30/12/13

3 anos da nova web municipal (I): resultados da enquisa



Este domingo, 29 de decembro, cumpríronse 3 anos da presentación da nova web do Concello de Mugardos. Naquel momento publiquei as miñas impresións (aquí e aquí), que sinalaban como problema principal a regularidade e cantidade de contidos aos que o Concello daba acceso, cuestión esta que tamén foi sinalada polos técnicos da empresa encargada da renovación. Na parte positiva a web, que mantiña certa estrutura da anterior, melloraba engadindo novos servizos, incluído un buzón de suxestións que entreabría as portas á participación veciñal.

Así que, tres anos despois, comezo aquí unha análise do "Estado da web municipal". Unha web da que xa apuntei en outubro un certo rexurdir na actualización da información, coincidente no tempo coa entrada de EU no goberno municipal, mais que segue a presentar importantes carencias que é preciso sinalar. A información analizada é basta, polo que decidín dividila en 3 apartados: deseño/estrutura, contidos e interactividade. A mesma división que xa me levara a debullar hai 4 anos as principais páxinas de temática mugardesa.

Lancei primeiramente unha enquisa onde observar a valoración social que existe de cada un destes apartados. O resultado, pola propia natureza do sistema empregado nela e polo grao de participación, non pode ofrecer demasiadas conclusións. Si atrévome con unha: a polarización da opinión pública reflectida nuns votos alonxados dunha distribución normal (ou gaussiana). Fenómeno que tamén se deu na enquisa anterior sobre o pintado dos tanques da planta de gas.

Con todo, a nota final resultante amosa un dato que si considero representativo da realidade: a web aproba en deseño e estrutura, necesita millorar a nivel de contidos e resulta deficiente respecto da súa interactividade coa cidadanía. En sucesivas entradas tentarei documentar a miña coincidencia con esta valoración social.

19/12/13

Toimil, a "escudería" mugardesa



No Gran Premio de Fórmula 1 de Mugardos a "pole position" ocuparíaa a escudería Martínez, 7ª na clasificación do Campionato Galego e con cuartel xeral no concello de O Rosal (Pontevedra).

Así, con esta metáfora automobilística, poderiamos xogar durante uns intres a ver que apelidos teñen maior implantación na nosa vila, con que intensidade se reproducen polo resto do país, e cal é o seu foco principal de concentración e/ou orixe, incluso. Continuemos logo:

Na segunda posición temos a un dos favoritos: Fernández, que marcha tamén 2º na xeral, cun 44‰ de presenza a nivel galego que chega a este GP de Mugardos cun 74,6‰. García mellora posicións e pasa do 5º lugar na clasificación xeral ao 3º na etapa de hoxe. Rodríguez, a escudería favorita, non puido superar o 4º posto.

No grupo da metade da grella de saída destaca Varela, que se cola na 7ª en Mugardos, mellorando 10 postos respecto da súa posición no campionato. Pérez, González, Vázquez, Díaz, Iglesias, Romero, Sánchez, e Castro cumpren os prognósticos, mentres que Rey e Pena, escuderías con sede en Frades e Xermade respectivamente, dan a sorpresa.

O campanazo da xornada ofrecíanolo Cartelle, que chegando dende Ares cun moi discreto 856º posto colábase como 18º para este Grand Prix. Pero o que realmente ergueu á bancada pulpeira foi a clasificación da súa escudería, Toimil, que sobremotivada pola participación na súa terra saltaba 859 postos e colocábase nunha derradeira posición na grella que, sen embargo, sabe a triunfo.

13/12/13

De 0 (moi mala) a 5 (moi boa), ¿que valoración fas do pintado dos tanques de Reganosa?



Rematou a enquisa sobre o que gosto de chamar "fashion tanks" da ría de Ferrol. E como novidade nesta bitácora decidín volcar os resultados nunha entrada para que fiquen así na hemeroteca.

Así que xa vedes: para a xente que visita este blogue o pintado dos tanques de Reganosa é interesante, cunha nota final de 3,1.

¿De onde sae ese 3,1?

Como pode ser de interese para establecer un valor único como resultado final daquelas enquisas que supoñan valoración liñal (estilo Filmaffinity, poño por caso), explícovos o método de cálculo:

  1. Sumar o número de votos emitidos (neste caso 33)
  2. Multiplicar cada número de votos polo valor votado (5 votos × 0 puntos; 7 votos × 1 punto...)
  3. Sumar o resultado de tódalas multiplicacións (101)
  4. Dividir o resultado das multiplicacións polo número de votos emitidos (101/33)
  5. O resultado final será a valoración media das votacións emitidas

Animo especialmente á xente que administra algúns blogs mugardeses habituais das enquisas a probar o método e publicar o resultado como entrada no blogue.

