneiro do 2006 a versión disléxica do sinal horizontal. Uns días de retranca na vila, unha corrección e pouco máis deu de si a historia. Os sinais do Esteiro deberan correr parello destino e recolocar o de 3,5 km por exemplo no cruce de Cervás (CP-0403 con CP-0402).

O asunto, sen embargo, adquiría unha dimensión política ao desmontarse a presunta autoría do persoal do Concello. O seu cénit chegaba coa primeira intervención de Mónica Fernández, ex-concelleira do BNG:
"Resulta inxustificable que calquera Administración, sexa Xunta, Deputación ou Concello, pague con cartos públicos carteis de propiedades privadas, como é o Castelo da Palma. Quen o fixo, porque o fixo ou cando o fixo é importante sabelo. Canto nos costou, é indispensable. E se de paso alguén nos di porqué se fixo así mal, ainda mellor."

Non moi lonxe de esixir comisión de investigación, o comentario recibía o aplauso do propio Xosé Miguel Mahía Prados, mais semellaba ignorar a cualificación do Castelo da Palma como Ben de Interese Cultural (BIC). Apuntándolle este feito, porfiaba:
" Informo a Don César Pena que o Castelo da Palma é unha propiedade privada, que debería sinalizar o propietario, polo seu interese particular. Hai moitos máis bens protexidos en Mugardos (capillas, cruces, edificios...) sen sinalar nin polas Administracións, algúns nin respetados por membros da Administración. E repito, o escándalo é quen o fixo, canto custou e porque o fixo tan mal. Que dende a Areosa a distancia, según o novo cartel, creo que son 2,5km."

De novo, aplauso de Xosé Miguel Mahía Prados, sumándoselle agora Ana Bastida Varela, membro do comité local do PP de Mugardos.

O marco legal e o patrimonio material do Concello de Mugardos

É unha cuestión de método: para falar dun tema podemos documentarnos para avanzar nos respectivos argumentos ata chegar (ou non) a un punto de consenso, ou podemos optar polos debates-barra-de-bar onde cada quen resolve o mundo ao seu xeito sen máis meta que o aplauso puntual do auditorio.

A Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español [PDF], xunto coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia [PDF], teñen por obxecto a "protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento" do patrimonio cultural (tanto público coma privado). Establécense tres categorías:
  1. Bens de Interese Cultural
  2. Bens catalogados
  3. Bens inventariados
Para consultar os primeiros temos a BD de bienes inmuebles e a BD de bienes muebles do Ministerio de Educación Cultura e Deporte. Os segundos e terceiros (bens catalogados e bens inventariados) terían que atoparse nun Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia (Lei 8/1995, art. 22.1) con "acceso público" (art. 22.3). Porén, nel non aparece máis que o Castelo da Palma e a súa contorna, xunto cun "Conxunto histórico e paraxe pintoresca" á que pertencería Mugardos dentro da Comarca Eumesa (?). Mais continuando as pesquisas achei tamén un Catálogo de patrimonio arqueológico protegido [PDF] do Concello de Mugardos, con oito referencias (castros do Eixo, As Escadas, San Victorio e Meá; e xacementos romanos de Santa Lucía, Noville e Caldoval).

Con este material, xunto cos elementos apuntados no Catálogo de Patrimonio Cultural de Mugardos elaborado por Juan A. Carneiro Rey e Emilio Ramil González, no que puiden participar como maquetador e fotógrafo e grazas ao que tiven oportunidade de coñecer boa parte dos noso ben material común, pareceume boa idea crear un Mapa interactivo no Google Maps e compartilo publicamente para poder completalo e afondar todas e todos nós no seu coñecemento. Velaquí o tedes: en granate os Bens de Interese Cultural, en laranxa o patrimonio arqueolóxico protexido, en azul fontes e lavadoiros, morado para arquitectura relixiosa e castaño para civil.

Compartir o descoñecemento déixovolo en mans de Xosé Miguel Mahía Prados ou Mónica Fernández.

Nota: Agradecemento especial a Antonio Pena, meu pai, traballador no Concello de Mugardos e, a día de hoxe, das persoas que máis polo miúdo poidan coñecer cada recuncho deste municipio. Del foi o traballo de localización no Google Maps da meirande parte dos ítems, varios dos cales non estaban documentados.

3 comentarios:

  1. Primeiro, se todo e tal como ti dices e o concello e quen pon as sinais, pareceme unha falta de respeto cara os veciños de Franza por non señalizar a hermida de Lodairo, por que tamen e ben de interes cultural e se non e polos veciños e o PP de Mugardos que conseguiron os cartos para amañala seguiría caida e feita un asco. Aqui a crítica e a mala señalización, e politizar un error coma esta, cando o grave do tema e que non se deu conta ninguen. O dito César, facias mais cousas cando estabas na oposición e ainda estamos a esperar polas tuas aportacions para mellorar o Comercio

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. As cuestións, para non liar ao personal, mellor por partes:

      1. Tema "sinalización": na miña opinión, anécdota menor. Despiste técnico dalgún operario que se tenta agravar e politizar artificialmente e de xeito oportunista. En calquera caso, non foi persoal do Concello de Mugardos, a quen se sinalou en primeira instancia. Acusóuseme, ademais, de "brillante defensa del gobierno de Barcia" polo simple feito de puntualizar isto, o que deixa aínda máis ás claras cara onde ían os dardos.

      2. A ermida do Lodairo non é un Ben de Interese Cultural. O único elemento catalogado como tal en Mugardos é o Castelo da Palma. Os outros oito nos que atopei referencias oficiais á súa condición de "protexidos" eran xacementos arqueolóxicos.

      3. Nunca estiven na oposición. Este blogue é unha bitácora personal onde me expreso como individuo, non como partido. Asi pasou durante o peche dos veciños de Meá no 2007, cando militando no BNG mantiven unha postura absolutamente crítica coas organización e o Alcalde, e así segue a pasar agora. Celebrei o rexurdir da web municipal (teño especial sensibilidade co panorama web mugardés, como se pode comprobar neste blogue), do mesmo xeito que no post anterior parodiaba unha situación denunciada polo PP, e do mesmo xeito que me gustaría sacar en breve unha crítica ao continuísmo nas bases de subvencións a entidades sen ánimo de lucro (xa lamentei no Twitter). Pero recoñezo que é moi habitual no debate político asignar, ainda forzadamente, comportamentos partidistas a quen argumenta contrario a nós, para poder rebatir, senón os seus argumentos, outros que mellor se adapten ao noso discurso.

      4. Haberá aportacións para mellorar o tecido comercial e hostaleiro de Mugardos. Pero estarán baseados nunha análise sólida e o máis profesional posible, estruturadas e con obxectivos estratéxicos. Algo que debera ter feito a Mesa Local do Comercio e, sen embargo, limitouse a presentar un brainstorming de 40 ideas deslabazadas (ora xeralistas, ora ridiculamente concretas (enlaces web...)) como mostra de "trabajo por el pueblo". Os prazos non os marcará o Twitter oficial do PP de Mugardos, nin de NNXX Costa Ártabra, senón o tempo libre do que dispoña. Non vivo disto.

      Eliminar
  2. Te dejo aquí un enlace a un Google Maps de Mugardos, no tan completo pero igual de interesante.. https://maps.google.es/maps/ms?msid=206426574594838260893.0004e1d06ca0bc35e8574&msa=0&ll=43.452919,-8.244724&spn=0.070408,0.154324

    Un saludo,

    @WHOliveiraR

    ResponderEliminar