10/12/13

MMM (Mugardos, María e Manuel)



Do Instituto Galego de Estatística pódense obter infinidade de datos en bruto para seren analizados. De cando en vez adoito pasarme polas súas bases de datos, ben procurando información precisa, ben navegando con curiosidade. Hoxe toca o segundo. Velaquí tendes o Top-25 dos nomes de homes e mulleres do termo municipal mugardés. ¿Aparecedes por aí ou tedes un nome menos común?

24/11/13

Patrimonio material do Concello de Mugardos


Se non podes ver o mapa interactivo fai clic aquí.

As redes sociais son unha potentísima ferramenta de posta en común do coñecemento. E tamén do descoñecemento.

O 19 de novembro, hai 5 días, Xosé Miguel Mahía Prados, presidente das Novas Xeracións da Costa Ártabra (que malia o seu nome non abrangue máis que os concellos de Ares e Mugardos) publicaba unha foto chamando a atención sobre un erro de sinalización que facía que a distancia ao Castelo da Palma fose de 1 km e 3,5 km nos indicadores da marxe dereita e esquerda estrada, respectivamente, á altura da ponte do Esteiro. O asunto lembroume aquel célebre "SOTP", cando uns operarios de idade nova, ainda non recuperados da festa de aninovo, colocaban o día 2 de xaneiro do 2006 a versión disléxica do sinal horizontal. Uns días de retranca na vila, unha corrección e pouco máis deu de si a historia. Os sinais do Esteiro deberan correr parello destino e recolocar o de 3,5 km por exemplo no cruce de Cervás (CP-0403 con CP-0402).

O asunto, sen embargo, adquiría unha dimensión política ao desmontarse a presunta autoría do persoal do Concello. O seu cénit chegaba coa primeira intervención de Mónica Fernández, ex-concelleira do BNG:
"Resulta inxustificable que calquera Administración, sexa Xunta, Deputación ou Concello, pague con cartos públicos carteis de propiedades privadas, como é o Castelo da Palma. Quen o fixo, porque o fixo ou cando o fixo é importante sabelo. Canto nos costou, é indispensable. E se de paso alguén nos di porqué se fixo así mal, ainda mellor."

Non moi lonxe de esixir comisión de investigación, o comentario recibía o aplauso do propio Xosé Miguel Mahía Prados, mais semellaba ignorar a cualificación do Castelo da Palma como Ben de Interese Cultural (BIC). Apuntándolle este feito, porfiaba:
" Informo a Don César Pena que o Castelo da Palma é unha propiedade privada, que debería sinalizar o propietario, polo seu interese particular. Hai moitos máis bens protexidos en Mugardos (capillas, cruces, edificios...) sen sinalar nin polas Administracións, algúns nin respetados por membros da Administración. E repito, o escándalo é quen o fixo, canto custou e porque o fixo tan mal. Que dende a Areosa a distancia, según o novo cartel, creo que son 2,5km."

De novo, aplauso de Xosé Miguel Mahía Prados, sumándoselle agora Ana Bastida Varela, membro do comité local do PP de Mugardos.

O marco legal e o patrimonio material do Concello de Mugardos

É unha cuestión de método: para falar dun tema podemos documentarnos para avanzar nos respectivos argumentos ata chegar (ou non) a un punto de consenso, ou podemos optar polos debates-barra-de-bar onde cada quen resolve o mundo ao seu xeito sen máis meta que o aplauso puntual do auditorio.

A Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español [PDF], xunto coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia [PDF], teñen por obxecto a "protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento" do patrimonio cultural (tanto público coma privado). Establécense tres categorías:
  1. Bens de Interese Cultural
  2. Bens catalogados
  3. Bens inventariados
Para consultar os primeiros temos a BD de bienes inmuebles e a BD de bienes muebles do Ministerio de Educación Cultura e Deporte. Os segundos e terceiros (bens catalogados e bens inventariados) terían que atoparse nun Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia (Lei 8/1995, art. 22.1) con "acceso público" (art. 22.3). Porén, nel non aparece máis que o Castelo da Palma e a súa contorna, xunto cun "Conxunto histórico e paraxe pintoresca" á que pertencería Mugardos dentro da Comarca Eumesa (?). Mais continuando as pesquisas achei tamén un Catálogo de patrimonio arqueológico protegido [PDF] do Concello de Mugardos, con oito referencias (castros do Eixo, As Escadas, San Victorio e Meá; e xacementos romanos de Santa Lucía, Noville e Caldoval).

Con este material, xunto cos elementos apuntados no Catálogo de Patrimonio Cultural de Mugardos elaborado por Juan A. Carneiro Rey e Emilio Ramil González, no que puiden participar como maquetador e fotógrafo e grazas ao que tiven oportunidade de coñecer boa parte dos noso ben material común, pareceume boa idea crear un Mapa interactivo no Google Maps e compartilo publicamente para poder completalo e afondar todas e todos nós no seu coñecemento. Velaquí o tedes: en granate os Bens de Interese Cultural, en laranxa o patrimonio arqueolóxico protexido, en azul fontes e lavadoiros, morado para arquitectura relixiosa e castaño para civil.

Compartir o descoñecemento déixovolo en mans de Xosé Miguel Mahía Prados ou Mónica Fernández.

Nota: Agradecemento especial a Antonio Pena, meu pai, traballador no Concello de Mugardos e, a día de hoxe, das persoas que máis polo miúdo poidan coñecer cada recuncho deste municipio. Del foi o traballo de localización no Google Maps da meirande parte dos ítems, varios dos cales non estaban documentados.

20/11/13

05/11/13

Samaín e Magosto en Ferrolterra



A festa por e para o pobo, sen institucións que a promovan (si, acaso, que a apoien). Queda aínda moito por facer.

Nota: O mapa, a bo seguro, estará incompleto. Mais é aberto ás vosas achegas e irá actualizándose con elas.

16/10/13

Solpor mugardés


Había ben tempo que quería dar este salto: o da primeira entrada do blogue vía móbil. Hoxe en Mugardos o sol que agochaba tras Montefaro deixaba esta instantánea. Espectacular.
Mañá volve saír.

11/10/13

Alba dos mortos (Dawn of the Dead)



Perdóeseme o título. É dun dos films de culto do director por excelencia do xénero zombi, George A. Romero, polo que sinto debilidade. Sabede tamén que a súa familia viña sendo orixinaria de Neda. Case nada.

Pois aí está: dous anos despois a web municipal volve sobrepasar as 20 entradas nun mes e sitúase, tra-la entrada de EU no goberno, nunha media de 19,3, espertando a unha web zombi durante a singradura solitaria (e logo da espantada e retención da acta de Mónica Fernández, máis solitaria aínda) do BNG. De manter o ritmo de actualización incluso podería comezar a amortizar o seu custo.

E é que, se atendemos ao último mes, concellodemugardos.org é, en base á poboación municipal, a páxina que máis actualidade (que non información, diso xa falaremos) ofrece agora á cidadanía (3,8 novas en setembro por cada 1000 habitantes).

As eivas da web (que as ten, e moitas) nunha outra ocasión.

19/02/13

Mugardos, 1810


O que vedes é un extracto do mapa de España e Portugal do cartógrafo Tomás López de Vargas Machuca. Chama a atención como na ría de Ferrol destaca as poboacións da Graña (Granya), Ferrol, Neda e Mugardos, e non Ares ou Fene. Tamén Puente de Hume. Podedes consultar o mapa completo ao detalle na Biblioteca Digital Mundial.

29/01/13

Mugardesas ilustres: Amada García


Este domingo celebrouse o 75 aniversario do pasamento de Amada García.

Amada García era mugardesa. Galega. Comunista. Condenada a morte tra-lo golpe de estado do 1936 e adiada a súa execución por estar grávida, preñada. Fusilárona en San Felilpe 88 días despois de nacerlle o seu fillo.

A súa historia, ata hoxe, recollíaa dun xeito máis completo a versión castelá da Wikipedia que a versión galega. Un reflexo do país das dúas esquerdas, onde cada unha cultiva os seus propios símbolos.

Amada García era mugardesa, era galega e era comunista.

22/01/13

Mil días


Hoxe, 22 de xaneiro do 2013 La Voz de Galicia publica que a planta de gas de Mugardos cumpriu mil días sen "accidentes laborais con baixa". Hai mil días andabamos polo 28 de abril do 2010, mais non se atopa ningunha referencia nese, nin nos días próximos, a algún accidente en Reganosa, e menos aínda que causase a baixa dalgún traballador, nas páxinas de La Voz de Galicia.

Si atopamos referencias a un accidente na web do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, que o 23 de abril do 2010 denuncia un accidente en Forestal del Atlántico durante a noite do luns 19 ao martes 20, mentres o Madrid Spirit realizaba manobras de descarga de gas.

Houbo accidente e Punta Promontorio, houbo feridos e houbo silencio. Ese foi e segue a ser o estado das cousas nesta ría. Mexan por nós.